Abrir o menú principal

Movemento pola Base

organización política

O Movemento pola Base é unha organización política independentista de esquerdas. Naceu no verán de 2006 a partir dun colectivo de militantes do BNG críticos coa evolución política da fronte nacionalista neses anos.

Movemento pola Base (MpB)
Partido político de Galiza
Historia
Fundación2006
Posicións políticas
IdeoloxíaComunismo
Independentismo galego
Antiimperialismo
Representación
Representación-
Outros datos
SedeSantiago de Compostela
Páxina web"polabase.net". Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2012. Consultado o 02 de xaneiro de 2009. 

Historia

A participación do BNG nun goberno bipartito co PSOE na Xunta de Galicia xerou diversas críticas dento da fronte nacionalista, e algúns dos seus militantes consideraron que a praxe política se apartaba dos principios históricos da organización. Paralelamente, xurdiran nese tempo outras diverxencias no sindicato nacionalista CIG e na organización xuvenil Galiza Nova (estas deran lugar á creación de Isca).

Neste contexto un grupo de militantes da UPG (partido integrante do BNG) e da CIG de Ferrol, Santiago e Vigo abandonaron a UPG e comezaron unha nova organización. Entre eles estaban Antolín Alcántara, Fermín Paz, Manuel Mera, Ramiro Oubiña e Fidel Diéguez, que formaban parte da Executiva da CIG. Despois incorporáronse tamén membros de Isca e outros militantes do BNG.

A primeira acción pública do MpB (Movemento pola Base) foi a presentación dunha candidatura ao Consello Nacional na XII Asemblea Nacional do BNG encabezada por Fermín Paz e Paula Castro que acadou 245 votos (9,32%) e 5 representantes. Nesta Asemblea Nacional do BNG o MpB criticou o que consideraba a deriva ideolóxica do BNG e a perda do mecanismo asambleario na toma de decisións da fronte. O día 28 de outubro de 2007 constituíuse formalmente como organización política, e definiuse como unha "organización da clase traballadora" que avoga pola independencia de Galiza e "pola superación do capitalismo coa construción do poder popular no camiño da sociedade socialista".

División interna

Entre os meses de decembro de 2008 e xaneiro de 2009 esta corrente fragmentouse entre aqueles partidarios de crearen unha nova formación política á marxe do BNG e os que avogaban por seguir dentro desa fronte. Tamén foi un elemento importante na división o papel do MpB na CIG e as súas relacións coa UPG dentro desta central sindical[1]. As dúas faccións reivindicaron a súa lexitimidade e o uso da denominación Movemento pola Base.

A facción que emprega como canle de comunicación o web polabase.net celebrou unha asemblea nacional o 7 de febreiro do 2009 onde se decidiu abandonar o BNG como plataforma electoral da organización e manifestouse a necesidade dunha nova organización soberanista con presenza nas institucións[2]. Esta facción abandonou definitivamente o BNG o 14 de marzo de 2009[3].

Despois de que os membros de Movemento pola Base que empregaban o dominio polabase.net marcharan do BNG, o resto dos membros do Movemento pola Base que permaneceron no BNG (polabase.org) crearon unha nova organización denominada Movemento Galego ao Socialismo[4].

Notas

Véxase tamén