Mirmecofáxidos

(Redirección desde «Myrmecophagidae»)
Mirmecofáxidos
Myrmecophagidae

Rango fósil: mioceno - actualidade

Oso formigueiro xigante (Myrmecophaga tridactyla)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia
Superorde: Xenarthra
Orde: Pilosa
Suborde: Vermilingua
Familia: Myrmecophagidae
Gray, 1825
Xéneros

A dos mirmecofáxidos (Myrmecophagidae) é unha familia de mamíferos placentarios da orde dos pilosos. Comprende dous xéneros con tres especies de osos formigueiros,[1] o oso formigueiro xigante, Myrmecophaga tridactyla e as dúas tamanduás (do xéneroo Tamandua).[2]

Características

editar

Os osos formigueiros teñen un corpo robusto e alongado, máis ou menos comprimido polos costados e cuberto por unha densa pelaxe. A súa lonxitude, sen contar a cola, oscila entre os 60 cm dos tamanduás até os 120 cm do oso formigueiro xigante. Teñen as patas ben desenvolvidas, pés plantígrados con robustas garras falciformes,[3] e unha cola longa, prénsil nos tamanduás, que son de vida arborícola. O fociño é moi longo, tubular e recurvado cara a abaixo, sobre todo no oso formigueiro xigante, cunha abertura bucal moi reducida e estreita. As orellas son pequenas e arredondadas.[4]

Carecen de dentes. A cavidade bucal está ocupada por unha lingua vermiforme, que pode alcanzar 1 m de lonxitude, cun diámetro de 10 ou 15 mm.[4] A lingua desempeña un papel esencial na alimentación dos osos formigueiros; está dotada dunha poderosa musculatura que se insire na apófise xifoide do esterno, á evaxinábel, pegañenta, estando adaptada para capturar formigas e térmites, que son a base do seu alimento. As glándulas salivares están moi desenvolvidas. Teñen un excelente olfacto, pero os sentidos da vista e do oído están pouco desenvolvidos.

Comportamento

editar

Nos seus desprazamentos apoian principalmente o lado externo das mans, provistas de grandes almofadas, coas garras dirixidas cara a dentro. En actitude defensiva póñense en posición semierecta, coas patas anteriores levantadas dispostas para golpearen coas súas gadoupas, manténdose apoiados coas patas posteriores e a cola que, nas especies arborícolas (tamanduás), permanece aferrada a unha rama. Incluso un xaguar evita loitar cun oso formigueiro xigante, que é un adversario temíbel.[4]

Son mirmecófagos;[5] as garras úsanas para desenterraren as formigas e romperen os termiteiros, e despois capturan unha gran cantidade de presas coas súas longas linguas pegañentas.

Hábitat e distribución

editar

Viven principalmente nas selvas densas tropicais, pero ás veces encóntranse nas sabanas, en xeral en parellas ou solitarios.[4]

Encóntranse en América Central e do Sur, desde o sur de Belize e Guatemala até o norte da Arxentina.[6]

Taxonomía

editar

Descrición

editar

A familia dos mirmecofáxios describiuna en 1825 o naturalista inglés John Edward Gray, en Ann. Philos., n.s., 10: 343.[7]

 
Tamandua mexicana.
 
Tamandua tetradactyla.

Etimoloxía

editar

O nome científico Myrmecophagidae está formado sobre a raíz do xénero tipo da familia, Myrmecophaga, coa desinencia -idae, propia dos nomes das familias de animais.

En canto ao nome deste xénero tipo, que foi descrito por Linneo en 1758, formouse co primeiro elemento do latín científico Myrmeco-, tirado do grego antigo μύρμηξ ηκος mýrmēx -ēkos, "formiga", e o segundo elemento -phaga, do grego φάγος phágos, "comellón". Literalmente: "os comedores de formigas".

Clasificación

editar

Familia Myrmecophagidae Gray, 1825

  1. Oso formigueiro na Dicopedia do Século 21.
  2. Tamadúa no Diccionario normativo galego-castelán de Galaxia. A acentuación do Normativo de Galaxia é incorrecta; probabelmente é un castelanismo antigo; hoxe en castelán é a correcta tamanduá.
  3. En forma de fouce.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 VV. AA. (1968): Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 80-83.
  5. Comedores de formigas.
  6. "Myrmecophaga tridactyla (giant anteater)". Animal Diversity Web. Consultado o 14-01-2016. 
  7. Myrmecophagidae en MSW.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar