Monte de San Nomedio
Coordenadas: 42°08′07″N 8°24′46″O / 42.135173203361, -8.4128751849058
O monte de San Nomedio localízase entre as parroquias de San Xosé de Ribarteme e Taboexa, con cumio nesta última, no concello das Neves, na comarca pontevedresa do Condado. Pertence ao sistema montañoso dos montes da Paradanta. Acada unha altitude de 690 metros e elévase entre os vales dos ríos Termes ao sur, o Xuliana ao oeste e o Uma ao norte.


No seu cumio existe unha sinxela ermida dunha soa nave dedicada a San Mamede (Sandomedio, San do Meio, San Omedio ou Santo Amedio), festividade que cada 7 de agosto dá lugar á celebración dunha romaría.
Lendas editar
Existen varias lendas que teñen a este monte das Neves como protagonista. A primeira é a lenda dos Sete Irmáns que, por outra parte, non é exclusiva del, xa que se pode atopar noutros puntos da xeografía galega como a comarca da Limia. Fala da existencia de sete irmáns santos (Filipe, Fins, Marco, Xián, Tomé, Trega e propio Mamede) que teñen cada un deles a advocación dun determinado monte da zona. A existencia de dúas pedras con certa aparencia de cadeira, unha no monte de San Nomedio e outra no próximo monte de San Fins é interpretada pola lenda como os lugares onde se acomodan os dous irmáns para falaren entre eles.
A outra ten que ver cun Boi de Ouro que os mouros levaron ao monte para louvalo e que, seguindo a lenda, deixaron soterrado alí. O animal máxico cobrou vida e permanece debaixo dunha laxe (coñecida na zona co nome de Laxe Negra) á cal chega de xeito subterráneo un brazo de mar. Ninguén pode mover a laxe para intentar ver ou coller o Boi de Ouro; se o fixer, o mar asulagará todas as aldeas de arredor.[1]
Notas editar
- ↑ Cuba, X. R., Miranda, X. e Reigosa, A., (2000), Dicionario dos seres míticos galegos, 2ª edición, Edicións Xerais
Véxase tamén editar
Outros artigos editar
Bibliografía editar
- Mapa de Galicia (2004), Edicións do Cumio