Pedro Galán Calvete

político galego

Pedro Galán Calvete, nado na Coruña o 18 de xullo de 1917 e finado na Corveira (Culleredo) o 16 de setembro de 1936[1], foi un político galego.[2]

Pedro Galán Calvete
Nacemento18 de xullo de 1917
Lugar de nacementoA Coruña
Falecemento16 de setembro de 1936
Lugar de falecementoCulleredo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Fillo de Pedro Galán Cortés, camareiro nos transatlánticos, foi o maior de catro fillos. Cursou os estudos primarios na Escola de Insiño Galego da Coruña. Institución creada polas Irmandades da Fala e onde impartía aulas Ánxel Casal, para continuar despois na Escola Profesional de Comercio.[3]

O seu compromiso político apareceu nun manifesto publicado na revista A Nosa Terra en outubro de 1933. Neste, xunto a Jenaro Marinhas del Valle entre outros, diríxense "aos mozos cruñeses" para lles anunciar a constitución da Federación de Mocedades Galeguistas, baixo a disciplina do Partido Galeguista. Foi Secretario de Organización da Mocedade Galeguista da Coruña. Representou as mocidades da Coruña na asemblea fundacional da Federación de Mocedades Galeguistas celebrada en Ourense en xaneiro de 1934, e formou parte do seu Consello Nacional en representación da comarca da Coruña.

 
Tumba de Pedro Galán no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

Traballou no departamento de contabilidade da empresa de xabróns «La Toja», ao tempo que realizou un intenso traballo político e social. Participou en actos públicos na Comarca da Coruña con Ramón Suárez Picallo, Antón Villar Ponte, Uxío Carré Naya, José Villaverde Velo e Javier Pose. Tamén estivo vencellado á creación do Club do Mar, xa que formou parte da súa directiva en 1935 como vogal do comité de propaganda. Colaborou en A Nosa Terra, con artigos como "Cambó Falou" e "A Hespaña d-eles".

Co golpe de Estado de 1936 rexeitou a oportunidade de fuxir embarcado a América que lle ofreceu o seu pai e, seguindo coa súa vida con normalidade, iniciou estudos de Dereito. Foi detido o 10 de setembro de 1936 e levado ao Cárcere da Coruña e despois ao cuartel da policía no Orzán. O 16 de setembro atoparon o seu corpo nunha gabia da Corveira, xunto cos de Manuel Andrade Deibe, Joaquín Iglesias Cabana e José Manuel Álvarez Álvarez.

Notas editar

  1. Alí apareceu o seu corpo tiroteado.
  2. "El Bloque Nacionalista Galego reivindica una calle en memoria de Pedro Galán Calvete". La Voz de Galicia. 13/8/2003. Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 21 de setembro de 2016. 
  3. Torna, Cilia (2017-09-15). "16-S, 81 aniversario do asasinato do mozo Pedro Galán Calvete". Nós Diario. Consultado o 2022-07-18. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar