Parophrys vetulus

Parophrys vetulus
Linguado limanda do Pacífico
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Pleuronectidae
Subfamilia: Pleuronectinae
Xénero: Parophrys
Girard, 1854
Especie: P. vetulus
Nome binomial
Parophrys vetulus
Girard, 1854

Parophrys vetulus é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos,[1] a única do xénero Parophrys,[2] e coñecida en galego como linguado limanda do Pacífico.[3]

É un peixe plano mariño, demersal, que habita en augas costeiras pouco profundas, salgadas e salobres, do Pacífico oriental, desde o mar de Bering polo norte até a Baixa California polo sur.

Trátase dunha especie de grande importancia comercial, principalmente nos estados de Washington, Oregón e California.

Taxonomía editar

Descrición editar

Tanto o xénero como a especie foron descritas en 1854 polo ictiólogo estadounidense de orixe francesa Charles Frédéric Girard.[1]

Sinónimos editar

Ademais de polo nome actualmente válido, que é o orixinario que lle deu Girard, a especie coñeceuse tamén ao longo do tempo polos seguintes sinónimos:[1]

  • Parophrys hubbardii Gill, 1862
  • Parophrys vetula Girard, 1854 (incorrecto gramaticalmente)
  • Pleuronectes digrammus Günther, 1862
  • Pleuronectes vetulus (Girard, 1854)

Etimoloxía editar

Xénero editar

O nome xenérico, Parophrys, está formado polo elemento do latín científico para-, tirado do grego antigo παρα- para-, derivada de παρά pará, "ao lado", "cerca de", e o nome do grego antigo οφρύς ophrýs, "cella".

Especie editar

E o específico, do latín vetulus, -i, "home vello".

Características editar

 
Parophrys vetulus no Acuario de Vancouver.

Parophrys vetulus é un peixe plano con ambos os ollos situados no lado dereito do seu corpo deprimido, de forma de rombidal.
A súa cabeza é pequena, cun fociño aguzado, coa boca pequena e asimétrica.
A cara superior está cuberta de escamas ásperas, e adoita ser de cor parda uniforme, aínda que en ocasións presenta pequenas manchas; a cara inferior é lisa e de cor que vai da branca a amarela pálida.
Os bordos das aleta dorsal e anal son máis escuros.
A liña lateral é basicamente recta, describindo porén unha pequena curva sobre a aleta pectoral.[4]

A súa columna vertebral está formada por de 41 a 44 vértebras. A aleta dorsal está sustentada por de 72 a 92 raios, e a anal por de 45 a 70.[5]

Os machos poden alcanzar un tamaño máximo de até os 49 cm,[6] mentres que as femias poden chegar até os 57 cm; porén a lonxitude media dos espécimes capturados é duns 33 cm. O peso máximo rexitrado foi de 1,5 kg.[7]

Bioloxía editar

Hábitat e distribución editar

 
Área de distribución de Parophrys vetulus.

Parophrys vetulus é un peixe mariño, demersal, oceanódromo que habita en augas costeiras pouco profundas,[6] salgadas e salobres, entre os 0 e os 550 m de profundidade,[8]

Os adultos habitan en fondos areosos e lamacentos, e os individuos xuvenís encóntranse na zona intermareal.[9]

A súa distribución abarca as costas do nordeste do Pacífico, entre os 66° N e os 26° N, e entre os 170° W e os 110° W,[5] desde o mar de Bering até a bahia San Cristóbal, na Baixa California.[10]

Alimentación editar

A dieta do linguado limanda do Pacífico consiste sobre todo en organismos zoobentónicos: invertebrados como pequenos crustáceos e moluscos, veremes mariños e ofiúras.[11]

Lonxevidade editar

A idade máxima rexistrada para esta especie foi de 22 anos.[12]

Pesca editar

Parophrys vetulus é unha especie de grande importancia comercial, pescándose no Pacífico oriental, nas zonas de pesca 67 e 77,[3] case exclusivamente mediante artes de arrastre, dese 1876. Existen dúas pesquerías importantes: unha na costa oeste dos Estados Unidos (nos estados de Washington, Oregón e California), e outra no mar de Bering, en Alasca.[13]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Parophrys vetulus Girard, 1854 no WoRMS.
  2. Parophrys Girard, 1854 no WoRMS.
  3. 3,0 3,1 Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 82.
  4. Parophrys vetulus en Alaska Sea Grant Marine Advisory Bulletin No. 47. Oregon Department of Fish and Wildlife. Consultada o 25-07-2015.
  5. 5,0 5,1 Parophrys vetulus Girard, 1854 en FishBase.
  6. 6,0 6,1 Riede, K. (2004): Global register of migratory species - from global to regional scales. Final Report of the R&D-Projekt 808 05 081. Federal Agency for Nature Conservation, Bonn, Germany.
  7. Fadéev, N. S. (2005): Guide to biology and fisheries of fishes of the North Pacific Ocean. Vladivostok, Russia: TINRO-Center.
  8. Allen, M. J. & G. B. Smith (1988): Atlas and zoogeography of common fishes in the Bering Sea and northeastern Pacific. NOAA Tech. Rep. NMFS 66.
  9. Clemens, W. A. & G. V. Wilby (1961): Fishes of the Pacific coast of Canada. 2nd ed. Fish. Res. Bd. Canada Bull. 68: 443.
  10. Lamb, A. & P. Edgell (1986): Coastal fishes of the Pacific northwest. Harbour Publishing Co. Ltd., B.C., Canada.
  11. Hart, J. L. (1973): "Pacific fishes of Canada". Bull. Fish. Res. Board Can. 180: 740.
  12. Munk, K. M. (2001): "Maximum ages of groundfishes in waters off Alaska and British Columbia and consideration of age determination". Alaska Fish. Res. Bull. 8 (1): 12-21.
  13. English Sole (Parophrys vetulus). En FishWatch. US National Marine Fisheries Service. Consultada o 25-07-2015.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Cooper, J. A. & F. Chapleau (1998): "Monophyly and intrarelationships of the family Pleuronectidae (Pleuronectiformes), with a revised classification". Fish. Bull. 96 (4): 686-726.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar