Timalinos

(Redirección desde «Thymallus»)

A dos timalinos (Thymallinae) é unha subfamilia de peixes osteíctios da familia dos salmónidos, que inclúe un só xénero, Thymallus.[2][3][4]

Thymallus arcticus capturados no río Colville, en Alasca.
Thymallus baicalensis.
Thymallus thymallus.
Salmo thymallus, nunha lámina de 1783.

Distribución editar

As especies deste xénero, denomiadas vulgarmente tímalos, son orixinarias das partes máis setentrionais das rexións paleártica e neártica, estendéndose desde o Reino Unido e o norte de Europa en Eurasia até Siberia, así como polo norte de Norteamérica.

Thymallus thymallus está moi estendida en Europa, e T. arcticus preséntase xeralizadamente en toda a Eurasia ao leste dos montes Urais e no Neártico. As outras especies teñen áreas de distribución máis pequenas, localizadas no norte de Asia.

Características editar

Os tímalos distínguense dos outros membros da familia dos salmónidos polas súas escamas máis grandes, as súas bocas pequenas con dentes tanto no maxilar superior como no inferior. Porén, o máis característico destes peixes son as súas rechamangueiras velas (aletas dorsais).

Esta aleta é máis longa nos machos, e moi colorida, con manchas vermellas, alaranxadas, moradas ou verdes.

O corpo tamén é colorido; a cara dorsal é dunha cor que vai da púrpura escura á negra azulada ou gris; os flancos son de cor azul escura ou gris prateada, e o ventre é abrancazado. Ademais, o corpo está decorado cunha presa de pequenas manchas escuras, que son máis numerosas nos individuos xuvenís.

O maior dos tímalos é o ártico, T. arcticus, que pode alcanzar unha lonxitude máxima de 76 cm e un peso máximo de 3,8 kg. O tímalo común, T. thymallus, é algo máis pequeno, de até 60 cm, pero pode pesar moito máis, até os 6,7 kg.

Hábitat e bioloxía editar

Estes peixes requiren augas frías e ben oxixenadas, preferibelmente con correntes rápidas; encóntranse en ríos e lagos en fondos de area ou grava, pero T. thymallus ocasionalmente pode encontrarse en augas salobres.

Como son moi sensíbeis aos cambios na calidade da auga, os tímalos poden considerarse especies indicadoras. T. arcticus arcticus desapareceu en gran parte da conca dos Grandes Lagos.

Os tímalos son omnívoros depredadores, alimentándose principalmente de crustáceos, insectos e zooplancto.

Para reproducírense, desovan nos ríos e non protexen ás súas crías, aínda que ocultan os ovos no limo.

Os peixes deste xénero poden vivir até os 18 anos ou máis.

Taxonomía editar

Descricións editar

O xénero foi descito en 1790 polo médico e naturalista alemán Heinrich Friedrich Link, no seu traballo "Versuch einer Eintheilung der Fische nach den Zähnen", publicado en Mag. Neuste Phys. Naturgesch. Gotha 6 (3): 28-38.[3]

A especie tipo do xénero (e da subfamilia) foi descrita por primeira vez en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae baixo o nome de Salmo thymallus.[5]

Etimoloxía editar

Linneo tirou o epíteto thymallus do grego antigo θύμαλλος, thýmallos "olor de tomiño", debido ao tenue olor a tomiño, que emana da carne deste peixe.[6]

Nota taxonómica editar

En 1790 Heinrich Friedrich Link fundou, como quedou dito, o novo xénero Thymallus,[7] ao que posteriormente se adscribiría o Salmo thymallus de Linneo,[5] que agora se considera como sinónimo de Thymallus thymallus.

Sinónimos editar

O xénero, ademais de polo seu nome actualmente válido, coñeceuse tamén polos sinónomos:

Segundo o World Register of Marine Species:[2]

  • Phylogephyra Boulenger, 1898

Segundo o Global Biodiversity Information Facility:[3]

  • Choregon Minding, 1832
  • Orthocolus Gistel, 1848
  • Phylogephyra Boulenger, 1898
  • Thymalloides Berg, 1908
  • Thymallus Cuvier, 1829
  • Thymalus

Segundo a Biological Library:[4]

  • Thymallus Cuvier, 1829

Especies editar

Como en todos os salmónidos a taxonomía das especies de cada xénero é moi controvertida.

O World Register of Marine Species recoñece estas 17 especies:[2]

Pola súa parte, FishBase, considera 13 especies no xénero:[8]

O Catalog of Fishes da Academia de Ciencias de California tamén inclúe a especie Thymallus baikalolenensis Matveyev, Samusenok, Pronin & Telpukhovsky, 2005. E recoñece a T. flavomaculatus como unha especie plena, pero non acepta a T. yaluensis como taxon independente.[9]

Nota: Para outras clasificacións véxanse as bases de datos indicadas nas ligazóns externas.

Relación cos humanos editar

Debido ao agradábel sabor da súa carne, e á súa atractiva forma, as especies de tímalos son valoradas como alimento e como obxecto da pesca deportiva e, ocasionalmente, móstranse en acuarios públicos.

As especies economicamente máis importantes, tanto para a pesca como para a acuicultura, son o tímalo común (Thymallus thymallus) e o ártico (T. arcticus).

Notas editar

  1. Sepkoski, Jack (2002): "A compendium of fossil marine animal genera". Bulletins of American Paleontology 364: 560. Consultado o 14 de marzo de 2022.
  2. 2,0 2,1 2,2 Thymallus Linck, 1790 no WoRMS. Consultado o 14 de marzo de 2022.
  3. 3,0 3,1 3,2 Thymallus Linck, 1790 no GBIF. Consultado o 14 de marzo de 2022.
  4. 4,0 4,1 Thymallus Linck, 1790 na BioLib. Consultado o 14 de marzo de 2022.
  5. 5,0 5,1 Salmo thymallus Linnaeus, 1758 no WoRMS.
  6. Ingram, A.; Ibbotson, A.; Gallagher, M. "The Ecology and Management of the European Grayling Thymallus thymallus (Linnaeus)" (PDF). East Stoke, Wareham, U.K.: Institute of Freshwater Ecology. p. 3. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  7. Linck, H. F. (1790): "Versuch einer Eintheilung der Fische nach den Zähnen." Mag. Neuste Phys. Naturgesch. Gotha 6 (3): 28-38.
  8. Froese, Rainer & Daniel Pauly, eds. (2012): Especies do xénero Thymallus en FishBase.
  9. Eschmeyer F. Catalog of Fishes: Thymallus Arquivado 19 de maio de 2011 en Wayback Machine. California Academy of Sciences (Versión 27 de agosto de 2014). Consultada o 11 de setembro de 2014.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Eschmeyer, W. N. (ed.) (2014): Catalog of fishes: Genera, Species, References. California Academy of Sciences, department Ichtyology.
  • Froese, Rainer & Daniel Pauly, eds. (2008): Salmoniformes en FishBase.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al. (Eds.) (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 357-374. ISBN 2-8565-3538-0.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar