Torque de Burela
O Torque de Burela é o máis grande dos torques atopados en Galicia. Foi atopado por casualidade por un agricultor da vila no ano 1945 no castro de Burela, no lugar do Chao de Castro, na parroquia de Burela, do concello do mesmo nome, e nun primeiro momento fora desprezado xa que pensaban que se trataba dunha asa dun caldeiro. Pode datarse aproximadamente entre os séculos III e o II a. C. Atópase exposto no Museo Provincial de Lugo.
Material: | Ouro |
---|---|
Peso: | 1812 g |
Medidas: | 211 mm de diámetro 65 mm de lonxitude dos remates |
Ano da descuberta: | 1945 |
Lugar: | Chao de Castro, Burela |
Data: | séculos III e o II a. C. |
Museo: | Museo Provincial de Lugo |
Pertenceu á Colección Blanco-Cicerón, da que pasou á de Álvaro Gil Varela. O 24 de outubro de 2013 os representantes dos herdeiros de Álvaro Gil acudiron ao Museo Provincial de Lugo para facer cumprir a sentenza que obrigaba á devolución á familia das pezas da colección, marchando con 40 destas pezas, entre elas o Torque de Burela[1]. En xuño de 2014 a Deputación de Lugo anunciou que ía mercar a colección de ourivaría de Álvaro Gil para devolvela ó Museo Provincial, para o que ofrecía un total de 2.964.000 euros.[2] Finalmente esta compra foi realizada o 10 de febreiro de 2015 por 2.346.200 €, ós que hai que engadir outros 600.000 € que tamén se aboaron ós herdeiros de Álvaro Gil en concepto de gastos xudiciais.[3]
Descrición
editarTrátase dunha peza de 211 mm de diámetro e 65 mm de lonxitude dos remates, cun peso de 1.812 gramos de ouro de boa calidade (23 quilates), peso moi por enriba do peso medio que adoitan ter os torques castrexos, uns 500 gramos.
A barra é de sección circular no tramo central e heptagonal nos laterais e decórase con filigrana feita con sete fíos soldados a ela conformando seis barras paralelas de dous arames trenzados e soldados nas interseccións. Os arames crúzanse quince veces en cada zona salvo en dúas, formando un total de 22 espiras por cada lado de arames enrolados.
Os remates son unha mestura de tronco de cono e unha escocia, que difumina a impresión de voluminosidade e pesadez dos remates de dobre tronco de cono.
O estilo desta xoia fai que se adscriba ao chamado "grupo asturgalaico", ou escola lucense, que se estende dende río Eo ata o cabo Ortegal, chegando a Melide polo interior, e caracterízase polo emprego de remates bicónicos nos terzos laterais da barra.
Exemplos de torques de semellante tipoloxía son os de Marzán (790 g) e Recadieira (590 g).
Notas
editar- ↑ Gago, Manuel. capitulocero, ed. "Un drama para o noso patrimonio: hoxe leváronse o tesouro de Álvaro Gil do Museo de Lugo". Consultado o 24 de outubro de 2013.
- ↑ "A colección de Álvaro Gil volve a casa sendo patrimonio de todos os lucenses". Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2015. Consultado o 19 de xuño de 2014.
- ↑ A Deputación de Lugo aforra preto de cinco millóns co acordo asinado este mediodía cos herdeiros de Álvaro Gil para a adquisición da colección de ourivería prerromana Arquivado 11 de febreiro de 2015 en Wayback Machine. na páxina web da Deputación de Lugo
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Rosalía Crespo Prieto, "El torques de Burela", Estudios Mindonienses, ISSN 0213-4357, Nº. 16, 2000 , pp. 545–558.
- Castro Pérez, Ladislao (1990). Os torques prehistóricos (páx. 165). Serie Galicia. Servicio de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-695-9.
- Balseiro, Aurelia. O torques de Burela, a xoia do noso patrimonio.