Lipotes vexillifer

naturales
(Redirección desde «Lipotidae»)

Lipotes vexillifer é unha especie de cetáceo odontoceto, único membro da familia dos lipótidos.

Lipotes vexillifer

Comparación co tamaño dun humano
Comparación co tamaño dun humano

Estado de conservación
Crítico
Crítico[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Lipotoidea
Familia: Lipotidae
Zhou, Qian & Li, 1978
Xénero: Lipotes
Miller, 1918 [2]
Especie: L. vexillifer
Nome binomial
Lipotes vexillifer
Miller, 1918 [2]
Distribución de Lipotes vexillifer
Distribución de Lipotes vexillifer

Distribución de Lipotes vexillifer

É un golfiño de río endémico do río Yangtzé (China). O seu nome chinés é baiji (白鱀豚) ou baijitun (en pinyin, báijìtún), que quere dicir "golfiño de auga doce branco".

Coñecido como "a deusa do Yangtzé" (長江女神) na China, creuse que se extinguira a finais do ano 2006, despois de que unha expedición non puido encontrar exemplares no río.

Porén, en 2007, foi avistado un por un veciño da provincia chinesa de Anhui, chamado Zeng Yujiang. As imaxes tomadas por el foron revisadas no Instituto de Hidrobioloxía da Academia de Ciencias Chinesa, que confirmou a súa autenticidade.[3]

Etimoloxía

editar

O nome do xénero, Lipotes, deriva do grego antigo λειποτήσ leipotés, do verbo λείπω leípo, "deixar" (a vida), "abandonar", "ser abandonado", "subsistir", en referencia á moi restrinxida zona onde vivía o animal.

En canto ao nome específico, vexillifer, significa "abandeirado" (do latín vexillum, -i, "estandarte", "bandeira", e fer, imperativo de ferre, "levar".[4]

Descrición

editar

As principais características de Lipotes vexillifer son as seguintes:[5]

  • Este golfiño mide entre 1,40 e 2,50 m de lonxitude, e pesa entre os 100 e os 160 kg.
    O seu peso ao nacer é de entre 2,5 e 4,8 kg.
  • O corpo é robusto, coas partes superiores e os flancos de cor gis azulada pálida e as inferiores abrancazadas.
  • A aleta dorsal é moi baixa, de forma triangular, coa base moi ancha e rematada nunha punha roma.
  • A cabeza presenta unha fronte abrupta, ollos pequenos, situados a bastante altura.
  • O bico é longo e estreito (pode chegar aos 58 cm de lonxitude), lixeiramente espatulado e curvado cara a arriba, adaptado para apañar os peixes e os cangrexos dos que se alimenta.

Distribución

editar

Historicamente vivía ao longo de 1 700 km nos cursos medio e inferior do río Yangtzé(China), até a desembocadura do río, cerca de Shanghai, aínda que a súa presenza era rara máis arriba de Zhicheng e máis abaixo de Nanjing, sendo máis común desde Loushan a Xintankou e de Anqing a Heishazhou. Aparecía alí onde os afluentes desembocaban no río principal, sobre todo antes e despois de enseadas e bancos de area. Antes, vivía tamén nos lagos Dongting e Poyang, durante as inundacións de primavera, pero os niveis da auga actuais xa non son suficientes para iso.[5]

Aproximadamente o 12 % da poboación humana do mundo vive e traballa nas beiras do río Yangtzé, exercendo presión sobre o río. A construción do encoro das Tres Gargantas tamén deu lugar a perda de hábitat.

Comportamento

editar

Pouco se sabe do comportamento deste golfiño, xa que moi poucos exemplares puideron identificarse e é un animal difícil de estudar en liberdade (o único macho cativo, Qi Qi, foi unha fonte crucial de información desde 1980 até que morreu en 2002). Vive en pequenos grupos, de até 6 individuos (en zonas de abundante alimento poden reunirse máis). Nos períodos de actividade nada con rapidez, variando con frecuencia a dirección e o estilo (moitas veces, sobre o dorso ou os flancos), con inmersións frecuentes e curtas. Pero tamén pode nadar lentamente, polo xeral na mesma dirección, e con inmersións escasas e prolongadas. Habitualmente repousa en remansos de augas profundas durante 5 ou 6 horas.[5]

Historia antiga

editar

Os achados fósiles indican que este golfiño migrou desde o Pacífico cara ao río Yangtzé hai 20.000 anos.[Cómpre referencia]

Estes golfiños foron xa descritos na época da dinastía Han, nunha enciclopedia biolóxica, Erya. Estímase que nesa época a súa poboación era duns 5.000 individuos.[Cómpre referencia]

Conservación

editar

Tan pronto como a China decidiu modernizarse recoñeceu o estado precario do seu golfiño de río.

En 1978, a Academia Chinsesa de Ciencias creou unha rama do Instituto de Hidrobioloxía de Wuhan, o Centro de Investigación do Golfiño de auga doce.[6]. De todos modos os esforzos deste instituto para salvar a estes mamíferos foron moi poucos e chegaron demasiado tarde.

 
Mapa dos lugares onde se centraron os esforzos para a conservación de Lipotes vexillifer.

A primeira organización de protección de especies acuáticas chinesas, a Fundación de Conservación de Wuhan Golfiño baiji, fundouse en decembro de 1996. Recadou 1 383 924,35 iuans (ao redor de 100 000 dólares) e usou eses fondos para a preservación de células in vitro e para manter as instalacións do golfiño de río chinés, incluíndo o santuario de Shishou, que foi inundado en 1998.

Douglas Adams e Mark Carwardine documentaron os seus encontros cos animais en perigo nas súas viaxes de conservación para o programa da BBC "A última oportunidade para ver" (Last Chance to See). O libro do mesmo nome, publicado en 1990, incluíu fotos dun exemplar en catividade, un macho chamado Qi Qi, que viviu no delfinario do Instituto Wuhan de Hidrobioloxía desde 1980 até o 14 de xullo de 2002. Este golfiño, descuberto por un pescador no lago Dongting, converteuse no único residente do delfinario de Baiji, ao lado do lago do Leste. Outro delfín capturado faleceu despois dun ano (de 1996 a 1997), na Reserva Seminatural de Shishou Tian-e-Zhou, que contiña soamente toniñas da especie Neophocaena phocaenoides desde 1990. Outro golfiño, unha femia achada na illa de Chongming cerca de Shangai en 1998, faleceu de fame despois dun mes, xa que non aceptou a comida que se lle daba.

A especie de cetáceo en maior perigo no mundo, segundo o Libro Guinness dos Récords, foi avistada por última vez no mes de setembro de 2004. A axencia de noticias Xinhua anunciou o 4 de decembro de 2006 que ningún golfiño de río chinés fora detectado tras unha busca visual e acústica realizada por 30 investigadores durante seis semanas no río Yangtzé. O fracaso da Expedición do golfiño de auga doce do río Yangtzé levantou sospeitas sobre a inequívoca extinción dunha especie de cetáceo debido á acción humana. A escasa visibilidade da auga e as condicións climáticas poderían dificultar os avistamentos, pero de todos os modos algúns científicos declararon a especie funcionalmente extinta o 13 de decembro de 2006.

A poboación actual deste golfiño é difícil de calcular, pero se pensa que son menos dos que se necesitan para a propagación da especie.

Cronoloxía

editar
  • 1979: China declara a especie en perigo de extinción.
  • 1983: A caza do golfiño de auga doce declárase ilegal.
  • 1986: Quedan 300 individuos.
  • 1989: Finaliza a construción do encoro Gezhouba.
  • 1990: Quedan 200 individuos.
  • 1994: Comeza a construción do encoro das Tres Gargantas.
  • 1997: Quedan menos de 50 exemplares (cóntanse só 23).
  • 1998: Encóntranse só 7 exemplares.
  • 2003: Comeza a encherse o devandito encoro.
  • 2006: Non se encontra ningún individuo, o cal indica que especie está extinta con toda probabilidade.
  • 2007: Realízase unha expedición ao longo do río para saber cantos animais quedan. Non se encontra ningún, polo que a especie é declarada completamente extinta. A partir de aquí o goberno chinés tratará de evitar a extinción da Neophocaena phocaenoides, outro cetáceo que tamén vive no río e que está en grave perigo de extinción. Porén ese ano un baiji foi avistado por un veciño da provincia de Anhui.

Causas da extinción

editar

As causas da posíbel extinción do Lipotes vexillifer son moi diversas, aínda que concretamente o fin da especie se atribúe á sobrepesca, á construción de encoros, á degradación ambiental e ás colisións de embarcacións con estes animais.[7]

O encoro das Tres Gargantas alterou de maneira irrecuperábel o hábitat deste golfiño. Algúns científicos esperaban poder salvar aos últimos individuos trasladándoos a un lago próximo, para logo reintroducilos novamente no río cando as súas oportunidades de supervivencia foran maiores.

  1. "Lipotes vexillifer". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. 2,0 2,1 Miller, Gerrit S (1918). "A new river-dolphin from China". Smithsonian miscellaneous collections 68 (9): 1–12. 
  3. Avistamiento de un baiji
  4. Aínda que o auténtico termo para "abandeirado" ou "portaestandarte" no latín clásico era vexilliarius, -ii.
  5. 5,0 5,1 5,2 Carwardine, M. (1995), pp. 228-229.
  6. En chinés, 淡水海豚研究中心.
  7. National Geographic News - January 23, 2009

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar