Pazo de Fillaboa

casa señorial no lugar da Quinta de Fillaboa, no concello de Salvaterra de Miño

O Pazo de Fillaboa é unha casa señorial que se atopa no lugar da Quinta de Fillaboa, nas parroquias de Arantei e Cabreira, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño (Comarca do Condado). A orixe data do século XVI, aínda que sufriu importantes reformas no século XVIII, que lle dan o aspecto actual. Os romanos introduciron a cultura do viño na comarca, e a quinta sempre tivo videiras. Hoxe en día o pazo converteuse nunha adega para produción vitivinícola. A quinta é a leira maior do catastro da provincia[1].

Pazo da Fillaboa
ConcelloSalvaterra de Miño
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°04′57″N 8°31′14″O / 42.082588218884, -8.5206668660617
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalGótico (século XVI)
Estilo actualBarroco (século XVIII)
Estado actualBo estado, adega
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Descrición

editar

O estado de conservación do pazo ou casa grande é bo, malia ter sido moi modificado. Consérvanse da primitiva construción do século XVI os muros de pedra, a escalinata, as balaustradas, a capela, o gran canastro e mailo pombal. Con planta en forma de L e construído nun noiro, aproveitando o desnivel, en fábrica de cachotaría de granito, ten planta terrea por un dos lados e adega e sollado polo outro, ao que se accede cunha escaleira pétrea que remata nunha solaina moi modificada con balaústres de granito sobre arcos de volta perfecta. Nun dos extremos a torre, sinxela de planta cadrada, rematada en ameas e cun escudo, desprazado da localización orixinal; este amosa un campo acuartelado en cruz coas armas dos Sarmiento e dos Soutomaior. A quinta está pechada por un valado de pedra de 1600 metros[2].

Historia

editar

Hai uns dous mil anos os romanos trouxeron a cultura da vide ao Condado, plantando tamén videiras na Fillaboa.

A historia do pazo comeza durante a Guerra de Restauración portuguesa no século XVII (1640); daquela Salvaterra pasa a pertencer a Coroa de Portugal, así que o Marqués de Tavara, gobernador de Galicia, levanta un forte (hoxe desaparecido) no lugar no que se atopa a casa, para controlar o camiño cara Tui (camiño no que se atopa a ponte de Fillaboa).[3] Rematados os acontecemento bélicos que motivaran a súa existencia, A Fillaboa coñeceu días máis tranquilos transformándose o forte en quinta de descanso.

No século XVIII realízanse numerosas reformas, sendo o dono do pazo (Granxa de Fillaboa) o Conde de Salvaterra (liñaxe da Casa de Alba) e Marqués de Sobroso. No século XIX, tras varias xeracións, a quinta da Fillaboa mailo Castelo de Sobroso, pasan a casa á duquesa de Híjar, viúva, que vende ambas as dúas propiedades no ano 1884 ao vigués Manuel Bárcena Franco, I conde de Torrecedeira. Bárcena comezou a cultivar viñedos e a producir o Viño do Condado Fillaboa, que logo exportou a países coma Cuba, Arxentina e Francia xa polo ano 1900. Tamén reformou a casa ao estilo colonial. A casa vendeuse en 1955 ao tamén vigués Alejandro Barreras Barret, enxeñeiro naval. Nesta época o pazo sufriu un incendio do que se salvaron a capela, o pombal e as adegas; tralo lume Barreras modificou moito o edificio para transformalo nunha casa de campo cos gusto da época.

Hoxe en día o pazo pertence a unha adega do grupo asturiano Masaveu, que devolveu ao edificio parte do seu antigo aspecto palaciano. Posúen 70 hectáreas de viñedos, principalmente de uva albariña, tamén celebran eventos[4].

A lenda

editar

Unha lenda local, moi semellante ao conto da Cincenta narra que o conde de Salvaterra tiña tres fillas, as máis vellas menosprezaban a cativa, chea de virtudes, que lles causaban envexa e que a fixeron merecedora de recibir en herdanza as "terras fartas de Fillaboa", orixe do topónimo.

  1. "Información na páxina da adega Fillaboa". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 13 de novembro de 2014. 
  2. "Artigo en La Gran Galería sobre o pazo" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de novembro de 2014. Consultado o 13 de novembro de 2014. 
  3. "Información do pazo na Web do Concello de Salvaterra - parroquia de Arantei". Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2014. Consultado o 13 de novembro de 2014. 
  4. "Información das adegas Fillaboa". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 13 de novembro de 2014. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar