Ramón Acín
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2016.) |
Ramón Arsenio Acín Aquilué, nado en Huesca, o 30 de agosto de 1888 e finado o 6 de agosto de 1936, foi un pintor, escultor e xornalista aragonés.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Ramón Asensio Acín Aquilué 30 de agosto de 1888 Huesca, España |
Morte | 6 de agosto de 1936 (47 anos) Huesca, España |
Causa da morte | pena de morte morte en combate, ferida por arma de fogo |
Residencia | Zaragoza Madrid París |
Ideoloxía política | Anarquismo |
Actividade | |
Ocupación | pintor, anarcosindicalista, escultor, escritor, mestre |
Membro de | |
Carreira militar | |
Conflito | guerra civil española |
Familia | |
Cónxuxe | Concha Monrás |
Fillos | Katia Acín Monrás, Sol Acín Monrás |
Parentes | Ramon García-Bragado Acín, neto |
Traxectoria
editarRamón Acín Aquilué era fillo do enxeñeiro agrimensor Santos Acín Mulier e de María Aquilué Royán. Era o menor de tres irmáns, sendo os outros Santos e Enriqueta. Afeccionouse desde novo á pintura e, xa con dez anos, recibía clases do pintor oscense Félix Lafuente. Con doce anos ingresou no Instituto de Segundo Ensino de Huesca, onde realizou os seus estudos. En 1907 matriculouse en Ciencias Químicas na facultade de Ciencias de Zaragoza.
A finais de 1908 abandonou a carreira de Químicas e regresou a Huesca. En 1909 tivo que incorporarse a filas, pero librouse do servizo militar por ser fillo de pais sexaxenarios. Ese mesmo ano marchou a Madrid para facer oposicións de deliñante de Obras Públicas, sen lograr superarlas, polo que retornou a Huesca, onde volveu tomar clases de debuxo na academia particular do pintor Anselmo Gascón de Gotor.
Ramón Acín decidiu dedicarse exclusivamente ó debuxo e á pintura e en agosto de 1910 publicou as súas primeiras ilustracións na prensa no Diario de Avisos de Zaragoza. En agosto de 1911 ilustrou a portada do programa das festas de San Lorenzo en Huesca, e a finais dese mesmo ano un debuxo seu ocupou a portada da revista humorística madrileña Don Pepito.
En xaneiro de 1912, coincidindo coa remodelación de El Diario de Huesca, dirixido desde entón por Luis López Allué, fíxose cargo da sección de "Notas humorísticas", onde asinaba co pseudónimo de "fray Acín". Durante ese ano tamén colaborou con outros periódicos máis progresistas, onde publicou viñetas politicamente máis comprometidas (El Pueblo, Vida Socialista...)
En xullo de 1913 instalouse en Barcelona, a instancias do seu amigo Ángel Samblancat, para fundar o periódico semanal La Ira ("Órgano de expresión del asco y de la cólera del pueblo"), publicando unha viñeta no seu primeiro número e a que foi a súa primeira colaboración escrita en prensa, o artigo "Id vosotros", agresivo escrito contra a guerra contra Marrocos. Para o segundo número escribiu "No riáis", unha dura crítica cara aos representantes da igrexa. Con motivo deste segundo número foron encarcerados os redactores de La Ira e clausurado o periódico.
A finais de 1913 a Deputación de Huesca acordou conceder a Ramón Acín unha pensión para ampliar os seus estudos artísticos. Mercede a esta pensión Ramón alternaraba a súa residencia, durante 1914 e 1915, entre Madrid, Toledo e Granada.
En xaneiro de 1916 Ramón Acín ocupou a praza de profesor especial interino de Debuxo das Escolas Normais de Mestres e Mestras de Huesca. En outubro dese ano marchou a Madrid a preparar oposicións para esa praza. Durante a súa estancia en Madrid residiu nun torreón da rúa Velázquez, onde anos despois viviu Ramón Gómez de la Serna.
En maio de 1917 aprobou a oposición e conseguiu a praza de profesor numerario de Debuxo das Normais de Huesca. O 28 de maio regresou a Huesca, onde o seu pai, xa moi enfermo, faleceu ó día seguinte.
En febreiro de 1919, xunto con outros compañeiros da Agrupación Libre de Huesca, fundou a revista decenal Floreal, publicada ata 1920. Así mesmo, entre finais de 1919 e 1922 Acín colaborou co semanario sindicalista ilerdense Lucha social, dirixido polo seu amigo Joaquín Maurín.
No verán de 1920, xunto con Maurín e Andreu Nin, desenvolveu unha intensa campaña de propaganda e organización sindical polas vilas ilerdenses e oscenses.
En decembro de 1919 celebrouse en Madrid o II Congreso da CNT, ó que acudiu Acín como delegado sindical do Alto Aragón. O 29 de xuño de 1921, no Teatro Principal de Huesca, impartiu unha conferencia na que proxectou 32 debuxos seus realizados en cristal e alusivos a como serían as corridas de touros en 1970.
En 1922 fixo o seu primeiro relevo en barro: un busto de Luis López Allué que anos máis tarde, en 1928, se fundiu en bronce para formar parte do monumento instalado no parque de Buenavista de Zaragoza.
O 22 de decembro de 1922 faleceu a súa nai. Días máis tarde, o 6 de xaneiro de 1923, casou con Conchita Monrás. En abril dese ano publicou o libro Las corridas de toros en 1970, e o 15 de outubro naceu a súa primeira filla, Katia.
O 11 de abril de 1924 publicou en El Diario de Huesca o artigo "Por estética y por humanidad", no que reclamaba o indulto para o seu amigo Juan Bautista Acher "Shum", escritor e debuxante condenado a morte pola ditadura de Primo de Rivera. Con motivo deste artigo foi encarcerado uns días. Ese mesmo ano, por encargo do Concello de Huesca, traballou nun proxecto escultórico para a Fosa Común, monumento que nunca chegaría a ser erixido, sendo unha parte del colocado na súa tumba no ano 2007.
En maio de 1925 inaugurouse en Huesca un monumento dedicado ó xeólogo Lucas Mallada realizado por Acín. O 23 de xullo naceu a súa segunda filla, Sol.
Entre xuño e setembro de 1926 viaxou a París, onde contactou coas vangardas artísticas.
En maio de 1927 Ramón Gómez de la Serna deu unha conferencia en Huesca baixo o título Goya y el Manzanares, na que Ramón Acín, ademais do cartel anunciador, fixo a presentación do orador.
En 1928 realizou a escultura Fuente de Las Pajaritas, instalada no parque de Huesca.
En decembro de 1929 Ramón Acín expuxo por primeira vez nas Galerías Dalmau de Barcelona. Uns meses despois, en maio de 1930, volveu a expor no Rincón de Goya de Zaragoza.
O 12 de decembro de 1930 tivo lugar a sublevación de Jaca. Tralo seu fracaso, Ramón Acín exiliouse a Francia debido á súa involucración. Coa chegada da II República regresou a España e ocupou de novo a súa cátedra na Normal de Mestres de Huesca.
En xuño de 1931 asistiu en Madrid ó III Congreso da CNT, aproveitando a ocasión para expor as súas obras no Ateneo.
En xuño de 1932 expuxo no Círculo Oscense, provocando certo desconcerto entre os seus paisanos que por vez primeira contemplaban a súa obra. En decembro dese ano obtivo, xunto a numerosos oscenses, o premio gordo da lotería de Nadal. Con parte dese premio financiou o ano seguinte a película de Luis Buñuel Las Hurdes, tierra sin pan.
En 1933 foi encarcerado en varias ocasións pola súa actividade revolucionaria.
En xullo de 1935 participou na celebración en Huesca do II Congreso da Técnica da Imprenta na Escola.
O 11 de xuño de 1936 morreu a súa irmá Enriqueta, e con ese motivo Acín publicou en prensa un emotivo artigo.
Asasinato
editarNa noite do 18 de xullo de 1936 unha multitude de oscenses dirixiuse ó Goberno Civil en demanda de armas para facer fronte á sublevación militar. O gobernador de Huesca entrevistouse con Acín e outros líderes antifascistas, asegurándolles que todo estaba baixo control. Ó día seguinte Huesca foi tomada polos rebeldes. Acín ocultouse no seu domicilio, ata que o 6 de agosto, ó oír como maltrataban a súa esposa, saíu do seu acocho voluntariamente e entregouse. Ese mesmo día foi fusilado nas tapias do camposanto de Huesca.
A súa esposa foi asasinada dezasete días despois xunto a un centenar de oscenses.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ramón Acín |