Liocarcinus zariquieyi
Liocarcinus zariquieyi | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Liocarcinus zariquieyi (Gordon, 1968) |
Liocarcinus zariquieyi é un crustáceo decápodo braquiúro da subfamilia dos portunoideos e familia dos portúnidos propio do mar Mediterráneo, e de dubidosa presenza en augas galegas.[1] É un cangrexo moi semellante a Liocarcinus pusillus, e durante moito tempo estas dúas especies foron confundidas.
Taxonomía
editarA especie coñecida hoxe como Liocarcinus zariquieyi foi recoñecida por primeira vez por Bruno Parisi en 1915, ao darse de conta de que a especie coñecida entón como Portunus pusillus comprendía dous taxons diferentes.[2]
A especie foi recoñecida durante a revisión de dúas especies descritas orixinalmente no xénero Portunus por Parisi, Portunus pusillus e Portunus parvulus. Parisi erroneamente afirmou, porén, que das súas dúas especies P. parvulus era a nova. Pero, de feito, a súa P. pusillus" foi a nova especie. Isto foi recoñecido polo carcinólogo holandés Lipke Holthuis en 1958, pero era consciente de que Gordon estaba preparando unha revisión e continuou usando os nomes de Parisi.[2]
En 1968, Gordon publicou un artigo na revista Crustaceana, separando a Macropipus zariquieyi da especie que por entón se convertera en Macropipus pusillus (agora Liocarcinus pusillus) e elixiu como holotipo un espécime de Sorrento, recollido a unha profundidade de 60 m.[2]
O nome específico zariquieyi conmemora a Ricardo Zariquiey Álvarez, que recoñecera as dúas especies en augas españolas e proporcionou material a Gordon que permitiu a esta describir a nova especie.[2]
Sinónimos
editarA especie recoñécese hoxe, segundo o World Register of Marine Species, polo sinónimo:[3]
- Polybius zariquieyi Gordon, 1968
Pero tamén por:
- Macropipus zariquieyi Gordon, 1968
que foi o nome que lle asignou Isabella Gordon.[2]
Características
editarO cacho deste cangrexo, lixeiramente máis largo que longo e notoriamente convexo, presenta a superficie dorsal lisa, con pequenas quillas ou liñas transversais na rexión posterior. A fronte moi proxectada cara a diante, con tres lóbulos, o central lixeiramente máis longo que os laterais, e estes notoriamente máis obtusos. A marxe anterolateral ten cinco dentes, sendo o quinto o máis pequeno, obtuso e non tan fortemente curvado como os anteriores.[1] A casca, segundo Froglia e Manning, ten unha anchura comprendida etre os 7,4 e os 12,7 mm nos machos, e de até os 13,4 mm nas femias.[4]
Os quelípodos son semellanes; a superficie dorsal do carpo ás veces presenta unha quilla en forma de "V" invertido, o proceso cartpal é bastante agudo e a marxe externa do carpo só arredondada. O propodio presenta dúas quillas lonxitudinais na cara dorsal, sendo a cara extyerna lisa. Os pereiópodos do segundo ao quinto par (patas marchadoras) son moderadamente robustos; o dáctilo do quinto par é caso oval, adaptado á natación.[1]
O abdome do macho ten os segmentos terceiro a quinto fusioandos; na femia son libres.[1]
Diferénciase das outras especies do "grupo pusillus" (Liocacinus maculatus e Liocarcinus pusillus) por ter unha casca máis suave. Ademais, os dentes da súa marxe anterolateral son arredonados na punta, e o cuarto é máis grande que o quinto; e o carpo (segmento 4) é máis curto que o propodio (segmento 6) no terceiro e cuarto pereiópodos en L. zariquieyi que en L. pusillus ou L. maculatus.[4]
Distribución e hábitat
editarLiocarcinus zariquieyi encóntrase no mar Mediterráneo e as illas Canarias. Un único espécime, nas coleccións de Alfred Merle Norman, suxire a súa presenza na costa leste de Gran Bretaña.[4]
Vive na zona subitoral, entre os 5 e os 10 m de profundidade,[4][5] especialmente sobre substratos de area grosa e grava.[4]
En Galicia
editarOs datos de distribución desta especie son confusos, e non se ten citado expresamente a súa presenza en augas galegas. Aínda que Ricardo Zariquiey Álvarez a cita para o Atlántico oriental, desde Plymouth a Canarias, e para o Mediterráneo,[5] parece ser que a cita para Plymouth presenta certas dúbidas.[6] Por isto é pouco probábel a súa presenza en Galicia.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985), pp. 86-87.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Isabella Gordon (1968). "Correction to Parisi's "Portunus pusillus" and "Portunus parvulus n. sp." from the Mediterranean (Decapoda, Brachyura)". Crustaceana 14 (3): 319–320. JSTOR 20102962. doi:10.1163/156854068x00935.
- ↑ Liocarcinus zariquieyi Gordon, 1968 no WoRMS.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Carlo Froglia & Raymond B. Manning (1982). "Notes on Liocarcinus pusillus (Leach) and related species" (PDF). Quaderni del Laboratoria di Tecnologia della Pesca 3 (2-5): 257–266.
- ↑ 5,0 5,1 Zariquiey Álvarez, R. (1968): Crustáceos decápodos ibéricos. Barcelona: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Patronato Juan de la Cierva. Serie: Investigación pesquera, 32.
- ↑ Ingle, R. W. (1980): Brirish carabs. London: British Museum (Natural History). Oxford Universiry Press, p. 222.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985): Crustáceos decápodos das costas de Galicia. I. Brachyura. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-242-9.
- McLaughlin, P. A.; Lemaitre, R. & Sorhannus, U. (2007): "Hermit crab phylogeny: a reappraisal and its “fall-out”". Journal of Crustacean Biology, 27 (1): 97-115. Resumo
- Türkay, M. (2001): "Decapoda" en: Costello, M. J. et al. eds. (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 284-292. ISBN 2-85653-538-0.