Rafael Leónidas Trujillo

Rafael Leónidas Trujillo Molina, nado en San Cristóbal o 24 de outubro de 1891 e asasinado en Ciudad Trujillo o 30 de maio de 1961, foi un militar dominicano e ditador do seu país, o cal gobernou dende 1930 até o seu asasinato en 1961. Exerceu a presidencia da República Dominicana entre os períodos 1930-1938 e novamente entre 1942-1952, gobernando de forma indirecta durante os períodos 1938-1942 e 1952-1961, valéndose de presidentes aos que manexaba.

Modelo:BiografíaRafael Leónidas Trujillo
Biografía
Nacemento(es) Rafael Leónidas Trujillo Molina Editar o valor en Wikidata
24 de outubro de 1891 Editar o valor en Wikidata
San Cristóbal, República Dominicana Editar o valor en Wikidata
Morte30 de maio de 1961 Editar o valor en Wikidata (69 anos)
Santo Domingo, República Dominicana Editar o valor en Wikidata
Causa da mortehomicidio, ferida por arma de fogo Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio de Mingorrubio - O Pardo (2005–) Editar o valor en Wikidata
Presidente da República Dominicana
18 de maio de 1942 – 16 de agosto de 1952
← Horacio Vásquez (pt) TraducirJacinto Peynado (en) Traducir →
Presidente da República Dominicana
16 de agosto de 1930 – 16 de agosto de 1938
← Manuel de Jesús Troncoso de la Concha (en) TraducirHéctor Trujillo (pt) Traducir → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónCatolicismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico, oficial, ditador Editar o valor en Wikidata
Partido políticoDominican Party (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Rama militarDominican Army (en) Traducir e Dominican National Police (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Rango militarXeneralísimo Editar o valor en Wikidata
Familia
FillosFlor de Oro Trujillo, Ramfis Trujillo, Angelita Trujillo Editar o valor en Wikidata
PaisJosé Trujillo Valdéz Editar o valor en Wikidata  e Altagracia Julia Molina Chevalier Editar o valor en Wikidata
IrmánsHéctor Trujillo Editar o valor en Wikidata
ParentesRamfis Domínguez-Trujillo, neto
Porfirio Rubirosa, xenro Editar o valor en Wikidata
Premios

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteLista de Ditadores de SourceWatch Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0874231 BNE: XX1141557 WikiTree: Trujillo_Molina-1 Find a Grave: 24863165 Editar o valor en Wikidata
Trujillo coa súa segunda esposa, Bienvenida Ricardo, en 1934.

Ademais de como El Jefe, era coñecido polos seus seguidores como "El Benefactor" ou "Padre de la Patria Nueva"; tamén era coñecido despectivamente como "El Chivo" ou "Chapitas" (pola gran cantidade de medallas e condecoracións que exhibía no seu uniforme militar).

A súa tiranía[1] historicamente coñecida como a Era de Trujillo, é considerada unha das máis sanguentas do século XX.[2] Estivo caracterizada polo anticomunismo, a represión de toda oposición e polo culto á personalidade. Os seus defensores destacan como aspectos positivos do réxime a restauración da orde pública e o progreso económico do país.

O goberno de Trujillo foi responsable da morte de máis de 50.000 persoas, incluíndo entre 20.000 e 30.000 no Masacre del Perejil.

Trujillo prestou especial atención a mellorar as Forzas Armadas. O persoal militar recibiu xenerosa paga e beneficios baixo o seu goberno e ampliou o número de efectivos, así como os inventarios de equipo. Trujillo mantivo o control sobre o corpo de oficiais a través do medo, o clientelismo e a frecuente rotación de tarefas, que inhibiu o desenvolvemento dos seus seguidores persoais.

O establecemento do monopolio do Estado sobre todas as empresas importantes no país recadou fondos para o estado a través da manipulación dos prezos e a malversación de fondos de Trujillo.

Durante 31 anos, todos os estamentos do Estado funcionaban sen ningunha "violación" da lei. Toda tortura ou condena era borrada, negada. Unha morte era encuberta nun accidente ou os seus supostos autores eran encarcerados.

Traxectoria

editar

Orixes

editar

Trujillo naceu en San Cristóbal, fillo de José Trujillo Valdez, pequeno comerciante descendente do sarxento canario José Trujillo Monagas, que chegara a Santo Domingo como integrante das tropas españolas de reforzo durante a Anexión[3], e de Altagracia Julia Molina Chevalier, máis tarde coñecida como Mamá Julia, filla de Pedro Molina, campesiño dominicano, e de Luisa Ercina Chevalier, filla á súa vez dun oficial haitiano dos tempos da ocupación de 1822. A súa bisavoa Diyeta Chevalier tamén era de orixe afro-haitiano. Tempo máis tarde, Trujillo renegou da ascendencia haitiana da súa nai debido á súa matanza de haitianos en 1937.

Era o terceiro de once fillos, xunto a Rosa María Julieta, Virgilio, José "Petán" Arismendy, Amable "Pipi" Romero, Julio Aníbal, Luisa Nieves, Pedro Vetilio, Ofelia Japonesa e Héctor "Negro" Bienvenido Trujillo Molina. Trujillo tivo tamén outros irmáns por parte de pai. De orixe humilde, agás Amable Romeo os seus irmáns foron xenerais e coroneis do Exército Dominicano, e baixo a súa ditadura Héctor Bienvenido foi nomeado Xeneralísimo en 1959.

A súa educación básica foi irregular e bastante limitada. En 1897 foi inscrito na escola de Juan Hilario Meriño, e un ano despois trasladouse á escola de Broughton, onde foi discípulo de Eugenio María de Hostos, permanecendo alí tres ou catro anos.

En 1907, con 16 anos, Trujillo obtivo un traballo como telegrafista, actividade que exerceu durante 3 anos. Concluído este tempo dedicouse xunto ao seu irmán José Arismendi ("Petán") ao cuatrerismo, a falsificación de cheques e o roubo postal, sendo declarado culpable e encarcerado algúns meses por estes delitos.

En 1916 retoma as actividades criminais, liderando a banda de asaltantes "La 42", temida pola súa violencia, mentres adicaba o resto do tempo a actividades diversas.[4]. Máis tarde traballou durante dous anos na industria do azucre como garda campestre.

Entrada na milicia

editar

En 1916 tivo lugar a Intervención Militar Estadounidense na República Dominicana por mor das ameazas de non pagar a débeda externa. O Exército de Ocupación creou axiña unha Garda Nacional para restablecer a orde. En 1918 Trujillo integrouse na Garda Nacional, impresionando os seus recrutadores, sendo promovido a Segundo Tenente o 18 de decembro dese mesmo ano. Foi ascendido novamente e prestou xuramento o 11 de xaneiro de 1919, converténdose no tenente número 15 dos dezaseis que existían entón na Guardia Nacional. En 1921 ingresou nunha Academia Militar fundada polo exército de ocupación en Haina, e o 22 de decembro dese mesmo ano foi designado para ocupar a xefatura da gornición de San Pedro de Macorís. En 1922 foi trasladado ao Cibao e, mentres se encontraba en San Francisco de Macorís, foi ascendido a Capitán sen pasar polo grao de Primeiro Tenente, algo irregular na escala militar, pero explicable debido aos "servizos" prestados por Trujillo ao ocupante estadounidense. Este ascenso foi acompañado pola reorganización da Guardia Nacional, que máis tarde se converteu na Policía Nacional Dominicana, na que pouco tempo despois ocupou o mando da 10ª compañía.

En 1923, antes do seu nomeamento como inspector do primeiro distrito militar, participou como estudante na escola de oficiais o Departamento del Norte. Nesa época, a pesar da súa formación militar, comezaron a manifestarse as súas inclinacións políticas. Emprendeu unha vertixinosa carreira como oficial, chegando ao grao de Maior. Cando as tropas dos Estados Unidos abandonaron o país en 1924, deixaron a Trujillo a cargo. En 1927 Trujillo integrouse na Brigada Nacional logo de que fose creada para substituír a Garda Nacional, e ascendeu ao grao de xeneral.

Golpe de estado a Vásquez e ascenso ao poder

editar

Ao triunfar Horacio Vásquez nas eleccións que seguiron á desocupación das tropas estadounidenses en 1924, Trujillo recibiu a petición de permanecer á fronte da Policía Nacional. O 6 de decembro dese mesmo ano o Presidente Vásquez ascendeuno a Tenente Coronel e nomeouno xefe do Estado Maior.

En 1930 estoupou en Santiago unha insurrección contra o presidente Horacio Vásquez, e os rebeldes marcharon cara a Santo Domingo. Trujillo recibiu a orde de someter a rebelión, mais cando os amotinados chegaron á capital o 26 de febreiro, non encontraron resistencia algunha. Ao saber o presidente Vásquez de que un dos ideólogos da insurrección era o xeneral Trujillo, e logo de suxerir a súa destitución como xefe do Exército, decidiu buscar unha saída negociada á crise para evitar o derramamento de sangue. Xa derrocado, Vásquez foi enviado ao exilio e o líder rebelde Rafael Estrella foi proclamado presidente interino cando Vásquez renunciou. Trujillo converteuse en candidato nas eleccións presidenciais de 1930, levando a Ureña como vicepresidente, en tanto que a outra candidatura presentaba a Federico Velásquez y Hernández e a Ángel Morales á presidencia e vicepresidencia, se ben renunciaron á súa candidatura, quedando Trujillo como única opción. A campaña electoral tivo lugar baixo un clima de terror producido por Trujillo e a súa banda paramilitar La 42, dirixida polo maior do exército Miguel Ángel Paulin, dedicada a perseguir, intimidar e matar. Mesmo os membros da xunta Central Electoral foron forzados a renunciar o 7 de maio, sendo substituídos por persoas que respondían á vontade de Trujillo. Gañou o 16 de maio, rexistrando oficialmente o 45 % dos votos; máis tarde descubriuse que só o 25 % dos votantes acudiran ás urnas, o que fixo pensar que foron unhas eleccións fraudulentas. Así, o 24 de maio de 1930 foron proclamados oficialmente Trujillo e Ureña presidente e vicepresidente do país, asumindo o poder o 16 de agosto.

Primeiro mandato 1930-1934

editar

Xa en xuño dese mesmo ano a oposición organizouse para derrocar a Trujillo, pero o intento foi en van, terminando os opositores no exilio, entre eles Martín de Moya, Horacio Vásquez, Ángel Morales, Federico Velásquez, Alfredo Ricart, Cucho Álvarez Pina, Ángel María Soler, José Dolores Alfonseca, Luis F. Mejía, Leovigildo Cuello e Ramón de Lara.

O 3 de setembro de 1930, tres semanas despois de que Trujillo asumise o poder, o destrutivo furacán San Zenón golpeou Santo Domingo e deixou máis de 3.000 persoas mortas. Cos cartos de socorro da Cruz Vermella Americana, reconstruíuse Ciudad de Trujillo.

En marzo de 1931 o xeneral Desiderio Arias dimitiu do gabinete de Trujillo. Este último quedara sen oposición algunha, o que contribuíu a fortalecer a ditadura. En outubro Trujillo promulgou a Lei de emerxencias, mediante a cal o Estado dominicano suspendía o pago por concepto de amortización da débeda externa cos EUA, reduciu o gasto público con despedimentos masivos e redución de salarios, e diminuíu as importacións e equilibrou a balanza comercial. Ante posibles invasións por parte dos exiliados políticos, o 31 de decembro de 1931 Trujillo realizou un percorrido xunto ao seu Estado Maior polas provincias do país acompañado de militares do exército nacional.

O 26 de maio de 1933 foi nomeado «Xeneralísimo dos Exércitos Nacionais» polo Congreso Nacional.

Gabinete de goberno

editar
Secretario Secretaría
Rafael Vidal Torres Secretaría da Presidencia
Elías Brache (fillo) Xustiza, Institución Pública e Belas Artes
Roberto Despradel Secretaría de Finanzas
Antonio Jorge Secretaría de Mariña e Guerra
Jacinto Bienvenido Peynado Secretaría de Interior e Policía
Rafael César Tolentino Secretaría de Agricultura e Comercio
José Manuel Jimenes Secretaría de Fomentos e Obras Públicas
Teodulo Pina Chevalier Secretaría de Traballo e Comunicacións

Partido Dominicano

editar
Artigo principal: Partido Dominicano.

O Partido Dominicano achegou a maquinaria ideolóxica de soporte do réxime. Constituído oficialmente o 2 de agosto de 1931, foi, o único partido permitido durante o réxime, agás en contadas excepcións coxunturais. Mario Fermín Cabral foi o principal líder do Partido, que tiña por símbolo unha palma. O carné de membro do partido converteuse nun documento obrigado para todos os dominicanos maiores de idade e era necesario para a maioría das actividades cotiás como buscar emprego, e para saír do país.

Segundo mandato 1934-1938, reelección presidencial

editar

En febreiro de 1934 celebrouse unha convención para elixir a Trujillo novamente como presidente a través do Partido Dominicano. O 16 de maio tiveron lugar as eleccións nacionais con Trujillo como único candidato e sen ningunha oposición política. O 16 de agosto asumiu o poder por segunda vez, desta volta con Jacinto Bienvenido Peynado como vicepresidente.

Xenocidio de 1937: «Masacre del Perejil»

editar

Trujillo mostrou sempre preocupación pola inmigración haitiana á República Dominicana, levando a cabo unha política de discriminación no país, non tanto por motivos racias como por factores políticos e económicos.

En outubro de 1933 viaxou a Haití para reunirse co seu presidente, Sténio Vincent. Trujillo propúxolle revisar o acordo anterior de 1929 con relación aos límites da fronteira dominico-haitiana. Vincent aceptou, e en marzo de 1936 ambos os dous presidentes asinaron o acordo, establecendo novos límites administrativos. A pesar das negociacións, os haitianos seguían entrando con pouco ou ningún control no territorio dominicano, chegándose ao punto de que o gourde, a moeda nacional haitiana, estaba a utilizarse máis cá propia moeda dominicana, o peso, para o pago de bens e servizos en zonas territoriais que chegaban até a poboación de Azua, no sur da nación.

Entre o 28 de setembro e o 8 de outubro de 1937 tivo lugar un masacre contra a cidadanía haitiana que vivise nas zonas do Sur e fronteiriza con Haití, nun xenocidio coñecido como o Masacre del Perejil ou El Corte. Tropas do exército dominicano mataron miles de haitianos (entre 15 e 20.000). O feito intentou ser xustificado co pretexto de temer infiltracións, mais na realidade foi tamén unha represalia, tanto polo conflito das divisas nacionais como por que Trujillo fora informado polo Servizo de Intelixencia Militar (o temible SIM) de que o goberno haitiano cooperaba cun plan de exiliados dominicanos que buscaban derrocalo.

Terceiro mandato 1942-1947

editar

En febreiro de 1942 Trujillo foi novamente postulado ás eleccións polo Partido Dominicano e mais polo creado pouco antes Partido Trujillista. Tiveron lugar o 16 de maio, votando case 600.000 cidadáns.

Este mandato coincidiu coa celebración dos 100 anos da creación da nación dominicana, festexándose coas «Festas do centenario».

O 4 de agosto de 1946 tivo lugar un forte terremoto na rexión nordeste do país.

Crise do azucre de 1946

editar

No final de 1945 a crise nos enxeños do azucre agudizouse por mor da inflación, ademais do pouco salario dos operarios de baixa cualificación. Trujillo usaba a opresión para contrarrestar as folgas, indo o exército buscar os traballadores que non foran traballar mediante redadas e acusándoos do delito de vagancia. Os capturados eran encarcerados e obrigados a traballar, o mesmo que quen non posuía os documentos regulamentarios do réxime coñecido como «os 3 golpes».

En xaneiro de 1946 un grupo de manifestantes obreiros chamado «Federación Local del Trabajo», fundado polo líder sindical Mauricio Báez, fixo unha folga durante máis dunha semana. A ditadura terminou cedendo ás peticións dos demandantes, pero máis tarde algúns foron perseguidos e asasinados, mentres que outros se exiliaron. Tempo despois Trujillo desintegrou todos os sindicatos do país, obrigándoos a pertencer a unha federación afín a el. En 1950 Mauricio Báez foi secuestrado en Cuba, onde estaba exiliado, sen que se volvese saber do seu paradoiro.

Cuarto mandato 1947-1952, segunda reelección presidencial

editar

En maio de 1947 tiveron lugar novas eleccións, pero desta volta con fortes críticas internacionais sobre o goberno ditatorial, o que levou a Trujillo a montar unha democracia ficticia. Nas eleccións participaron tres partidos políticos: o Partido Nacional Laborista, o Partido Nacional democrático e o Partido Dominicano, que levaban de candidatos respectivamente a Rafael A. Espaillat, Francisco Pratts Ramírez e Rafael Leónidas Trujillo. Trujillo gañou co 90 % dos votos.

En outubro de 1952 Trujillo creou o Instituto Trujilloniano con Manuel Peña Batlle como presidente, sendo a misión da institución a difusión da obra do goberno de Trujillo.

Política económica

editar

Baixo o goberno ditatorial de Trujillo houbo un certo benestar económico, pois a súa política económica estaba centrada en liberar o país de débedas internacionais, promover a exportación e fomentar a produción nacional.

O 15 de agosto de 1938 inaugurouse o peirao de Santo Domingo, que impulsou de xeito significativo as actividades comerciais co exterior.

O 24 de setembro de 1940 asinouse o tratado Trujillo-Hull, acordo que derogaba a convención dominico-americana firmada en 1924, restablecendo así o control absoluto das aduanas dominicanas.

En 1941 Trujillo mercou unha sucursal do National City Bank of New York, e o 24 de outubro dese mesmo ano fundou o Banco de Reservas.

En 1947 fundou o Banco Central da República Dominicana, e o 10 de xaneiro dese mesmo ano estableceuse o peso dominicano como moeda oficial do país, xa que até entón circulaba o dólar estadounidense. O 19 de xullo Trujillo liquidou a débeda externa do país, que ascendía a 9.271.855 dólares.

Entre 1945 e 1950 Trujillo procurou a industrialización do país, especialmente no ámbito agropecuario. En 1955 o investimento industrial cuadriplicouse.

Política migratoria

editar

En 1938, na conferencia de Evian, foi o único país disposto a aceptar xudeus franceses, cun convenio realizado entre Trujillo e empresarios semitas da cidade de Nova York, onde acordaron o pago de arredor dun millón de dólares. En 1940 chegaron á República Dominicana 750 xudeus mediante un acordo asinado por Trujillo, que doou 110 km² aos refuxiados, que despois se asentaron en Sosúa.

En 1939, terminada a guerra civil española, permitiu entrar no país os exiliados do bando republicano. En 1952 viaxou de novo a España para reunirse co seu homólogo, o xeneral Francisco Franco. Propiciou a inmigración de españois para a República Dominicana, presuntamente para «branquear» a raza.

Tamén fomentou despois da segunda guerra mundial a inmigración de agricultores xaponeses á zona de Constanza e Jarabacoa.

Política medioambiental

editar

O réxime de Trujillo ampliou considerablemente o Vedado do Yaque, unha reserva natural arredor do río Yaque del Sur. En 1934 creou o primeiro parque nacional do país e estableceu unha axencia de garda para protexer o sistema de parques, e prohibiu a talla de piñeiros sen permiso expreso. Porén, se ben actuaba en nome do ecoloxismo, pretendía crear un monopolio para as súas empresas privadas. Na década de 1950 o réxime de Trujillo encargou un estudo sobre o potencial hidroeléctrico de represar as vías navegables da República Dominicana. A comisión chegou á conclusión de que só as vías navegables das fragas poderían soportar as presas hidroeléctricas, polo que Trujillo prohibiu a talla nas potenciais concas fluviais. Despois do seu asasinato en 1961, retomouse a talla na República Dominicana. Os invasores queimaron os bosques para a agricultura e as empresas madeireiras talaron os bosques, reducindo así a potencial xeración de enerxía hidroeléctrica no país. En 1967 o presidente Joaquín Balaguer lanzou ataques militares contra a talla ilegal.

Relacións coa Igrexa

editar

No seu segundo ano de goberno, Trujillo procurou obter o apoio da Igrexa Católica, decretando varias medidas a favor da mesma, como a concesión dun subsidio por parte do goberno. Isto valeulle o nomeamento como membro da Orde Hierosolimitana del Santo Sepulcro por parte do arcebispo de Santo Domingo Monseñor Adolfo Nouel en agosto de 1931.

Os desencontros de Trujillo coa Igrexa Católica comezaron en 1932, ao ser substituído Monseñor Nouel polo Padre Rafael Castellanos Martínez. O novo arcebispo non se someteu á ditadura, e Trujillo considerou a actitude do relixioso coma unha rebeldía, polo que retirou o subsidio á Igrexa e pediu ao Vaticano que destituíse a Castellanos, facendo que retornase Nouel como arcebispo vitalicio.

O 15 de xuño de 1954 Trujillo viaxou ao Vaticano para firmar o Concordato de 1954 con Pío XII, quen o distinguiu coa Gran cruz da Orde Piana. Pola súa parte, o goberno dominicano concedía á igrexa católica privilexios sobre outras confesións.

O 31 de xaneiro de 1960 todas as igrexas da República Dominicana puxéronse de acordo e mediante unha carta pastoral mostraron o seu desacordo co réxime. Trujillo respondeu atacando mediaticamente a igrexa católica e promoveu protestas contra os bispos do momento.

Feira da Paz

editar

O 20 de decembro de 1955 foi inaugurada a Feira da Paz e Confraternidade do Mundo Libre, evento adicado a celebrar os 25 anos de Trujillo. A feira custou ao Estado máis de 30 millóns de dólares, case un terzo do orzamento nacional da época, o que provocou unha crise económica considerable.

Presidentes monicreques 1938-1942 1952-1961

editar

Trujillo usou varios gobernos monicreques para enganar a opinión internacional, mantendo a ditadura nunha especie de pseudodemocracia, aínda que nunca deixou de gobernar desde que asumiu o poder en 1930.

Por mor dos problemas internacionais ocorridos no seu anterior goberno (1934-1938), Trujillo decidiu postular como candidato á presidencia o seu primeiro monicreque Jacinto Bienvenido Peynado. Nas eleccións do 16 de maio de 1938 Peynado, que levaba a Manuel Troncoso de la Concha como vicepresidente, gañou coa totalidade dos votos emitidos, tomando posesión como presidente o 16 de agosto dese mesmo ano. Peynado foi relevado polo vicepresidente Troncoso tralo seu falecemento en 1940.

O 16 de agosto de 1952 xurou o cargo o terceiro presidente monicreque, o seu irmán Héctor Bienvenido Trujillo. Nese período Rafael Leónidas Trujillo ostentaba o cargo de embaixador dominicano ante a OEA, e realizou varias viaxes por América e Europa.

En 1957 tiveron lugar as eleccións presidenciais para o período 1957-1962, con Héctor Bienvenido Trujillo e Joaquín Balaguer como candidatos á presidencia e vicepresidencia, respectivamente. Nun engano para aparentar democracia, Trujillo fixo renunciar a seu irmán Héctor Bienvenido en 1960, sendo substituído o 3 de agosto por Joaquín Balaguer, sendo este o último presidente monicreque do ditador.

Servizo de Intelixencia Militar (SIM)

editar

No final da década de 1950 creouse unha especie de policía secreta chamada Servizo de Intelixencia Militar (SIM), que tiña por finalidade a represión política. A organización contaba con varios axentes secretos e funcionarios da ditadura con Johnny Abbes como xefe, quen se encargaba de levar a cabo as ordes de represión e tortura de Trujillo, se ben en ocasións Abbes actuaba por conta propia.

O SIM, que atemorizaba á poboación en xeral mediante a tortura, contaba con varios lugares para levalas a cabo, entre eles o Cárcere do 9 e o Cárcere do 40.

Intentos de derrocamento

editar

Para este mandato Trujillo tivo en contra varios gobernos estranxeiros, como Rómulo Betancourt de Venezuela, Juan José Arévalo de Guatemala, Ramón Grau San Martín de Cuba e Elie Lescot de Haití.

Os exiliados dominicanos celebraron un congreso na Universidade da Habana, formando a organización Frente Unido de la Liberación Dominicana, con Ángel Morales como presidente, e con membros como o contista e político dominicano Juan Bosch. O principal propósito foi xestionar ante os gobernos democráticos de América Latina e o Caribe unha axuda militar para utilizala contra a ditadura de Trujillo. O encargado das xestións internacionais foi Bosch, que viaxou a varios países para reunirse cos seus respectivos presidentes.

O 21 de setembro de 1947 o grupo de dominicanos no exilio xunto a un batallón voluntario de militares armados procedentes de Cuba e outros países de América Latina partiron cara a Santo Domingo nun movemento militar chamado Expedición de Cayo Confites. Máis tarde foron obrigados a desembarcar, logo apresados e levados ao recinto militar de Columbia situado na Habana, fracasando así a invasión.

O 19 de xuño de 1949 realizouse un segundo intento para derrocar o réxime de Trujillo, mais volveu a fracasar, terminando algúns dos participantes carbonizados nun contraataque do exército dominicano, e outros foron apresados.

O 14 de xuño de 1959 varios homes armados comandados por Enrique Jiménez Moya aterraron en Constanza co fin de derrocar a Trujillo. O 20 de xuño do mesmo ano desembarcaron en Maimón 144 homes dirixidos por José Horacio Rodríguez na provincia de Puerto Plata, desprazados na lancha Carmen Elsa. Despois de varios días de combate en contra do réxime, os expedicionarios foron derrotados e trasladados á Base Aérea de San Isidro onde foron torturados. Algúns sobreviviron, pero máis tarde foron fusilados.

Ese mesmo ano formouse un movemento político de esquerda chamado Movimiento 14 de junio, composto por xente nova que procuraba un cambio cara á democratización do país. O movemento contaba con Manolo Tavárez Justo e a súa esposa Minerva Mirabal como líderes. Trujillo actuou contra a maioría dos membros do grupo, mandándoos encarcerar e torturar mediante o SIM.

Cando John F. Kennedy tomou posesión como presidente dos Estados Unidos o 20 de xaneiro de 1961, os plans da CIA para derrocar a Trujillo estaban en marcha. A pesar diso, o presidente Kennedy enviou ao diplomático Robert D. Murphy para que se entrevistase con Trujillo e o persuadise de que se retirase do poder. Murphy chegou a Santo Domingo o 15 de abril de 1961, sendo o cuarto e último emisario do goberno estadounidense que trataba de convencer ao ditador para que se retirase polas boas.

Aínda que o goberno dos Estados Unidos ofrecera o seu apoio en armas e loxística a quen buscase pór fin á ditadura, decidiu retirar a oferta despois de que se producise o golpe de Estado; se ben o plan puxo fin á vida de Trujillo, supuxo tamén a morte de case todos os involucrados, xa que sen apoio internacional quedaron practicamente illados.

Acordo con Duvalier

editar

O 22 de decembro de 1958, na fronteira dominico-haitiana entre Jimaní e Malpasse, Trujillo e o ditador François Duvalier firmaron un acordo de mutua protección. O acordo establecía entre outras cosas que ningún dos dous gobernos permitiría nos seus respectivos territorios actividades subversivas en contra dalgún deles, nin que os exiliados políticos realizaran propaganda sistemática incitando ao uso da violencia en contra dos seus respectivos Estados.

Relacións internacionais

editar

O anticomunismo de Trujillo tendía a cuidar a súa coexistencia pacífica co goberno dos Estados Unidos.

Despois do xenocidio de haitianos de 1937, a tiranía de Trujillo comezou a ter problemas internacionais, sobre todo cos Estados Unidos. Un dos membros da Cámara de Representantes dos Estados Unidos, Hamilton Fish, pediu ao seu goberno que rompese as relacións coa República Dominicana se non se resolvía o conflito con Haití. O 31 de xaneiro de 1938 Trujillo asinou un acordo co goberno haitiano, indemnizándoo con 750.000 dólares pola matanza. Porén, máis tarde Trujillo valeuse de artimañas e só pagou 550.000 dólares.

Durante a segunda guerra mundial Trujillo posicionouse cos aliados e declarou a guerra a Alemaña e o Xapón o 11 de decembro de 1941. Se ben non houbo participación militar da República Dominicana, esta converteuse así nun dos membros fundadores das Nacións Unidas. Trujillo alentou as relaciones diplomáticas e económicas cos EUA, mais mantén relacións tensas con parte de América Latina, especialmente con Costa Rica e Venezuela. Mantivo relacións amistosas con Franco en España, Perón da Arxentina, e Somoza de Nicaragua. Cara ao final do seu goberno, a súa relación cos Estados Unidos deteriorouse.

En 1941, Élie Lescot, que recibira apoio financeiro de Trujillo, sucedeu a Sténio Vincent como Presidente de Haití. Trujillo esperaba que Lescot fose un monicreque, mais Lescot volveuse na súa contra. Trujillo, sen éxito, intentou asasinalo en 1944, e despois o goberno haitiano publicou o feito, desacreditando a Trujillo.

O 12 de marzo de 1956 foi secuestrado pola ditadura dominicana o profesor de Universidade de Columbia e exiliado español Jesús de Galíndez, que daquela residía en Nova York. Galíndez escribira unha tese doutoral sobre a ditadura de Trujillo, motivo polo cal foi secuestrado. Isto provocou que os Estados Unidos rompesen definitivamente as relacións coa ditadura.

Ese mesmo ano, ao decatarse Trujillo de que Fidel Castro estaba a gañar terreo, comezou a apoiar a Fulgencio Batista con cartos, avións, equipos e homes. Trujillo, convencido de que prevalecería Batista, sorprendeuse moito cando este se presentou coma un fuxitivo despois de ser derrocado. Trujillo mantivo a Batista até agosto de 1959 coma un «prisioneiro virtual». Só despois de pagar entre tres e catro millóns de dólares puido Batista viaxar a Portugal, que lle concedera un visado.

