Principios Reitores sobre as Empresas e os Dereitos Humanos das Nacións Unidas

Os Principios Reitores sobre as Empresas e os Dereitos Humanos das Nacións Unidas (PRNU) de 2011, tamén coñecidos como Principios de Ruggie, son un instrumento internacional consistente en 31 principios para aplicar o marco "Protexer, Respectar e Remediar" establecido polas Nacións Unidas para atender a cuestión dos estándares da responsabilidade das empresas multinacionais e a rendición de contas con relación aos dereitos humanos. Os Principios foron desenvolvidos polo Representante Especial do Secretario Xeral da ONU John Ruggie e constitúen a primeira normativa global para previr e reparar a violación de dereitos humanos relacionada coa actividade empresarial, logo da Declaración Tripartita de Principios sobre as Empresas Multinacionais e a Política Social aprobada pola Organización Internacional do Traballo en 1977. Foron aprobados unanimemente polo Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas o 16 de xuño de 2011.[1]

John Ruggie, representante Especial do Secretario Xeral da ONU e autor dos Principios Reitores sobre as Empresas e os Dereitos Humanos das Nacións Unidas.
Un mineiro do distrito de Kono de Serra Leoa beneficiouse dos conxuntos de ferramentas da Oficina de Xestión e Mitigación de Conflitos (CMM), como os da Alianza de Diamantes para a Paz de Serra Leoa. A alianza mellorou a distribución dos beneficios da industria mineira de diamantes e restrinxiu o acceso aos mercados para as persoas que venden "diamantes de zonas en conflito" ilegais.

Os principios están distribuídos en tres grandes capítulos, cada un deles dividido en principios fundacionais e principios operativos:

  • O deber do estado de protexer os dereitos humanos
  • A responsabilidade das empresas de respectar os dereitos humanos
  • Acceso aos mecanismos de reparación.[1]

Historia editar

Os PRNU foron o resultado de varias décadas de esforzos das Nacións Unidas para crear un corpo de regras global sobre dereitos humanos para as empresas. A comezos da década de 1970 o Consello Económico e Social das Nacións Unidas (Ecosoc) da ONU solicitou á Secretaría Xeral que crease unha comisión para estudar o impacto das empresas multinacionais (EMNs) nos procesos de desenvolvemento e as relacións internacionais. Por mor diso, en 1973 a ONU creou a Comisión de Empresas Transnacionais na área do Ecosoc, co obxecto de formular un código de conduta para EMNs.[2] Simultaneamente a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) aprobou en 1976 a súa primeira versión das Liñas Directrices para Empresas Transnacionais, mentres que a Organización Internacional do Traballo (OIT) aprobou en 1977 a Declaración Tripartita de Principios Sobre as Empresas Multinacionais e a Política Social.[3]

Durante as décadas de 1970 e 1980, a Comisión de Dereitos Humanos avanzou na redacción dun código de conduta para empresas multinacionais, pero a comezos da década de 1990, a oposición dos países desenvolvidos e a actuación dos grupos de presión das empresas, levaron á disolución do corpo.[4]

Finalizada a Guerra Fría co triunfo de Estados Unidos e lanzada a globalización baixo as regras do Consenso de Washington, as empresas multinacionais aumentaron considerablemente o seu poder e a súa importancia na economía mundial, e víronse envoltas en serias violacións de dereitos humanos e ecolóxicos, como o caso da explotación do traballo infantil por parte da empresa Nike en Indonesia en 1996, Shell en Nixeria en 1996, a vitoria de Suráfrica en 2001 contra 39 empresas farmacéuticas no xuízo que estas iniciaron para evitar a redución do prezo das medicinas contra o VIH, o Desastre do Prestige en 2002, Caterpillar en Israel en 2003, Monsanto e Cargill na Arxentina e Paraguai, entre moitos outros.[5][6][7][8][9][10][11]

Os escándalos causados pola reiteración de violacións de dereitos humanos por empresas multinacionais levou ás Nacións Unidas a crear novas iniciativas. O 20 de agosto de 1998 a Subcomisión de Promoción e Protección dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas estableceu un Grupo de Traballo sobre Empresas Multinacionais para establecer un estándar básico de obrigas.[12] O 13 de agosto de 2003 a Subcomisión aprobou por unanimidade o documento elaborado polo Grupo de Traballo titulado Normas sobre Responsabilidades das Empresas Transnacionais e outras Empresas Comerciais na Esfera dos Dereitos Humanos.[13]

Entre as novidades achegadas polas Normas destacouse o principio de corresponsabilidade dos Estados e as empresas para promover e protexer os dereitos humanos.[14]

As Normas foron apoiadas con entusiasmo polas ONGs consultadas no proceso de elaboración, como Amnistía Internacional, ou o Centro Europa – Terceiro Mundo (CETIM), pero recibiron fortes críticas do sector empresarial, como a Organización Internacional de Empregadores (OIE) e a Cámara Internacional de Comercio, así como observacións por parte do sector sindical, como a Confederación Internacional de Organizacións Sindicais Libres (CIOSL).[15][16][17][18]

As Normas foron elevadas á Comisión de Dereitos Humanos da ONU, onde foron recibidas con hostilidade por varios países membros e finalmente rexeitadas co argumento de que carecían de "fundamento legal", ordenando á Subcomisión non realizar ningún tipo de vixilancia relativa ao respecto dos dereitos humanos por parte das empresas.[19]

En 2005, nun intento de superar as divisións xeradas polo debate sobre as responsabilidades do sector empresarial en materia de dereitos humanos, a Comisión de Dereitos Humanos solicitou a designación dun representante especial do secretario xeral (RESG) sobre o tema dos dereitos humanos e as empresas multinacionais, que levou a que en xullo de 2005 fose nomeado nesa posición o profesor John Ruggie, para traballar durante un período de dous anos, que logo foi estendido un ano máis. Ao ano seguinte, a Comisión de Dereitos Humanos da ONU foi abolida debido á súa inoperancia e substituída por un novo organismo denominado Consello de Dereitos Humanos, posto baixo dependencia directa da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, decisión aprobada por unha abafadora maioría de países, contra só catro votos en contra, entre eles Estados Unidos e Israel.[16][20]

En 2008, ao completar os seus tres anos de traballo, Ruggie presentou ante o Consello de Dereitos Humanos un marco conceptual para desenvolver o debate sobre a cuestión titulado "Protexer, Respectar, Remediar", que foi coñecido como o "Marco Ruggie".[19] A partir deses tres principios, o "Marco Ruggie" distingue a obriga do Estado de "protexer" os dereitos humanos, da "responsabilidade" das grandes empresas de "respectar" os dereitos humanos, para finalmente desenvolver os mecanismos que os Estados e as empresas debían desenvolver para "remediar" rápida e efectivamente calquera violación causada aos dereitos humanos. A Comisión aprobou o informe de Ruggie e estableceu un novo mandato de tres anos, coa misión de facer operativo e promover o Marco.[21] O Consello solicitou a Ruggie que realizase recomendacións concretas sobre como podían os Estados previr os abusos do sector privado, elaborar un corpo de responsabilidades empresariais e explorar opcións para desenvolver remedios efectivos e dispoñibles para as persoas cuxos dereitos humanos fosen afectados por actividades das empresas.[22] Durante os seguintes tres anos Ruggie realizou consultas con diferentes grupos de interese, incluíndo gobernos, sindicatos globais, ONGs e organizacións de empregadores. O obxectivo de Ruggie era crear "un punto focal sólido ó redor do cal as expectativas dos actores puideran confluír, un marco que aclarara as responsabilidades e proporcionaran os fundamentos sobre os cales o pensamento e a acción puideran construírse no tempo".[23] Finalmente, en xuño de 2011, Ruggie presentou ó Consello de Dereitos Humanos os seus Principios Reitores sobre as Empresas e os Dereitos Humanos. Nese momento Ruggie declarou:

A contribución normativa dos Principios Reitores non repousa na creación dunha nova lei internacional de obrigas se non na elaboración das implicacións dos estándares e prácticas existentes para os Estados e as empresas; integrándoas nun modelo único, coherentemente lóxico e comprensivo; e identificando onde o actual réxime se queda curto e como pode ser mellorado.[24]

En xuño de 2011 o Consello aprobou por unanimidade os Principios Reitores elaborados por Ruggie, deu por terminado o seu mandato e formou un Grupo de Traballo para difundir e aplicar os Principios. Dispuxo tamén que o Grupo estivese formado por cinco expertos independentes, cun mandato de tres anos. O 4 e 5 de decembro de 2012 organizouse en Xenebra o primeiro Foro sobre Empresas e Dereitos Humanos.[25]

Os tres piares: protexer, respectar, remediar editar

Os Principios Reitores están organizados en tres capítulos, cada un deles correspondente a un piar:

  1. Protexer os dereitos humanos, como obriga dos Estados;
  2. Respectar os dereitos humanos, como responsabilidade das empresas;
  3. Remediar os danos causados polas violacións aos dereitos humanos, mediante mecanismos eficaces e accesibles, aplicados polos Estados e as empresas.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 ""Principios Rectores sobre las empresas y los derechos humanos: puesta en práctica del marco de las Naciones Unidas para 'proteger, respetar y remediar" (PDF). Oficina del Alto Comisionado en Derechos Humanos de las Naciones Unidas. 2011. p. iv. 
  2. "Relaciones entre las Naciones Unidas y las empresas transnacionales". Cetim. 11 de novembro de 2000. 
  3. Carrión, Jesús; Martí, Júlia. "Diccionarioo Crítico de Empresas Transnacionales". Omal. 
  4. Surya Deva, "Guiding Principles on Business and Human Rights: Implications for Companies", abril de 2012, consultado o 3 de xullo de 2012
  5. Calvo Roy, José Manuel (7 de xuño de 1996). "Acusan a Nike de fabricar calzado de lujo explotando a niños de 11 años". El país. 
  6. "Sudáfrica venció a las grandes farmacéuticas". La Prensa. Argentina. 20 de abril de 2001. 
  7. "Wiwa et al v. Royal Dutch Petroleum et al.". Centre for Constitutional Rights. 
  8. "Corrie et al. v. Caterpillar". Centre for Constitutional Rights. 
  9. Pereira Fukuoka, Milena; Ortega Ríos, Guillermo; Vicente, Carlos; Movimiento Nacional Campesino e Indígena; López, Ximena (2012). Empresas transnacionales y violación de los derechos humanos : el caso de tres comunidades (PDF). Asunción: Diakonia. 
  10. "Complete list of cases profiled. Lawsuits against companies". Business & Human Rights. Resorce Centre. Consultado o 23 de decembro de 2019. 
  11. "Corporate Human Rights Abuses". Centre for Constitutional Rights. 
  12. Subcomisión de Promoción y Protección de los Derechos Humanos (20 de agosto de 1998). Resolución 1998/8. 
  13. Amnesty International (2007). Las Normas de Derechos Humanos de la ONU para Empresas: Hacia la responsabilidad legal. Amnesty International Publications. 
  14. Gómez Isa, Felipe (2012). "Las empresas transnacionales y su obligación de respetar los derechos humanos". Retos del Derecho ante una economía sin fronteras. Universidade de Deusto. p. 246. 
  15. The Kenan Institute for Ethics (2012). "The U.N. Guiding Principles on Business and Human Rights: Analysis and Implementation" (PDF). Duke University. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de decembro de 2019. Consultado o 01 de maio de 2021. 
  16. 16,0 16,1 ITUC (maio de 2012). "The United Nations 'Protect, Respect, Remedy' Framework for Business and Human Rights and the United Nations Guiding Principles for Business and Human Rights" (PDF). ITUC. 
  17. "Panel Discussion: Norms on the Responsibilities of Transnational Corporations and Other Business Enterprises With regard to Human Rights" (PDF). FES. 25 de marzo de 2004. 
  18. Servais, Jean-Michel. "Confronting Globalization: The Quest for a Social Agenda, Geneva Lectures". Kluwer Law International. p. 30. ISBN 90-411-2381-4. 
  19. 19,0 19,1 Bilchitz, David (xuño de 2010). "El marco Ruggie: ¿una propuesta adecuada para las obligaciones de derechos humanos de las empresas?" (PDF) 7 (12). São Paulo: CIDH: 211. ISSN 1806-6445. 
  20. Pozzi, Sandro (16 de marzo de 2006). "La ONU crea un Consejo de Derechos Humanos con el voto en contra de EE UU". El País. 
  21. "The UN Guiding Principles on Business and Human Rights and Conflict-Affected Areas: State Obligations and Business Responsibilities" 94 (887). Outono de 2012: 961–979. doi:10.1017/S1816383113000350. 
  22. Consejo de Derechos Humanos (18 de xuño de 2008). "Resolution 8/7: Mandate of the Special Representative of the Secretary General on the issue of human rights and transnational corporations and other business enterprises" (PDF). 
  23. U.N. Human Rights Council (setembro de 2010). "The UN 'Protect, Respect, and Remedy' Framework for Business and Human Rights" (PDF). ONU. 
  24. Ruggie, John (maio de 2011). "Presentation of Report to United Nations Human Rights Council" (PDF). Business & Human Rights Resource Centre. Xenebra. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de setembro de 2011. Consultado o 01 de maio de 2021. 
  25. "Forum on Business and Human Rights". Oficina del Alto Comisionado para los Derechos Humanos. 4 e 5 de decembro de 2012. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar