Maternidade libre

feminismo

Maternidade libre, responsable ou consciente é unha lema feminista[2][3] que reivindica a liberdade da muller para decidir sobre a súa reprodución ou maternidade, utilizando a planificación familiar -métodos anticonceptivos e interrupción voluntaria do embarazo- co obxectivo de procrear ou non descendentes e, no seu caso, decidir sobre o número de fillos, así como o momento e as circunstancias -sociais, económicas e persoais- nas que se desexa telos.[4][5]

Margaret Sanger e Charles V. Drysdale na apertura da Sexta Conferencia Mundial Neomalthusiana e sobre Control de Natalidade celebrada no Hotel McAlpin, Nova York, USA en 1925[1]. Charles V. Drydale foi un neomalthusiano prolífico, entre outros libros, escribiu A Crusade against Poverty (1906) e The Empire and the Birth-Rate (1914).

Antecedentes históricos da maternidade libre editar

Neomalthusianismo editar

O neomalthusianismo (finais do século XIX e principios do século XX) consideraba un problema o exceso de familias numerosas e a reprodución ilimitada das clases pobres xa que as condenaba a unha vida miserábel. Para resolver esta situación propuñan a toma de conciencia social e individual da necesidade da procreación limitada ou procreación consciente do proletariado, a separación entre sexualidade e reprodución, a defensa da maternidade libre,[6] a liberación feminina, a liberdade sexual, a promoción da planificación familiar, o coidado dos nenos así como o uso e difusión de métodos anticonceptivos artificiais.[7][8][9]

Paul Robin fundou en 1896 a Liga da Rexeneración Humana de Francia cuxa presidencia de honra ostentou o inglés George Drysdale, autor de Elementos de Ciencia Social, libro de 1854 que será referencia para o neomalthusianismo francés e español. O seu irmán Charles R. Drysdale, tamén pioneiro do neomalthusianismo, escribiu, entre outros, os libros The Population Question (1892) e The Cause of Poverty (1891).[10] A Liga da rexeneración humana será disolta en 1908. Eugene Humbert e Jeanne Humbert foron dous dos líderes do movemento que continuaron a difusión das ideas neomalthusianas e dos métodos anticonceptivos, mesmo despois de ser prohibidos por lei en 1920. O seu activismo valeulles varias estancias no cárcere. Eugene Humbert foi director da revista Génération Consciente, denominado Órgano de propaganda para a limitación voluntaria de nacementos (Organe de propagande pour la limitation volontaire des naissances, Néo-Malthusianisme).[6]

Entre as publicacións neomalthusianas nas que se reivindicaba a libre maternidade, están o opúsculo de 1906 de Paul Robin 'Libre amour, libre maternite' e o libro de Jean Marestan de 1902 Le Mariage, l’amour libre et la libre maternité.[6]. En España, en 1906 - Luís Bulffi de Quintana publica Folga de ventres! Medios prácticos para evitar as familias numerosas (¡Huelga de vientres! Medios prácticos para evitar las familias numerosas), un panfleto de 32 páxinas sobre o control da procreación. Desde o neomalthusianismo demandábase a asunción dos seus postulados polo feminismo da época.[11]

Comezos da planificación familiar editar

O desexo de ter ou non fillos era unha cousa e outra a posibilidade efectiva de acceder aos métodos anticonceptivos e no caso do aborto inducido poder acceder en condicións sanitarias e legais e evitar así os abortos inseguros que causaban unha alta mortalidade materna. Xorde entón o concepto de planificación familiar que inclúe tanto a educación sexual como o acceso a métodos anticonceptivos e a práctica da interrupción voluntaria do embarazo.

A estadounidense Margaret Sanger (1879-1966) e a británica Marie Stopes (1880-1958) considéranse pioneiras na reivindicación da planificación familiar, na apertura das primeiras clínicas de control de natalidade así como na creación das primeiras asociacións nacionais e internacionais de control da natalidade.

Margaret Sanger foi unha enfermeira activista a favor da planificación familiar e fundadora, en 1921, da 'Liga americana para o control da natalidade' (American Birth Control League) que se convertería en 1942 na 'Federación americana para a planificación familiar' (Planned Parenthood Federation of America - PPFA) que, xunto a outras asociacións similares de numerosos países, constituíu en 1952, na India, a Federación Internacional de Planificación Familiar da que Sanger foi presidenta até 1959.[12][13][14]

Marie Stopes foi unha paleobotánica, académica e activista dos dereitos da muller e, como Sanger, pioneira no campo do control da natalidade. As súas contribucións á paleontoloxía vexetal considéranse significativas, foi a primeira muller académica na Universidade de Mánchester. Co seu segundo marido Humphrey Verdon Roe fundou a primeira clínica para o control da natalidade en Gran Bretaña. Stopes editou o boletín Birth Control News onde se daban consellos prácticos explícitos. O seu manual de sexo Married Love (O amor conxugal) foi polémico e influente xa que puxo no discurso público o tema do control da natalidade. Stopes nunca estivo a favor do aborto inducido xa que consideraba que a prevención -co uso adecuado de métodos anticonceptivos- era suficiente.[15]

Dereitos reprodutivos, planificación familiar e dereitos sexuais editar

Dereitos reprodutivos editar

A institucionalización dos dereitos reprodutivos prodúcese en 1984, cando aparece o concepto -no marco de Nacións Unidas e a Organización Mundial da Saúde- na Conferencia de Teherán de 1968 e na definición de Bucarest (Conferencia sobre Poboación de 1974) como un dereito fundamental tanto das parellas como dos individuos.

No Programa de Acción da Conferencia Internacional sobre Poboación e Desenvolvemento - O Cairo 1994 dáse esta definición dos dereitos reprodutivos:

Os dereitos reprodutivos abarcan certos dereitos humanos que xa están recoñecidos en leis nacionais, documentos internacionais sobre dereitos humanos e noutros documentos aprobados por consenso. Estes dereitos baséanse no recoñecemento do dereito básico de todas as parellas e individuos a decidir libre e responsabelmente o número de fillos, o espaciamento dos nacementos e a dispor da información e dos medios para iso, así como o dereito a acadar o nivel máis elevado de saúde sexual e reprodutiva. Tamén inclúe o dereito a adoptar decisións relativas á reprodución sen sufrir discriminación, coaccións ou violencia, de conformidade co estabelecido nos documentos de dereitos humanos.
Programa de Acción da Conferencia Internacional sobre Poboación e Desenvolvemento, O Cairo, Exipto, 5–13 de setembro, 1994, Doc. da ONU A/CONF.171/13/Rev.1 (1995)

Planificación familiar editar

A inclusión e integración da planificación familiar dentro do campo dos dereitos reprodutivos e da saúde reprodutiva prodúcese por primeira vez na Conferencia Internacional para mellorar a saúde das Mulleres e os Nenos por medio da Planificación Familiar, en Nairobi, Kenya, (5 a 9 de outubro de 1987).[16]

En numerosos países os servizos de planificación familiar pasaron a ser parte da rede sanitaria. Os servizos de planificación familiar ofrecen un conxunto de prestacións ofrecidas por profesionais sanitarios especializados que inclúen actividades e prácticas educativas, preventivas, médicas e sociais que lles permiten aos individuos, incluídos menores, determinar libremente o número e espazamento dos seus fillos e seleccionar o medio máis adecuado ás súas circunstancias.[17] Para iso ofrecen información e acceso aos distintos métodos anticonceptivos así como asistencia médica especializada para conseguir espazar os embarazos desexados e evitar os embarazos non desexados. A finalidade última da planificación familiar consiste en mellorar a saúde da nai, dos seus fillos e da familia en xeral. Neste sentido, as medidas preventivas de saúde básicas recoñecidas son o espazamento dos partos, a limitación do tamaño da familia e a programación dos nacementos.

Dereitos sexuais editar

O dereito á sexualidade considérase un dereito humano polo que se recoñece a liberdade para expresar a propia sexualidade sen discriminación por motivos de orientación sexual. O dereito á sexualidade recoñece o dereito a liberdade de orientación sexual das persoas e a súa diversidade, xa sexa esta heterosexual, homosexual (lesbianas, gais, bisexuais e persoas transxénero) (LGBT) así como a protección deses dereitos. O dereito á non discriminación é a base do dereito á sexualidade, pero está estreitamente relacionado co exercicio e a protección doutros dereitos humanos fundamentais.[16][18][19]

Métodos anticonceptivos editar

A Organización Mundial da Saúde (OMS) estabelece criterios médicos para elixir o uso dun ou outro método anticonceptivo. Estes criterios pretenden garantir que as mulleres e os homes de todo o mundo teñan acceso a servizos de planificación familiar seguros e de alta calidade.[20][21][22][23]

Métodos anticonceptivos preventivos editar

Entre os métodos anticonceptivos de barreira están o preservativo, o diafragma, o capuchón cervical e o LeaContraceptivum. Entre os métodos anticonceptivos físico-biolóxicos está o DIU. Entre os métodos hormonais están o anel vaxinal, a pílula anticonceptiva, anticonceptivo subdérmico, a pílula trifásica, os parches anticonceptivos, as hormonas inxectábeis e o dispositivo intrauterino de hormonas. Entre os métodos químicos está os espermicidas. Entre os métodos permanentes a ligadura de trompas, vasectomía e a histerectomía.[24][25]

Anticonceptivos de emerxencia editar

Adminístranse despois de realizado o coito e ante a posibilidade dun embarazo non desexado: acetato de ulipristal (coñecido como pílula dos cinco días despois, marca ellaOne), Levonorgestrel (coñecido como pílula do día despois ou pílula do día seguinte), Mifepristona (é o anticonceptivo de emerxencia de referencia en países como China e Rusia),[26] dispositivo intrauterino (inserido despois do coito).

Aborto inducido editar

O aborto inducido ou interrupción voluntaria ou intencional do embarazo consiste en provocar a finalización prematura do desenvolvemento vital do embrión ou feto antes de que a xestación avance, a súa práctica é levada a cabo xa sexa como aborto con medicamentos ou como aborto cirúrxico. A práctica do aborto inducido está tipificada de maneira moi distinta segundo os países xa que estes dan un tratamento xurídico do aborto moi distinto, desde o aborto libre durante un número de semanas de xestación até a prohibición total.

Aborto con medicamentos editar

O medicamento de referencia é a Mifepristona, que en doses altas, adminístrase para a práctica do aborto con medicamentos xunto con Misoprostol e úsanse entre as primeiras 7 a 9 semanas de embarazo (49 a 63 días).[27]

Aborto cirúrxico editar

Véxase tamén: Aborto cirúrxico.

O aborto cirúrxico é o conxunto de técnicas cirúrxicas que teñen o fin de provocar un aborto inducido (utilizando distintas técnicas dependendo das circunstancias, diagnóstico e tempo de xestación.[28]

Reprodución asistida e Inseminación artificial editar

Os tratamentos para promover a fertilidade son tamén demandados como parte da reivindicación da maternidade libre ante situacións de infertilidade. A reprodución asistida ou fecundación artificial é a técnica de tratamento da esterilidade ou infertilidade que leva unha manipulación dos gametos. Pódese levar a cabo mediante inseminación artificial e fecundación in vitro.

Notas editar

  1. Pictures -Margaret Sanger & Charles V. Drysdale - Library of Congress
  2. “Por una maternidad libre y responsable, por un aborto seguro” Arquivado 31 de marzo de 2016 en Wayback Machine., Arainfo, 27/7/2013
  3. Mujer: Derechos de la mujer en la maternidad, Declaración de Barcelona, Relaciones Tn
  4. Family planning - WHO
  5. "Mission Statement". US Dept. of Health and Human Services, Office of Population Affairs. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2011. Consultado o 08 de febreiro de 2018. 
  6. 6,0 6,1 6,2 [Jean_Marestan Jean Marestan], Le Mariage, l'Amour Libre et la Libre Maternité, Génération Consciente
  7. "Véase neomalthusianismo, en Malthusianismo - Apuntes de demografía, Julio Pérez Díaz, CSIC". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 08 de febreiro de 2018. 
  8. [La ecología humana en el anarquismo ibérico: urbanismo "orgánico" o ecológico, neomalthusianismo, y naturismo social], Eduard Masjuan Bracons, 2000, Icaria, Antrazyt, ISBN 84-86864-42-9
  9. Malthusianismo, Neomalthusianismo, Crítica, en filosofía.org
  10. [La ecología humana en el anarquismo ibérico: urbanismo "orgánico" o ecológico, neomalthusianismo, y naturismo social, Icaria, Antrazyt, ISBN 84-86864-42-9, Segunda parte, páxs. 205 e ss]
  11. Véxase neste sentido 'French fenimism and Maternity -Theories and policies-, 1890-1918', en Maternity and Gender Policies: Women and the Rise of the European Welfare, 1991, o libro de 1907 escrito por Nelly Roussel, 'La Liberté de la Maternité' e o libro de 2011 de Anne Cova Féminismes et néo-malthusianismes sous la IIIe République: La liberté de la maternité, L'Harmattan.
  12. International Planned Parenthood Federation IPPF con sede en Londres
  13. Roland Pressat. Introducción a la demografía, Ariel, 1989, ISBN 84-344-1033-8, páx.83.(en castelán)
  14. Margaret Sanger biography, biography.com(en inglés)
  15. Maude, Aylmer (1933). Marie Stopes: Her Work and Play. John Bale & Sons and Danielsson. p. 42. 
  16. 16,0 16,1 [Antrazyt,Jyoti Shankar Singh, Un nuevo consenso sobre población: balance y propuestas en el umbral del ..., páx. 65](en castelán)
  17. US Dept. of Health, Administration for children and families
  18. "Derechos sexuales, OMS, 2002". Arquivado dende o orixinal o 05 de abril de 2013. Consultado o 05 de abril de 2013. 
  19. OMS- Salud reproductiva Arquivado 18 de novembro de 2013 en Wayback Machine.(en inglés)
  20. Métodos anticonceptivos en RHO - Planificación familiar y criterios de elegibilidad(en castelán)
  21. Criterios de elegibilidad de la OMS en RHO(en castelán)
  22. Planificación familiar en Reproline- WHO -en español- Arquivado 18 de setembro de 2012 en Wayback Machine.(en castelán)
  23. World Health Organization Selected Practice Recommendations for Contraceptive Use, 2002 Arquivado 21 de xullo de 2012 en Wayback Machine.(en inglés)
  24. Histerectomía en MedlinePuls
  25. "Ginecoweb Histerectomía". Arquivado dende o orixinal o 09 de setembro de 2017. Consultado o 08 de febreiro de 2018. 
  26. "Emergency Contraception: A Last Chance to Prevent Unintended Pregnancy, James Trussell, Elizabeth G. Raymond, MD, setembro 2010" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de setembro de 2010. Consultado o 08 de febreiro de 2018. 
  27. "Ver aspectos xerais de Esquema de Mifepristona/Misoprostol". Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2010. Consultado o 08 de febreiro de 2018. 
  28. Comparación del Aborto Quirúrgico y El Aborto por Pastilla, .fwhc.org(en castelán)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • 1906 - Paul Robin, 'Libre amour, libre maternite', Librairie de Regeneration, Paris (opúsculo con numerosas edicións)
  • 1906 - Luis Bulffi de Quintana, ¡Huelga de vientres! Medios prácticos para evitar las familias numerosas, Biblioteca Editorial Salud y Fuerza, Barcelona, 32 páxs.
  • 190? - Jean Marestan, 'Le Mariage, l’amour libre et la libre maternité'.
  • 1907 - Nelly Roussel, 'La Liberté de la Maternité'.
  • Jean Marestan, 'El matrimonio, el amor libre y la libre maternidad', Telleres Borneo, 1920 - 207 páxinas
  • 1971 - R. Guerrand, 'La libre maternité', 1896-1969, Tornai, Casterman.[1]
  • 1983 - A. McLaren, 'Sexuality and Social Order: The Debate of Fertility of Women and Workers in France', 1770-1930, Nova York, Holmes & Meier.
  • 1991 - Gisela Bock & Pat Thane, 'Maternity and Gender Policies: Women and the Rise of the European Welfare'.
  • 1996 - Gisela Bock y Pat Thane (eds.) Maternidad y políticas de género, en feminismos, Madrid.
  • 2011 - Anne Cova - 'Féminismes et néo-malthusianismes sous la IIIe République: "La liberté de la maternité", L'Harmattan.

Ligazóns externas editar

En español
En francés
En inglés
  1. Maternidad y políticas de género (1991)