Portal:Pontevedra/Artigo destacado/3

O Diario de Pontevedra é un xornal que se edita ininterrompidamente na cidade de Pontevedra dende 1968, propiedade dende 1999 do Grupo El Progreso de Lugo. Dende o ano 2001 ten a súa sede na rúa Lepanto. A impresión realízase na rotativa de El Progreso en Lugo. Malia a súa pertenza ao grupo lugués, o xornal mantén o seu carácter local, mesmo nas promocións e nos enfoques das noticias. Contou cunha edición electrónica propia ata que en decembro de 2007 integrouse, como os outros xornais do grupo, na plataforma Galiciaé.

É un periódico de carácter eminentemente local e provincial, centrado na contorna da cidade de Pontevedra. Conta con delegacións en Marín, Bueu, Poio, Sanxenxo e O Grove, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Vigo, Lalín e A Estrada.

O actual Diario de Pontevedra é herdeiro doutras cabeceiras xornalísticas da cidade, algunhas mesmo co mesmo título. Ao longo da súa historia sufriu varias suspensións, ata a súa última resurrección o 2 de abril de 1968. A xestión inical do xornal corre a cargo dunha cooperativa de traballadores, unha forma empresarial pouco común na prensa española. A cooperativa encoméndalle a dirección a Pedro Antonio Rivas Fontenla.