Tecnoloxía adecuada
Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde agosto de 2016) |
A tecnoloxía adecuada (TA), tamén coñecida como tecnoloxía apropiada ou intermedia, é aquela tecnoloxía que está deseñada con especial atención aos aspectos ambientais, éticos, culturais, sociais e económicos da comunidade á que se dirixe[1]. Atendendo estas consideracións, a TA normalmente demanda menos recursos, é máis fácil de manter, presenta un menor custo e un menor impacto sobre o medio ambiente con respecto a outras tecnoloxías equiparables. O termo tecnoloxía intermediarefírese especificamente a ferramentas que custan menos ou son máis accesibles e apropiadas para zonas de rendas per cápita baixas a pesar de que existan ferramentas que consigan mellores resultados. Nestes casos empréganse tecnoloxías que poden ser reparadas polas comunidades usuarias e que non xeren dependencias.
O termo úsase para describir as tecnoloxías que se consideran máis axeitadas para o seu uso en países en vías de desenvolvemento ou en zonas rurais subdesenvolvidas dos países industrializados, nas que senten que as altas tecnoloxías non poderían operar e manterse. Nas tecnoloxías adecuadas prevalecen as solucións intensivas en traballo a outras intensivas en capital, aínda que emprega mecanismos de aforro de traballo cando isto non implica altos custos de mantemento ou de recursos económicos.
Na práctica a TA defínese a miúdo como a que usa o nivel de tecnoloxía máis sinxelo que pode acadar con eficacia o propósito procurado para esa localización concreta. En todo caso, a falta de precisión da definición dá lugar a interpretacións. E. F. Schumacher di que esta tecnoloxía, descrita no libro O pequeno é fermoso[2], tende a promover valores como a saúde, a beleza e a sostibilidade temporal, nesa orde. Este termo adquiriu relevancia durante a Crise do petroleo de 1973 e co movemento ecoloxista dos anos 70.
O que constitúe a tecnoloxía adecuada en cada caso particular é materia de debate, mais o termo é empregado xeralmente ao teorizar para cuestionar a alta tecnoloxía ou o que se considera unha excesiva mecanización, os desprazamentos humanos, o esgotamento de recursos naturais ou os incrementos da contaminación asociados á industrialización.
Podería argumentarse que, para unha sociedade tecnoloxicamente avanzada, unha tecnoloxía máis cara e complexa, que requira mantemento especializado e altas entradas de enerxía, podería ser unha "tecnoloxía adecuada". En calquera caso, este non é o sentido habitual do termo.
Definicións
editarTecnoloxía intermedia
editarTecnoloxía intermedia pode ser un sinónimo de tecnoloxía adecuada. Foi acuñado por E. F. Schumacher para describir aquela tecnoloxía que era significativamente máis complexa e custosa que os métodos tradicionais, mais que aínda permanecía unha orde de magnitude (dez veces) máis barata cá tecnoloxía dos países desenvolvidos. Os e as partidarias desta tecnoloxía argumentan que pode ser doadamente adquirida e utilizada pola xente empobrecida e, de acordo coa xente partidaria, pode levar a unha maior produtividade á vez que se minimizaría a dislocación social. Moita da tecnoloxía intermedia pode ademais ser construída e posta en servizo usando os materiais e coñecemento locais.
Tecnoloxías duras e brandas
editarA tecnoloxía dura consiste en técnicas de enxeñaría, estruturas físicas e maquinaria que encontran unha necesidade definida por unha comunidade, e empregan materiais que están á man ou que son facilmente adquiribles. Poden ser construídas, operadas e mantidas polas poboacións locais a base dunha moi limitada asistencia externa (p.ex. técnica, material ou financeira). Este tipo de tecnoloxía pódese mercar e vender ou pódeselle poñer un prezo de mercado.
A tecnoloxía branda defínese como aquela tecnoloxía que trata coas estruturas da sociedade, os procesos interactivos humanos e as técnicas de motivación. O que promove as mudanzas é a estrutura e procesos para a participación social, a realización polos individuos e mailos grupos da análise das situacións, a toma de decisións e as habilidades para implantar o decidido. Este tipo de tecnoloxía está relacionada cas ciencias sociais.
Non necesariamente “baixa” tecnoloxía
editarA tecnoloxía adecuada pode beneficiarse das investigacións máis avanzadas, como ocorre co filtro de trapo que se inspirou nas investigacións sobre a propagación do cólera pola auga.
Pode usar tecnoloxías moi recentes, por exemplo en áreas remotas do Nepal, a Fundación Ilumina el Mundo utiliza un tipo de luminarias led brancas. Estas representan unha alternativa axeitada ás formas máis tradicionais de iluminación xa que non causan problemas para a saúde como ocorre coas lámpadas de queroseno e coas fogueiras, e presentan mellores requirimentos enerxéticos e unha maior fiabilidade, o que é necesario para lugares remotos desconectados da rede de subministración enerxética.
Outra definición de tecnoloxía adecuada
editarO arquitecto británico e experto en desenvolvemento e asentamentos humanos, John F. C. Turner (coautor e editor do libro “Liberdade para construír” e autor do libro “Edificación popular”), dixo que a tecnoloxía verdadeiramente axeitada é a tecnoloxía que a xente ordinaria pode usar para o seu propio beneficio e o da súa comunidade, a que non lles fai dependentes de sistemas sobre os que non teñen control. O principal punto desta definición é que a tecnoloxía normalmente crea dependencias polo que, para ser realmente adecuada, a tecnoloxía debería mellorar a capacidade local ou rexional para se enfrontar ás necesidades locais. Esta definición encaixa cos movementos emerxentes pola relocalización, e é paralela á idea de E. F. Schumacher de que “o pequeno é fermoso”.
Conceptos que pretenden superar o de tecnoloxía adecuada
editarXa durante os 80 e 90 comézase a falar cada vez máis de tecnoloxía social, á par que se desenrolaba o campo da investigación chamado CTS (Estudos de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade). Comézase a querer dotar o termo de certa perspectiva finalista (tecnoloxía adecuada para que?)
Por outra banda, dende unha perspectiva vinculada ao desenvolvemento humano e á Cooperación para o Desenvolvemento, no ano 2001 publicábase o Informe de Desenvolvemento Humano do PNUD titulado “Poñer o adianto tecnolóxico ao servizo do desenvolvemento humano”[3]. Nel, pretendíase tamén dar un sentido máis finalista ao uso da tecnoloxía na liña do que entón se entendía por Desenvolvemento Humano, concepto que se foi cambiando co tempo. Esta publicación constitúe o primeiro intento de vincular a tecnoloxía e o desenvolvemento baixo o paradigma do desenvolvemento humano. En anos posteriores, múltiples informes adoptan o termo e complétano[4][5][6]. Ademais, organizacións como a Federación Española de Enxeñería Sen Fronteiras, en colaboración con departamentos de diversas universidades como a Politécnica de Cataluña ou a de Valencia, seguiron afondando no tema, a medida que o paradigma do Desenvolvemento Humano ía evolucionando. Desta maneira, comezaron a cuestionar as tecnoloxías clasificadas intrinsecamente como axeitadas[7][8]. A participación das persoas usuarias en todo o ciclo do feito tecnolóxico (e por tanto da maneira de “gobernala”), a intencionalidade do desenvolvemento tecnolóxico e das tecnoloxías concretas desenvolvidas (aínda que poidan ter un bo uso en casos concretos, dificilmente poden por si mesmas fuxir do modelo de desenvolvemento no que e para o cal foron desenvolvidas), así coma o cuestionamento da neutralidade intrínseca da tecnoloxía (vinculándoa xa claramente a elementos como política i ética, mentres se recupera o pensamento a este respecto de autores como Habermas[9] ou máis modernos coma Ramón Queraltó[10] , definen o camiño que está tomando o enfoque de 'Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano (TpDH)'.
Ademais, organizacións coma practicalaction.org (creada inicialmente polo propio E.F. Schumacher) están a falar fai tempo de xustiza tecnolóxica. Tamén se fala de tecnoloxías para a liberdade[11] e, vinculado co paradigma do Desenvolvemento Humano que está comezando a impoñerse, de tecnoloxías para a emancipación[12].
O cuestionamento da neutralidade da tecnoloxía e a súa finalidade ten que ver co cuestionamento da neutralidade da propia ciencia (que é a que sustenta o avance tecnolóxico). Os diversos ámbitos de aplicación desta TpDH son similares aos da propia tecnoloxía adecuada[13], pero é ese elemento profundo de vinculación da tecnoloxía ao contexto de desenvolvemento (definido de forma clave por elementos políticos e de valores do mesmo) o que diferencia este concepto do inicialmente proposto como Tecnoloxías Apropiadas. Existen traballos comparando distintos elementos dos diversos conceptos mencionados.[14]
Exemplos e sostibilidade
editarCaracterísticas tales coma o baixo custo, a baixa utilización de combustibles fósiles ou o uso de recursos dispoñibles localmente poden representar vantaxes en termos da sostibilidade. Por estas razóns, estas tecnoloxías son ás veces usadas e promovidas polos partidarios da sostibilidade e da tecnoloxía alternativa.
Tecnoloxía da información e da comunicación
editar- O OLPC XO e o Simputer son computadores orientados aos países en vías de desenvolvemento, e a súa vantaxe principal é o seu baixo custo. Outros factores relevantes inclúen a resistencia ao po, a fiabilidade e o uso dunha linguaxe oportuna.
- Eldis OnDisc e a Biblioteca de la Tecnología Adecuada son proxectos que usan CD e DVD para dar acceso a información sobre desenvolvemento en áreas que carecen de acceso a Internet fiable e alcanzable.
- A radio a manivela e o sistema informático e de comunicacións planeados pola Fundación Jhai é independente de toda subministración enerxética.
- Existe tamén o GrameenPhoneque fusionou a telefonía móbil cos programas de microcréditos do Banco Grameen para proporcionar ás poboacións campesiñas de Bangladesh acceso á comunicación.
- Loband, unha páxina web desenvolvida por Aptivate quita todas as fotografías e todo o contido intensivo en largo de banda das páxinas web e convérteas a texto plano, permitindo a navegación por elas con normalidade. Esta páxina web incrementou amplamente a velocidade de navegación, e o seu uso é axeitado para conexións con largos de banda como os que están dispoñibles xeralmente no mundo en vías de desenvolvemento.
Construción
editarO adobe (incluída a variación chamada Super Adobe), a terra embutida ou o ladrillo holandés poden considerarse como tecnoloxías axeitadas para moitos dos países en vías de desenvolvemento, dado que usan materiais que están amplamente dispoñibles de forma local e son relativamente baratos. Debe terse en conta o contexto local como, por exemplo, cos ladrillos de barro que poden non resultar duradeiros nunha zona de grandes choivas (aínda que para corrixir isto pode utilizarse un tellado grande e a estabilización con cemento), e se os materiais non son facilmente conseguibles, o método pode ser inadecuado. Outras formas de construción natural poden considerarse tecnoloxías axeitadas, aínda que en moitos casos pode que fagan máis énfase na súa sostibilidade que no seu custo ou idoneidade.
A organización Arquitectura para a Humanidade incorpora tamén os principios da tecnoloxía adecuada, adicándose a atender as necesidades das poboacións empobrecidas e afectadas por desastres.
Enerxía
editarAs tecnoloxías enerxéticas "adecuadas" son especialmente idóneas para as necesidades a pequena escala e/ou de zonas illadas. En todo caso hai que ter en conta o alto investimento en capital.
A electricidade pode subministrarse desde paneis solares (que son caros inicialmente, pero sinxelos), muíños de vento ou instalacións microhidráulicas, con almacenamento da enerxía en baterías.
O biobutanol, biodiésel e directamente o aceite vexetal poden resultar axeitados como biocombustibles directos en zonas onde o aceite vexetal está facilmente dispoñible e é máis barato que os combustibles fósiles.
Un xerador (funcionando a base de biocombustibles) pode funcionar de forma máis eficiente se é combinado con baterías e cun inversor; isto incrementa significativamente o custo en capital pero reduce os custos de funcionamento, e pode representar potencialmente unha opción máis barata que a eólica, a solar e a micro-hidráulica.
O biogás é outra fonte potencial de enerxía, especialmente onde haxa unha subministración abundante de residuos orgánicos.
O termo tecnoloxía enerxética branda foi acuñado por Amory Lovins para describir as enerxías renovables axeitadas.
A Fundación Ilumina el Mundo utiliza luces led brancas e fontes de enerxía renovable como paneis solares para proporcionar alumeado a poboacións empobrecidas en zonas afastadas, representando vantaxes significativas comparadas coas lámpadas de queroseno ás que substitúen.
A lámpada de botella segura é unha lámpada de queroseno máis segura deseñada en Sri Lanka. A súa maior seguridade consiste nunha tapa de metal enroscable, e dúas extensións planas nos lados que preveñen que rode se é envorcada.
Ventilación e aire acondicionado
editarA ventilación natural pode crearse a base de realizar reixas na parte superior do edificio para permitir ao aire cálido ascender por convección e escapar ao exterior, mentres que o aire frío é incorporado a través doutras reixas nas partes baixas.
A cheminea solar a miúdo denominada como cheminea térmica mellora esta ventilación natural mediante o uso da convección do aire quentado por enerxía solar pasiva. Para maximizar o efecto de refrixeración, o aire entrante pode ser conducido a través de condutos subterráneos previamente á súa entrada ao edificio.
Un captador de vento (Badgir; بادگیر) é un dispositivo arquitectónico iraniano usado durante séculos para crear ventilación natural nos edificios. Descoñécese quen inventou o captador de vento, pero aínda pode verse en moitos países hoxe en día. Os captadores de vento poden ter varios deseños, como os unidireccionais, bidireccionais e os multidireccionais.
A torre fría con corrente descendente pasiva pode utilizarse en climas áridos e calorosos para proporcionar dun xeito sostible aire acondicionado. A auga é evaporada no alto da torre, a base de buratos de refrixeración por evaporación ou mediante auga. A evaporación refrixera o aire entrante, causando un descenso de aire fresco que reduce a temperatura no interior do edificio.
Cociña
editarSegundo os seus partidarios, a Tecnoloxía Adecuada pode reducir amplamente as tarefas de preparar comida, en comparación cos métodos tradicionais, á vez que segue sendo moito máis sinxela e económica que os procesos usados nos países occidentais. Isto reflicte o concepto de E. F. Schumacher de "tecnoloxía intermedia", é dicir, a tecnoloxía que é significativamente máis eficaz e cara que os métodos tradicionais, pero que é aínda en orde de magnitude (10 veces) máis barata que a tecnoloxía do mundo desenvolvido. Algúns exemplos clave son o descascarillador de cacahuetes Malian, a máquina descascarilladora fonio, e o muíño batedor desapantallado.
O refrixerador bote en bote é un invento africano que mantén o frío sen electricidade. Facilita a conservación dos alimentos e a produción de frío do xeito máis prolongado posible. Isto pode resultar nun gran beneficio para as familias que o empregan. Por exemplo, dise que as mozas que tiñan que vender produtos frescos perecedoiros poden agora, en troques, iren á escola, dado que lles é menos urxente vender os seus produtos antes de que se derramen.
As cociñas sen fumes e aforradoras de leña prometen maiores eficiencias e menos fume, resultando un aforro en tempo e traballo, reducíndose a deforestación e con beneficios significativos para a saúde. As Briquettes poden converter os residuos orgánicos en combustibles, aforrando diñeiro e/ou tempo de recolección, preservando así os bosques.
As cociñas solares son axeitadas para varias situacións, en función do clima e do estilo de cociñado.
O fogóns foguete melloran a eficiencia enerxética e reducen a contaminación do aire no interior.
Coidados da Saúde
editarO incubador de cambio de fase, desenvolvido a finais dos 1990, representa unha tecnoloxía de baixo custo para incubar mostras microbianas por parte do persoal sanitario.
Nótese que moitas tecnoloxías adecuadas benefician a saúde pública, en especial ao proporcionaren saneamento e auga de beber segura. A refrixeración pode supoñer tamén beneficios sanitarios (isto discútese nos parágrafos a continuación).
A perna Jaipur foi desenvolvida polo Dr. P.K. Sethi e Masterji Ram Chander en 1968 como unha perna protésica económica para as vítimas de explosións de minas terrestres.
Auga: abastecemento e saneamento
editarA Tecnoloxía adecuada para a subministración de auga inclúe o rodete de auga hippo, que permite carrexar máis auga con menos esforzo, a recolección de auga de chuvia (que require un método axeitado de almacenamento, especialmente en áreas con estacións secas marcadas) e a recolección de néboa, idónea para zonas onde abundan as brétemas aínda que escasee a chuvia.
A bomba de xogos redonda, desenvolvida e utilizada no sur de África, aproveita a enerxía dos nenos e as nenas ao xogaren para bombear auga, aínda que o seu custo de milleiros de dólares non permite considerala unha opción de baixo custo.
As bombas manuais e bombas a pedais son máis axeitadas ao mundo en vías de desenvolvemento cás bombas a motor, polo xeral, e poden proporcionar auga de mellor calidade con menos tempo de transporte cás fontes de augas superficiais; non obstante, mesmo as bombas manuais dan problemas a miúdo, fallando e caendo en desuso debido á falta de mantemento. As bombas a pedais para a irrigación doméstica son amplamente distribuídas na actualidade nos países en vías de desenvolvemento. O principio de Mantemento e operación a nivel local é importante para as bombas manuais, pero pode resultar difícil na súa aplicación.
Tratamento de augas
editarA auga, xeralmente, precisa de tratamentos antes de ser utilizada, en función da fonte e do uso desexado (con elevados requirimentos para a auga potable). A calidade da auga das conexións domésticas e das augas comunitarias apunta a que nos países de baixos ingresos non é fiable para o consumo humano directo. A auga extraída directamente desde as augas superficiais e a extraída a man dos pozos superficiais case sempre require tratamento.
As opcións da Tecnoloxía adecuada para o tratamento de augas inclúen os deseños, tanto a escala comunitaria como á escala doméstica, do lugar de uso.
O modo máis fiable de matar os axentes patóxenos microbianos é quentar a auga até que ferva. Outras técnicas, que varían desde a filtración, a desinfección química ou a exposición a radiacións ultravioleta (incluíndo os UV solares) teñen demostrado, nunha serie de ensaios aleatorios controlados, reduciren significativamente os niveis de enfermidades transmitidas a través da auga en países de baixos ingresos.
Ao longo da pasada década emprendeuse un número crecente de estudos de campo para determinar o efecto das medidas no lugar de uso para reducir as enfermidades transmitidas pola auga. A capacidade das opcións no lugar de uso para reducir as enfermidades está en función tanto da súa capacidade para eliminar os patóxenos microbianos, se son correctamente aplicadas, como dos factores sociais tales como a facilidade de uso e a súa adecuación cultural. Estas tecnoloxías poden xerar maiores (ou menores) beneficios para a saúde dos que os resultados da eliminación microbiana baseada en ensaios de laboratorio puideran suxerir.
A prioridade actual do sector partidario dos tratamentos no lugar de utilización é alcanzar a un número elevado de persoas usuarias de baixos ingresos sobre unha base sostible. Poucas medidas de lugar de utilización teñen acadado unha escala significativa, aínda que os esforzos para promovelas e a distribución comercial destes produtos no mundo empobrecido só teñen sido desenvolvidas durante escasos anos.
Por outra parte, os tratamentos de auga a pequena escala están alcanzando a fraccións importantes da poboación dos países de baixos ingresos, especialmente no Sur e o Sueste de Asia, en forma de quioscos de tratamento de augas (tamén coñecidos como estacións de recarga de auga ou produtores de auga empaquetada). Namentres que o control de calidade e a súa certificación nestes lugares pode ser variada, as tecnoloxías sofisticadas (tales como a filtración de partículas multietapa, a irradiación UV, a ozonización ou a filtración mediante membrana) aplícanse con frecuencia crecente. Estas micro-empresas son capaces de vender auga a prezos extremadamente baixos, con regulacións gobernamentais en aumento. O seguimento inicial da calidade da auga vendida está sendo alentado.
Algúns exemplos de procesos de tratamento específicos, aplicados tanto a nivel doméstico como a nivel comunitario, son:
- A filtración por cerámica porosa, empregando arxilas ou ben areas diatomáceas, e realizada tanto mediante cilindros, olas ou discos, como con sistemas de alimentación por caída a gravidade ou a base de sifóns. Adoita engadírselle prata para proporcionar unha mellora antimicrobiana
- A filtración lenta en area intermitentemente operada, coñecida tamén como filtración bioareosa
- A desinfección clorosa, mediante o emprego de po de hipoclorito de calcio, de disolucións de hipoclorito de sodio ou de comprimidos de dicloroisocianurato de sodio (NaDCC)
- A floculación química, usando tanto formas comerciais de sales de ferro ou aluminio como sementes esmagadas de certas plantas, como a Moringa oleifera
- A mestura de floculación e desinfección mediante mesturas en po comerciais
- A irradiación con luz ultravioleta, tanto procedente de lámpadas eléctricas como da exposición solar directa
- A filtración por membrana, empregando ultrafiltración en fibra de baleiro ou filtros de osmose inversa precedidos por un pretratamento.
Saneamento
editar- BiPu é un sistema portátil axeitado para a administración de desastres, mentres que outras formas de latrinas representan maneiras seguras de depositar os excrementos humanos a baixo custo. O Proxecto Piloto Orangi foi deseñado en base a unha crise de saneamento urbano en barrios de chabolas. Kamal Kar documentou latrinas desenvolvidas polos labregos de Bangladesh ao decatárense dos problemas de saúde das defecacións ao aire libre.
- O leito de xuncos pode axudar a purificar o saneamento e as augas grises.
- O saneamento ecolóxico pode ser visto como un proceso en tres pasos que trata coa excreta humana: (1) Contención, (2) Hixienización, (3) Reciclaxe. O obxectivo é protexer a saúde humana e o medio ambiente mediante a limitación do uso da auga dos sistemas sanitarios para a limpeza das mans (e anal), reciclando os nutrientes para axudar a reducir a necesidade de fertilizantes sintéticos na agricultura.
Transporte
editarA cadeira de rodas remuíño proporciona mobilidade ás persoas de mobilidade reducida que non poden permitirse as custosas cadeiras de rodas empregadas nos países desenvolvidos.
A bicicleta proporciona transporte de tracción humana para todos os propósitos, a un custo menor para as súas propietarias e os seus propietarios que os vehículos motorizados, con moitos beneficios fronte ao camiñar.
Notas
editar- ↑ Ministerio de agricultura, alimentación e medioambiente. "Mejores técnicas disponibles". Arquivado dende o orixinal o 25/10/2016. Consultado o 21/4/2015.
- ↑ Schumacher, E. F.; Small Is Beautiful: Economics As If People Mattered: 25 Years Later... With Commentaries. Hartley & Marks Publishers ISBN .0-88179-169-5
- ↑ PNUD (2001). Informe de Desarrollo Humano del PNUD 2001: “Poner el adelanto tecnológico al servicio del desarrollo humano. PNUD. ISBN 968-7462-27-2.
- ↑ «Equipo de Tareas sobre ciencia, tecnología e innovación». UNESCO. 2005. Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
- ↑ «Inventing a Better Future: A Strategy for Building Worldwide Capacities in Science and Tecnology». Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
- ↑ Banco Mundial (2004). Informe sobre el desarrollo mundial 2004: Servicios para los pobres.
- ↑ «Concepto de tecnología para el desarrollo humano». Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
- ↑ «Tecnologías apropiadas vs. tecnologías para el desarrollo humano». Consultado o 13 de xaneiro de 2015.
- ↑ Habermas, Jürgen. Ciencia y técnica como ideología. Tecnos. p. 2. ISBN 84-309-1031-X.
- ↑ Queraltó, Ramón. Ética, tecnología y valores en la sociedad global. Tecnos. p. 223. ISBN 84-309-3976-8.
- ↑ Fernández-Baldor, Álvaro. Technologies for Freedom: un modelo de tecnología para el desarrollo humano y sostenible.
- ↑ CAMBIAR LA EDUCACIÓN PARA CAMBIAR EL MUNDO: ¡POR UNA ACCIÓN EDUCATIVA EMANCIPADORA!: COMUNICACIONES DEL IV CONGRESO DE EDUCACIÓN PARA EL DESARROLLO. HEGOA. ISBN 978-84-89916-98-2.
- ↑ «Cuadernos de Tecnologías para el Desarrollo Humano».
- ↑ Aitor Gómez. «Tecnologías para el Desarrollo Humano: Ciencia, Tecnología y Sociedad». p. 43.