Mosteiro de San Martiño do Couto

(Redirección desde «Mosteiro de Xuvia»)

O popularmente coñecido Mosteiro do Couto, tamén chamado Mosteiro de San Martiño de Xuvia[1] está situado na parroquia eclesiástica do mesmo nome, no barrio do Couto do concello de Narón, provincia da Coruña. O edificio actual foi construído a comezos do século XII en estilo románico compostelán.[2] A igrexa maila casa reitoral foron declaradas Benes de Interese Cultural.

Mosteiro do Couto
Torre barroca.
Datos xerais
PaísEspaña
LocalizaciónO Couto, Narón
Coordenadas43°29′53″N 8°10′27″O / 43.49805556, -8.17416667Coordenadas: 43°29′53″N 8°10′27″O / 43.49805556, -8.17416667
CatalogaciónBen de Interese Cultural
Culto
CultoIgrexa Católica
DioceseMondoñedo-Ferrol
Arquitectura
ConstruciónSéculo XII
EstiloRománico
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

O primeiro documento da Colección Diplomática do mosteiro, datado o 15 de maio do ano 977, describe unha doazón feita por parte dunha nobre de Trasancos chamada Visclávara Vistráriz, señora de Trasancos e descendente do que fora duque e bispo de Xuvia, e mailo seu home a dito mosteiro. Neste documento xa se sinala a este recinto relixioso como "de sempre coñecido".

In dei nomine amen. Inuicctissimo almo atque Pannonie nato olimpo in regno Martino nempe uocato cuius baselica siccta est in ualle Trasanquos fluminis Iuuie ripa, [...] in quo loco domino nostro pontifex et uenerabilis Argimirus tenuit mire ducato per ordinationem Ranimiri prinipis,[...]"

Posibelmente se tratase dun mosteiro dúplice na súa orixe.[3][4] Sobre o 1121 uniuse a Cluny, constituíndo un dos poucos mosteiros da orde en Galiza. Entre a documentación referida ao mosteiro salienta a confirmación deste como pertencente á sé mindoniense feita polo Papa Hadrián IV en 1156 e a ratificación feita ao mosteiro por Fernando II en 1169 de todos os seus dereitos, herdades e coutos.[5] A principios do século XVI, coa Reforma protestante, incorporouse coma priorado ao mosteiro de San Salvador de Lourenzá, en Vilanova, Lugo, do que dependeu até a exclaustración producida pola Desamortización de Mendizábal.[6]

Descrición editar

Interior editar

A planta da igrexa presenta notábeis irregularidades no seu trazado, que en teoría debería de corresponder cunha malla rectangular. A planta é basilical, con tres naves de cinco tramos rematadas en ábsidas semicirculares e lembra á de San Xulián de Moraime.[7] Como nesta, os arcos formeiros son de arco de medio punto peraltados e proveñen de piares de sección cadrada con semicolumnas acaroadas, inda que aquí desapareceron os arcos transversais. Tamén son peraltados os arcos triunfais laterais, mentres que o central é de medio punto deformado. Os capiteis salientan pola súa riqueza e variedade, que vai do xeométrico e vexetal ao antropomorfo. As tres naves cóbrense con teitume de madeira que se apoia nos muros laterais e nos arcos formeiros, mentres que as ábsidas están cubertas con bóvedas de canón rematadas con outras de casca apuntadas.

Exterior editar

A parte mellor conservada constitúea o conxunto das tres ábsidas coas súas proporcionadas xanelas de arco de medio punto sobre columniñas acodilladas, unha en cada un dos laterais mais tres no principal. Tamén salientan as fiestras dos dous tramos contiguos dos muros laterais, con ocos centrais proporcionalmente máis pequenos. Os canzorros, tanto os das ábsidas coma os dos muros laterais, repiten a variedade e a riqueza dos capiteis interiores, resaltando sobre todo os de motivo antropomorfos.

A fachada principal ou occidental, así como os tramos contiguos das naves foron reconstruídos. A torre corresponde ao ano 1782 e está formada por tres sinxelos corpos, o superior formado por unha pequena cúpula, o intermedio, ou das campás, de planta cadrada e catro ocos de arco de medio punto, o inferior case macizo e tamén de planta cadrada. Este corpo inferior continúa lateralmente nun soportal con tres arcos, de medio punto os laterais e de carpanel o central, que pecha a entrada da igrexa, que se acha a un nivel sensibelmente inferior. Sobre este soportal e xa no plano da fachada, ábrese un elemental rosetón circular. So o rosetón e oculta polo soportal atópase a portada da igrexa, formada por unha tripla arquivolta de medio punto, na que resalta a ornamentación xeométrica da volta exterior.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Rey Caíña, José Ángel: artigo "XUVIA, Mosteiro de San Martiño de" na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
  2. Castillo López, Ángel del (1987). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (en castelán). Editorial de los Bibliófilos Gallegos. p. 239. 
  3. Sá Bravo, Hipólito de (1972). El Monacato en Galicia (en castelán). Librigal. p. 318. 
  4. Hipólito de Sa Bravo di que o seu primitivo nome era o de Tartaris, inda que noutros documentos se denominaba Nabda, orixe do actual Neda (localidade e concello limítrofes), ou Ioyva, orixe da actual Xuvia.
  5. Freire Camaniel, José (1998). El Monacato gallego en la alta Edad Media (en castelán). Fundación de Pedro Barrié de la Maza. p. 737. 
  6. Franco Taboada, José Antonio (2009). Mosteiros e conventos de Galicia: descrición gráfica dos declarados monumento. Xunta de Galicia. ISBN 9788445348116. 
  7. Esta igrexa conserva a ábsida central románica, o que non acontece na de San Xulián de Moraime.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar