Paisaxismo
O paisaxismo ou arquitectura da paisaxe consiste na arte, planificación, deseño, proxecto, xestión, conservación e rehabilitación do espazo público, os espazos abertos e o solo. O ámbito da profesión inclúe o deseño arquitectónico, a planificación do local, o desenvolvemento residencial, a restauración da contorna, o urbanismo, o deseño urbano, a planificación de parques e dos espazos de lecer, a planificación rexional e mais a conservación histórica.
A un experto da arquitectura da paisaxe ou paisaxismo denomínaselle como arquitecto paisaxista ou paisaxista. Adoitan ser arquitectos, enxeñeiros de montes, forestais ou agrónomos.
En Galicia é un dos eidos menos desenvolvidos da horticultura. O paisaxismo é unha das disciplinas estudadas en Arquitectura na Universidade da Coruña e nos graos de Enxeñería agrícola e do Medio Rural e Enxeñería forestal e do Medio Natural da Universidade de Santiago de Compostela nas materias de Xardinaría e Paisaxismo Forestal e Ordenación e planificación do Territorio e do Medio Natural.
Historia
editarA historia do paisaxismo vencéllase á da xardinaxe sen se confundir con ela. As dúas disciplinas ocúpanse da composición de plantacións e adaptacións exteriores, mais:
- A xardinaría interésase máis ben polos espazos públicos e privados valados ou choídos (parques, xardíns etc)
- A arquitectura da paisaxe amosa interese polos espazos coutados ou valados e polos que fican abertos sen valado ou muro ningún (prazas, redes de parques, cintos verdes etc)
Os romanos xa facían a arquitectura da paisaxe a grande escala, e Vitruvio escribiu sobre varios temas (ex. a planificación das cidades) que interesan aínda hoxe aos paisaxistas. Coma nas outras artes, non foi antes da Renacenza cando o deseño dos xardíns se reavivou, con realizacións excepcionais como a Alameda de Hércules de Sevilla construída en 1574, o máis antigo xardín público en Europa que chegou aos nosos días.[1] Así mesmo durante os séculos XIV e XVI proliferaron os xardíns privados das vilas da Toscana, tal como refire Juan Bocaccio (1313-1375) na súa obra Decamerón, serie de contos dun grupo de mozos refuxiados nunha vila achegada a Florencia onde se reuniran para fuxiren do flaxelo da peste negra. Daqueles modelos de vilas privadas salienta un extraordinario exemplo que é o da Villa d'Este, en Tívoli. O xardín da Renacenza continuou a se desenvolver noséculo XVI e, no XVII, xa durante o Barroco, acadou o seu apoxeo coa obra de André Le Nôtre nos pazos de Vaux-le-Vicomte e Versailles.[2]
Na Inglaterra do século XVIII desenvólvese un novo estilo de deseño da paisaxe. Especialistas tcomo William Kent, Humphry Repton, e especialmente Capability Brown reorganizaron os grandes ámbitos da burguesía inglesa, dándolles o aspecto dunha versión idealizada da natureza. Moitos destes parques existen aínda hoxe. O escocés Gilbert Laing Meason empregou o termo “estrutura da paisaxe” por vez primeira no título da súa obra The Landscape Architecture of the Great Painters of Italy (Londres, 1828) que trataba do tipo de arquitectura visíbel nas pinturas de paisaxes. Acuñouse, logo, o nome de J.C. Loudon e A.J. Downing.
No urbanismo do século XIX, retomou importancia, e foi a combinación da planificación moderna e a tradición da xardinaría paisaxista o que deu á arquitectura da paisaxe a súa orientación particular. Na segunda metade deste século, Frederick Law Olmsted creou unha serie de parques que seguen a ter unha fonda influencia sobre a práctica actual do paisaxismo. Pódese citar o Central Park de Nova York, o Prospect Park de Brooklyn, o Parc du Mont-Royal de Montreal e a rede de parques Emerald Necklace de Boston.
A arquitectura da paisaxe seguiu os eu desenvolvemento coma disciplina do deseño durante o século XX, e aproveitou varios movementos no deseño e maila arquitectura. Na actualidade, o espírito de innovación ofrece aínda asombrosos resultados no deseño das vías públicas, dos parques e xardíns. A obra de Martha Schwartz nos Estados Unidos, e das planificacións como a de Schouwburgplein en Rotterdam polo grupo neerlandés West 8 son exemplos.
Ian McHarg tivo unha influencia importante sobre a arquitectura da paisaxe moderna e sobre a adaptación do solo en particular. No seu libro Design with Nature (1969) popularizou un sistema de análise das distintas camadas dun local co fin de acadar unha comprensión total dos atributos cualitativos dun lugar. Este sistema converteuse na base dos sistemas de información xeográficos (SIX) actuais. McHarg asignaba unha camada a cada aspecto cualitativo dun lugar, como a historia, a hidroloxía, a topografía, a vexetación etc. Actualmente utilízanse universalmente os programas informáticos de SIX na arquitectura da paisaxe para a análise dos materiais sobre e no chan, do mesmo xeito que son empregado polos urbanistas, os xeógrafos, os profesionais da silvicultura e dos recursos naturais etc
Antes de 1800, a historia da arquitectura da paisaxe foi simplemente a da planificación. A primeira persoa que fala de facer unha paisaxe foi Joseph Addison en 1712. O termo xardineiro da paisaxe foi inventado por William Shenstone en 1754 pero o primeiro deseñador profesional en empregalo foi Humphry Repton en 1794. O termo arquitectura da paisaxe foi inventado por Gilbert Laing Meason en 1828 e se utilizou por vez primeira como título profesional por Frederick Law Olmsted en 1863. Capability Brown, que permanece como un dos xardineiros da paisaxe máis recoñecidos actualmente; calificábase a si mesmo de creador de locais. Durante o século XIX, o termo xardineiro da paisaxe veu a se aplicar a xente que construía (e debuxaban ás veces) as paisaxes, e o termo arquitecto da paisaxe ficou reservado á xente que debuxaba (e construía ás veces) as paisaxes. Este uso do termo arquitecto da paisaxe recoñeceuse despois da fundación da American Society of Landscape Architects en 1899 e da International Federation of Landscape Architects (IFLA) en 1948.
Tarefas
editarO paisaxismo é ámbito multidisciplinar que inclúe: arte, ciencia, matemática, tecnoloxía, enxeñaría, xeografía, horticultura, ciencias sociais, política, historia, filosofía e de cando en vez zooloxía. As actividades dun arquitecto paisaxista ou paisaxista van dende o deseño dos espazos abertos e públicos das vilas - prazas, bulevares, a creación de parques públicos e vías paisaxistas - até a planificación do local para edificios de oficinas corporativos, do deseño de lugares residenciais ao deseño de infraestruturas civís e a xestión de extensas áreas naturais á rehabilitación de lugares degradados como as minas e os lugares de enterramento de desfeitos ou lixo. Os arquitectos paisaxistas traballan sobre todos os tipos de estruturas e pequenos espazos exteriores, grandes urbanos ou rurais, con materiais duros ou vexetación, en relación coa hidroloxía e a ecoloxía.
O alcance das tarefas profesionais coas que colaboran os arquitectos paisaxistas ou paisaxistas é moi extenso. Inclúen:
- A planificación, da forma, escala e plans de lugar de nova evolución
- O deseño civil e as infraestruturas públicas
- A xestión das augas de superficie que inclúen os xardíns de choiva, as cubertas vexetais ou teitos verdes e mailas concas de retención das augas pluviais.
- O deseño de lugares e campus para as institucións
- Os parques, xardíns botánicos, arboredos, vieiros de grande excursión, itinerarios e reservas naturais
- As infraestruturas de lecer coma os campos de golf, os parques de atraccións e os terreos para o deporte
- As zonas residenciais, os parques industriais e os desenvolvementos comerciais
- As autoestradas, estruturas do transporte, as pontes e os corredores de estradas
- O deseño urbano, as prazas, as beiravías, as vías peonís e os aparcadoiros de superficie
- Os proxectos de renovación urbana de distinta amplitude
- As paisaxes forestais, turísticos e históricos e mais os estudos de avaliación e conservación de xardíns históricos
- As cisternas, os encoros, as centrais eléctricas, os proxectos industriais importantes, en particular, na industria primaria
- Os estudos de impacto ambiental nas paisaxes, os consellos en planificación e en xestión do solo
- Os desenvolvementos da beiramar e do mar.
A contribución máis importante faise a miúdo nas primeiras fases dun proxecto pola contribución de ideas, perspectivas e creatividade na organización do espazo. O arquitecto paisaxista ou paisaxista contribúe ao concepto global e prepara un plano inicial a partir do que se poderán facer plans detallados. O especialista pode tamén supervisar os contratos durante a construción, preparar avaliacións, facer os estudos de impacto ou auditorías ambientais e actuar coma testemuña experta en investigacións sobre o uso do solo.
Especialidades
editarOs arquitectos paisaxistas ou paisaxistas e os técnicos ou enxeñeiros da paisaje poden ser empregados polas empresas de construción e de paisaxismo ou seren profesionais independientes. Os paisaxistas, o mesmo que os deseñadores de xardíns, fan o deseño de todos os tipos de plantacións e espazos verdes, e non se rexistran. Moitos enxeñeiros da paisaxe traballan par aos gobernos locais, rexionais ou centrais, mentres que outros traballan para empresas privadas de enxeñaría ou paisaxismo.
Os xestores da paisaxe utilizan os seus coñecementos en botánica e do medio ambiente natural para aconsellar sobre o mantemento a longo prazo das paisaxes. Traballan en horticultura, xardinaría, silvicultura, conservación da natureza e agricultura.
Os científicos da paisaxe teñen coñecementos especializados en pedoloxía, hidroloxía, xeomorfoloxía ou botánica que aplican aos problemas prácticos dos traballos sobre a paisaxe. O seu traballo vai dende a vixilancia do lugar á avaliación ecolóxica de extensas superficies con fins de planificación ou xestión. Poden tamén informar sobre o desenvolvemento ou a importancia de especies particulares nun medio dado
Os planificadores da paisaxe ocúpanse da planificación de paisaxes en canto aos aspectos circunstanciais, escénicos, ecolóxicos e de lecer, de usos urbanos, rurais e costeiros. Os seus traballos materialízanse por informes escritos de políticas e estratexias, e a súa produción inclúe plans directores de nova evolución, avaliacións de paisaxes e a preparación de plans de política e xestión rural. Algúns destes especialistas poden derivar cara a arqueoloxía ou o dereito das paisaxes.
Os deseñadores de xardíns ocúpanse de debuxar xardíns e pequenos espazos exteriores, así como da conservación de xardíns históricos.
Os deseñadores dos chamados teitos verdes debuxan cubertas vexetais extensivas para a xestión das augas de superficie, a arquitectura ecolóxica, estética dos edificios, e a creación de hábitats fáunicos.
A profesión
editarEn moitos países existe unha organización profesional que enmarca a profesión, protexe os seus intereses, e regula a práctica. A norma varía dun país a outro:
Estados Unidos
editarNos Estados Unidos, o paisaxismo está regulado por cada estado, só Vermont carece dun regulamento nesta materia. O arquitecto paisaxista que quere ser membro dun instituto profesional debe ter unha formación sólida ou a experiencia combinada cunha formación continua. Os permisos supervísanse a nivel estado e nacional polos Council of Landscape Architectural Registation Boards (CLARB).
Canadá
editarNo Canadá, algunhas organizacións provinciais regulan o paisaxismo baixo a Asociación de Arquitectos Paisaxistas do Canadá (The Canadian Society of Landscape Architects).
Australia
editarEn Australia, é o Australian Institute of Landscape Architects (AILA) quen regula a profesión. Os paisaxistas autorizados polo instituto teñen o título de Registered Landscape Architect.
Notas
editarVéxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Landscape Architecture Foundation (USA)
- IFLA International Federation of Landscape Architects
- CELA Council of Educators in Landscape Architecture
- EFLA European Federation of Landscape Architects