Titanic (filme de 1997)
Titanic é un filme dramático estreado en 1997, escrito, producido e dirixido por James Cameron. Está protagonizado por Leonardo DiCaprio e Kate Winslet como Jack Dawson e Rose DeWitt Bukater respectivamente, membros de diferentes estratos sociais que se namoran a bordo do RMS Titanic mentres realizan unha mesma viaxe pero con diferentes "destinos".
Titanic | |
---|---|
![]() Logo do filme. | |
Ficha técnica | |
Título orixinal | Titanic |
Director | James Cameron |
Produtor | James Cameron Jon Landau |
Guión | James Cameron |
Intérpretes | Leonardo DiCaprio Kate Winslet Billy Zane Kathy Bates Frances Fisher Victor Garber Bernard Hill Jonathan Hyde Danny Nucci David Warner Bill Paxton Gloria Stuart |
Música | James Horner Tema principal interpretado por Céline Dion |
Fotografía | Russell Carpenter |
Montaxe | Conrad Buff IV James Cameron Richard A. Harris |
Estudio | 20th Century Fox[1] Paramount Pictures[1] Lightstorm Entertainment[1] |
Distribuidora | 20th Century Fox (Internacional) Paramount Pictures (Norte América) |
Estrea | Toquio: 1 de novembro de 1997![]() |
Duración | 193 minutos[2] |
Orixe | ![]() |
Xénero | Romance, Drama, histórica |
Orzamento | $200 000 000[3][4][5] |
Recadación | $2 186 772 302[6] |
Na rede | |
http://www.titanicmovie.com | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
O filme está coprotagonizado por Billy Zane que interpreta o papel de Caledon Hockley, prometido de Rose, Bill Paxton que interpreta o líder da expedición que na actualidade trata de atopar a xoia O Corazón do Mar e Gloria Stuart, que dá vida á anciá Rose, no ano 1996.
Titanic non estaba completada a mediados de 1997, e existiron problemas entre produtora e o propio director sobre a duración da mesma. Pero a insistencia de Cameron unida a sacrificios propios, como non cobrar o que correspondía da billeteira (tendo en conta a recadación, iso supuxo perder moito diñeiro) fixeron que ó final a película vira a luz como James Cameron quería.
Nos Estados Unidos foi estreada o 19 de decembro de 1997, pero non foi ata primeiros do ano seguinte cando empezou a subir a súa recadación.
O orzamento foi de aproximadamente 240 millóns de dólares, e só en Estados Unidos a película recadou arredor de 600.
Sinopse
editarEn 1996 o cazador de tesouros Brock Lovett e o seu equipo a bordo do buque de investigación Keldysh exploran os restos do RMS Titanic á busca dun colar cun raro diamante, o Corazón do océano. Durante os seus traballos recuperan un cofre que contén un debuxo dunha moza levando tan só o colar. Ten data do 14 de abril de 1912, o día que o barco bateu co iceberg. Rose Dawson Calvert, afirmando ser a muller do debuxo, visita a Lovett e cóntalle as súas experiencias no barco.
En 1912 en Southampton, Rose DeWitt Bukater, unha pasaxeira de primeira clase de 17 anos, o seu prometido Cal Hockley, e a súa nai Ruth embarcan no Titanic. Ruth sublíñalle á súa filla que o seu matrimonio resolverá os problemas financeiros dos DeWitt Bukaters. Alterada polo compromiso, Rose considera a posibilidade de se suicidar lanzándose ao mar; Jack Dawson, un artista sen unha cadela, convéncea para que non o faga. Descuberta con Jack, Rose dille a Cal que Jack salvouna de caer. Cal amósase indiferente pero cando Rose lle indica que lle deben algún recoñecemento pola súa acción, ofrécelle a Jack un pouco de diñeiro. Rose reacciona dicíndolle que ben pouco vale logo a súa vida e Cal convida a Jack a cear con eles en primeira clase a noite seguinte. Jack e Rose desenvolven a súa amizade a pesar do receo de Cal e Ruth. Despois da cea Rose ás agachadas vai con Jack a unha festa na terceira clase.
