The Legend of Zelda: A Link to the Past

videoxogo de aventura
(Redirección desde «Legend of Zelda: A Link to the Past»)

The Legend of Zelda: A Link to the Past, coñecido como Zelda no Densetsu Kamigami no Triforce (ゼルダの伝説 神々のトライフォース Zeruda no Densetsu Kamigami no Toraifōsu?, lit. "A lenda de Zelda: Triforza dos deuses") no Xapón, é un videoxogo de estilo aventura desenvolvido e publicado por Nintendo para a videoconsola Super Nintendo Entertainment System, terceira entrega da serie The Legend of Zelda. Lanzouse nun primeiro momento no Xapón o 21 de novembro de 1991, e máis tarde en Norteamérica, o 13 de abril de 1992, e o 24 de marzo en Europa. Shigeru Miyamoto e o seu equipo encargáronse en exclusiva do desenvolvemento deste xogo.

The Legend of Zelda: A Link to the Past"
Desenvolvedor(es)Nintendo EAD
Flagship (GBA)
Distribuidora(s)Nintendo
Director(es)Takashi Tezuka
Produtor(es)Shigeru Miyamoto
Artista(s)Masanao Arimoto
Tsuyoshi Watanabe
Compositor(es)Koji Kondo
Lanzamento21 de novembro de 1991
XéneroAcción
Modos de xogoUn xogador
Clasificación PEGI
CERO
USK
Plataforma(s)Super NES, Satellaview, Game Boy Advance, Virtual Console (Wii e Wii U)
SerieThe Legend of Zelda
Na rede
http://www.nintendo.co.jp/n02/shvc/zl/index.html
IMDB: tt0263641 Youtube: UCw9Whg8c4El7k3J1cTYMGYg Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Link to the Past usa unha perspectiva isométrica semellante á do orixinal The Legend of Zelda, no canto do formato de desprazamento lateral que utiliza Zelda II: The Adventure of Link. Engadiu moitas mecánicas e conceptos novos á serie, que despois pasaron a ser habituais, incluíndo alxubes de varios niveis e equipamento novo (coma o Gancho e as Botas Pegaso). Recibiu unha boa acollida xa desde o seu lanzamento, e ten sido considerado a miúdo como unha das mellores entregas da serie.[1] Até o de agora, A Link to the Past vendeu máis de catro millóns de copias,[2] e foi reeditado para a Game Boy Advance e mais o servizo Virtual Console de Wii.

Argumento

editar

Ao comezo de A Link to the Past, un mozo chamado Link acorda cunha mensaxe telepática da Princesa Zelda, quen di estar encerrada no alxube do Castelo de Hyrule. Cando remata a mensaxe, Link atopa o seu tío pronto para a batalla, quen lle ordena que fique na casa. Porén, Link ignora o mandato e ségueo até o Castelo de Hyrule. Ao chegar, atopa o seu tío ferido de gravidade. Este pídelle que rescate a Princesa Zelda da prisión, e dálle a súa espada e mais o seu escudo. Link percorre o castelo e rescata a Zelda da súa cela, e ambos foxen por un pasadizo secreto que atravesa os sumidoiros e que leva até un santuario.

Grazas a un home que se encontra no santuario, Link descobre que Agahnim, un feiticeiro que usurpou o trono, pretende rachar o selo que os sete sabios crearan hai centos para encerrar o feiticeiro escuro e rei dos ladróns, chamado Ganon, no Mundo da Escuridade. Este fora unha vez o Reino Sagrado antes de que Ganon o invadise, obtivese a lendaria Triforza e usase o seu poder para converter o reino nunha terra de tebras. Agahnim pretende quebrar o selo enviando as descendentes dos sabios que o fixeran ao Mundo da Escuridade. O único que pode vencelo é a Espada Mestra, forxada para combater o mal, mais para demostrar que é digno de brandila, Link precisa reunir os tres colgantes máxicos. Após acadalos, lévaos ao lugar no que repousa a Espada Mestra, mais cando Link a extrae do seu pedestal, Zelda chámao telepaticamente ao Santuario, informándoo que chegaran os soldados do Castelo de Hyrule. Link chega ao Santuario intres despois de marcharen os soldados, e descobre grazas ao home moribundo que Zelda foi levada para o Castelo de Hyrule. Link vai rescatala, mais chega tarde e Agahnim envía a Zelda ao Mundo da Escuridade. Logo, aínda que Link derrota a Agahnim, acaba sendo enviado el tamén alí.

Para salvar Hyrule, Link rescata as sete descendentes dos sabios, encerradas nos alxubes esparexidos polo Mundo da Escuridade. Unha vez liberadas as sete doncelas, estas usan o seu poder para rachar a barreira que envolve a Torre de Ganon, onde Link se volve enfrontar a Agahnim. Após a segunda loita de Link contra Agahnim, Ganon sae do corpo deste, tórnase en morcego e foxe voando. Link perségueo e enfróntase a el por fin dentro da Pirámide de Poder, no Mundo da Escuridade. Despois da batalla, que remata coa morte de Ganon, Link toca a Triforza e devolve Hyrule ao seu estado orixinal, tal e como era antes da intervención de Ganon.

Modo de xogo

editar

A Link to the Past usa a perspectiva isométrica de The Legend of Zelda no canto de continuar coa perspectiva de desprazamento lateral do seu inmediato predecesor, usando moitas mecánicas e conceptos do orixinal mais tamén engadindo outros novos e propios, como ocorre cos Recipientes de Corazón (véxase máis abaixo). Así mesmo, agora Link pódese reabastecer de frechas, do mesmo xeito que se facía coas bombas no orixinal, no canto de usar unha Rupia para disparar cada frecha. A Link to the Past recupera conceptos de The Adventure of Link, como o medidor de maxia, requirida para empregar varios obxectos (por exemplo o Candil). O control de Link é máis flexíbel do que nas versións anteriores, xa que agora pode camiñar en diagonal e correr, coa axuda dun obxecto. O ataque da espada de Link viuse mellorado con tallos laterais, no canto de estocadas frontais; isto outorga á espada un maior alcance e facilita o combate. Nos xogos de Zelda posteriores, Link ten o corte lateral como predeterminado, aínda que a estocada frontal tamén é posíbel nas encarnacións 3D.

En A Link to the Past presentáronse por primeira vez obxectos e técnicas que despois se farían recorrentes, como o Gancho, a Espada Mestra, e as Botas Pegaso. Os Recipientes de Corazón que acrecentan os puntos de vida máxima do xogador, presentes nos dous xogos anteriores, volven aparecer, mais moitos deles áchanse divididos en catro Pedazos de Corazón que se deben xuntar para obter un punto de vida adicional (aínda que tamén hai recipientes enteiros, normalmente obtidos após derrotar a un dos xefes). A maioría deles está ben agochada, o que engade a posibilidade de seguir xogando unha vez rematada a historia. Moitos alxubes teñen varios niveis e requiren que Link mude de andar, ás veces caendo por buratos para aterrar en niveis inferiores.

A Link to the Past introduce por primeira vez o que en adiante sería todo un sinal de identidade da serie Zelda: a existencia de dous mundos paralelos entre os cales viaxa o xogador. O primeiro, chamado Mundo da Luz, é o Hyrule normal, onde Link medrou co seu tío. O segundo fora coñecido unha vez como o Reino Sagrado, mais converteuse no Mundo da Escuridade cando Ganon acadou a Triforza. O mundo da escuridade é unha versión corrupta de Hyrule: a auga ten unha cor escura e desagradábel, a herba está morta, no canto de rochas hai caveiras, e as árbores teñen caras. A xente ten unha forma diferente no Mundo da Escuridade, en función da súa natureza: se non conta co obxecto que o impide, Link tórnase nun coello rosa. Cada lugar do Mundo da Luz corresponde a un similar no Mundo da Escuridade, normalmente cunha estrutura semellante mais de natureza oposta (por ex. un deserto do Mundo da Luz corresponde a un pantano no Mundo da Escuridade).

Link pode pasar do Mundo da Escuridade ao Mundo da Luz en case que calquera lugar ao ar libre utilizando un espello máxico (e volver a el desde o mesmo lugar usando o portal que se crea cando reaparece no Mundo da Luz). Hai varios atallos agochados en varios lugares por todo o Mundo da Luz, o cal posibilita unha serie de puzzles que explotan as lixeiras diferenzas entre o Mundo da Luz e o da Escuridade.[3]

Desenvolvemento

editar

En 1988 comezou o desenvolvemento dun novo Zelda para NES, mais un ano despois transferiuse o proxecto á seguinte consola de Nintendo: a Super Famicom xaponesa e a Super Nintendo Entertainment System no resto do mundo.[4] (a comezos da década dos 2000, anunciouse en eBay un cartucho beta do Zelda III de NES, que logo resultou ser un engano).[5]. Grazas ao éxito dos títulos anteriores da serie, Nintendo puido dedicar un grande orzamento, un amplo período de desenvolvemento e gran cantidade de recursos á produción do xogo, o cal resultou nun título acollido como clásico de espada e bruxaría, e como un dos mellores xogos de todos os tempos [1].

 
A Super Nintendo Entertainment System

Na época, a maioría dos cartuchos de SNES tiñan 4 Mbits (512 KB) de memoria. Este xogo supuxo a primeira excepción, con 8 Mbit (1 MB), o que permitiu ao equipo de desenvolvemento de Nintendo crear un mundo considerabelmente amplo para Link.[1] Ao igual que Super Mario World, este xogo usaba un método de compresión de gráficos sinxelo, limitando a oito cores a profundidade da cor de moitos mosaicos, no canto dos mosaicos de 16 cores orixinais da SNES. Os mosaicos descomprimíanse durante a execución engadindo un bit principal ao índice de cor de cada píxel. O aforro de memoria acadábase eliminando a duplicación: o Mundo da Luz e o Mundo da Escuridade son case idénticos, e os traballos de enxeñaría inversa realizados sobre os contidos da ROM do xogo teñen revelado que só se gardaban as diferenzas, xa que de non ser así tería sido preciso agardar a que estivese dispoñíbel unha ROM de 16 bits.

A Link to the Past, ao igual que as dúas entregas de NES, ten un contador que rexistra o número de veces que o xogador ve a pantalla de "Game Over" ao longo da partida. O total amósase na secuencia do final (xunto co desglosamento por alxubes) e no arquivo de gardado após rematar o xogo. A versión de SNES rexistra no contador cada unha das veces que o xogador elixe "Gardar e Saír (Save and Quit)", co cal a única maneira de conseguir 000 é completar o xogo nunha soa sesión (na versión de Virtual Console, pódese seleccionar o botón "home" e ir ao menú mantendo o xogo no mesmo estado no que estaba cando se premeu o botón). Na reedición para GBA, o feito de gardar e saír non inflúe no contador.

A localización en lingua inglesa incluíu varias mudanzas a respecto do xogo orixinal xaponés. A mudanza máis común foi a eliminación de referencias relixiosas para axustarse ás directrices de contido de Nintendo America. A diferenza máis obvia é o subtítulo do xogo, que pasou de Triforce of the Gods a A Link to the Past. Os caracteres usados para representar unha lingua ilexíbel, o Hylian, contiñan inicialmente debuxos dun voitre e un ankh, baseados en xeroglíficos exipcios de contido relixioso, e foron alterados na versión en inglés. A localización tamén introduciu mudanzas no argumento incluídas no manual. O sacerdote Agahnim tornouse en feiticeiro, e o seu transfondo, que en principio insinuaba que fora enviado polos deuses, foi alterado para eliminar toda orixe celestial.

Música

editar
 
Koji Kondo, compositor da música de A Link to the Past

A partitura de A Link to the Past é obra do compositor Koji Kondo. O tema do mundo superior do orixinal Legend of Zelda, (Hyrule Overture) volve aparecer en A Link to the Past, refeito en estilo SPC700. Aparece como Light World Overworld e End Credits. Podería dicirse que A Link to the Past fixou a base musical da serie Zelda. Mentres a primeiro xogo creara Hyrule Overture, moitos dos motivos recorrentes das partituras de Zelda proveñen de A Link to the Past, incluídos Zelda's Lullaby (Tema da Princesa Zelda), Ganondorf's Theme, Hyrule Castle (Tema de Familia Real), Kakariko Village e Select Screen / Fairy Cave. Estes temas foron usados en xogos de Zelda posteriores. Rain Scene e Title Screen tamén apareceron en ocasións noutros xogos.

No Xapón editouse unha banda de son de A Link to the Past, titulada The Legend of Zelda: Sound and Drama. O primeiro disco ten unha duración de 44 minutos e contén versións modificadas dalgúns dos temas do xogo, xunto cunha pista adicional. O segundo disco contén 54 minutos das versións tal e como aparecen no xogo e no orixinal de NES The Legend of Zelda.[6]

O tema do Mundo da Escuridade aparecerá en Super Smash Bros. Brawl.[7]

O cuarto de Chris Houlihan

editar

O cuarto de Chris Houlihan é un cuarto secreto inserido no xogo. No chan hai 45 Rupias Azuis e na súa parede superior hai unha placa telepática.[8]

O programa do xogo envía os xogadores a este cuarto cando se produce un erro ao cargar a seguinte pantalla. Ao saír do cuarto os xogadores aparecen fóra da casa do tío de Link, aínda se se entrara no cuarto desde o Mundo da Escuridade.

A comezos dos anos 90 , Chris Houlihan gañou un concurso de Nintendo Power, cuxo premio era a inserción do nome do vencedor nunha habitación secreta do xogo. Así, na versión norteamericana, o texto do cuarto di "Chámome Chris Houlihan. Este é o meu cuarto de alto segredo. Non llo digas a ninguén, ¿vale?". Nas demais versións do xogo non aparece o nome de Chris Houlihan (a mensaxe só di que o cuarto é un segredo).

Na conversión para Game Boy Advance, eliminouse a placa da mensaxe e non se pode acceder ao cuarto "normalmente". Pódese ver mais non se pode entrar por medio de erros; só é posíbel acceder usando dispositivos de trucos. O cuarto aínda se pode atopar na versión de Virtual Console.

Cronoloxía

editar

A cronoloxía da serie Zelda é obxecto dun intenso debate. Segundo o texto do reverso da caixa do xogo, A Link to the Past é anterior aos xogos de NES, The Legend of Zelda e The Adventure of Link; porén, isto viuse contradito por unha entrevista realizada en 1998 ao creador de Zelda Shigeru Miyamoto, na que este afirmou: "Ocarina of Time é a primeira historia, seguida do orixinal The Legend of Zelda, Zelda II: The Adventure of Link, e por último A Link to the Past. Non fica claro onde encaixa Link's Awakening — podería ser calquera período posterior a Ocarina of Time."[9]

O xogo de Nintendo 64 Ocarina of Time, que conta a historia da transformación de Ganondorf en Ganon, probabelmente serve como historia de fondo para os acontecementos deste xogo. Varias das doncelas que Link rescata en A Link to the Past describen o ascenso ao poder de Ganon, e as súas historias conteñen elementos argumentais que aparecen en Ocarina of Time. Unha delas refírese a un antigo ladrón chamado Ganondorf, e esta é a primeira vez que se lle chama por este nome na serie. As doncelas tamén din ser parentes de sete antigos eruditos. Hai sete eruditos en Ocarina of Time. Porén en A Link to the Past, aos eruditos adoita chamárselles "sabios". Cinco dos sete eruditos, tal e como se describen en Ocarina of Time son mulleres. A versión para GBA de A Link to the Past corrixe esta inconsistencia e refírese aos "Sabios" como "Eruditos".

 
A Triforza

Así mesmo, en Ocarina of Time, Ganondorf rouba parte da Triforza, como se recolle en A Link to the Past, e é só despois de o derrotar Link ao final de Ocarina of Time cando se torna en Ganon, o xigante e noxento monstro ao que se enfronta Link en A Link to the Past. Ao final de Ocarina of Time, Ganon xura a Link que un día ha volver para exterminar os seus descendentes, e en A Link to the Past, Link descobre que é o descendente dun cabaleiro. Estas referencias suxiren que A Link to the Past podería situarse inmediatamente despois de Ocarina of Time dentro da liña temporal de Zelda, aínda que até o de agora non se fixeron públicos datos que confirmen esta teoría.

Tamén é posíbel que a historia teña lugar após Twilight Princess, xa que a Espada Mestra segue na Gruta Secreta, aínda que o Templo do Tempo non apareza por ningures no xogo. É igualmente probábel que os feitos acontezan despois de Four Swords Adventures, porque neste xogo Link ten no seu poder a Triforza de Poder.

Recibimento

editar
Críticas e premios
Publicación Puntuación Comentario
EGM
35 sobre 40
Gold Award
Famitsu
39 sobre 40
GamePro
5 sobre 5
Nintendo Power
10 sobre 10
Game of the Year
Recompilacións de múltiplas críticas
Game Rankings
94 sobre 100 (baseada en 9 críticas)[10]

Recibimento da crítica

editar

A Link to the Past foi aclamado pola crítica no momento do seu lanzamento[10] polos seus excelentes gráficos e máis o seu modo de xogo complexo, intrigante e ben deseñado,[11] e desde aquela ten sido recoñecido como un dos mellores videoxogos de todos os tempos.

A Link to the Past ten sido considerado en moitas listas de "mellores xogos de todos os tempos". En 2006, Entertainment Weekly elixiuno como o mellor xogo de todos os tempos.[12] En 2005, os editores de IGN situárono no 11º posto da súa lista "Top 100 Games",[13] mentres que os lectores votárono como o 5º mellor.[14] Membros de GameFAQs cualificárono como o 4º mellor,[15] e os lectores da revista xaponesa Famitsu como o 31º nunha enquisa de 2006.[16] Tamén se colocou no 3º lugar da lista de Electronic Gaming Monthly',[17] 23º en GameInformer e no 3º nunha lista dos 200 mellores xogos de Nintendo elaborada por Nintendo Power.

Recibimento do público

editar

A Link to the Past é un dos videoxogos de SNES máis vendidos, con 4,61 millóns de copias en todo o mundo,[2] e cun tempo de permanencia excepcionalmente longo na lista de mellores xogos de Nintendo Power: cando se retirou a lista de SNES, A Link to the Past levaba máis de cinco anos consecutivos no número un.

Foi reeditado como título Player's Choice en Norteamérica, o que indica que alí vendeu ao menos un millón de copias.[18]

Reedicións e secuelas

editar

En 2002, Nintendo e Capcom crearon unha conversión de A Link to the Past para Game Boy Advance. A versión de Game Boy Advance lanzouse en Norteamérica o 2 de decembro de 2002 e no Xapón o 13 de marzo de 2003. Esta conversión incluía un xogo de Zelda multixogador chamado Four Swords. Ambos xogos funcionaban xuntos: podíanse desbloquear certas opcións nun xogo completando tarefas no outro. Algunhas das adicións achegadas a A Link to the Past son arquivos de voz, un alxube adicional, unha secuencia final adicional se se completaba o novo alxube, e a posibilidade de desbloquear un ataque xiratorio continuo. Outras mudanzas inclúen un puzzle máis sinxelo no quinto alxube do Mundo da Escuridade (Palacio de Xeo) e a revisión do texto.[19] A versión para GBA recibiu excelentes críticas que a consideraban unha conversión fiel,[20][21] e vendeu máis de 1,81 millóns de unidades.[2]

O 2 de decembro de 2006 no Xapón, e o 22 de xaneiro de 2007 en América, o xogo foi incluído na Virtual Console da Canle Tenda Wii. Os usuarios poden descargar o xogo por 800 Puntos Wii, ou 8 $. É unha versión idéntica á da SNES, sen as adicións feitas para a GBA.[22]

O seguinte título de Zelda, Link's Awakening saíu en 1993 para a Nintendo Game Boy. Mantiña gran parte da mecánica de xogo de A Link to the Past, incluída a perspectiva isométrica. Está ambientado algúns meses despois da loita de Link contra Ganon; após unha viaxe de adestramento no estranxeiro, Link naufraga e acorda nunha illa chamada Koholint.[23]

A Link to the Past ten outra continuación, aínda que só se editou no Xapón: BS Zelda no Densetsu Kodai no Sekiban, a miúdo traducido como "BS A lenda de Zelda: as Táboas de pedra antigas" (ou "Táboas de pedra da antigüidade"). Saíu só para o periférico Satellaview da Super Famicom. A acción decorre máis ou menos ao mesmo tempo que a da Link's Awakening mentres Link está de viaxe. Os personaxes dos xogadores chámanse Heroes da Luz. En realidade son as mascotas macho e femia de Broadcast Satellaview, que apareceran antes en BS Zelda no Densetsu. Foi editado en 1997, e transmitido de novo en 1998.

Banda deseñada

editar

En xaneiro de 1992 apareceu por primeira vez en Nintendo Power unha miniserie en formato banda deseñada asinada por Shotaro Ishinomori e baseada en A Link to the Past; tivo a súa continuidade en 12 números. Omitíronse moitas partes do xogo, e engadíronse moitas outras relacionadas coa historia.

No manga introduciuse un novo personaxe: un cabaleiro chamado Roam coa habilidade de adquirir forma de ave. Aínda que ao primeiro coñece a Link coma inimigo, axiña os dous se converten en aliados e unen forzas para vencer a Ganon. Roam aseméllase moito a Jet Link, tamén coñecido como Cyborg 002, do clásico manga Cyborg 009.

Editáronse outros dous mangas, mais só no Xapón: un manga de tres volumes, de Ataru Cagiva (que adaptara previamente Link's Awakening), desde 1995 até 1996[24] e un manga de catro volumes do dúo Akira Himekawa (que adaptou Ocarina of Time, Majora's Mask, e Four Swords Adventures) editado en 2005, seguindo o argumento da versión de Game Boy Advance.[25] Ambos seguen o argumento do xogo con máis exactitude, e o segundo introduce un novo personaxe chamado 'Ganty', un ladrón cun só corno de diaño e unha estrela baixo un ollo que se asemella un pouco a Midna de Twilight Princess.

  1. 1,0 1,1 "The Greatest Games of All Time: The Legend of Zelda: A Link to the Past". GameSpot. 2006-03-17. Consultado o 2007-03-07. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Tenchi (2004-03-28). "Zelda sales charts and sequel announced". OptiGamer. Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2005. Consultado o 2005-12-03. 
  3. "A Link To Link's Past: The History Of Zelda". Game Informer. 2006-11-20. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2007. Consultado o 2007-03-14. 
  4. Peer Schneider (2006-04-21). "Retrospective: The Legend of Zelda: A Link to the Past". IGN. Hyrule Times. Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2008. Consultado o 2007-03-14. 
  5. The Hylia (2005-10-21). "Zelda III for the NES - Fact or Fiction?". Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2007. Consultado o 2006-11-25. 
  6. "The Legend of Zelda: Sound and Drama reviews". SoundtrackCentral.com. Consultado o 2007-03-07. 
  7. "My Music". smashbros.com. Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2007. Consultado o 2007-09-30. 
  8. Gouskos, Carrie; Jeff Gerstmann (2005-08-19). "The Greatest Easter Eggs in Gaming". GameSpot. Consultado o 2007-03-09. 
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2007. Consultado o 24 de outubro de 2007. 
  10. 10,0 10,1 "The Legend of Zelda: A Link to the Past reviews". Game Rankings. Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2012. Consultado o 2007-03-07. 
  11. Lucas M. Thomas. "The Legend of Zelda: A Link to the Past VC Review". IGN. Arquivado dende o orixinal o 31 de marzo de 2012. Consultado o 2007-03-20. 
  12. EW staff (2006). "The 100 greatest video games". Entertainment Weekly. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2006. Consultado o 17 de novembro de 2006. 
  13. IGN staff. "IGN's Top 100 Games: 11-20". IGN data-acceso=17 de novembro de 2006. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2016. Consultado o 24 de outubro de 2007. 
  14. IGN staff. "Reader's Picks Top 10 games: 1-10". IGN. Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2011. Consultado o 17 de novembro de 2006. 
  15. "Fall 2005: 10-Year Anniversary Contest – The 10 Best Games Ever". GameFAQs. Consultado o 17 de novembro de 2006. 
  16. Colin Campbell (2006). "Japan Votes on All Time Top 100". Next Generation. Consultado o 11 de marzo de 2006. 
  17. EGM staff (2001). "Electronic Gaming Monthly's 100 Best Games of All Time". Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2003. Consultado o 17 de novembro de 2006. 
  18. MobyGames (2007). "The Legend of Zelda: A Link to the Past - Cover Art". Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2007. Consultado o 17 de marzo de 2007. 
  19. "A Link to the Past SNES/GBA Changes". IGN. Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2007. Consultado o 17 de novembro de 2006. 
  20. "The Legend of Zelda: A Link to the Past reviews". Game Rankings. Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2007. Consultado o 2007-03-07. 
  21. "The Legend of Zelda: A Link to the Past reviews". MetaCritic. Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2008. Consultado o 2007-03-07. 
  22. "Link to the Past arrives at the Virtual Console". GameSpot. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2007. Consultado o 2007-03-07. 
  23. Instruction manual for The Legend of Zelda: Link's Awakening (1993)
  24. "The Legend of Zelda manga". Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2007. Consultado o 2007-03-07. 
  25. "A link to the past: kamigami no triforce manga" (en French). The Hyrule Bookshop. Consultado o 2007-03-14. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Arakawa, M. The Legend of Zelda: A Link to the Past Nintendo Player's Guide. Nintendo, 1992. ASIN B-000A-MPXN-M
  • Kimishima, T. e Pelland, Scott. Legend of Zelda: A Link to the Past & Four Swords Official Guide. Prima Games, 2004. ISBN 0-7615-4118-7

Ligazóns externas

editar