Castro ameazou con derrocar a Trujillo, e Trujillo respondeu aumentando o orzamento para a defensa nacional. Unha lexión estranxeira formouse para defender Haití, xa que se esperaba que Castro podería invadir primeiro a parte oeste da illa e eliminar así a François Duvalier.

En 1959 Trujillo comezou a interferir cada vez máis nos asuntos internos de países veciños. Trujillo expresou o seu gran desprezo polo presidente de Venezuela Rómulo Betancourt. Un opoñente establecido e aberto de Trujillo, Betancourt estivera asociado cos dominicanos que conspiraran contra o ditador. Trujillo desenvolveu un odio obsesivo e persoal cara a Betancourt e apoiou numerosos plans dos exiliados venezolanos para derrocalo. Por mor disto, o goberno venezolano levou o caso en contra de Trujillo á Organización de Estados Americanos (OEA). Esta situación enfureceu a Trujillo, quen ordenou aos seus axentes estranxeiros colocar unha bomba no coche de Betancourt. O intento de asasinato, levado a cabo o 24 de xuño de 1960, feriu mais non matou o presidente venezolano.

O incidente con Betancourt puxo a opinión mundial contra Trujillo. Indignados, os membros da OEA aprobaron por unanimidade romper relacións diplomáticas co goberno de Trujillo e impor sancións económicas á República Dominicana. A relación co ditador convertérase nunha vergoña para os Estados Unidos e foi rota de modo irreconciliable despois do incidente con Betancourt.

O desfile do millón

editar

O 24 de outubro de 1960, para conmemorar o 69º aniversario de Trujillo, os seus colaboradores organizaron o desfile do millón, con centos de persoas de diversos sectores sociais desfilando para reafirmar a popularidade de Trujillo e pedir a súa postulación para as eleccións de 1962.

Culto á personalidade

editar

A suxestión de Mario Fermín Cabral, o Congreso aprobou en 1936 cambiar o nome da capital Santo Domingo a "Ciudad Trujillo"; amais, a provincia San Cristóbal foi renomeada como "Provincia Trujillo", e o pico máis alto do país, o pico La Pelona Grande (hoxe Pico Duarte)[5], pasou a chamarse "Pico Trujillo" na súa honra. As estatuas de "El Jefe" foron producidas en masa e erixidas en toda a República Dominicana, e as pontes e edificios públicos tamén foron nomeados na súa honra.

Os periódicos do país escribían eloxios cara a Trujillo como parte da portada, e nas matrículas dos vehículos foi incluído o lema "¡Viva Trujillo!", e en Ciudad Trujillo creouse un sinal eléctrico co lema "Dios y Trujillo". Co tempo, mesmo as igrexas estaban obrigadas a publicar o lema "Dios en el cielo, Trujillo en la tierra". Conforme pasou o tempo, a orde da frase inverteuse a "Trujillo en la Tierra, Dios en el Cielo".

Trujillo foi proposto para o Premio Nobel da Paz, se ben o comité rexeitou a suxestión. Cando Trujillo recibía (ou chamaba) un visitante, os seus catro gardacostas disparaban cara a arriba. Obrigou aos intelectuais a escribir libros que despois se atribuía. Ademais, adxudicouse varios títulos honoríficos, como Doutor, Licenciado, Pai da Patria Nova, Benefactor da Patria ou Protector da Igrexa. Para entrar na universidade cumpría renderlle pleitesía e para graduarse era requisito indispensable facer profesión pública de fe trujillista.

A súa filla Angelita foi nomeada raíña da Feira da Paz e a Fraternidade do Mundo Libre en 1955, un evento pomposo que custou case 30 millóns de dólares. Os organizadores da Feira declararon escritora e filósofa á esposa de Trujillo, naquel entón María Martínez Alba, malia ser semianalfabeta.

Vida particular

editar

Na súa mocidade Trujillo foi acusado de varios delitos, incluídos sexuais. A comezos da década de 1910 Trujillo violou unha menor, quedando este feito impune.

O 13 de agosto de 1913, con 21 anos, Trujillo casou con Aminta Ledesma, unha moza de boa reputación, fila dun campesiño procedente de San Cristóbal. Tiveron dúas fillas: Julia Genoveva, que naceu e morreu en 1914, e Flor de Oro Trujillo Ledesma, nada en 1915 e que máis tarde casou con Porfirio Rubirosa. O primeiro matrimonio de Trujillo rematou en divorcio en 1925[6].

O 30 de marzo de 1927 casou con Bienvenida Ricardo, unha rapaza de Montecristi, filla de Buenaventura Ricardo Heureaux. Un ano máis tarde coñeceu a María de los Ángeles Martínez Alba «la Españolita» e tivo un romance con ela.[7] Desa relación naceu o 5 de xuño de 1929 Rafael Leonidas (Ramfis). Divorciouse de Bienvenida Ricardo en 1935, alegando que non podía darlle fillos. Porén, en 1936, procreou con Bienvenida a Odette. Tivo dous fillos máis con María Martínez: Angelita Trujillo (nada en París o 10 de xuño de 1939) e Rhadamés Leonidas Trujillo (nado o 1 de decembro de 1942). Ramfis e Rhadamés eran nomes de personaxes da ópera Aida de Giuseppe Verdi.

En 1937, Trujillo coñeceu a Lina Lovatón Pittaluga, unha moza da clase alta coa que mantivo unha relación e coa que tivo dous fillos: Yolanda (n. 1939) e Rafael (n. o 20 de xuño de 1943).

Segundo unha publicación de Jesús de Galíndez, Ramfis non era fillo de Trujillo, senón dun cubano chamado Rafael Dominici, co que María Martínez estaba casada no momento en que naceu. A publicación nunca se desmentiu, quedando todo como un misterio.

A pesar de non ser afeccionado ao béisbol, Trujillo utilizaba este deporte, o de maior sona na República Dominicana, como ferramenta de sedución para os seus fins reeleccionistas. Trujillo invitou a numerosos xogadores negros dos Estados Unidos, onde non podían xogar con liberdade pola discriminación da época. Leroy Robert "Satchel" Paige viaxou ao Caribe e América Latina, onde os equipos estaban integrados. Xogou no Dragones de Ciudad Trujillo, equipo organizado por Trujillo co fin de gañar popularidade. Chegou a pagar a Paige 30.000 dólares para que gañase o campionato dominicano. Paige fuxiu da República Dominicana cos seus compañeiros de equipo tras cobrar por temor a represalias por parte dos inimigos de Trujillo.

Trujillo era dinámico e saudable, mais tiña crónicas infeccións urinarias e, máis tarde, problemas de próstata. En 1934, o doutor Georges Marion foi chamado desde París para realizarlle tres procedementos urolóxicos a Trujillo.

Co tempo Trujillo adquiriu numerosos bens. O seu lugar favorito era «Las Caobas», un lugar cerca de San Cristóbal, e unha casa na praia de Najayo. Outros lugares da súa propiedade, que rara vez frecuentaba, son Santiago, Constanza, La Cumbre, San José de las Matas. Amais, tiña un ático no hotel Embajador, en Santo Domingo.

Se ben a súa imaxe pública era de personaxe católico, tiña numerosas supersticións.

Patrimonios adquiridos

editar
 
Trujillo en abril de 1946.

Trujillo utilizaba o método de adquirir propiedades, leiras e negocios lucrativos, a prezos moi baixos, polo que os sectores da clase alta e investidores se aterrorizaban cando Trujillo se interesaba nalgunha das súas propiedades. Deste modo Trujillo adquiría propiedades, e acobou considerando a República Dominicana coma un feudo privado da súa familia.

Trujillo e a súa familia amasaron unha enorme riqueza. Adquiriu propiedades como terras gandeiras a grande escala, e entrou en produción de carne e leite, se ben as operacións evolucionaron axiña cara ao monopolio. Outras industrias nas que participou foron o sal, azucre, tabaco, madeira e lotería. Xa en 1937 os ingresos anuais de Trujillo eran de aproximadamente 1,5 millóns de dólares.

En 1940 apropiárase xa da maioría das empresas dominicanas, creando un monopolio no país. En 1960 posuía o 60 % da industria azucreira dominicana, cunha fortuna persoal de 800 millóns de dólares, chegando a ser a 6ª persoa máis rica do mundo. No momento da súa morte tiña 111 empresas no seu país.

De distintas maneiras logrou concentrar ao longo da súa vida unha gran parte da economía dominicana na súa man.

  1. "Trujillo erigió tiranía bajo ley, batuta y orden", artigo en Listín, 30 de maio de 2011.
  2. "Rafael Leónidas Trujillo. Dictador y reptiliano" Arquivado 22 de novembro de 2012 en Wayback Machine., artigo en Control de los cielos.
  3. http://publicacionesdiarias.blogspot.com/2007/05/antecedentes-de-trujillo.html "Antecedentes de Trujillo"], en Publicaciones diarias, 4 de maio de 2007 (en castelán).
  4. Diederich, B.: Trujillo, la muerte del Dictador (1978). Santo Domingo. pp. 258. ISBN 0-316-18440-3 (en castelán).
  5. 'Anteriormente, esta montaña se llamaba simplemente La Pelona (como sinónimo de "pelada" por su pobre vegetación) y a sus dos picos: Pelona Grande y Pelona Chica. La Ley 1164 de 1936 de 1936 denominó como Pico Trujillo al oriental, diciendo que tenía una altura de 3175 metros, que era la altitud calculada por Ekman. Luego de la caída del régimen de Trujillo, el pico fue renomeado como "Pico Duarte".'. "El Macizo Central" Arquivado 13 de xuño de 2013 en Wayback Machine., artigo de José Marcano (en castelán).
  6. Crassweller 1966, p. 36.
  7. Derby 2000, pp. 1112-1146.
Predecesor:
Horacio Vásquez Lajara
Presidente de República Dominicana
1930–1938
Sucesor:
Jacinto Bienvenido Peynado
Predecesor:
Manuel de Jesús Troncoso de la Concha
Presidente de República Dominicana
1942–1952
Sucesor:
Héctor Bienvenido Trujillo Molina
Predecesor:
Virgilio Díaz Ordóñez
Secretario de Estado de Relaciones Exteriores
1953
Sucesor:
Joaquín Balaguer

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar