Pontella (pasaxe)

(Redirección desde «Pontigo»)

Unha pontella[1] é unha construción semellante a unha ponte, máis pequena e estreita, de madeira ou pedra e de construción simple, que serve para atravesar normalmente regueiros ou ríos pequenos[2].

Pontella simple, a Clam Bridge en Wycoller, no condado de Lancaster, Inglaterra
Pontillón sobre o Arnoia, en Allariz.

Características editar

É unha construción tradicional ou vernácula asociada ás vías ou camiños, froito da evolución dos pasadoiros, normalmente cando temos máis caudal e non abonda coa colocación dunhas pedras nun vao. Nalgúns casos permite o paso do gando e incluso do carro.

Consiste nuns piares ou muros de pedra laterais (elementos verticais) nos que pousan unha ou varias lousas de pedra, ou un forxado de madeira ou de madeira e pedra (elementos horizontais). Adoitan ter un só van, nalgúns casos poderiamos considerar pontellas a aquelas pontes sinxelas de dous vans, que incuirían unha barbacá central. Construtivamente é unha solución moi sinxela, semellante ao traballo dun lintel. Á diferenza das pontes, non se empregan arcos nas pontellas; de feito non é común o uso do arco nas construcións tradicionais galegas. Normalmente carecen de varanda, nalgúns casos poden ter un rebordo baixo en pedra ou unha varanda sinxela de madeira.

Aparecen en todo o mundo, sendo moi frecuentes e semellantes en toda a vertente atántica europea pola abundancia de regueiros, dende o Norte de Portugal e Galicia até o sur de Escandinavia, pasando polas Illas Británicas. Os materiais empregados acostuman ser o granito, o xisto e a madeira.

Pontillóns editar

 
Un pontillón en Postbridge (Inglaterra).

Cando a pontella é máis complexa, con múltiples vans, adoita denominarse pontillón. Adoitan construírse en granito para atravesar ríos anchos e pouco fondos, normalmente preto dos muíños.

Toponimia editar

As pontellas son moi comúns en toda Galicia pola gran cantidade de cursos de auga, isto refíctese nunha rica toponimia. Por exemplo, Pontellas, A Pontella ou O Pontigo.

Outros nomes editar

As pontellas tamén se coñecen en Galicia como pasarelas, ponticelas, pontellos ou pontigos[3].

Notas editar

  1. Denominación en galego en Dicionario visual da construción, Santiago de Compostela, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, 2004, e definición e sinónimos en Vocabulario ortográfico da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pontella.
  3. Sinónimos en Portal das Palabras[Ligazón morta]

Véxase tamén editar

Outros artigos editar