Reinhardtius hippoglossoides
Reinhardtius hippoglossoides Fletán negro, hipogloso negro | |||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Fletán negro nunha lámina da obra Oceanic Ichthyology de G. Brown Goode e Tarleton H. Bean, publicada en 1896 | |||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||
Reinhardtius hippoglossoides (Walbaum, 1792) |
Reinhardtius hippoglossoides, coñecida en galego como fletán negro, hipogloso negro,[1] ou fletán propiamente dito, é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos,[2] a única do xénero Reinhardtius.[2]
Taxonomía
editarXénero
editarO xénero Reinhardtius foi establecido en 1861 polo ictiólogo e paleontólogo estadounidense Theodore Nicholas Gill, que lle puxo o nome na honra de Johannes Christopher H. Reinhardt (1778-1845), zoólogo danés, que foi profesor en Copenhague.[3]
Especie
editarAo longo do tempo no xénero Reinhardtius incluíronse tamén estas outras catro especies:
- Reinhardtius evermanni (Jordan & Starks, 1904)
- Reinhardtius matsuurae Jordan & Snyder, 1901
- Reinhardtius oleosus Tanaka, 1918
- Reinhardtius stomias (Jordan & Gilbert, 1880)
Pero hoxe en día só se recoñece unha, Reinhardtius hippoglossoides (Walbaum, 1792), xa que:
- R. evermanni identifícase hoxe con Atheresthes evermanni Jordan & Starks, 1904
- R. matsuurae identifícase hoxe con R. hippoglossoides (Walbaum, 1792)
- R. oleosus identifícase hoxe con Atheresthes evermanni Jordan & Starks, 1904
- R. stomias identifícase hoxe con Atheresthes stomias (Jordan & Gilbert, 1880)[2]
Esta única especie hoxe válida foi descrita en 1792 polo médico, naturalista e taxónomo alemán Johann Julius Walbaum, que lle deu o nome de Pleuronectes hippoglossoides.[4]
O nome específico, hippoglossoides, fai referencia á súa semellanza coa especie Hippoglossus hippoglossus (aínda que é de menor tamaño). Despois de que Gill fundase o xénero Reinhardtius, a especie foi reclasificada neste.
E ao longo do tempo, ademais de polo nome orixinal, e o actual, foi coñecida polos sinónimos:
Descrición
editarAs principais características morfolóxicas do fletán negro son:[5]
- Corpo esvelto, de até 1,20 m de lonxitude e 45 kg de peso, aínda que as femias raramente superan o metro, e pesan entre os 15 e o 20 kg, e os machos non adoitan superar o 80 cm de longo e pesan comunmente de 6 a 8 kg.
- A boca é grande. A aleta dosal comeza detrás do ollo esquerdo, que está situado no bordo superior da cabeza.
- A liña lateral é case recta, e o lado cego está pigmentado (o que é excepcional entre os pleuronéctidos.
Hábitat e distribución
editarReinhardtius hippoglossoides é un peixe de augas profundas, encontrándose principalmente sobre fondos areosos desde os 200 aos 1600 m, aínda que algúns exemplares capturáronse en profundidades de máis de 2.200 m. Habita principalmente en augas con temperaturas de 1 a 4 °C, pero tamén se ten observado en augas por debaixo dos cero graos, até os -4,5 °C.[5]
Ten unha distribución circumpolar no hemisferio norte, encontrándose tanto no Atlántico norte como no Pacífico norte.
Bioloxía
editar- Reprodución
Os machos alcanzan a madurez sexual aos 7-9 anos, cando miden 55–65 cm de lonxitude, e as femias, aos 9-11 anos, ao chegaren aos 85–80 cm de longo e aos 3–5 kg de peso.
En inverno os adultos desprázanse até as áreas de desova, ao sur do estreito de Davis (entre a costa occidental de Groenlandia e a oriental da illa de Baffin), ao leste do estreito de Dinamarca e ao noroeste de Noruega. A desova é peláxica, e efectúase entre abril e xuño, a 800-1.200 m de profundidade, en augas que están a uns 4 °C.
Os ovos, duns 4 mm de diámetro, vagan libremente a gran profundidade até a eclosión dos ovos, dos que xorden as larvas, que miden de 10 a 15 mm de longo.
As larvas son transportadas polas correntes e, cando miden de 19 a 15 mm descenden ao fondo a 100–300 m de profundidade, en outono. A medida que van medrando vanse desprazando a augas máis profundas.[5]
- Nutrición
Os fletáns negros aliméntanse candos son adultos de zoárcidos, capeláns (Mallotus villosus), Sebastes marinus (unha cabra de altura nórdica), pequenos gádidos, camaróns abisais e outros invertebrados bentónicos.[5]
Pesca
editarO fletán negro captúrase con palangres e redes de arrastre de fondo. Péscase principalmente en Islandia, Noruega e Groenlandia. As capturas anuais flutúan, pero andaban sobre as 100.000 t nos anos 90. Este peixe ten os mesmos usos que o halibut.[5]
Estado da poboación
editarEn 2010, Greenpeace engadiu ao fletán negro na súa Lista vermella de produtos mariños. Esta lista vermella é unha relación dos peixes e mariscos que comunmente se venden nos supermercados de todo o mundo, e que teñen un risco moi alto de seren capturados con métodos de pesca non sustentábel.[6]
Porén, no está incluído na Lista vermella de especies amezadas da UICN.
Pero ante a evidencia da diminución das súas capturas, en decembro de 2005, o Consello da UE estableceu un plan plurianual de recuperación do fletán negro no marco da Organización da Pesca do Atlántico Noroccidental. Este plan prevía reducir o nivel dos totais admisíbeis de capturas até 2007, así como establecía unha serie de medidas de control para garantir a súa eficacia. Nese plan plurianual establecía os totais admisíbeis de capturas en 18.500 t, en 2006, e de 16 000 t en 2007, na subzona 2 da NAFO (zona xeográfica que se sitúa ao leste do meridiano dos 64° 30' de lonxitud oeste na rexión do estreito de Hudson, ao sur da subzona 0, ao sur e ao oeste da subzona 1 e ao norte do paralelo dos 52° 15' de latitude norte) e nas divisións 3 KLMNO da NAFO (nas costas de Terra Nova). O obxectivo era alcanzar un nivel de biomasa explotábel de exemplares cunha idade de cinco anos.[7]
Nota sobre os nomes dos fletáns
editarO nome fletán empezou a coñecerse e usarse en Galicia hai pouco tempo, alá pola primavera de 1995, cando todos os medios de comunicación falaban da guerra do fletán. Até ese momento, os galegos (e todos os españois) coñeciamos tan só a un seu parente, Hippoglossus hippoglossus, que ás veces chegaba aos portos galegos,[8] coñeciámolo polo seu nome inglés, halibut, ou ben polo cultismo hippogloso, derivado do seu nome científico. Os mariñeiros galegos levaban anos pescando no gran banco de Terra Nova a especie da que se trata aquí, que os canadenses de fala francesa chamaban flétan noir, para distinguilo do auténtico flétan, o Hippoglossus hipoglosssus, xa que, ademais do tamaño, distínguese por ter a cara pigmentada máis escura. Os mariñeiros galegos adoptaron o nome francés como fletán e, como consecuencia do conflito con Canadá e a súa repercusión nos medios, o termo comezou a usarse en toda Galicia e en toda España.[9]
Notas
editar- ↑ Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 83.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Reinhardtius Gill, 1861 no WoRMS.
- ↑ Reinhardtius hippoglossoides (Walbaum, 1792) en FishBase.
- ↑ 4,0 4,1 Sinónimos de Reinhardtius hippoglossoides Arquivado 25 de maio de 2015 en Wayback Machine. en Encyclopedia of Life (EOL).
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Muus, Bent J. et al. (1998), p. 260.
- ↑ Lista vermella de Greenpeace.
- ↑ Recuperación del fletán negro Arquivado 11 de agosto de 2014 en Wayback Machine. en Síntesis de la legislación de la UE {(en castelán).
- ↑ Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-433-4, p. 201.
- ↑ Daviña Facal, Luís (1999): "¿Que peixes son os fletáns?" en Lingua e ciencia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-8302-355-5, pp. 133-134.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Froese, Rainer e Pauly, Daniel, eds. (2008): Reinhardtius hippoglossoides (Walbaum, 1792) en FishBase.
- record_id=479756 Reinhardtius hippoglossoides (Walbaum, 1792) en Catalogue of Life: 2006 Annual Checklist, no ITIS.
- Reinhardtius en ADW.
- Fletán negro en NORGE. Productos del Mar de Noruega (en castelán).