Consciente da desaprobación de Cal e Ruth, Rose desdeña as insinuacións de Jack pero máis tarde decátase que ela o prefire a Cal. Despois dunha cita na proa no solpor, Rose conduce a Jack ao seu camarote e ensínalle o agasallo de compromiso de Cal, o Corazón do océano e pídelle que a debuxe espida co colar. Eles conseguen eludir a vixilancia de Cal e fan o amor nun automóbil no departamento de carga. Logo de volver á cuberta son testemuñas da colisión cun iceberg e oen aos oficiais falaren da gravidade da situación.
Mentres Cal descobre o debuxo de Rose e unha carta de Jack no cofre xunto co colar. Cando Jack e Rose intentan falarlle a Cal do choque, el mete o colar no peto de Jack acusándoo de roubalo polo que queda arrestado na oficina do capitán de armas esposado a un cano. Cal coloca o colar no seu propio peto.
Co navío afundíndose, Rose está deseperada por liberar a Jack, arrédase de Cal e a súa nai, que están subindo nun bote salvadidas, e rescátao, volvendo os dous para a cuberta, onde Cal e Jack intentan convencela para que suba a un bote salvavidas, afirmando Cal que ten un acordo cun oficial para salvarse el e Jack; tras subirse Rose no bote, Cal dille a Jack que o acordo é só para el e Rose decide que non pode deixar a Jack e brinca a bordo de novo. Cal coa súa pistola perségueos ata o parcialmente alagado comedor de primeira clase, disparándolles e ao acabar a munición dase de conta que lle dera o seu abrigo a Rose e con el o colar que estaba no peto. Despois Cal volve para a cuberta e sobe a un bote finxindo coidar unha nena perdida.
Despois de superar varios obstáculos, Jack e Rose volven á cuberta, pero xa non quedan botes e os pasaxeiros van morrendo ao caer á auga ao se inclinar o barco, que se parte en dous, quedando a popa no aire que se afunde no océano. Cando os dous namorados están no mar, el axúdalle a ela a subir a un panel de madeira que apenas pode soportar o peso dunha persoa. Aferrándose nun recanto, Jack asegúralle que morrerá de vella, quente na súa cama, el morre de hipotermia pero ela está san e salva tras ser rescatada e levada a bordo do RMS Carpathia que leva os superviventes a Nova York. Alí dá o nome de Rose Dawson. Máis tarde sabe que Cal se suicidou tras perdelo todo no crac de 1929.
Tras oír a historia de Rose, Lovett abandona a súa busca. Soa na popa do Keldysh, Rose colle o Corazón do océano, que estivo no seu poder todos estes anos, e guíndao no mar sobre os restos do Titanic. Mentres ela aparentemente dorme na súa cama, as fotos e o seu vestido reflicten unha vida de liberdade e aventuras, parcialmente inspirada por Jack. Unha Rose moza xúntase con el na Grande Escaleira do Titanic, mentres que todos os que faleceron no naufraxio aplauden.
Produción
editarCando a película non fora terminada para a data prevista, os executivos de Hollywood comezaron a impacientarse debido á fortísima suma investida no proxecto. Na 20th Century Fox (que acababa de estrear The Mask of Zorro e que controlou a distribución da película fóra dos Estados Unidos, e na Paramount Pictures (que a controlou dentro) reinou o pánico.
Cun orzamento de 240 millóns de dólares, Titanic converteuse na película máis custosa de todos os tempos a mediados de 1997. Cando o director James Cameron entregou a montaxe definitiva ós directivos, cunha duración de 3 horas, comezou a haber serias dúbidas do seu posible funcionamento nas billeteiras, o que se uniu á perda de confianza no director canadense. Cameron defendeu a súa produción e enfrontouse a eles para convencelos de que non podían acurtar a película por debaixo desas 3 horas. Cameron admitiría máis tarde que naquel momento pensou que a película Titanic tiña todas as papeletas para converterse nun fracaso absoluto.
Na primeira fin de semana trala estrea, o filme recadou preto de 28 millóns de dólares, cifra que antes de acabar o ano subiu ata acadar os 100. Titanic era número un, e mantívose nese posto máis de catro meses, sendo dese xeito a película con maior recadación da historia do cine. No mundo enteiro, recadou algo máis de 1800 millóns de dólares.
O éxito da película estendeuse tamén á banda sonora da mesma, cuxo tema central, "My heart will go on", estaba interpretado pola canadense Céline Dion.
Premios
editarPremios Oscar
editarTitanic gañou Oscars en case todas as categorías ás que foi nomeada, un total de 11 Oscars de 14 nomeamentos. Isto supúxolle converterse, igualando a Ben-Hur, na película máis premiada pola Academia. Ademais, resultaron nomeados ó Oscar dúas actrices que interpretaban o mesmo personaxe, Kate Winslet e Gloria Stuart por interpretar a Rose, se ben ningunha das dúas resultou vencedora. Criticouse que o guión de Cameron non recibise nin sequera un nomeamento, o mesmo que ocorreu coa interpretación de Leonardo DiCaprio.
Oscar | Persoa | Resultado |
---|---|---|
Mellor película | Gañadora | |
Oscar ó mellor director | James Cameron | Gañador |
Oscar á mellor actriz | Kate Winslet | Nomeada |
Oscar á mellor actriz secundaria | Gloria Stuart | Nomeada |
Oscar á mellor banda sonora dramática | James Horner | Ganador |
Oscar á mellor canción My Heart Will Go On |
James Horner Will Jennings |
Ganadores |
Oscar á mellor fotografía | Russell Carpenter | Gañador |
Oscar ó mellor deseño de vestiario | Deborah Lynn Scott | Gañadora |
Oscar á mellor dirección artística | Peter Lamont Michael Ford Michael Foster |
Gañadores |
Oscar á mellor montaxe | Conrad Buff IV James Cameron Richard A. Harris |
Gañadores |
Oscar á mellor maquillaxe | Tina Earnshaw Greg Cannom Simon Thompson |
Nomeados |
Oscar á mellor edición de son | Tom Bellfort Christopher Boyes |
Gañadores |
Oscar ó mellor son | Gary Rydstrom Tom Johnson Gary Summers Mark Ulano |
Gañadores |
Oscar ós mellores efectos visuais | Robert Legato Mark A. Lasoff Thomas L. Fisher Michael Kanfer |
Gañadores |
- Venceu nas categorías de mellor película - drama, mellor director, mellor banda sonora e mellor canción ("My Heart Will Go On").
- Nomeada nas categorías de mellor actor - drama (Leonardo DiCaprio), mellor actriz - drama (Kate Winslet) e mellor actriz secundaria (Gloria Stuart).
Premios BAFTA (Reino Unido)
editar- Nomeada nas categorías de mellor película, mellor director, mellor banda sonora, mellor fotografía, mellor edición, mellor maquillaxe, mellor deseño de produción, mellor son e mellores efectos especiais.
- Nomeada na categoría de mellor película estranxeira.
- Venceu nas categorías de mellor película e mellor actor (Leonardo DiCaprio).
- Nomeada nas categorías de mellor actriz (Kate Winslet), mellor vilán (Billy Zane), mellor bico, mellor secuencia de acción, mellor parella (Leonardo DiCaprio e Kate Winslet) e mellor canción orixinal ("My Heart Will Go On").
- Recibiu o premio á mellor canción creada para o cine ("My Heart Will Go On").
- Venceu na categoría de mellor actriz (Kate Winslet).
Premio Eddie (American Cinema Editors, EUA)
editar- Recibiu o premio de Filme Mellor Editado.
Academia Xaponesa de Cine (Xapón)
editar- Venceu na categoría de mellor película estranxeira.
Polémica
editarA película suscitou numerosas polémicas. Por exemplo, o seu alto custo, que foi tema de crítica desde antes mesmo de finalizar a produción. Tamén o foron o feito de que o romance tome protagonismo por enriba do desastre en si e numerosas incorreccións históricas, a pesar do empeño de Cameron por coidar ó detalle estes aspectos.
- É incorrecto que a nave estivese intentando bater un récord. O Titanic, ó igual que o seu xemelgo Olympic, tiña unha velocidade máxima de 23 nós. Na viaxe non superou os 21 nós e calquera intento de bater un récord resultaría inútil, dado que o récord estaba en mans das naves Mauretania e Lusitania, as dúas cunha velocidade de 26 nós. Aínda que totalmente incorrecta, a actitude de manter 21 nós durante a noite non foi unha tolemia extraordinaria, pois aquela mesma noite o Olympic facía a mesma ruta en sentido contrario a uns 800 km no mesmo campo de xeo e os mencionados Lusitania e Mauritania cruzaban estes campos a 24 nós ou máis.
- Non se pechou a pasaxeiros de terceira clase nas súas áreas contra a súa vontade, o que ocorreu foi que non se lles prestou axuda e non se lles informou. Moitos cando se decataron do que ocorría e cando lograron saír do labiríntico Titanic atopáronse con que case todos os botes foran xa lanzados.
- Non hai probas de que o primeiro oficial W.Murdoch se suicidase. Hai testemuñas de que se efectuaron disparos ó aire e unha lenda de que un oficial se suicidou. Hai quen asegura que este oficial foi o capitán, outros que un oficial superior, pero ningún que relacione este feito con W. Murdoch (hai testemuños que din que o viron na auga tralo afundimento e mesmo axudando a subir a xente ós botes desde a auga). Por tanto, mostrar a unha persoa que existiu e morreu de verdade coma un asasino que logo se suicida non sentou ben á familia do propio W. Murdoch que demandou (e gañou) a James Cameron por como mostrou ó seu defunto antepasado.
- Esta película, ó igual que moitas outras, mostra que o Titanic dá marcha atrás para evitar a colisión (algunhas películas mesmo van máis alá e sinalan isto coma un erro). É certo que o oficial W.Murdoch deu orde de contramarcha para evitar a colisión, pero segundo expertos e xulgando pola maquinaria da época, os motores dunha nave da clase Olympic necesitaban máis de 1 minuto tan só para parar e probablemente outro para volver a coller velocidade. O Titanic só tivo 40 segundos desde que se deu a orde ata a colisión fatal. Iso implica que no momento da colisión as hélices do Titanic (polo menos as exteriores) aínda estaban xirando cara a adiante. Na película amósase como en menos de 40 segundos deceleran, frean, inverten e chegan á máxima potencia cara a atrás. É algo incorrecto tecnicamente.
- A película tamén amosa ó enxeñeiro Thomas Andrews facendo unha estimación de 1 hora no tempo que tardaría o Titanic en afundirse. Andrews non fixo tal estimación, a aproximación era de entre 2 e 4 horas.
- Se ben isto non é unha polémica e non se pode culpar á película, hoxe sábese que a nave se partiu en 2 de forma moi diferente á amosada na película.
Elenco de actores
editarNotas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Film & TV Database (ed.). "Titanic (1997)". Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2011. Consultado o 29 de xullo de 2011.
- ↑ British Board of Film Classification, ed. (14 de novembro de 1997). "TITANIC (12)". Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2018. Consultado o 8 de novembro de 2014.
- ↑ Garrett, Diane (20 de abril de 2007). Variety, ed. "Big-budget bang-ups.". Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2009. Consultado o 16 de novembro de 2009.
- ↑ Wyatt, Justin; Vlesmas, Katherine (1999). "The Drama of Recoupment: On the Mass Media Negotiation of Titanic": 29–45. En Sandler & Studlar (1999).
- ↑ Welkos, Robert W. (11 de febreiro de 1998). Los Angeles Times, ed. "The $200-Million Lesson of 'Titanic'". Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2012. Consultado o 12 de decembro de 2009.
- ↑ Box Office Mojo (ed.). "Titanic (1997)". Consultado o 8 de xuño de 2012.
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: Cine |