Nemesio Martín
Nemesio Martín Montejo, máis coñecido como Neme, nado en Sanchón de la Sagrada, Salamanca, o 31 de decembro de 1939 e finado en Salamanca o 20 de outubro de 2022,[1][2] foi un futbolista e adestrador español que xogaba como dianteiro. Futbolista histórico do Pontevedra, no que militou oito tempadas, é o máximo goleador do club na Primeira División con 35 goles, así como o único futbolista en vestir a camiseta da selección española mentres militaba no equipo pontevedrés. Como adestrador dirixiu principalmente equipos da Segunda División B durante as décadas de 1980 e 1990.
Nome orixinal | Nemesio Martín Montejo | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacemento | 31 de decembro de 1939 Sanchón de la Sagrada, España (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 20 de outubro de 2022 (82 anos) Salamanca, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 1,66 m. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1962 - 1976 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Traxectoria
editarComo futbolista
editarInicios no Salamanca
editarComezou a xogar ao fútbol como porteiro nun equipo da falanxista OJE, ingresando máis tarde no equipo xuvenil da UD Salamanca, onde se reconverteu a dianteiro, xogando dende entón como interior ou extremo.[3] Linotipista de profesión,[3] tras pasar polo filial subiu en 1962 ao primeiro equipo do Salamanca,[4] co que debutou en partido oficial o 11 de novembro dese ano, nun encontro da Segunda División fronte ao Basconia no Campo do Calvario, marcando o seu primeiro gol.[5] Menos dun mes despois, no seu terceiro partido na categoría, conseguiu o seu primeiro triplete, diante do Sabadell.[6] Foi o máximo goleador do equipo esa tempada e maila seguinte, con 10 tantos en cada unha delas.
Pontevedra
editarTralo descenso do Salamanca, deixou o equipo e asinou co Pontevedra despois de ser sometido a proba nun partido amigable en Redondela no que marcou tres goles.[7] Titular indiscutible no equipo de Marcel Domingo, marcou 20 goles proclamouse campión do Grupo 1 da Segunda División esa mesma tempada, ascendendo así á Primeira División. Disputou o seu primeiro partido na máxima categoría na primeira xornada da tempada 1965/66 ante o Málaga na Rosaleda, formando dianteira xunto con Martín Esperanza, Ceresuela, Vallejo e Odriozola.[8] No seguinte encontro anotou os seus dous primeiros tantos en Primeira, batendo por dúas veces ao histórico porteiro Iribar na vitoria por 3-0 sobre o Athletic de Bilbao en Pasarón.[9] Marcou un total de 14 goles na súa primeira tempada na categoría, na que o equipo rematou sétimo, e conseguiu facerlle goles a catro dos cinco primeiros clasificados na liga (Real Madrid, Barcelona, Zaragoza e Athletic).
Na tempada 1966/67 conseguiu contra o Barcelona o seu gol máis famoso, o que lle deu ao Pontevedra a súa única vitoria no Camp Nou (0-1).[10] Xogou cinco anos consecutivos en Primeira, marcando 35 goles na categoría, máis que ningún outro futbolista na historia do club. A campaña 1969/70 foi a derradeira do equipo galego en Primeira e despois do descenso e de militar outro ano na categoría de bronce, Neme regresou en 1971 ao Salamanca, nun intercambio de xogadores entre ambos clubs que incluíu o pase do porteiro Aguinaga ao club salmantino e do defensa Geñupi ao Pontevedra.[11]
Despois dun ano en Salamanca volveu en 1972 ao Pontevedra, co que disputou unha última tempada sumando 36 partidos máis, sen poder evitar o descenso á Terceira División. Xogou un total de 234 encontros co club granate, nos que marcou 75 goles. Mantívose como o máximo goleador histórico do Pontevedra durante tres décadas, ata que foi superado por Pablo Couto primeiro e por Charles despois, ocupando na actualidade a terceira praza na táboa anotadora do club.
Albacete
editarEn 1973 fichou polo Albacete, no que militou durante tres tempadas (dúas en Rexional Preferente e outra en Terceira División), marcando 47 goles en 89 partidos.[12]
Selección nacional
editarEn outubro de 1965 foi convocado polo seleccionador español José Villalonga para dous encontros internacionais fronte a Irlanda, correspondentes á clasificación para o Mundial de 1966.[13] Non chegou a debutar coa selección española neses dous partidos pero si o fixo no seguinte, un amigable contra Inglaterra no estadio Santiago Bernabéu o 8 de decembro.[14] Saltou ao campo como substituto de Lapetra, converténdose así no primeiro salmantino en xogar coa selección e no único xogador en facelo mentres militaba no Pontevedra.[10][2]
Como adestrador
editarTrala súa retirada como futbolista foi adestrador, comezando a súa carreira no Béjar. A continuación foi contratado polo Salamanca para a tempada 1980/81 da Primeira División, pero foi destituído despois de só 11 xornadas, nas que acumulou nove derrotas e dous empates. Trala súa saída do club unionista fichou polo Manchego, ao que dirixiu ata 1983 en Terceira División. Nos seguintes anos dirixiu nove equipos diferentes, todos eles na Segunda División B. Entre eles adestrou o Pontevedra e o Albacete, nos que xa militara como xogador, e tivo un segundo paso polo banco do Salamanca, co que se proclamou campión do Grupo 1 da Segunda B na tempada 1991/92.
Palmarés
editarXogador
editar- Pontevedra
- Segunda División (1): 1964/65.
- Copa Galicia (1): 1964/65.
Adestrador
editar- Salamanca
- Segunda División B (1): 1991/92.
Notas
editar- ↑ Alonso-Bartol, R. (20 de octubre de 2022). "Fallece “Neme”, ex jugador y entrenador de la Unión Deportiva Salamanca". Consultado o 21 de octubre de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 Sanz, Alicia (2022-10-20). "Salamanca y el fútbol lloran la muerte de ‘Neme’, el primer salmantino que jugó con la Selección Española". El Español (Salamanca). Consultado o 2022-10-20.
- ↑ 3,0 3,1 "Neme empezó a jugar de portero y terminó en la delantera". La Noche (en castelán) (13720). 28 de outubro de 1965. p. 5. Consultado o 22 de outubro de 2022.
- ↑ "Racimo". La Noche (en castelán) (12582). 19 de xullo de 1962. p. 5. Consultado o 22 de outubro de 2022.
- ↑ "Salamanca, 2 Basconia, 2". Mundo Deportivo. 12 de novembro de 1962. p. 6. Consultado o 22 de outubro de 2022.
- ↑ "Ganó el Salamanca al Sabadell (4-0)". El Pueblo Gallego (en castelán) (13820). 9 de decembro de 1962. p. 15. Consultado o 22 de outubro de 2022.
- ↑ "El salmantino Neme, fichó por el Pontevedra". El Pueblo Gallego (en castelán). 25 de agosto de 1964. p. 10. Consultado o 22 de outubro de 2022.
- ↑ Alfil (6 de setembro de 1965). "El Club Pontevedra jugó el sábado en Málaga". La Noche (en castelán) (13655). p. 10. Consultado o 22 de outubro de 2022.
- ↑ "Para empear, gran triunfo del Pontevedra (3-0) sobre el Atlético de Bilbao". El Pueblo Gallego (en castelán). 14 de setembro de 1965. p. 19. Consultado o 22 de outubro de 2022.
- ↑ 10,0 10,1 Acevedo, David (21 de outubro de 2022). "El gol se viste de luto con la muerte de Neme". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 22 de outubro de 2022.
- ↑ "Jugador del Salamanca al Pontevedra". El Pueblo Gallego (en castelán). 16 de xuño de 1971. p. 14. Consultado o 22 de outubro de 2022.
- ↑ Carrizo, Juan (21 de outubro de 2022). "Falleció el mítico Neme, exjugador y exentrenador del Albacete" (en castelán). Consultado o 22 de outubro de 2022.
- ↑ "Villalonga falicitó la lista de seleccionados para el partido contra Irlanda". La Noche (en castelán) (13711). 18 de outubro de 1965. p. 4. Consultado o 22 de outubro de 2022.
- ↑ "Desafortunada actuación de la Selección española, que perdió ante la inglesa por dos goles a cero". La Noche (en castelán) (13756). 9 de decembro de 1965. p. 5. Consultado o 22 de outubro de 2022.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Datos do xogador coa selección española (en castelán).
- Datos do adestrador en BDFutbol (en castelán).