Tamandua tetradactyla

Tamandua tetradactyla é unha especie de mamífero placentario da orde dos pilosos e familia dos mirmecofáxidos.

Tamandua tetradactyla
Tamanduá de catro dedos,
tamanduá meridional
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Superorde: Xenarthra
Orde: Pilosa
Suborde: Vermilingua
Familia: Myrmecophagidae
Xénero: Tamandua
Especie: T. tetradactyla
Nome binomial
Tamandua tetradactyla
(Linnaeus, 1758)
Área e distribución de Tamandua tetradactyla. Verde: Tamandua tetradactyla nigra Amarelo: Tamandua tetradactyla quichua Vermello: Tamandua tetradactyla straminea Azul: Tamandua tetradactyla tetradactyla
Área e distribución de Tamandua tetradactyla. Verde: Tamandua tetradactyla nigra
Amarelo: Tamandua tetradactyla quichua
Vermello: Tamandua tetradactyla straminea
Azul: Tamandua tetradactyla tetradactyla

Área e distribución de Tamandua tetradactyla.

Verde: Tamandua tetradactyla nigra
Amarelo: Tamandua tetradactyla quichua
Vermello: Tamandua tetradactyla straminea

Azul: Tamandua tetradactyla tetradactyla

É un tamanduá de Suramérica, solitario, que se encontra en numerosos hábitats de selvas e de sabanas áridas, e que se alimenta de formigas, térmites e abellas (de aí un dos seus nomes locais, oso mielero).

Ten fortes garras que usa para romper niños de insectos ou para defenderse.

Distribución e hábitat

editar

Distribución

editar

Tamandua tetradactyla encóntrase desde o nivel do mar até os 2 000 m de altura, distribuíndose en Suramérica desde Colombia, Venezuela e a illa Trinidad, polo norte, até o norte e nordés da Arxentina e o Uruguai.[1]

Hábitat

editar

Habita en bosques húmidos e secos, selvas tropicais, sabanas e montes. Gusta estar cerca de regatos e ríos, especialmente onde abundan lianas e plantas epífitas (presumibelmente debido a que están as súas presas nesas áreas).[1]

Morfoloxía

editar

O tamaño da cabeza e o troco oscila entre 5 e 9 dm, e a cola mide entre 4 a 6 dm. As variacións individuais e xeográficas observadas entre os individuos desta especie fixeron da súa descrición taxonómica unha dificultade. Os espécimes do sueste están "fortemente manchados," con manchas negras nas costas e na cola. O resto do corpo pode ser beixe ou pardo. Os individuos do norte do Brasil, e de Venezuela ao oeste dos Andes son enteiramente beixes, pardos ou negros, ou só moi lixeiramente manchados.

Posúen catro uñas nas mans e cinco nas extremidades posteriores. Para evitaren picar as palmas das mans con estas afiadas uñas, camiñan apoiando a parte exterior das mans. As partes inferiores do tronco e o final da cola están espidas. A cola é prénsil. O fociño é longo, en forma de trompa, e curvado; e a abertura bucal moi pequena, non maior que o diámetro dun lapis, por onde sae a lingua para atrapar os insectos que come; en repouso, a lingua está protrusa.

Bioloxía

editar

As femias son poliéstricas, aínda que preñan xeralmente en verán. A xestación dura entre 130 e 150 días, tras os que nace unha soa cría en primavera. Ao nacer, a cría non se parece aos seus pais; a cor do seu pelo varía do branco ao negro. Durante un tempo vive agarrada ao lombo da nai, que a deixa nunha póla segura cando busca alimento.

É un animal principalmente nocturno, pero ocasionalmente está activo durante o día. É común achalo no seu niño durante o día, en ocos de árboees ou en covas doutros animais. Son solitarios, pero pódense comunicar cando se buscan polo celo e emitir un fétido olor por unha glándula anal.

É mirmecófago, é dicir, come formigas, térmites (formas arbóreas principalmente), que localizan co seu olfacto. Ademais gustan do mel e das abellas, e complementan a súa dieta con froitas e carne. Extraen ás súas presas usando as súas fortes garras para romper e abrir niños e capturalas coa súa pegañenta e alongada lingua (de até 4 dm de lonxitude).[1]

A súa vida en cativerio pode alcanzar os 9 anos e 6 meses.

Taxonomía

editar

Descrición

editar

A especie foi descrita en 1758 por Linneo, na 10ª edición sa súa obra Systema Naturae, baixo o nome de Myrmecophaga tetradactyla.[2][3] Posteriormente foi reclasificada dentro do xénero Tamandua, que fora creado por John Edward Gray en 1825.

 
Tamandua tetradactyla en posición defensiva.

Sinónimos

editar

Ao longo do tempo, a especie foi coñecia tamén polos seguintes sinónimos:[3]

  • Tamandua longicaudata (Turner, 1853)
  • Tamandua nigra Beaux, 1908
  • Tamandua opisthomelas Gray, 1873
  • Tamandua tamandua (Cuvier, 1798)
  • Tamandua mexicanae Cabrera, 1958
  • Tamandua longicauda Vesey-FitzGerald, 1936
  • Tamandua longicauda Rode, 1937

Subespecies

editar

Na actualidade, dentro de Tamandua tatradactyla, recoñécense as seguintes subespecies:[3][4]

  • Tamandua tatradactyla nigra (Geoffroy, 1803)
  • Tamandua tatradactyla quichua (Thomas, 1927)
  • Tamandua tatradactyla straminea (Cope, 1889)
  • Tamandua tatradactyla tetradactyla (Linnaeus, 1758)

Nota: Véxase a distribución de cada unha destas especies no mapa arriba.

Status de conservación

editar

En 2014 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualificou o status de Tamandua tetradactyla como LC (pouco preocupante) debido á súa ampla distribución, a suposta amplitude da súa poboación e a que se encontra nunha serie de áreas protexidas, e porque é pouco probábel que a poboación estea diminuíndo o suficiente como para cualificala nunha categoría ameazada.[5]

Porén a súa poboación está en regresión, debido á súa caza, ás veces para aproveitar os grosos tendóns da cola, que se empregan para fabricar cordas.

  1. 1,0 1,1 1,2 Hayssen, V. (2011): "Tamandua tetradactyla (Pilosa: Myrmecophagidae)". Mammalian Species 43 (1): 64–74.
  2. Carolus Linnaeus (1758): Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Laurentius Salvius. Holmiæ p.35.
  3. 3,0 3,1 3,2 Tamandua tetradactyla en MSW.
  4. Gardner, A. L. (2007): "Magnorder Xenarthra". En: A. L. Gardner (ed.), Mammals of South America Vol. 1. Chicago: The University of Chicago Press. ISBN 978-0-226-28242-8, pp. 127-176.
  5. Tamandua tatradactyla na Lista vermella da UICN.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9, p. 341.
  • McKenna, Malcolm C. & Bell, Susan K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
  • Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Mammals of the World. 6ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference 3rd ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.
  • VV. AA. (1968): Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 78–83.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar