Operación Charly

A Operación Charly é o nome en clave co que foi coñecida unha operación militar clandestina do Exército Arxentino en acordo coas Forzas Armadas dos Estados Unidos, para poñer en funcionamento en América Central os métodos represivos ilegais utilizados na guerra sucia na Arxentina.

Edificios utilizados pola Escuela de las Américas en Panamá

A exportación do método arxentino a Centroamérica editar

A partir de 1979 o réxime militar arxentino comprometeuse activamente en desenvolver a guerra sucia en Centroamérica, capacitando a forzas militares e paramilitares de contrainsurxencia en Nicaragua, Honduras, O Salvador e Guatemala, e exportando a experiencia arxentina.

Os militares arxentinos comezaron a realizar operacións encubertas que a CIA xa non podía realizar baixo a administración demócrata do presidente James E. Carter e en sintonía cos grupos máis conservadores norteamericanos, comezaron a proclamar que os Estados Unidos deixara inerme ao hemisferio fronte ao comunismo e que eles debían cumprir ese papel[1].

O Operativo Centroamérica foi executado a partir do grupo de militares que xa actuaban na Operación Cóndor. A xornalista norteamericana Martha Honey sostén no seu libro sobre a política norteamericana en Centroamérica que:

Tendo perfeccionado brutalmente as técnicas de control social no seu país, as forzas armadas arxentinas estaban preparadas cara a 1980 para exportar estas habilidades para axudar a vencer á insurxencia comunista no Salvador e Guatemala e deter ós sandinistas en Nicaragua"[2].
 
Graffiti en Nicaragua, 1980

En 1979, produciuse o triunfo do Frente Sandinista en Nicaragua. Ese mesmo ano, en novembro, o presidente da Xunta Militar arxentina, o xeneral Viola, expuxo ante a XIII Conferencia de Exércitos Americanos realizada en Bogotá, un plan de latinoamericanización do modelo terrorista estatal.

Pero será fundamentalmente o xeneral Galtieri quen, en consonancia co triunfo de Ronald Reagan nos Estados Unidos, levaría á Arxentina a comprometerse plenamente na Guerra Sucia Centroamericana, baixo os aliñamentos estratéxicos norteamericanos. Galtieri presentaba como un valor a súa capacidade para levar a guerra sucia ata as últimas consecuencias tanto militar, como política e culturalmente.

A peza central do plan de Reagan para América Central foi o pacto coa Xunta Militar arxentina. Leslie Gelb, xornalista do New York Times explica:

Por el pacto, la Argentina sería responsable, con fondos e inteligencia norteamericanos, de atacar el flujo de pertrechos que iban a través de Nicaragua a El Salvador y Guatemala" [3].

As actividades encubertas foron distribuídas de acordo ao seguinte esquema: Estados Unidos achegaba os cartos e o equipo necesario; Arxentina enviaba instrutores con experiencia na guerra sucia propia; e Honduras permitía o uso do seu territorio para adestramento dos contras e as bases de ataque a Nicaragua. O nome en código utilizado foi Operación Charly.

A guerra sucia en Centroamérica e o apoio norteamericano fortaleceu internamente ao xeneral Galtieri, quen en decembro de 1981, nun golpe palaciano, desprazou do poder ao xeneral Viola, cuestionado do mesmo xeito que Videla, polas boas relacións que a ditadura militar arxentina mantivera ata entón coa Unión Soviética. Nese contexto, poucos días antes de asumir como presidente da Xunta Militar, Galtieri expuxo nun curto discurso pronunciado en Miami, a decisión do goberno militar arxentino de constituírse nun aliado incondicional dos Estados Unidos na loita mundial contra o comunismo:

La Argentina y los EE.UU. marcharán juntas en la guerra ideológica que está comenzando en el mundo"[4].

Paradoxalmente, nun acto nunca debidamente aclarado, foi Galtieri quen poucos meses despois, o 2 de abril de 1982, invadiu as Illas Malvinas baixo dominio de Gran Bretaña, principal aliado dos EEUU, gobernada ademais por Margaret Thatcher quen por entón constituía unha aliada estratéxica do presidente Reagan.

A partir de 1979 os militares arxentinos estableceron centros de actividade militar encuberta en Panamá, Costa Rica, O Salvador, Honduras e Guatemala, e Nicaragua. En Honduras, por exemplo, os escuadróns da morte que comezaron a actuar en 1980, eran atribuídos á importación do «método arxentino»[5].

A comezos de 1982, Estados Unidos e a ditadura arxentina planearon a creación dun grande exército latinoamericano, que sería liderado por un militar arxentino, co obxectivo inicial de desembarcar no Salvador e empurrar aos revolucionarios cara a Honduras onde serían exterminados, para logo invadir Nicaragua e aniquilar aos sandinistas. A operación sería amparada por un redeseño do Tratado Interamericano de Asistencia Recíproca (TIAR).

Os militares e axentes arxentinos volvéronse notablemente visíbeis a partir de 1981 en toda Centroamérica. Xa durante a Guerra das Malvinas (que marcou o final da sociedade entre os militares arxentinos e os sectores duros dos Estados Unidos) produciuse o escándalo internacional do axente arxentino Francés García, cuxo verdadeiro nome era Estanislao Valdez, ex represor do Campito, establecido en Costa Rica, secuestrado aparentemente polos grupos sandinistas e logo desaparecido, ao aparecer nun extenso vídeo por TV explicando con luxo de detalles as operacións encubertas de arxentinos e norteamericanos en Centroamérica. Honey conta que Valdez era cualificado polos militares centroamericanos, con certa admiración, de ter "una mentalidad gorila completamente criminal"[6].

A invasión das Malvinas puxo fin á intervención arxentina en Centroamérica, pero a Guerra Sucia na rexión continuou ata ben entrados os anos '90, cun resultado de centos de miles de desaparecidos.

Notas editar

  1. María Seoane, Los secretos de la guerra sucia continental de la dictadura, 2006.
  2. Martha Honey, Hostile acts: US policiy in Costa Rica in the 1980s, 1994, pax. 244.
  3. New York Times, abril 8, 1983
  4. Miami Herald, decembro 2, 198l.
  5. "Noam Chomsky, La guerra al terrorismo, Conferenza Annuale di Amnesty International ospitata dal Trinity College, ZNet, 13 de febreiro de 2006.". Arquivado dende o orixinal o 09 de setembro de 2006. Consultado o 25 de novembro de 2007. 
  6. Honey, ob. cit., páx 246.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Armony, Ariel C. (1999). La Argentina, los Estados Unidos y la Cruzada Anti-Comunista en América Central, 1977-1984. Quilmes: Universidad Nacional de Quilmes. ISBN. 
  • Bardini, Roberto (2003). Los militares de EEUU y Argentina en América Central y las Malvinas. Argenpress, La política en la semana. [1]. 
  • Bardini, Roberto (1988). Monjes, mercenarios y mercaderes, libro del autor de este trabajo. México : Alpa Corral. ISBN. 
  • Butazzoni, Fernando (2005). La historia secreta de un doble asesinato. Marcha, vol. Montevideo. ISBN. 
  • Honey, Martha (1994). The argentines: the first cut-outs in Washington's dirty war. Gainesville, Fl: University Press of Florida. ISBN 0-8130-1250-3. 
  • Maechling, Charles (1981). The Argentine pariah. Foreign Policy, vol. Invierno 1981-1982. pp 69-83. 
  • Seoane, María (2006). Los secretos de la guerra sucia continental de la dictadura. Clarín, vol. Especiales: A 30 años de la noche más larga. [2]. 

Outros artigos editar