Riro Kāinga

rei de Rapa Nui
(Redirección desde «Siméon Riro Kāinga»)

Siméon ou Timeone Riro ʻa Kāinga Rokoroko He Tau,[1] finado en Valparaíso no ano 1898 ou 1899, foi o derradeiro ‘ariki (rei) de Rapa Nui (a Illa de Pascua) dende 1892 até a súa morte.[nota 1] Gobernou a illa durante un breve período de autonomía indíxena entre a anexión inicial de Chile en 1888 e a reafirmación do país da autoridade colonial en 1896. Riro morreu inesperadamente durante unha viaxe diplomática a Chile para discutir a soberanía da illa coas autoridades coloniais, o que levou a sospeitar que foi envelenado.[3][4]

Artigos bos
Artigos bos
Este artigo é actualmente un candidato a artigo bo. Un artigo bo debe servir como exemplo para a gran maioría dos artigos da Galipedia, e, polo tanto, agárdase que cumpra varios criterios. Por favor, se queres, deixa comentarios na votación.
Infotaula de personaRiro Kāinga

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(rap) Timeone Riro ʻa Kāinga Rokoroko He Tau Editar o valor em Wikidata
1871 ↔ 1875 Editar o valor em Wikidata
Illa de Pascua Editar o valor em Wikidata
Morte1899 (Xuliano) Editar o valor em Wikidata (27/28 anos)
Valparaíso Editar o valor em Wikidata
Causa da morteIntoxicación Editar o valor em Wikidata
85º Rei da Illa de Pascua
1892 – 1899
← Atamu TekenaEnrique Ika → Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
Grupo étnicoPobo rapanui Editar o valor em Wikidata
RelixiónCatolicismo Editar o valor em Wikidata
Actividade
LinguaLingua rapanui Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeVéronique Mahute
FillosSimeón Riroroko Mahute, Virginia Riroroko Mahute, Jorge Riroroko Mahute, Juan Riroroko Mahute Editar o valor em Wikidata
PaiNgure a Pariko Editar o valor em Wikidata
ParentesAngata (curmá)
Valentino Riroroko Tuki (neto) Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

 
O tratado de anexión Rapa Nui-Chile de 1888 en linguas tahitiana e rapanui á esquerda, e en castelán á dereita.

Riro naceu en Mataveri, fillo de Ngaure (ou Ngure, fillo de Pariko). O seu pai era seguidor de Torometi, un home forte nativo e partidario do aventureiro francés Jean-Baptiste Dutrou-Bornier. A súa nai chamábase Nene Pōike. Riro foi bautizado Siméon (ou Timeone) na fe católica por misioneiros franceses da Congregación dos Sagrados Corazóns o 8 de marzo de 1879.[5][6] Era un membro do clan real Miru ao que pertencían os 'ariki mau ou gobernantes tradicionais da Illa de Pascua. Aínda que, a súa familia era da rama do clan "Miru o Kao" sen relación patrilineal directa cos antigos ariki, pero eran os seus tumu (as súas esposas casaban cos homes da liñaxe real).[5][7][8]

Despois da morte en 1892 de Atamu Tekena, que fora nomeado rei pola misión francesa, Riro e Enrique Ika a Tuʻu Hati foron candidatos ao trono. Aínda que ambos eran de orixe real, Ika estaba máis relacionado con Kerekorio Manu Rangi, o último 'ariki mau indiscutible, que morreu durante un gromo de tuberculose en 1867.[9][10] A curmá de Riro Maria Angata Veri Tahi 'a Pengo Hare Kohou, catequista e profeta católica, organizou moitas das mulleres da illa no seu apoio. Probablemente tiña entre dezasete e vinte e un anos naquel momento, e foi elixido principalmente pola súa boa aparencia e pola influencia de Angata.[6][7]

Reinado editar

Riro adoptou o epíteto "Rokoroko He Tau", que fora utilizado por Kerekorio, despois da súa elección. Angata acordou o seu matrimonio en 1889 con Véronique Hitiairangi Renga Mahute (1874–1947), unha muller rapa nui nada en Tahití, a cal foi adoptada por unha parella rapanui que regresou á illa en 1888. Era a filla de Mahoni a Mahute e Marta "Marate" Paruvaka e da liñaxe de Tupahotu Ngaruti e Koro Orongo. Tiveron tres fillos e unha filla: Simeón Riroroko Mahute, Jorge, Virginia e Juan. Os seus descendentes usaron o apelido Rikoriko para significar o seu clan.[5][11][12]

O seu predecesor, Atamu Tekena, cedeu a Illa de Pascua a Chile (representado polo capitán Policarpo Toro) o 9 de setembro de 1888. Porén, o tratado de anexión nunca foi ratificado por Chile e a colonia de Toro fracasou. O goberno chileno abandonou o asentamento en 1892 debido a problemas políticos no continente, que se viu envolto na guerra civil, e isto levou aos rapanui a reafirmar a súa independencia.[3] Como o seu predecesor, Riro gobernou baixo un consello de líderes nativos e a influencia da Igrexa Católica (representada por Angata e outros catequistas nativos).[6] Tamén nomeou ao seu opoñente Ika como o seu primeiro ministro.[13][14]

Durante este período, "os rapanui baixo Riro Kāinga restauraron o seu goberno en formas aínda máis claras que antes da anexión, até o punto de que realmente podería ter calificado como estado, de maneira que a súa segunda toma arbitraria por parte de Chile en 1896 podería considerarse legalmente cuestionable tamén".[15] A diferenza de Tekena, Riro reafirmou o dominio nativo ao enfrontarse aos residentes estranxeiros (como Charles Higgins) e restaurou un certo grao de paz e estabilidade na illa.[7] As enfermidades europeas e as incursións de escravos peruanos decimaran a poboación nativa; en 1896 a poboación da illa era de 214, repuntando dende o mínimo de 110 en 1877.[16]

 
Bandeira do reino de Rapa Nui dende 1876 até 1888.

Despois de catro anos de abandono nos que ningún barco estranxeiro visitou a Illa de Pascua, Chile reafirmou a súa soberanía en 1896 arrendando a illa á "Sociedad Ovejera Merlet & Cia". A empresa estivo dirixida por Enrique Merlet, que ampliou a gandería da illa e nomeou xerente a Alberto Sánchez Manterola; Sánchez tamén foi nomeado subdelegado marítimo da illa. Merlet & Company, que empregou un cuarto da poboación da illa, prohibiu a exhibición da bandeira Rapa Nui e restrinxiu os dereitos da poboación nativa á terra e aos animais da illa. A empresa convenceu á xente para que construíse un valado de 3 metros de altura arredor de Hanga Roa e Moeroa, separándoos dos terreos do rancho e restrinxindoos á zona amurallada.[3][17]

Merlet escribiu a Riro, chamándoo impostor e ordenándolle que deixase de chamarse rei porque el (Merlet) era o propietario da illa. Malia comezar en boas condicións, o director da empresa, Sánchez, tampouco respectou a autoridade de Riro. En 1898, o rei e os seus homes intentaron sen éxito discutir salarios e condicións de traballo con Sánchez. En represalia, os rapanui negáronse a traballar ata que chegase o seguinte barco chileno e puidese arbitrar o seu caso. Sánchez e os seus gardas armados marcharon ata Hanga Roa para obrigar aos folguistas a volver ao traballo; os insulares negáronse a cumprir a súa orde, desarmando un dos seus homes no enfrontamento.[6][18]

Morte e legado editar

En resposta aos abusos, Riro ignorou as advertencias do seu pobo e foi a Valparaíso a finais de 1898 ou principios de 1899 para presentar as súas queixas ao goberno chileno. Acompañándoo no barco da compañía, o Maria Luísa, estaban os soldados rapanui do Rexemento Maipo do Exército de Chile: Juan Tepano Rano, Juan Araki Tiʻa e José Pirivato. O día da súa chegada, o intendente provincial de Valparaíso ofreceuse a remitir o caso de Riro ao goberno; porén, o rei insistiu en reunirse en igualdade co presidente chileno Federico Errázuriz Echaurren. A delegación foi recibida polos homes de Merlet (Jeffries e Alfredo Rodríguez) nunha taberna local, e o rei foi convidado a quedar con Rodríguez mentres os soldados ían ao seu cuartel. Durante a noite, animouse ao rei a beber moito; á mañá seguinte, os seus homes foron informados de que fora enviado ao hospital Carlos Van Buren, onde faleceu por intoxicación etílica.[3][4] A nova da súa morte non chegou á illa até marzo de 1899.[19] Aínda que Merlet dixo que o mozo rei morreu bebendo, a tradición oral rapanui afirma que foi envelenado por orde de Merlet mentres estaba no hospital. Riro foi enterrado nunha foxa común en Valparaíso.[3][4]

 
Curmá de Riro, Angata, en 1914.

Despois da morte do rei, Angata asumiu o liderado nominal do clan Miru. Os parentes de Riro intentaron sen éxito restaurar a realeza con Enrique Ika e Moisés Tuʻu Hereveri, a pesar das ordes de Sánchez de derogar a institución e prohibir aos insulares elixir un novo rei.[nota 2] Temendo pola súa vida, a súa viúva Véronique casou con Manuel A. Vega, un pastor chileno, o 29 de xaneiro de 1900. En 1902, Chile nomeou a Juan Tepano como cacique nun intento de acabar coa resistencia indíxena.[3][22] Angata liderou unha revolta infrutuosa de 1914 para derrocar o control da compañía,[3][23] e na illa continuou un movemento independentista.[24] O neto de Riro, Valentino Riroroko Tuki, proclamouse rei de Rapa Nui en 2011.[25][26]

A presidenta chilena Michelle Bachelet repatriou os restos de Riro á Illa de Pascua en 2006, onde foron recibidos nunha cerimonia coa bandeira da Illa de Pascua ondeando xunto coa bandeira chilena. No acto participaron os seus netos superviventes (Benedicto, Valentino, Milagrosa, Ambrosio, Luis e María). A armada de Chile erixiu un busto do rei fronte á oficina do gobernador en Hanga Roa.[17][27]

Notas editar

  1. Aínda que Riro Kāinga e o seu predecesor Atamu Tekena tiñan o título de rei, o seu poder e lexitimidade en comparación cos seus predecesores están en dúbida. O historiador Alfred Métraux escribiu:
    Aínda que os insulares de hoxe falan dos reis defuntos, Atamu Te Kena e Riroroko, coma se fosen realmente reis, os informantes deixan claro que tiñan moi pouco en común cos ariki de tempos antigos. O seu poder era de natureza indefinida e dubidosa, e parece que non gozaron de ningunha das prerrogativas do antigo ariki. Quizais a súa única pretensión ao título residía na súa liña descendente; ambos pertencían ao clan real Miru. Posiblemente, se a civilización nativa continuase, poderían ser verdadeiros reis. A pretensión persoal, apoiada por oficiais chilenos que precisaban dun intermediario responsable para tratar coa poboación, puido contribuír á restauración do poder desta realeza ficticia e efémera.[2]
  2. Enrique Ika foi proclamado rei en xaneiro de 1900, e Moisés Tuʻu Hereveri foi elixido en 1901 e destituído en 1902. O historiador rapa nui Cristián Moreno Pakarati sinalou que foron inxustamente esquecidos pola historiografía rapanui.[20][21]

Referencias editar

  1. Fischer 2005, p. 150.
  2. Traducido dende o inglés: Although the islanders of to-day speak of the late kings, Atamu Te Kena and Riroroko, as if they were really kings, informants make it clear that they had very little in common with the ariki of olden days. Their power was of an indefinite, dubious nature, and they seem to have enjoyed none of the prerogatives of former ariki. Perhaps their only claim to the title lay in their descent-line; both belonged to the Miru group. Possibly if native civilization had continued, they might have been true kings. Personal pretension, supported by Chilean officers who needed a responsible intermediary to deal with the population, might have contributed toward the restoration of power to this fictitious and ephemeral royalty
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Gonschor 2008, pp. 66–70.
  4. 4,0 4,1 4,2 Fischer 2005, pp. 152–154.
  5. 5,0 5,1 5,2 Pakarati 2015a, pp. 9–10.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 McCall 1997, pp. 115–116.
  7. 7,0 7,1 7,2 Fischer 2005, p. 147.
  8. Métraux 1937, pp. 41–62.
  9. Fischer 2005, pp. 91–92, 99, 101, 147.
  10. Pakarati 2015a, pp. 1–5.
  11. Hotus 1988, p. 157.
  12. Fischer 2005, pp. 147, 152–154.
  13. Pakarati 2015a, pp. 10, 14.
  14. Pakarati 2015b, pp. 3–14.
  15. Gonschor 2008, p. 94.
  16. Fischer 2005, pp. 152, 188.
  17. 17,0 17,1 "Riro ʻa Kāinga". Moe Varua Rapa Nui. May 2010. pp. 5–8. Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2017. Consultado o 26 de marzo de 2017. 
  18. Fischer 2005, p. 152.
  19. Pakarati 2015a, p. 13.
  20. Pakarati 2015a, pp. 13–15.
  21. Simonetti, Marcelo (12 de novembro de 2011). "El último Rey de la Isla de Pascua". Enlace Mapuche Internacional. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2017. Consultado o 26 de marzo de 2017. 
  22. Fischer 2005, p. 155.
  23. Fischer 2005, p. 154, 166–172.
  24. Gonschor 2008, pp. 126–132, 185–193.
  25. Simonetti, Marcelo (16 de outubro de 2011). "Los dominios del rey". La Tercera (Santiago). Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2016. Consultado o 26 de marzo de 2017. 
  26. Nelsen, Aaron (30 de marzo de 2012). "A Quest for Independence: Who Will Rule Easter Island's Stone Heads?". Time (New York City). Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2017. Consultado o 26 de marzo de 2017. 
  27. Gonschor 2007, p. 244.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar