Nosa Señora de Montserrat
A Virxe de Montserrat (en catalán: Mare de Déu de Montserrat), coñecida popularmente como La Moreneta, é a patroa de Cataluña e unha das sete Patroas das comunidades autónomas de España. A imaxe venérase no Mosteiro de Montserrat, símbolo para Cataluña e un punto de peregrinación para crentes e de visita obrigada para os turistas.
Nosa Señora de Montserrat | |
---|---|
Mare de Déu de Montserrat | |
Advocación da Virxe María | |
Historia | |
Orixe da devoción | c. 880 en Cataluña |
Veneración | |
Venerada en | Igrexa Católica |
Festividade | 27 de abril |
Santuario principal | Mosteiro de Santa María de Montserrat |
Patroa de | Cataluña |
O 11 de setembro de 1881, o papa León XIII declarou oficialmente á Virxe de Montserrat como patroa das dioceses de Cataluña. Concedéuselle tamén o privilexio de ter misa e oficios propios. A súa festividade celébrase o 27 de abril.
Historia
editarSegundo a lenda, a primeira imaxe da Virxe de Montserrat atopárona uns nenos pastores no ano 880. Tras ver unha luz na montaña, os nenos atoparon a imaxe da Virxe no interior dunha cova. Ao decatarse da noticia, o bispo de Manresa intentou trasladar a imaxe ata esta cidade, pero o traslado foi imposible xa que a estatua pesaba demasiado. O bispo interpretouno como o desexo da Virxe de permanecer no lugar no que se atopou e ordenou a construción da ermida de Santa María, orixe do actual mosteiro.
Coméntase que a cor negra da cara da Virxe e do neno débese ás candeas ou cirios que se acendían na súa honra ao interior da cova na que ela se atopaba. Debido á calor que emitían as candeas as súas caras foron queimándose, tomando esta cor negra.
A talla
editarA imaxe é unha talla románica do século XII realizada en madeira de álamo. Representa á Virxe co neno Xesús sentado no seu colo e mide uns 95 centímetros de altura. Na súa man dereita sostén unha esfera que simboliza o universo; o Neno ten a man dereita levantada en sinal de bendición mentres que na man esquerda sostén unha piña. O rostro e a cabeza do Neno Xesús foron retocados en época posterior e mostran un estilo naturalista alleo de todo ás imaxes románicas.
Con excepción da cara e das mans de María e o Neno, a imaxe é dourada. As carnacións son de cor negra, o que lle deu o apelativo popular de La Moreneta. Pertence ao grupo das chamadas virxes negras que tanto se estendeu pola Europa románica e cuxo significado deu lugar a múltiples estudos. Aínda que neste caso a súa cor parece ser o resultado da transformación do verniz da súa cara e das súas mans a causa do paso do tempo.[1]
A Virxe de Montserrat foi a primeira imaxe mariana de España en recibir a Coroación Canónica xa en 1881, seguida da Virxe da Mercé de Barcelona (1886), a Virxe da Candeloria de Tenerife, Patroa das Canarias (1889); a Virxe dos Reis de Sevilla (1904) e a Virxe da Misericordia de Reus (1904).
En España existen outras virxes negras coñecidas co nome de "morenas", como a Virxe de Guadalupe, a Virxe da Cabeza (Xaén), a Virxe de Lluc (Mallorca), a Virxe da Candeloria (Tenerife) ou a Virxe de Argeme (Coria) e a Virxe da Velía (Bimenes, Asturias).
Réplicas da Virxe
editarEn Monforte de Lemos hai unha imaxe e as súas festas, celebradas o 15 de agosto, son na honra á Virxe de Montserrat.
Nun lateral da capela da Nosa Señora a Branca, da Catedral de Santiago de Compostela, hai tamén unha imaxe da Virxe de Montserrat.
En Sevilla hai unha confraría de Semana Santa que entre os seus santos titulares conta coa Virxe de Montserrat gloriosa e dolorosa. En Cataluña hai varias réplicas e as máis importantes atópanse na Igrexa dos Santos Xusto e Pastor de Barcelona, no Santuario da Virxe de Montserrat en Montferri (Tarragona) e en Terrassa.
En América atopamos moitas réplicas da Virxe. Na cidade de Lima (Perú) venérase unha delas; o antigo barrio extramuros leva o nome de Montserrat e as súas festas, no mes de setembro, celebran moitos milagres concedidos por esta Virxe. Na cidade de Bogotá (Colombia) hai o monte Monserrate, que preside a cidade, cun santuario que ten unha capela coa Moreneta. En Santos (Brasil) venérase outra réplica e a Virxe de Montserrat é a patroa da cidade.
Na cidade sarda de Alguer hai unha estatua da Moreneta que foi doada por un grupo de intelectuais cataláns durante o franquismo e que actualmente está na Catedral da cidade. En Roma atopamos a Igrexa Nacional Española de Santiago e Montserrat.
Padroádego
editarEn Galicia, a Virxe de Montserrat é patroa de Monforte de Lemos.[2] No resto de España é patroa do concello de San Andrés y Sauces.[3][4]
Notas
editar- ↑ http://www.abadiamontserrat.net/castellano/mdedeu.htm Arquivado 03 de abril de 2010 en Wayback Machine., véxase tamén artigo [1] no xornal El País de 26/04/2001.
- ↑ Moure-Mariño, Luis (1997). Apuntes para la historia de Monforte de Lemos (en castelán). Xunta de Galicia. p. 19. ISBN 9788445319796.
- ↑ de Solano, Francisco; del Pino, Fermín, eds. (1982). América y la España del siglo XVI 2. Editorial CSIC. p. 309. ISBN 9788400051532.
- ↑ "Fiestas en Honor a Nuestra Señora de Montserrat". Concello de San Andrés y Sauces (sanandresysauces.es). Consultado o 28/04/2022.