A poesía iámbica en Grecia naceu na esfera pública da festa e rituais relixiosos. Chámase así por utilizar o pé métrico denominado iambo (Ίαμβος), composto dunha sílaba breve e outra longa (U_) e agrupado polo xeral en trímetros; o seu contido é fundamentalmente o propio da sátira ou satírico; podería dicirse que a poesía iámbica foi o precedente directo da sátira latina.

Busto que adoita atribuírse a Arquíloco, o máis importante dos yambógrafos gregos.

Etimoloxía editar

A súa relación con Iambe (a escrava do rei Celeo que fai rir a Deméter, deprimida por non poder atopar á súa filla Core ou Perséfone; ou a vella coa que ten o seu encontro o primeiro poeta iambógrafo, Hiponacte, é indiscutíbel. Así mesmo algúns admiten a relación cos (non menos escuros) termos thriambos, dithyrambos e íthymbos.

Orixes editar

As súas orixes están asociados ás festas da deusa Deméter e especialmente ás festas do deus Dioniso, aínda que pronto vemos a este tipo de poesía incorporada a un ámbito colectivo máis privado, o do simposio ou banquete, ao que estará despois ligada a súa existencia, moi difuminada posteriormente cando entraron moitos máis distintos xéneros e metros derivados dos polimétricos espectáculos teatrais, para rexurdir máis tarde co epigrama do Helenismo, aínda que o metro iámbico xa se empregaba noutros labores.

Os rituais en que se dan a linguaxe e os xestos obscenos (aischrología, skémmata) pertencen sobre todo a Deméter, deusa triste á que tenta facer sorrir o seu servente Iambe, mentres que a invectiva (oneidismós, psógos) e o elemento fálico ou abertamente sexual son constituíntes máis abundantes nos de Dioniso, sobre todo a través da forma do ditirambo, pero todos estes elementos están mesturados ás veces en ambos os grupos de ritos e noutras cerimonias en que se practicaba a imprecación (misterios eleusinos, stenia, tesmoforias, haloa etc.)

Aristóteles afirmaba que os poetas "antigos" serían ou épicos ou iámbicos. Estes últimos canalizarían a través do iambo a burla e o escarnio (psógos), para o que achega unha relación etimolóxica (errónea na súa derivación) entre o termo iambo (iambeîon) e o verbo que expresa ese ataque verbal (iambizo). Así mesmo Aristóteles subliña a adecuación do iambo para o diálogo (Poética 1449a26).

Características editar

A poesía iámbica é coñecida desde o século -VII. Era orixinariamente cantado, pero a súa música reduciuse despois a un simple acompañamento que servía de apoio á recitación. Usaba verso estíquico, isto é, unha secuencia construída pola repetición de versos metricamente iguais. O seu verso máis común era o trímetro iámbico: X_U_/X_U_/X_UX. Tamén podía empregar o tetrámetro trocaico cataléctico, -é dicir, falto da última sílaba-, o coliambo, -trímetro cuxo último pé é un espondeo no canto dun iambo-), e pequenas estrofas de dous versos como os épodos iámbicos. Á beira da gran poesía cultivada por poetas cun alto dominio da técnica, o iambo era moito máis simple e, por tanto máis popular. O iambo desde o século VI atópase nos epigramas sepulcrais e na traxedia; desde o V, na comedia, logo na poesía didáctica e fabulística.

O seu contido temático é sobre todo crítico, satírico, burlón ou amargado, raramente con intención correctora. Só florece entre os xonios, aínda que en Atenas vaino a cultivar tamén Solón. O seu dialecto é o xónico e escríbese sempre nel. A temática sexual e satírica, a liberdade de palabra de atmosfera case carnavalesca, eran características do xénero, exactamente o mesmo ambiente en que naceu a comedia, tan próxima en moitos aspectos, ao iambo.[1]

A Elexía e o iambo presentan semellanzas; ambos nos son coñecidos desde o século -VII e, ás veces, son cultivados polos mesmos autores, como Arquíloco ou Solón. Logo continúan escribíndose e recitándose até o fin da Antigüidade. Outro elemento común é que ambos eran acompañados pola frauta; mentres o poeta ou intérprete cantaba, alguén tocaba o aulos ou frauta dobre, un instrumento fundamentalmente popular fronte ao máis aristocrático da lira. O iambo era orixinariamente cantado, pero a súa música reduciuse despois a un simple acompañamento que servía de apoio á recitación. Esta é unha diferenza notábel respecto da épica e a poesía mélica, acompañadas por instrumentos de cordas (liras manuais) tocados, en principio, polo propio cantor. Doutra banda, que a lira fose considerada como instrumento aristocrático por excelencia fronte ao carácter ruidoso e máis popular da frauta implica xa o carácter da poesía iámbica.[2]

Iambógrafos gregos editar

Os poetas iámbicos arcaicos teñen numerosos trazos comúns, de forma e contido, que permiten falar de homoxeneidade xenérica. O uso dos mesmos metros (incluíndo variantes como o coliambo ou iambo coxo) e a presenza da invectiva ou, polo menos, da censura (aínda que revista tamén particularidades) en todos eles sustenta esa homoxeneidade. Desde logo é necesaria moita prudencia na valoración comparativa de poetas cuxa obra se conservou en forma tan fragmentaria e sometida a vicisitudes moi diversas. Unha lista dos principais poetas iambógrafos gregos ha de incluír a Arquíloco, Semónides de Amorgos, Hiponacte e Ananio.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Emilio Suárez da Torre, "Introdución" á súa ed. de Yambógrafos Griegos. Madrid: Gredos, 2002.

Outros artigos editar

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2016. Consultado o 02 de marzo de 2016. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 02 de marzo de 2016.