Partido de El Bierzo
O Partido de El Bierzo (PB) é un partido político que actúa na comarca do Bierzo, fundado o 23 de abril de 1979 conta na actualidade con arredor de 1.000 afiliados, dos cales 400 pertencen ás Juventudes Regionalistas de El Bierzo.[1][2] O PB defende a lingua galega como parte do patrimonio cultural de Bierzo e mantén acordos de cooperación co BNG.
Partido de El Bierzo (PB) | |
---|---|
Partido político d'O Bierzo | |
Mocidades | Juventudes Regionalistas de El Bierzo |
Filiación internacional | Non ten |
Historia | |
Fundación | 23 de abril de 1979 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | progresista, bercianista |
Outros datos | |
Sede | Rúa Ave María, 29, 1º Ponferrada |
Na rede | |
www.partidodelbierzo.org/ | |
Ideoloxía
editarO PB defínese como unha formación progresista, rexionalista e autonomista que loita por dotar o Bierzo da identidade que durante anos sosteñen que se lle negou. Defenden unha concepción do Bierzo como "rexión", por enriba de definicións "comarcalistas", pois consideran que o Bierzo é unha rexión vertebrada polo río Sil e composta á súa vez por varias bisbarras (Bierzo Baixo-capital Ponferrada-, Bierzo Alto -Bembibre-, Bierzo Oeste -Vilafranca do Bierzo-, Cabreira -Ponte de Domingo Flórez- e Alto Sil-Fabeiro-) que, ao carón das bisbarras con territorio noutras provincias, como Laciana -Villablino, en León, - e Valdeorras -O Barco de Valdeorras-, en Ourense e aldeas coma La Silva e Montealegre pertencentes, actualmente, á bisbarra de La Cepeda, deben ter unha administración común. Os límites reclamados polo PB como Rexión do Bierzo practicamente coinciden cos da desaparecida Provincia do Vierzo.
Reclaman a reforma da actual lei pola que se creou a bisbarra do Bierzo (Lei 1/1991 de 14 de marzo, pola que se crea e regula a Bisbarra do Bierzo) e dentro da devandita reforma, a creación dun Consello Xeral Del bierzo, con elección directa de representantes, un financiamento autónomo e o conxunto de competencias da Lei 1/1991, que substitúa ao actual Consello Comarcal, institución á cal acusan de inoperante pola falta de competencias e o seu correspondente financiamento. Tamén denuncian o "centralismo leonés e valisoletano".
O PB, dentro da cal consideran realidade sociocultural do Bierzo, defende a lingua galega así como as variedades dialectais leonesas que perviven na sociedade berciana como parte do patrimonio cultural do Bierzo. Tamén defenden o dereito a estudar as devanditas linguas nos centros públicos, de xeito optativo, sempre que así o soliciten os alumnos.
Historia
editarAo longo do actual sistema democrático, xunto ao PB coexistiron outros grupos de carácter bercianista como Independentes del Bierzo (1978-1982), Agrupación Veciñal Independente (1979-1982), Izquierda Berciana (1989-1992), Partido Provincialista do Bierzo (1994-1995), Partido Regionalista de El Bierzo (dende 2002) ou Unidad Bercianista (dende 2007), os cales, non obtiveron nunca, mellores resultados electorais có PB. O PB é o decano dos partidos rexionalistas, en activo, de Castela e León.[3]
O PB foi dirixido durante anos por Tarsicio Carballo. O congreso de refundación do partido celebrado en 2000 saldouse coa saída de Carballo da dirección, e a súa posterior expulsión, tras desavinzas coa nova dirección (chegou a ser condenado, en primeira instancia, en febreiro de 2009, por aldraxes ao Secretario Xeral do PB, Iván Alonso)[4] o que o levou a fundar o seu propio partido, o Partido Regionalista de El Bierzo. Iván Alonso, Secretario Xeral do PB, é un histórico da formación tras máis de dez anos de Presidente das Xuventudes do PB.
En decembro de 2009, foi elixido presidente Daniel Santos Arévalo tras ser o tesoureiro do PB. É o primeiro presidente do PB non nacido no Bierzo, pero "berciano de adopción e de corazón", segundo as súas propias palabras. O Presidente de Honra PB é Luis Linares, un dos fundadores históricos do Partido de el Bierzo, e ata decembro de 2009 Presidente do PB. Actualmente o PB loita para que o bercianismo sexa a terceira vía política no Bierzo e a súa presenza institucional sexa forte.
Nas eleccións autónomicas do ano 2007 uniuse á coalición de partidos rexionalistas castelán-leoneses Alternativa por Castilla y León (ACAL) o cal non logrou os resultados electorais esperados.[5]
En 2008, o partido presentou unha candidatura conxunta con Unidad Bercianista e algúns independentes baixo a coalición[6] para as eleccións xerais.
O partido uniuse á coalición bercianista Coalición por El Bierzo para participar nas eleccións municipais de maio de 2015[7] e tras a conversión de CB en partido político deixou de actuar de forma autónoma.
Eleccións
editar- Autonómicas 1987: 5.387 votos, 0 procuradores
- Municipais 1987: 5.118 votos, 16 concelleiros
- Autonómicas 1991: 4.465 votos, 0 procuradores
- Municipais 1991: 4.595 votos, 13 concelleiros
- Autonómicas 1995: 6.553 votos, 0 procuradores
- Municipais 1995: 4.855 votos, 12 concelleiros
- Autonómicas 1999: 3.644 votos, 0 procuradores
- Municipais 1999: 3.734 votos, 10 concelleiros
- Autonómicas 2003: 2.016 votos, 0 procuradores
- Municipais 2003: 2.787 votos, 3 concelleiros
- Autonómicas 2007: 1.427 votos, 0 procuradores (dentro da coalición ACAL)
- Municipais 2007: 2.455 votos, 2 concelleiros
- Autonómicas 2011: 2.051 votos, 0 procuradores
- Municipais 2011: 2.822 votos, 4 concelleiros
Acción cultural
editarO Partido de El Bierzo mantén cada ano, dende 1985, a edición do "Botillo de Oro", galardón outorgado ás diferentes persoeiros e institucións que fixeron un labor relevante no desenvolvemento e recoñecemento do Bierzo. Galardoados co Botillo de Oro foron o Consello do Bierzo, a asociación local de doadores de sangue, a comunidade de inmigrantes no Bierzo ou persoeiros do mundo da cultura como o pintor José Sánchez Carralero ou o poeta Juan Carlos Mestre, e mesmo do mundo do deporte como a S.D.Ponferradina. Tamén organiza actos tradicionais como o magosto.
Notas
editar- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2010. Consultado o 26 de abril de 2015.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2010. Consultado o 26 de abril de 2015.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2011. Consultado o 26 de abril de 2015.
- ↑ "Condena a Tarsicio Carballo por aldraxes contra o Secretario Xeral do PB". La Crónica de León. Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2011. Consultado o 26 de abril de 2015.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2012. Consultado o 26 de abril de 2015.
- ↑ Gentes de El Bierzo
- ↑ http://www.infobierzo.com/la-lista-de-pedro-munoz-cuenta-con-ivan-alonso-y-raquel-diaz-como-numeros-2-y-3-con-la-propuesta-estrella-de-un-bayo-libre-de-impuestos/171159/