Leif Segerstam
Leif Selim Segerstam, nado o 2 de marzo de 1944 en Vaasa e finado o 9 de outubro de 2024 en Helsinqui, foi un compositor e director de orquestra finlandés.
Traxectoria
editarSegerstam estudou violín, piano e dirección orquestral na Sibelius-Akatemia de Helsinqui e dirección na Juilliard School de Nova York con Jean Morel entre 1963 e 1965.
Deuse a coñecer como director operístico a finais dos anos '60 (Helsinqui, Estocolmo e Berlín Oeste). Ten dirixido na Metropolitan Opera, no Covent Garden, no Teatro alla Scala, no Treatro Colón, na Wiener Staatsoper e no Festival de Salzburgo. Acompañou a personaxes como Montserrat Caballé, Birgit Nilsson, Henryk Szeryng, David Oïstrakh, Emil Gilels e Arthur Rubinstein. A partir de 1975 comezou a destacar como director sinfónico, sendo director principal da Radio-Symphonieorchester Wien dende ese ano ata 1982, a Radion sinfoniaorkesteri entre 1977 e 1987, ou da Helsingin kaupunginorkesteri entre 1995 e 2007, orquestra da que lle foi concedido o título de Direcotr Emérito. Ten sido o director musical de diversas orquestras, entre as cales figuran a Deutsche Staatsphilharmonie Rheinland-Pfalz (1983-1990) ou a DR SymfoniOrkestret (1988-1995), sendo nomeado director honorífico das dúas formacións. Foi tamén director principal e musical da Kungliga Operan (Estocolmo) entre 1995 e 2000. Ten sido invitado a dirixir numerosas orquestras en todo o mundo, entre as que destacan Chicago Symphony Orchestra, Los Angeles Philharmonic, London Symphony Orchestra, Toronto Symphony ou a Orquestra Sinfônica do Estado de São Paulo.
Foi frecuentemente invitado a dirixir os festivais de Helsinqui e Savonlinna. A súa gravación de Luonnotar e outras cancións orquestrais de Sibelius xunto a Soile Isokoski, foi nomeada disco do ano en 2007 polo "BBC music magazine".
En xaneiro de 2012 foi nomeado director titular da Turun Filharmoninen Orkesteri (TFO),[1] posto que desempeñou ata o 17 de maio de 2019. Posteriormente foi nomeado director honorario da TFO.[2]
Segerstam compaxinou o seu traballo como director co de profesor de dirección na Sibelius-Akatemia de Helsinqui. Entre os seus alumnos salientan Susanna Mälkki, Mikk Murdvee, Sasha Mäkilä e Markku Laakso.
Vida persoal
editarO pai de Leif Segerstam era o defunto Selim Segerstam, que elaborou numerosos cancioneiros.
Estivo casado coa violinista Hannele Segerstam (concertino da Radion sinfoniaorkesteri), coa que tivo dous fillos, Jan e Pia; Pia é concertista de violonchelo.
Logo do divorcio de Leif Segerstam e Hannele Segerstam, casou coa arpista da Helsingin kaupunginorkesteri Minnaleena Segerstam, coa que tivo tres fillos.
Obra
editarSegerstam é un compositor extremádamente prolífico, sendo especialmente coñecido polas súas numerosas sinfonías (261 en 2012[3]), das cales en torno a un centenar teñen sido interpretadas.
É igualmente coñecido polas súas series de "Orchestral Diary Sheets", moitas delas concibidas para ser interpretadas sen director. Segerstam desenvolveu un enfoque persoal da composición aleatoria a través dun estilo que denominou "pulsación libre", na que os motivos musicais interactúan con flexibilidade no tempo.
- 261 sinfonías (en 2012)
- 30 cuartetos de corda
- 13 concertos para violín
- 8 concertos para violonchelo
- 4 concertos para viola
- 4 concertos para piano
Premios
editar- En 1999 foi condecorado co Nordic Council Music Prize polo seu traballo como "incansable defensor da música escandinava".
- Premio do Estado de Finlandia en 2004.
- Medalla Sibelius en 2005.
Gravacións
editarLeif Segerstam é tamén ámplamente coñecido polas súas gravacións discográficas, que inclúen as integrais das sinfonías de Jean Sibelius, Carl Nielsen e Gustav Mahler, así como moitas outras obras de compositores contemporáneos coma o compositor finlandés Einojuhani Rautavaara e os compositores americanos John Corigliano e Christopher Rouse.
Notas
editar- ↑ "Introducing the Turku Philharmonic Orchestra". Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2012. Consultado o 23 de xullo de 2013.
- ↑ "Kunniakapellimestarit ja nimikkosäveltäjä" (en finés). Turun Filharmoninen Orkesteri. Consultado o 27 de agosto de 2021.
- ↑ "Fimic - Suomalaisen musiikin tiedotuskeskus". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2013. Consultado o 23 de xullo de 2013.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Finnish Music Information Centre
- Perfil de Leif Segerstam en Ondine Records
- Leif Segerstam coa Orquesta Sinfónica RTVE interpretando obras de Sibelius, Rautavaara e outros escandinavos, así como a súa sinfonía nº 176
- Entrevista a Leif Segerstam por Bruce Duffie o 5 de decembro de 1997
- Orquestra Sinfónica de Galicia, ed. (2015). Entrevista con Leif Segerstam e Dima Slobodeniouk (en inglés). Subtítulos en castelán. A Coruña.