Manuel Varela Radío
Manuel Varela Radío, nado en Pontevedra o 15 de decembro de 1873 e finado en Madrid o 13 de decembro de 1962, foi un médico e catedrático galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de decembro de 1873 Pontevedra, España |
Morte | 13 de decembro de 1962 (88 anos) Madrid, España |
Deputado nas Cortes republicanas | |
13 de xullo de 1931 – 9 de outubro de 1933 Lexislatura: I lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Pontevedra | |
Catedrático de universidade | |
1905 – | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela Universidade Central |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | político , médico , cirurxián |
Empregador | Universidade Central (1919–) Universidade de Santiago de Compostela Hospital Real de Santiago de Compostela |
Lingua | Lingua castelá |
Traxectoria
editarEra fillo de Teodoro Varela de la Iglesia, profesor de instituto procedente dunha familia liberal. Estudou o bacharelato nos institutos de Pontevedra e Compostela. Matriculado en Medicina, foi discípulo de Ángel Martínez de la Riva. Durante a carreira visitou algúns centros científicos de Alemaña. Despois de doutorarse en Madrid volveu a Alemaña para especializarse en Xinecoloxía e Obstetricia en Berlín.
Desde a súa cátedra deixou unha importante pegada en Santiago de Compostela. En 1911 obtivo unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas e volveu viaxar a Alemaña. A el se lle debe a incorporación de adiantos técnicos na cirurxía xinecolóxica, entre eles a utilización da radioterapia e a autoclave. Impartiu cursos para alumnos e para médicos na súa especialidade.
En 1908 puxo en marcha en Compostela un sanatorio, produto da empresa sanitaria con Ángel Baltar Cortés, unha das primeiras instalacións deste tipo en Galicia.
Roberto Nóvoa Santos considerábao como un dos seus mestres. Das súas aulas sairía un importante número de especialistas en Xinecoloxía cirúrxica, como Antonio Martínez de la Riva, Miguel Gallas Novás, Carlos Gil Gil, José Torre Blanco, Pablo Sela Sampil, José María Fernández Colmeiro, Alejandro Otero Fernández ou Luís Morillo Uña. Este último sucedeuno na cátedra compostelá, logo do seu traslado a Madrid en 1919.
Desde a Universidade Central levou a cabo un labor titorial especial co alumnado galego que estudaban Medicina na capital. Mesmo avalou a conterráneos, en bastantes ocasións, para que accedesen a institucións como a Residencia de Estudiantes.
Asumiu responsabilidades políticas como republicano independente, xa que foi deputado nas Cortes Constituíntes de 1931 por Pontevedra, na Federación Republicana Gallega. Coma moitos dos seus discípulos, exiliouse tralo golpe de Estado de 1936. Marchou voluntariamente en outubro dese ano por temor a represalias incontroladas.
Logo dun tempo en Francia, asentouse en Zürich (Suíza). O goberno republicano cesouno da súa cátedra por abandono do servizo. Volveu do exilio voluntario en 1941, tras negociar coas autoridades franquistas. Sometido a varios procesos polos tribunais encargados da represión, foi separado do seu cargo e expedientado polo Tribunal de Responsabilidades Políticas. Foi reposto en 1945, mais poucos días despois pasou á condición de xubilado por cumprir a idade. Porén, seguiu a exercer a actividade privada durante varios anos, practicamente ata a súa morte.
Obras
editar- Formas clínicas de afasia (tese de doutoramento).
- Formación de una vagina artificial á expensas de un trozo de intestino delgado.
- Radioterapia del cáncer.
- La marsupialización como medio de tratamiento de algunos tumores quísticos.
- Tradución de Operaciones ginecológicas y sus fundamentos anatomotográficos de Heinrich Martís
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manuel Varela Radío |