A menta común (Mentha x piperita), é un híbrido estéril obtido do cruzamento da menta de auga (Mentha aquatica) e da menta brava (Mentha spicata), que ocasionalmente se produce espontaneamente nas rexións temperadas de Europa. Pola súa riqueza en compoñentes recendentes cultívase de xeito artificial dende o século XVII, cando foi obtida por vez primeira de xeito controlado en Inglaterra. Recibe tamén os nomes de menta de pementa, menta piperita, hortelá común ou simplemente menta. É común o cultivo actual nas hortas de Galiza.

Descrición

editar

M. piperita é unha planta vizosa, cos talos moi ramificados, de entre 30 e 70 cm de altura de sección cuadrangular, que nace dun rizoma subterráneo do que agroma un sistema radicular moi espallado. As follas son pecioladas, opostas, ovais, entre 4 e 9 cm de longo e 2 a 4 cm de largo, co ápice agudo e as marxes dentadas, coa face de cor verde escura finamente nervada de vermello nun padrón pinnado. Tanto follas como talos adoitan ser lixeiramente vilosos.

Das axilas foliares agroman os talos florais nos que desde os comezos do verán aparecen inflorescencias terminais en forma de espiga, coas flores dispostas en verticilastros sobre do eixo floral. Son miúdas, de até 8 mm, coa corola tetralobulada, de cor púrpura ou rosada.

Distribución e hábitat

editar

Por mor da súa esterilidade, reprodúcese case exclusivamente por propagación vexetativa a partir de rizomas subterráneos, de xeito moi invasivo, polo que se ten naturalizado con facilidade, e hoxe é posíbel atopala en zonas temperadas de ambos os dous hemisferios, en áreas de cultivos desleixados, plantas desbotadas, ou pola propagación espontánea dos rizomas.

Cultivo e usos

editar

Prefire solos húmidos, fértiles, non aturando o exceso de sol. Espállase de xeito doado por estolóns subterráneos e tamén por esgallos obtidos de dividir as matas noviñas na primavera ou por división de rizomas durante o período de descanso vexetativo.

Apaña

editar

Para o seu uso na gastronomía, cosmética ou como planta medicinal empréganse as follas tenras e as sumidades floridas, que se apañan cando os gomos florais comezan a abriren. Ás veces faise unha segunda apaña a comezos do outono, especialmente nas explotacións comerciais. A planta córtase a rentes do chan, e as follas e flores sepáranse axiña do talo para evitarmos o espallamento dos principios activos. Poden utilizarse directamente ou enxugarse para mellorar a conserva; adoitándose facer nun local fresco e ventilado, deixando que o fluxo de ar extraia a humidade (un canastro é perfecto). Se se utilizan para a destilación dos principios activos cómpre evitarmos o secado completo, que deixa crebradizo e feble o material, limitando o período a un ou dous días. Para gastronomía non é infrecuente a conxelación das follas frescas.

Gastronomía

editar

A menta de pementa consómese coma bebida en infusión. Utilízase coma herba aromática. É o aroma máis usado para caramelos, gomas de mascar, xeados e outras preparacións de repostaría aromatizadas con menta. Utilízase tamén para adubar ensaladas, sopas, carnes de caza e de año; na gastronomía inglesa o mollo de menta, elaborado coas follas frescas, vinagre, azucre e un densificante, ocupa un lugar prominente. En Eivisa utilízase na confección do flaó, un pastel macizo de queixo de ovella fresco, ovos, canela e cachos de menta.

Os licores a base de menta son tamén numerosos.

Medicina

editar

Principios activos

editar

O aceite esencial e mais os flavonoides exercen efectos antiflatulento, antiemético, espasmolítico, antiprurixinoso, colerético, colagogo e analxésico de mucosas. En aplicación tópica o aceite esencial bloquea as canles de calcio, relaxando os músculos, polo que alivia dores de cabeza se se aplica nas tempas. Os taninos son fortes adstrinxentes.

Coma menciña popular emprégase en infusión para trastornos dixestivos ou hepáticos, ao axudar á dixestión, como antiemético e estimulante, e como antiespasmódico para o caso de dores musculares ou cambras sistémicas. O aceite conta con usos variados: aplícase topicamente nas ventas do nariz para aliviar a sinusite, nas tempas para a dor de cabeza, no peito ou en bafos para a tose ou os arrefriados e catarreiras fortes, topicamente para aliviar a dor producida pola carie dental, en compresas para as picadas de insectos ou outras irritacións dérmicas.

Cotraindicacións

editar

A sensibilidade ao mentol non é infrecuente, e en caso de a padecer, a infusión e óleo de menta poden provocar insomnio, irritabilidade e broncoespasmos.

O óleo esencial cómpre non se administrar a nenos menores de 2 anos nin durante a lactación ou gravidez.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • Alonso, J. (1998). Tratado de Fitomedicina. Bases Clínicas y Farmacológicas. Madrid: ISIS. 
  • Bruneton, J. (1991). Elementos de Fitoquímica. Acribia. 
  • Sánchez, E.; García, D.; Carballo, C.; Crespo, M. (1996). "Estudio farmacognóstico de Mentha piperita L. (toronjil de menta)". Revista cubana de plantas medicinales 1 (3). pp. 40–45 [1]. 
  • VV. AA. (1975). Pharmacopée Européenne. Maisonneuve. 3ª ed.