Piollo da cabeza
Pediculus humanus capitis | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome trinomial | |||||||||||||||||
Pediculus humanus capitis De Geer, 1767 | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
Pediculus capitis (De Geer, 1767) |
O piollo da cabeza humano, que pertence á subespecie Pediculus humanus capitis, é un insecto ectoparasito obrigado dos humanos, que vive no coiro cabeludo e causa a pediculose da cabeza ou pediculosis capitis.[1] Son insectos que carecen de ás, que pasan toda a súa vida no coiro cabeludo humano alimentándose exclusivamente de sangue humano.[1] Os humanos son os únicos hóspedes coñecidos deste animal, xa que o chimpancé, por exemplo, hospeda outra especie de piollos estreitamente emparentados co humano, da especie Pediculus schaeffi. Outras especies de piollos infestan á maioría das ordes de mamíferos e a todas as ordes de aves.[1]
Como todos os piollos, os piollos da cabeza humanos diferéncianse doutros ectoparasitos hematófagos, como as pulgas, en que os piollos pasan todo o seu ciclo vital vivindo sobre o seu hóspede.[2] Os piollos da cabeza non poden voar, e ademais as súas curtas e grosas patas fan que lles sexa imposible choutar, ou mesmo andar eficientemente sobre superficies planas.[2]
O piollo da cabeza (Pediculus humanus capitis) ten unha subespecie irmá, que é o piollo do corpo (Pediculus humanus humanus). O piollo da cabeza non transmite enfermidades, a diferenza do piollo do corpo, e prefire adherir os seus ovos aos cabelos en vez de á roupa. As dúas subespecies son morfoloxicamente case idénticas pero normalmente non se hibridan, aínda que se observou que o fan en condicións de laboratorio. Desde un punto de vista xenético, crese que diverxiron como subespecies hai uns 30.000–110.000 anos, cando moitas poboacións humanas empezaron a usar cantidades significativas de roupa.[3][4] Unha especie moito máis distantemente relacionada co piollo da cabeza é o piollo pubiano (Pthirus pubis, piollo pato), que tamén infesta aos humanos, pero é morfoloxicamente diferente e está moito máis próximo en aparencia aos piollos doutros primates.[5] A infestación por piollos en calquera parte do corpo chámase pediculose,[6] e a infestación na cabeza chámase pediculose da cabeza ou pediculosis capitis.
Como o piollo da cabeza non transmite outras enfermidades, a non ser as pequenas infeccións que se poden orixinar ao rañarse o hóspede nas súas picaduras, pode dicirse que son inofensivos, e máis que un problema médico son unha molestia ou un problema cosmético. Mesmo se suxeriu que as infestacións por piollos da cabeza poderían ser beneficiosas para adquirir inmunidade contra o, máis perigoso, piollo do corpo, que pode transmiitr enfermidades perigosas.[7]
Morfoloxía do adulto
editarIgual que outros insectos da suborde Anoplura, os piollos da cabeza adultos son pequenos (de 2,5–3 mm de longo), aplanados dorsoventralmente, e carecen de ás.[8] Os segmentos torácicos están fusionados, pero son claramente distintos da cabeza e do abdome, este último está composto por sete segmentos visibles.[9] Os piollos da cabeza son grises en xeral, pero a súa cor precisa é variable segundo o contorno no que se críen.[9] Despois de alimentarse, o consumo de sangue causa que o corpo do piollo colla unha cor avermellada.[9]
Cabeza
editarDa cabeza do insecto sobresaen un par de antenas, cada unha con cinco segmentos. Teñen un par de ollos compostos. Os ollos preséntanse en todas as especies da familia Pediculidae, pero están reducidos ou ausentes no resto das especies da suborde Anoplura.[8] Igual que outros anopluros, as pezas bucais do piollo da cabeza están moi adaptadas a perforar a pel e zugar sangue.[8] Estas pezas bucais están retraídas dentro da cabeza do insecto agás cando este se alimenta.[9][10]
Tórax
editarDos segmentos fusionados do tórax saen seis patas.[9] Como é típico nos anopluros, estas patas son curtas e terminan nun só gancho e nunha especie de "polegar" opoñible.[9] Entre o gancho e o "polegar", o piollo agarra un cabelo do seu hóspede.[9] Coas súa curtas patas e grandes ganchos, os piollos están ben adaptados a agarrarse do pelo dos seus hópsedes. Como contrapartida, estas adaptacións fan que sexan incapaces de brincar, ou mesmo de andar eficientemente sobre superficies planas. Os piollos poden gabear polos cabelos moi velozmente, o que lles permite moverse con rapidez e chegar a outro hóspede.[2]
Abdome
editarNo abdome hai sete segmentos visibles.[9] Os primeiros seis segmentos teñen un par de espiráculos cada un a través dos cales o insecto respira.[9] O último segmento contén o ano e (separadamente) os xenitais.[9]
Diferenza entre sexos
editarNos piollos machos o primeiro par de patas é lixeiramente máis longo que os outros dous pares. Este par de patas especializado utilízase para manter agarrada a femia durante a copulación. Os machos son lixeiramente máis pequenos que as femias e caracterízanse por ter un extremo do abdome máis puntiagudo e un aparato xenital ben desenvolvido e visible dentro do abdome. As femias caracterízanse por ter dous gonópodos en forma de W ao final do seu abdome.
Ovos do piollo (lendias)
editarOs piollos da cabeza son ovíparos. As femias poñen de 3 a 4 ovos por día. Os ovos de piollo (chamados en galego lendias [11]) están adheridos preto da base dos cabelos do hóspede.[12][13] O comportamento de posta de ovos é dependente da temperatura e procura situar o ovo nun lugar axeitado para o desenvolvemento do embrión (o cal tamén depende da temperatura). En climas fríos, os ovos póñense no pelo xeralmente a de 3 a 5 mm da superficie do coiro cabeludo.[12][13] En climas cálidos, e especialmente nos trópicos, poden poñer os ovos a 15 cm ou máis da base do pelo.[14]
Para adherir un ovo, a femia adulta segrega un pegamento desde o seu órgano reprodutor. Este pegamento endurece rapidamente formando a "vaíña da lendia" que cobre o talo do pelo e gran parte do ovo excepto o opérculo, que é unha especie de tapa a través da cal o embrión respira.[13] Antes pensábase que o pegamento estaba baseado na quitina, pero estudos máis recentes indican que está feito de proteínas similares á queratina do pelo.[13]
Os ovos teñen forma oval e unha lonxitude duns 0,8 mm.[13] Son brillantes, transparentes, de cor torrado ou café cando conteñen un embrión, pero parecen brancos despois da eclosión.[13][14] O tempo típico para a eclosión é de seis a nove días despois da oviposición segundo indican varios autores.[12][15]
Despois da eclosión, a ninfa sae e deixa atrás a casca do ovo baleira, que segue adherida ao cabelo. O ovo baleiro permanece alí ata que é fisicamente retirado pola abrasión realizda polo hóspede, ou ata que se desintegra lentamente, o que pode tardar en producirse 6 meses ou máis.[15]
-
Ovo de piollo adherido ao talo dun pelo do seu hóspede
-
O órgano reprodutor da femia segrega un pegamento que endurece rapidamente formando a vaíña da lendia que cobre o pelo e boa parte do ovo, agás o opérculo.
-
O opérculo permite que o embrión poida respirar.
-
O 1º estadio ninfal eclosionando do ovo.
-
1º estadio ninfal saíndo do ovo (detalle).
Na cabeza dun individuo pode haber estes tres tipos de ovos de piollo ou lendias[16]:
- Ovos viables que finalmente eclosionarán. Estes son os únicos que teñen a potencialidade de infestar e reinfestar a un hóspede,[17] pero non de transmiitir a infestación a outras persoas (non se volven a pegar aos pelos unha vez separados; só os piollos vivos poden infestar a outras persoas).
- Restos de ovos que xa eclosionaron e están baleiros.
- Ovos non viables (con embrións mortos) que nunca eclosionarán.
Desenvolvemento e ninfas
editarOs piollos da cabeza, igual que outros Phthiraptera (ou Psocodea), son hemimetábolos.[1][10] As ninfas acabadas de eclosionar mudan tres veces antes de chegar ao estadio de adulto sexualmente maduro.[1] Así, as poboacións de piollos da cabeza móbiles conteñen membros que están en ata catro estadios de desenvolvemento: tres ínstares de ninfas, e un adulto (imago).[1] A metamorfose durante o desenvolvemento do piollo da cabeza é sutil. A única diferenza visible entre os diferentes ínstares e o adulto, á parte do tamaño, é a lonxitude relativa do abdome, que se incrementa con cada muda.[1] Excepto polo feito de que non se reproducen, o comportamento das ninfas é similar ao dos adultos. As ninfas só se alimentan de sangue humano (hematofaxia), e non poden sobrevivir moito tempo fóra do hóspede.[1]
O tempo necesario para que o piollo complete o seu desenvolvemento ninfal ata imago depende das condicións de alimentación. Experimentalmente comprobouse que como mínimo cómpren de 8 a 9 días de libre acceso para alimentarse do piollo ao hóspede humano.[1] Esta condición experimental é a máis representativa para as condicións deste piollo en situacións naturais. En condicións experimentais nas que a ninfa ten un acceso máis limitado ao sangue prodúcese un desenvolvemento máis prolongado, que vai de 12 a 24 días.[1]
A mortalidade das ninfas en catividade é alta, de aproximadamente o 38%, especialmente nos primeiros dous días de vida.[1] En condicións naturais, a mortalidade pode ser máxima no terceiro ínstar.[1] Os perigos para a ninfa son numerosos. A incapacidade de completar a eclosión é invariablemente mortal e pode depender da humidade no ambiente no que están os ovos.[1] Pode producirse tamén a morte durante a muda, aínda que é pouco común.[1] Durante a alimentación, o intestino da ninfa pode romper, dispersando o sangue do hóspede por dentro do insecto, o que ten como resultado a morte deste nun día ou dous.[1] Non está claro se a alta mortalidade rexistrada en condicións experimentais é representativa das condicións naturais.[1]
Reprodución
editarOs piollos da cabeza adultos reprodúcense sexualmente, e a copulación é necesaría para que as femias produzan ovos fértiles. A partenoxénese (produción de descendencia viable a partir de óvulos non fertilizados) non ocorre en Pediculus humanus.[1] O apareamento pode empezar nas primeiras 10 horas de vida adulta (despois da última muda da nifa).[1] Despois de 24 horas, o adulto copula frecuentemente, e o apareamento ocorre durante calquera período do día ou da noite.[1][18] A unión da parella durante o apareamento prolóngase máis dunha hora.[18] Os machos novos poden aparearse sucesivamente con femias máis vellas, e veceversa.[1]
Os experimentos con Pediculus humanus humanus (piollo do corpo, moi similar ao da cabeza) enfatizan os perigos da copulación nos piollos. Unha soa femia nova confinada con seis ou máis machos morre en poucos días, e pon moi poucos ovos.[1] De xeito similar, informouse da morte dunha femia virxe despois de admitir un macho no seu confinamento.[18] A femia puxo un só ovo despois do apareamento, e todo o seu corpo estaba tinguido de vermello (unha condición atribuída á rotura do canal alimentario durante o acto sexual.[18] As femias vellas frecuentemente morren despois, se non durante, a relación sexual.[18]
Comportamento
editarAlimentación
editarEn todos os estadios (menos no ovo) aliméntase de sangue e morde a pel catro ou cinco veces ao día para alimentarse. Corta a pel coas súas pezas bucais especializadas, inxecta saliva que contén un anticoagulante e zuga o sangue. O sangue dixerido é excretado como excrementos vermellos.[19]
Posición no hóspede
editarAínda que poden colonizar calquera parte do coiro cabeludo, prefiren a zona da caluga ou a de detrás das orellas, onde tamén adoitan depositar os ovos. Os piollos da cabeza son repelidos pola luz e móvense cara a partes sombreadas ou obxectos de cores escuras que estean próximos.[18][20]
Distribución
editarO piollo da cabeza ten unha distribución mundial e afecta a millóns de persoas en países desenvolvidos e non desenvolvidos. Por exemplo, só nos Estados Unidos de 6 a 12 millóns de persoas, principalmente nenos, son tratadas anualmente para eliminar os piollos da cabeza.[17][21]
Transmisión
editarUn individuo de piollo da cabeza ten un ciclo de vida duns 30 días desde que se deposita o ovo ata que morre o piollo. Os piollos da cabeza poden vivir fóra da cabeza en, por exemplo, fundas de almofadas, cepillos do pelo, ou gorras ata 48 horas, o que facilita a transmisión. Os piollos carecen de ás ou de patas potentes para choutar, polo que se moven usando as súas patas con forma de gancho para pasar dun cabelo a outro.[19] Normalmente o piollo da cabeza infesta a un novo hóspede por estreito contacto entre individuos, o que fai que os contactos sociais entre nenos e as interaccións pais-fillos sexan rutas máis probables de infestación que a compartición de peites, sombreiros, cepillos, toallas, roupa, camas e armarios. Os contactos cabeza-cabeza son, con diferenza, a ruta máis común de transmisión.[22]
O número de nenos que haxa por familia, a compartición de camas e armarios, os hábitos de lavado do cabelo, costumes sociais e contactos sociais, os coidados sanitarios nunha determinada área (por exemplo en escolas) e o status socioeconómico son factores significativos para a infestación por piollos da cabeza. As nenas son infectadas cunha frecuencia de dúas a catro veces maior que os nenos. Os nenos entre 4 e 14 anos son o grupo máis frecuentemente infestado.[23]
Arqueoxenética
editarA análise do ADN de restos de piollos atopados en momias peruanas pode indicar que algunhas doenzas (como o tifo) puideron pasar do Novo Mundo ao Vello, ao revés do que ata agora se pensaba.[24]
Xenoma
editarPénsase que xeneticamente o piollo da cabeza é moi similar ao piollo do corpo. A secuenciación do xenoma do piollo do corpo propúxose a mediados da década de 2000[25] e o seu xenoma secuenciado publicouse en 2010.[26] Unha análise dos transcritomas dos piollos da cabeza e do corpo (que son dúas subespecies da especie Pediculus humanus) revelou que estes dous organismos son extremadamente similares xeneticamente.[27]
Notas
editar- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 1,19 1,20 Buxton, Patrick A. (1947). "The biology of Pediculus humanus". The Louse; an account of the lice which infest man, their medical importance and control (2nd ed.). London: Edward Arnold. pp. 24–72.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Maunder, JW (1983). "The Appreciation of Lice". Proceedings of the Royal Institution of Great Britain (London: Royal Institution of Great Britain) 55: 1–31.
- ↑ Kittler R, Kayser M, Stoneking M (August 2003). "Molecular evolution of Pediculus humanus and the origin of clothing". Current Biology 13 (16): 1414–7. PMID 12932325. doi:10.1016/S0960-9822(03)00507-4.
- ↑ Stoneking, Mark (29 December 2004). "Erratum: Molecular Evolution of Pediculus humanus and the Origin of Clothing". Current Biology 14 (24): 2309. doi:10.1016/j.cub.2004.12.024.
- ↑ Buxton, Patrick A. (1947). "The crab louse Phthirus pubis". The Louse; an account of the lice which infest man, their medical importance and control (2nd ed.). London: Edward Arnold. pp. 136–141.
- ↑ "pediculosis – Definition from the Merriam-Webster Online Dictionary". Consultado o 2008-04-23.
- ↑ Rózsa L, Apari P (May 2012). "Why infest the loved ones--inherent human behaviour indicates former mutualism with head lice". Parasitology 139 (6): 696–700. PMID 22309598. doi:10.1017/S0031182012000017.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Buxton, Patrick A. (1947). "The Anoplura or Sucking Lice". The Louse; an account of the lice which infest man, their medical importance and control (2nd ed.). London: Edward Arnold. pp. 1–4.
- ↑ 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 Buxton, Patrick A. (1947). "The Anatomy of Pediculus humanus". The Louse; an account of the lice which infest man, their medical importance and control (2nd ed.). London: Edward Arnold. pp. 5–23.
- ↑ 10,0 10,1 "Lice (Pediculosis)". The Merck Veterinary Manual. Whitehouse Station, NJ USA: Merck & Co. 2008. Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 2008-10-08.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lendia.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 Williams LK, Reichert A, MacKenzie WR, Hightower AW, Blake PA (May 2001). "Lice, nits, and school policy". Pediatrics 107 (5): 1011–5. PMID 11331679. doi:10.1542/peds.107.5.1011.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 13,5 Burkhart CN, Burkhart CG (July 2005). "Head lice: scientific assessment of the nit sheath with clinical ramifications and therapeutic options". Journal of the American Academy of Dermatology 53 (1): 129–33. PMID 15965432. doi:10.1016/j.jaad.2005.01.134.
- ↑ 14,0 14,1 Meinking, Terri Lynn (May–June 1999). "Infestations". Current Problems in Dermatology 11 (3): 75–118. doi:10.1016/S1040-0486(99)90005-4.
- ↑ 15,0 15,1 Burgess, IF (1995). "Human lice and their management". Advances in parasitology. Advances in Parasitology 36: 271–342. ISBN 978-0-12-031736-3. PMID 7484466. doi:10.1016/S0065-308X(08)60493-5.
- ↑ Pollack RJ, Kiszewski AE, Spielman A (August 2000). "Overdiagnosis and consequent mismanagement of head louse infestations in North America". The Pediatric Infectious Disease Journal 19 (8): 689–93; discussion 694. PMID 10959734. doi:10.1097/00006454-200008000-00003.
- ↑ 17,0 17,1 Burgess, IF (2004). "Human lice and their control". Annu. Rev. Entomol. 49: 457–81. PMID 14651472. doi:10.1146/annurev.ento.49.061802.123253.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 Bacot A (1917). "Contributions to the bionomics of Pediculus humanus (vestimenti) and Pediculus capitis". Parasitology 9 (2): 228–258. doi:10.1017/S0031182000006065.
- ↑ 19,0 19,1 Weems, Jr., H. V.; Fasulo, T. R. (June 2007). "Human Lice: Body Louse, Pediculus humanus humanus Linnaeus and Head Louse, Pediculus humanus capitis De Geer (Insecta: Phthiraptera (=Anoplura): Pediculidae)". Universidade de Florida, Institute of Food and Agricultural Sciences. Consultado o 2008-02-21.
- ↑ Nuttall, George H. F. (1919). "The biology of Pediculus humanus, Supplementary notes". Parasitology 11 (2): 201–221. doi:10.1017/s0031182000004194.
- ↑ Mumcuoglu KY, Barker SC, Burgess IE; et al. (April 2007). "International guidelines for effective control of head louse infestations". Journal of Drugs in Dermatology 6 (4): 409–14. PMID 17668538.
- ↑ "NJ Head Lice | Philadelphia and South New Jersey Hair Lice". Lice Lifters New Jersey. Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2013. Consultado o 2012-11-22.
- ↑ Mumcuoglu KY, Miller J, Gofin R; et al. (September 1990). "Epidemiological studies on head lice infestation in Israel. I. Parasitological examination of children". International Journal of Dermatology 29 (7): 502–6. PMID 2228380. doi:10.1111/j.1365-4362.1990.tb04845.x.
- ↑ Anderson, Andrea (February 8, 2008). "DNA from Peruvian Mummy Lice Reveals History". GenomeWeb Daily News. GenomeWeb LLC. Consultado o August 31, 2014.
- ↑ Pittendrigh BR, Clark JM, Johnston JS, Lee SH, Romero-Severson J, Dasch GA (November 2006). "Sequencing of a new target genome: the Pediculus humanus humanus (Phthiraptera: Pediculidae) genome project". Journal of Medical Entomology 43 (6): 1103–11. PMID 17162941. doi:10.1603/0022-2585(2006)43[1103:SOANTG]2.0.CO;2.
- ↑ Kirkness EF, Haas BJ, Sun W; et al. (July 2010). "Genome sequences of the human body louse and its primary endosymbiont provide insights into the permanent parasitic lifestyle". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 107 (27): 12168–73. PMC 2901460. PMID 20566863. doi:10.1073/pnas.1003379107.
- ↑ Olds BP, Coates BS, Steele LD; et al. (April 2012). "Comparison of the transcriptional profiles of head and body lice". Insect Molecular Biology 21 (2): 257–68. PMID 22404397. doi:10.1111/j.1365-2583.2012.01132.x.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Piollo da cabeza |