Mary Somerville

Escritora, científica e polímata
(Redirección desde «Mary Fairfax Somerville»)

Mary Somerville, nada o 26 de decembro de 1780 en Escocia e finada o 28 de novembro de 1872 en Nápoles, foi unha matemática e científica escocesa.[1]

Mary Somerville
Nome completoMary Fairfax
Nacemento26 de decembro de 1780
Lugar de nacementoJedburgh
Falecemento28 de novembro de 1872
Lugar de falecementoNápoles
SoterradaEnglish Cemetery, Naples
NacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
Ocupaciónmatemática, escritora, científica, física e xeóloga
PaiWilliam George Fairfax
NaiMargaret Charters
CónxuxeWilliam Somerville e Samuel Greig jr.
FillosWoronzow Greig, Martha Somerville e Mary Charlotte Somerville
PremiosPatron’s Medal
Na rede
WikiTree: Fairfax-378
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Mary era filla de William George Fairfax, un oficial naval, que chegou a ser vicealmirante, e da súa segunda esposa. O fogar da familia estaba en Burntisland, no condado de Fife (Escocia). Foi a quinta de sete fillos, pero tres deles morreron moi novos. Aos seus dous irmáns homes déuselles unha boa educación, pero ás mozas apenas se lles ensinou a ler. Con todo, con dez anos acudiu durante un ano ao colexio, e cando retornou á súa casa, espertóuselle a paixón pola lectura. A pesar do empeño dos seus pais para que se adestrase nas tarefas domésticas nunha escola de señoritas, contou co apoio dun dos seus tíos que a animou para que aprendese latín.[2]

Cando tiña uns trece anos, a familia trasladouse a Edimburgo, onde continuou coas súas clases para completar a súa formación como dama de clase alta, incluíndo costura, leccións de piano e pintura. Foi o seu profesor de pintura, Alexander Nasmyth, quen a iniciou no estudo das matemáticas, ao darse conta do interese da moza polos elementos de Euclides cando explicaba un problema de perspectiva a un dos seus alumnos.[2] A partir dese momento, a moza Mary dedicouse con grande interese ao estudo do álxebra nos libros que lle facilitaba o titor do seu irmán aínda que sen descoidar a súa vida social para satisfacer aos seus pais.

Casou en 1804, cando tiña 24 anos. O seu marido, Samuel Greig, era un oficial naval que non chegou a comprender a paixón da súa muller polas matemáticas. Mary quedou viúva tres anos máis tarde, cando xa era nai de dous fillos. Volveu desde Londres a Escocia, onde a través do profesor John Playfair entrou en contacto co matemático William Wallace, con quen colaborou na resolución dalgúns problemas, polo que foi galardoada cunha medalla de prata.[2]

En 1812 casou en segundas nupcias con William Somerville (inspector de hospitais), quen comprendeu e apoiou o seu interese pola ciencia. Pasou a residir en Edimburgo, onde ampliou o seu círculo de amizades entre os científicos da universidade, o que lle fixo interesarse por novas disciplinas, como a lingua grega, a botánica ou a xeoloxía.

En 1814 faleceron a súa filla máis vella e o único fillo do seu segundo matrimonio, trasladándose a familia a Londres en 1816 cando o seu marido foi nomeado Inspector da Xunta Médica do Exército, o que lle facilitou ser elixido membro da Royal Society. Esta circunstancia fixo posible que co tempo figurasen entre os seus amigos destacados científicos, como George Airy, John Herschel, William Herschel, George Peacock ou Charles Babbage, e que puidesen entrar en contacto con relevantes figuras da ciencia europea que visitaban a Sociedade de Londres, como Jean Baptiste Biot, François Arago, Pierre- Simon Laplace, Siméon Denis Poisson, Louis Poinsot ou Émile Mathieu.[2]

En 1827, Lord Brougham fixo unha solicitude en nome da Sociedade para a Difusión de Coñecemento Útil para que Mary Somerville traducise A Mecánica Céleste de Laplace. Mary non se limitou a verter o texto do francés ao inglés, senón que deu unha completa explicación das bases matemáticas utilizadas por Laplace, que por entón aínda non se difundiron entre os científicos de Gran Bretaña. A tradución do libro tivo un grande éxito de vendas, e recibiu numerosos eloxios.[2]​ En 1832 e 1833 residiu un tempo en París, onde estreitou os seus lazos cos científicos franceses, e traballou no seu seguinte libro, " The Connection of the Physical Sciences" (A conexión das ciencias físicas), publicado en 1834. A súa análise das perturbacións da órbita de Urano, incluído na sexta edición do libro (1842), é a orixe da investigación do astrónomo John Couch Adams que levou ao descubrimento de Neptuno en 1846.[2] No seu círculo familiar era frecuente a presenza de Lady Byron e da súa filla Ada Lovelace, a quen Mary Somerville serviu de estímulo para o estudo das matemáticas, exercendo durante un tempo como titora e mentora.[3]

A partir de 1838, os problemas de saúde de William Somerville levaron ao matrimonio para trasladarse a vivir no sur de Italia, en busca dun clima mellor. O seu marido falecería en 1860. Durante os 34 anos que residiu en Italia, Mary publicou obras matemáticas, que influíron nos traballos de James Clerk Maxwell, así como en 1848, o seu " Physical Geography" (Xeografía física), tratado que continuou vixente ata ben entrado o século XX.[2]

Foi unha das mulleres do seu tempo que con máis paixón se dedicou ao estudo das matemáticas e ao coñecemento dos avances científicos.

Popularizou a astronomía e escribiu multitude de ensaios. Somerville foi elixida para a Real Sociedade Astronómica en 1835 (á vez que Caroline Herschel). O seu estilo, rigoroso, sinxelo e didáctico proporcionoulle grande éxito. A Royal Academy inglesa deulle un premio como socia de honra, xa que as mulleres non podían ser socias oficiais e na súa honra o Somerville College de Oxford mantén vivo o seu legado.

É coñecida como "A raíña das ciencias do século XIX".

Na fin da súa vida escribiu:

"Teño 92 anos..., a miña memoria para os acaecementos ordinarios é débil pero non para as matemáticas ou as experiencias científicas. Aínda son capaz de ler libros de álxebra superior durante catro ou cinco horas pola mañá, e incluso de resolver problemas".

Obra editar

  • The Magnetic Properties of the Violet Rays of the Solar Spectrum.
  • Ensaios sobre a Refración dos raios solares
  • Ación dos raios solares sobre xugos vexetais. (On the action of the Rays of the Spectrum on Vegetable juices).
  • Transmisión dos raios solares en diferentes medios (Experiments on the Transmission of the Chemical rays of the solar spectrum across different media).
  • 1834 - The Connection of the Physichal Sciences.
  • 1848 - Physical Geography.
  • 1869 - On Molecular and Mycroscopic Science.
  • On the theory of diferences.
  • Traductora de "A Mecánica Celeste" de Laplace.

Eponimia editar

O cráter lunar Somerville leva este nome na súa memoria.​[4] O asteroide (5771) Somerville tamén conmemora o seu nome.[3]

Notas editar

  1. Alic, Margaret (1986). Hypatia's heritage : a history of women in science from antiquity to the late nineteenth century. London : Women's Press. ISBN 978-0-7043-3954-5. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Mary Somerville - Biography". Maths History (en inglés). Consultado o 2021-05-10. 
  3. 3,0 3,1 Verdejo (2017)
  4. Altschuler e Ballesteros (2016)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Somerville, Martha. Personal Recollections, From Early Life to Old Age, of Mary Somerville. Boston: Roberts Brothers, 1874. (escrito pola súa filla) Reprinted by AMS Press (xaneiro de 1996), ISBN 0-404-56837-8.
  • Neeley, Kathryn A. Mary Somerville: Science, Illumination, and the Female Mind, Cambridge e Nova York: Cambridge University Press, 2001.
  • Daniel Roberto Altschuler e Fernando J. Ballesteros (2016). Las mujeres de la Luna. Historias de amor, dolor y valor. Editorial: Next Door Publishers e Jot Down Books (Colección El café Cajal). ISBN: 978-84-944435-4-1
  • Verdejo Rodríguez, Amelia (2017). Mujeres matemáticas : las grandes desconocidas. Vigo: Universidade de Vigo. Servizo de Publicacións. ISBN 978-84-8158-733-3.

Outros artigos editar