Operación Carballo

A Operación Carballo (en alemán: Unternehmen Eiche) foi unha operación de rescate executada durante a segunda guerra mundial na que o comando Fallschirmjäger (paracaidistas) da Wehrmacht alemá liberou o Duce italiano Benito Mussolini do seu aprisionamento no Hotel Campo Imperatore en setembro de 1943, enviado este a este lugar despois dun golpe de estado, cando Italia era asediada por case todas as frontes, e vendo os italianos a guerra perdida contra os aliados.

A orde de rescate a calquera prezo foi impartida persoalmente por Adolf Hitler ao coronel Otto Skorzeny das Waffen-SS, planificada polo comandante Harald Mors e aprobada polo xeneral Kurt Student, xefe de operacións dos paracaidistas da Luftwaffe.

Antecedentes editar

O 25 de xullo de 1943, semanas despois da invasión angloestadounidense de Sicilia, os malos resultados na guerra causaron que dentro do Gran Consello Fascista se decidira destituír a Benito Mussolini de todas as súas funcións como Duce e que asumira o goberno o xeneral Pietro Badoglio, tras varias semanas nas que os xerarcas da Italia fascista conspiraban para evitar unha derrota militar ante os Estados Unidos e o Reino Unido derrocando a Mussolini.

Ao día seguinte da votación do consello, Mussolini foi arrestado por orde do rei Víctor Manuel III e levado a diferentes lugares por decisión do goberno de Badoglio, primeiro á illa mediterránea de Ponza, logo á illa de La Maddalena e finalmente ao Hotel Campo Imperatore, un aloxamento para deportes de inverno próximo á montaña do Gran Sasso d'Italia, nos Apeninos, na rexión dos Abruzos. O goberno de Badoglio utilizou diferentes estrataxemas para impedir que a intelixencia alemá soubera o verdadeiro lugar de arresto do líder fascista.

Planificación editar

 
Un planador DFS 230 usado na operación, mentres carabinieri cativos observan o aparello.

Tras varias semanas nas que os axentes de espionaxe alemáns buscaron o paradoiro exacto de Mussolini, Adolf Hitler ordenou á Abwehr e á Wehrmacht conseguir a localización exacta do Duce e liberalo dos seus captadores, para levalo logo a Alemaña. A operación foi planificada pola Luftwaffe, que usaría os seus paracaidistas ao mando do comandante Harald Mors e do tenente Otto von Berlepsch. Previndo un combate, decidiuse que aos paracaidistas de Student uniríanse oficiais das Waffen-SS liderados polo capitán Otto Skorzeny, xefe suxerido por Ernst Kaltenbrunner a Hitler. Hitler mesmo en persoa encomendou a Skorzeny a execución da operación brindándolle o seu apoio e sorte.

Os axentes dos servizos secretos alemáns en Italia lograron interceptar unha mensaxe cifrada e saber que Mussolini estaba recluído no Hotel Campo Imperatore, xunto ao Gran Sasso. Este edificio de recente construción estaba próximo a unha grande estación de esquí e accesible só por funicular desde a localidade de Assergi. Cabe destacar que a zona é de difícil topografía, que facía imposible o ataque sorpresa por terra, por tanto, a única opción era por aire usando planadores. Temíase fundadamente que os carabinieri apenas sospeitasen dun intento de rescate, asasinasen a Mussolini, polo que Student secuestrou o xeneral dos carabinieri, Ferdinando Soletti, para que respondese coa súa vida pola seguridade do Duce.

De inmediato organizouse un grupo de Fallschirmjäger para acudir a dita zona e rescatar a Mussolini. Tras o armisticio italiano do 8 de setembro de 1943, as tropas da Wehrmacht invadiran Italia, uníndose ás forzas alemás que xa estaban estacionadas en chan italiano desde facía meses, polo cal o comando de paracaidistas sería apoiado desde terra.

 
Otto Skorzeny como comandante da unidade SS Friedenthal

O rescate editar

 
Un Fieseler Fi 156 Storch en voo.

Sobre os días anteriores á operación, Skorzeny escribiu o seguinte[1]:

10 de setembro de 1943. Pasamos dous días e dúas noites sen ter nin un só momento de repouso; non dispuxemos nin de tempo para sacar o uniforme. Ao noso xeneral ocorreulle algo parecido. Nestas condicións, sostiven con el unha conversa decisiva. Antes da conversación co meu superior quixen cambiar impresións co meu axudante. Discutimos as posibilidades dun asalto. Sabiamos que non nos quedaba máis remedio que poñer en práctica, canto antes, o noso plan. Cada día, incluso cada hora de demora, poñía en perigo o éxito da nosa empresa; a medida que o tempo pasaba, aumentaban as probabilidades de que o Duce fora trasladado de lugar ou entregado aos aliados. E que as nosas suposicións eran certas, puidémolo corroborar plenamente pouco tempo despois. Soubemos que o xeneral Eisenhower recibira a orde de facerse cargo de Mussolini.
Otto Skorzeny, Vive peligrosamente (2005)[1]

A operación de rescate foi planificada para o 12 de setembro de 1943 ás 7 horas, pero o mal tempo causou que tivera que realizarse ás 14 horas. Ao mando do capitán Otto Skorzeny, apareceron doce planadores DFS 230 dos paracaidistas alemáns voando sobre Campo Imperatore, superando os cumios montañosos que rodeaban o Gran Sasso. Mentres tanto unha columna de infantaría motorizada alemá tomaba por asalto a estación de esquí próxima a Assergi, dominando a resistencia dos gardas italianos tras breve loita, e aseguraban a incomunicación do Hotel Campo Imperatore.

 
Mussolini coas tropas alemás que o rescataron en Campo Imperatore o 12 de setembro de 1943.

Os DFS 230 aterraron repentinamente fronte ao Hotel Campo Imperatore, aínda que un dos aparellos, o n.º 8, accidentouse e morreron os seus ocupantes. En poucos segundos desembarcaron os paracaidistas con homes das Waffen-SS ao mando de Skorzeny e evitaron toda reacción dos sorprendidos gardas italianos axudándose do xeneral de policía militar Ferdinando Soletti, arrestado catro días antes polos alemáns en Roma, e usado como «escudo humano» para que os gardas italianos non disparasen, así como para confundilos sobre se o «rescate» era autorizado por un militar italiano. A pesar da orde do goberno de Badoglio, de impedir pola forza todo intento de fuga de Mussolini, matando o seu prisioneiro se era preciso, os soldados italianos non dispararon, e o rescate ocorreu sen loita, incluso os carabinieri capturados mostráronse amigables e colaboraron cos seus captadores. Ao ser arrestado días antes, o xeneral Kurt Student advertira ao xeneral Soletti que el mesmo respondería coa súa vida en caso de problemas cos gardas italianos.

 
Mussolini coa unidade de paracaidistas de Student dirixidos por Otto Skorzeny (á dereita do Duce).

Así relatou Skorzeny o desenvolvemento da operación:[2]

Pechei os ollos durante un segundo; non estaba en condicións de pensar. Unha última sacudida fíxome comprender que aterráramos. A comporta de entrada desaparecera e vin que o primeiro dos meus soldados saltaba do planador. (...) O primeiro posto de garda italiano estaba ao pé dun pequeno promontorio e ante unha esquina do hotel. Os que o formaban non daban creto ao que vían seus ollos, parecían moi abraiados ante o artefacto que acababa de choverlles do ceo. (...) Limitándonos a ordenar "¡Mani in alto!" ao desconcertado sentinela do primeiro posto de garda, chegamos ao hotel e, de pronto, encontrámonos ante unha porta aberta.(...) A miña vista pousouse sobre a fachada principal do hotel e recorreuna detidamente. Vin unha cabeza que se asomaba por unha xanela. Recoñecín o Duce.
Otto Skorzeny, Vive peligrosamente (2005)[2]

Tras descubrir a Mussolini nun balcón da segunda planta do hotel, Skorzeny e outros homes das Waffen-SS lograron situar facilmente a habitación do Duce, entraron rapidamente ao edificio levando a Soletti por diante e sacaron o Duce do hotel, confiándolle Skorzeny que se estaba a realizar ese rescate por orde persoal de Hitler. Segundo as memorias do propio Skorzeny, Mussolini respondeu emocionado «Eu sabía que o Führer non me abandonaría!»

Para sorpresa dos paracaidistas alemáns, o comandante Harald Mors e o tenente Otto von Berlepsch chegaron minutos despois con homes da columna motorizada empregando un camiño de acceso, que viñera desde Roma, para evacualos. Neses momentos Mussolini xa estaba fóra do recinto e sacáronse algunhas fotografías para testemuño histórico.

 
A avioneta Fieseler Storch usada para o rescate de Mussolini despega do Gran Sasso co Duce no seu interior.

Tras algúns minutos de espera, unha avioneta Fieseler Fi 156 Storch que chegara durante a operación despegaba cara a territorio baixo control alemán, levando a Mussolini xunto con Otto Skorzeny e o piloto Hans Gerlach (o aparello estaba moi sobrecargado e a duras penas puido remontarse), mentres os paracaidistas unha vez incendiados os planadores fuxían coa columna motorizada alemá que esperaba en Assergi. A operación de rescate durara menos dunha hora.

Consecuencias editar

 
O xeneral Ferdinando Soletti, usado polos alemáns como refén-escudo para parlamentar coa escolta de carabinieri do Duce.

Tras o rescate, Mussolini foi levado nun Heinkel 111 a Viena e logo a Múnic para reunirse con Hitler, recibindo alí a designación feita polo Führer como novo líder da República Social Italiana que se estableceu baixo auspicio alemán no norte de Italia.

O xeneral Kurt Student foi persoalmente felicitado por Hitler, do mesmo xeito que o comandante Harald Mors e o tenente von Berlepsch. No entanto, o maior crédito polo rescate foi para o capitán Otto Skorzeny, que non só foi ascendido, senón ademais condecorado cunha Cruz de Cabaleiro, ademais de ser prontamente publicitado como heroe na propaganda nazi por facerse cargo persoalmente da seguridade de Mussolini nos primeiros minutos do rescate e na fuga final.

Mentres tanto a propaganda nazi amplificaba a importancia do rescate como un sinal de que o Terceiro Reich non daba por perdida a situación en Italia, particularmente tras a vitoria aliada en Sicilia e os exitosos desembarcos angloestadounidenses na costa do mar Tirreno. Os líderes políticos e militares aliados cuestionaron a decisión do goberno de Badoglio de non entregar a Mussolini aos Aliados como forma de evitar este tipo de situacións, mentres que os xefes da garda de Campo Imperatore foron xulgados por colaboracionismo e traizón.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Skorzeny 2005, p. 173.
  2. 2,0 2,1 Skorzeny 2005, pp. 180-181.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar