Mentraste
Mentraste | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mentraste (Mentha suaveolens) | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
'Mentha suaveolens' Ehrh. |
O mentraste[1] (Mentha suaveolens, sinónimo de Mentha rotundifolia), é unha planta perenne, rizomatosa e ás veces estolonífera, pertencente ao xénero Mentha (o xénero das mentas). É común en Galiza.
Descrición
editarÉ unha matiña verde, máis ramificada cá hortelá ou menta común, coas follas vilosas e moi engurradas, anchas, arredondadas, dentadas nos bordos, pecioladas, semellantes ás da sarxa, coa face verde escura e o envés abrancazado. Teñen un recendo suave semellante ao doutras mentas. Os talos son tamén vilosos. As flores van en inflorescencias en espigas mestas, algo máis aclaradas na frutificación, ao medraren os entrenós. As flores son de cor branca ou ás veces de cor malva.
Distribución
editarNativa de Europa. Distribúese por toda a zona atlántica e mediterránea sendo algo máis rara no norte de Europa. En Galiza é moi común.
Hábitat
editarMedra en solos con algo de humidade; en zonas achegadas a regueiros, brañas e lamazais; mesturándose con silveiras e xuncos. En Galiza, por mor das condicións idóneas, considérase unha planta ruín que medra nas leiras, beiras de camiños, en polo xeral en lugares habitados.
Propiedades
editarOs seus compoñentes activos conteñen aceite esencial, mentol, carvona e timol. Son moitas as súas propiedades medicinais coma estimulante, estomacal e tamén como tónico:
- Analxésica: a infusión emprégase para tratar a febre e a dor de cabeza.
- Antiséptica
- Carminativa
- Dixestiva
En doses altas é tóxica e non se recomenda a toma por parte das mulleres embarazadas.
- Farmacoloxía
O extracto metanólico obtido das pólas de M. suaveolens exerce unha actividade antibiótica contra Bacillus subtilis.[2]
Etnografía
editarÉ unha herba ben coñecida no rural galego. Ten moitísimos usos medicinais, dende infusións, utilizada como aceite etc. Empregábase para calmar o proído das estrugas fretando coas follas a zona afectada, xa que adoita medrar achegada a estas, por ter hábitats moi semellantes[3]. Emprégase ás veces como unha das herbas da auga de San Xoán, xa que lle dá moito cheiro. Conta o naturista Txumari Alfaro no seu libro "Plantas y remedios naturales del Camino de Santiago" que esta planta foi moi usada nas pousadas dos peregrinos para escorrentar as pulgas nos leitos; tamén no tratamento das lombrigas así como na recuperación estimulante do organismo. Hai quen metía esta herba en alcol para despois sandar feridas con fretas.
Taxonomía
editarMentha suaveolens foi descrita por Jakob Friedrich Ehrhart e publicado en Beiträge zur Naturkunde 7: 249–150. 1792.[4]
- Variedades
- Mentha suaveolens subsp. insularis (Req. ex Gren. & Godr.) Greuter
- Mentha suaveolens subsp. suaveolens
- Mentha suaveolens subsp. timija (Coss. ex Briq.) Harley
- Mentha × rotundifolia var. suaveolens (Ehrh.) Briq.
- Mentha manostachya - Ten.
- Mentha rotundifolia - non L.
- Mentha graveolens subsp. insularis (Req.) R.Vilm. & Barbero
- Mentha graveolens R.Vilm. & Barbero
- Mentha macrostachya Ten.
- Mentha meduanensis Déséglise & T.Durand
- Mentha rotundifolia subsp. insularis (Req.) Arcang.[5]
En galego ten moitos nomes comúns:
- Mentraste e as súas variantes dialectais: mentrastre, mentrastes, mentrastos, mentastro, mentrasto, mentrastro, mentasto, meldrasto, mendrastro , mentiaste, mentraste, ventastre.
- Menta brava, menta de burro, mentoes, mentón.
- Prestes[6].
- Matapulgas, ou astamenda.[3]
En portugués chámase hortelã de leite ou mentastro.
Notas
editar- ↑ Nome vulgar galego preferido en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1999; no Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009; Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mentraste.
- ↑ "Mentraste en Medicina tradicional mexicana". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2016. Consultado o 27 de xuño de 2013.
- ↑ 3,0 3,1 http://www.rios-galegos.com/mentastro.htm#MENTASTRO
- ↑ "Mentraste". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 16 de outubro de 2012.
- ↑ ["Mentraste en PlantList". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2013. Consultado o 27 de xuño de 2013. Mentraste en PlantList]
- ↑ Eligio Rivas Quintas (1978): Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Flora of China Editorial Committee. 1994. Fl. China 17: 1–378. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
- Forzza, R. C. & et al. 2010. 2010 Lista de espécies Flora do Brasil. https://web.archive.org/web/20100526002559/http://floradobrasil.jbrj.gov.br/2010/.
- Idárraga-Piedrahita, A., R. D. C. Ortiz, R. Callejas Posada & M. Merello. 2011. Flora de Antioquia. Catálogo de las Plantas Vasculares, vol. 2. Listado de las Plantas Vasculares del Departamento de Antioquia. pp. 1–939.
- Zuloaga, F. O., O. Morrone, M. J. Belgrano, C. Marticorena & E. Marchesi. (eds.) 2008. Catálogo de las Plantas Vasculares del Cono Sur (Argentina, Sur de Brasil, Chile, Paraguay y Uruguay). Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 107(1): i–xcvi, 1–983; 107(2): i–xx, 985–2286; 107(3): i–xxi, 2287–3348.
Ligazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mentraste |