En bioloxía chámase muda á renovación dos tegumentos (recubrimentos do corpo) que se produce en moitos animais.

Cicádida en écdise.
Muda do cangrexo Callinectes sapidus.

Muda en artrópodos e ecdisozoos

editar
Artigo principal: Écdise.

En artrópodos e outros ecdisozoos existe unha cutícula externa continua ou exoesqueleto que se muda dunha vez, fenómeno coñecido nestes animais co nome específico de écdise. A muda é estimulada pola hormona ecdisona. No proceso colaboran as chamadas células Inka. O período entre cada muda chámase estadio ou ínstar. O animal entra primeiro nun período de repouso antes de proceder á muda. Cando emerxe, a nova cutícula é mol e de cor pálida e o suxeito denomínase teneral. Pode tardar un par de horas en endurecerse e adquirir a súa cor normal. O exoesqueleto desbotado recibe o nome de exuvia. Algúns artrópodos continúan tendo mudas durante todo o ciclo biolóxico, mentres outros teñen un número fixo de mudas, por exemplo a maioría dos insectos, que ademais non mudan en estado de imago (ou adulto).

En anfibios

editar

Tanto as ras coma as píntegas mudan regularmente a pel e cómena; algunhas especies mudan toda a pel dunha peza e outras por partes.[1]

Muda en réptiles

editar

Nos réptiles o cambio da capa córnea máis externa da epiderme prodúcese baixo control hormonal, entre dúas e doce veces ao ano. Nos ofidios ou serpes ocorre dunha vez, abandonándose como resultado unha camisa que, igual que nos artrópodos, conserva os detalles da morfoloxía externa do animal. Noutros réptiles a muda ocorre por áreas ou parches da pel. Os réptiles poden presentar faneras, que son estruturas especiais derivadas da epiderme, como son as uñas ou os “peliños” dos dedos das ladras (familia gekkonidae).

 
Muda de serpe.

Muda en aves

editar

As aves, que derivan de réptiles dinosauros, presentan faneras dun tipo especial, as plumas, que se encontraban tamén xa nalgúns dinosauros. A muda pode implicar a alternancia estacional entre plumaxes de distintas características. As plumas vellas despréndense pouco a pouco, de maneira que o animal non queda espido (coa excepción dalgúns tucanos) nin presenta calvas, aínda que a muda das plumas responsables do voo pode obrigarlle a permanecer no chan e procurar refuxio durante un curto período do ano, como ocorre en moitas anátidas.[2] O proceso de renovación adoita a iniciarse na cabeza e avanzar cara á cola.

 
Pingüín Spheniscus demersus en muda.

A plumaxe característica dunha ave que mudou trala reprodución coñécese como plumaxe posreprodutiva, ou na terminoloxía de Humphrey-Parkes plumaxe básica. As plumaxes reprodutivas ou as variacións da plumaxe básica coñécense no sistema Humphrey-Parkes como plumaxes alternativas.[3] A muda é anual na maioría das especies, aínda que algunhas poden ter dúas mudas ao ano, e as grandes aves de presa poden mudar só unha vez cada poucos anos. Os patróns de muda varían entre especies. Nos paseriformes, as plumas de voo son substituídas unha por unha iniciando o ciclo coa pluma rémixe primaria máis interna. Cando se muda a quinta das seis plumas primarias, a pluma terciaria máis externa comeza a se desprender. Despois de que se muden as terciarias máis internas, as secundarias comezan a mudarse empezando desde a máis interna e isto prosegue ata as plumas máis externas (muda centrífuga). As tectrices primarias maiores múdanse ao mesmo tempo que as primarias coas que se superpoñen.[4] Xeralmente, as plumas da cola múdanse e substitúense empezando polo par máis interno;[4] porén, obsérvanse mudas centrípetas de plumas da cola en phasianidae.[5] A muda centrífuga é diferente nas plumas da cola dos petos e os cértidos nos que comeza polo segundo par de plumas máis internas e remata co par central, de modo que a ave mantén a capacidade de axudarse da súa cola para gabear.[4][6] O patrón xeral que se observa nas ás de Cuculiformes, concretamerne na sección primaria teñen a seguinte transición: as plumas con números impares substitúense primeiro, e logo as plumas pares, nesta orde a caída das plumas da cola realízase por completo para logo substituírense por novas plumas.[7]

Muda forzada

editar

Nalgúns países, na avicultura de galiñas poñedoras de ovos estes animais son forzados a mudar para potenciar a posta de ovos. Isto xeralmente se fai retirándolles completamente o alimento e ás veces a auga durante de 7 a 14 días ou en ocasións ata 28 días en condicións experimentais.[8] Isto causa unha perda de peso corporal do 25 ao 35%,[9] o cal estimula a galiña a perder as plumas, mais tamén revitaliza a produción de ovos. Ás veces son obrigadas a mudar varias veces. Por exemplo, en 2003, nos Estados Unidos, en máis do 75% de todas as granxas destas aves estas foron forzadas a mudar.[10] Outros métodos de inducir a muda son as dietas de baixa densidade (por exemplo de pel de uva, comida de semente de algodón, de alfalfa)[11] ou a manipulación das dietas para crear un desequilibrio dun determinado nutriente. O máis importante deles é a manipulación de minerais como o sodio (Na), calcio (Ca), iodo (I) e cinc (Zn), con dietas completas ou parcialmente reducidas.[12]

Muda en mamíferos

editar

Tamén en mamíferos se produce unha muda equivalente do pelo. Prodúcese pouco a pouco, de maneira distribuída. Nos que habitan en climas estacionais de latitudes medias e altas, adoitan a alternar pelames diferenciados para a estación cálida e a fría. A muda de pelo nos cánidos e en xeral en todos os mamíferos[13] débese a flutuacións na cantidade de hormona melatonina segregada pola glándula pineal en resposta fundamentalmente ás variacións estacionais da cantidade de luz e non tanto aos cambios de temperatura.

  1. Frost, S. W. (1932). "Notes on feeding and molting in frogs". The American Naturalist 66 (707): 530–540. JSTOR 2456779. doi:10.1086/280458. 
  2. de Beer SJ, Lockwood GM, Raijmakers JHFS, Raijmakers JMH, Scott WA, Oschadleus HD, Underhill LG (2001). "SAFRING Bird Ringing Manual" (PDF). SAFRING. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de febreiro de 2007. Consultado o 24 de xullo de 2012. 
  3. Humphrey, Philip S.; Parkes, Kenneth C. (1959). "An approach to the study of molts and plumages" (PDF). The Auk 76: 1–31. doi:10.2307/3677029. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de marzo de 2009. Consultado o 24 de xullo de 2012. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Pettingill Jr. OS (1970). Ornithology in Laboratory and Field. Burgess Publishing Co. ISBN 978-0-808-71609-9. OCLC 102317. 
  5. Gargallo, Gabriel (1994). "Flight Feather Moult in the Red-Necked Nightjar Caprimulgus ruficollis". Journal of Avian Biology 25 (2): 119–24. doi:10.2307/3677029. 
  6. Mayr, Ernst; Mayr, Margaret (1954). "The tail molt of small owls" (PDF). The Auk 71 (2): 172–78. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de agosto de 2012. Consultado o 24 de xullo de 2012. 
  7. Payne, Robert B. "Birds of the World, Biology 532, Revisado en xaneiro de 2003". Bird Division, University of Michigan Museum of Zoology. Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2012. Consultado o 24 de xullo de 2012. 
  8. Molino, A.B., Garcia, E.A., Berto, D.A., Pelícia, K., Silva, A.P. and Vercese F. (2009). "The effects of alternative forced-molting methods on the performance and egg quality of commercial layers". Revista Brasileira de Ciência Avícola. 11 (2): 109–113. DOI 10.1590/S1516-635X2009000200006.
  9. Webster, A.B. (2003). "Physiology and behavior of the hen during induced moult". Poultry Science 82 (6): 992–1002. PMID 12817455. doi:10.1093/ps/82.6.992. 
  10. Yousaf, M. & Chaudhry, A.S. (2008). "History, changing scenarios and future strategies to induce moulting in laying hens". World's Poultry Science Journal. 64: 65–75. doi: 10.1017/S0043933907001729.
  11. Patwardhan, D. & King, A. (2011). "Review: feed withdrawal and non feed withdrawal moult". World's Poultry Science Journal. 67 (2): 253–268. doi: 10.1017/S0043933911000286.
  12. Khan, R.U., Nikousefat, Z., Javdani, M., Tufarelli, V. e Laudadio, V. (2011). "Zinc-induced moulting: production and physiology". World's Poultry Science Journal. 67 (3): 497–506. doi: 10.1017/S0043933911000547.
  13. Lincoln, G. A.; Clarke, I. J.; Hut, R. A.; Hazlerigg, D. G. (2006). "Characterizing a mammalian circannual pacemaker". Science 314 (5807): 1941–4. PMID 17185605. doi:10.1126/science.1132009. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar