O Leberkäse (pódese atopar coas terminacións -käs ou -kas), tamén chamado Fleischkäse ou Fleischlaib), é unha especialidade de embutido procedente de Baviera, moi apreciado na gastronomía alemá, que ten certa relación coa salchicha de Boloña. A textura é similar a dunha pasta de carne (parecida ao foie) e pertence á categoría dos embutidos alemáns coñecidos como Brühwurst, é dicir, elaborados mediante cocción en auga fervendo ou no forno. O príncipe Karl Theodor de Baviera levou en 1776 os mellores carniceiros de Mannheim a Múnic para que elaborasen o primeiro Leberkäse. Hoxe en día pódese comer en case toda Alemaña, Austria e parte de Suíza.

Leberkäse.
Bolo de Leberkäse (Leberkassemmel).

Elaboración e variantes editar

Os ingredientes do Leberkäse bávaro (Bayerischen Leberkäse) póñense en salga. Son: carne de tenreira, carne de porco, unto, auga, cebola, sal e ourego, picado e formando unha pasta fina. Ese picado vértese nun recipiente alongado e lévase ao forno até que se forma unha codia marrón. Fóra de Baviera, as leis de alimentación alemás esixen que o Leberkäse conteña fígado, como o seu nome indica (Leber significa fígado).

As variantes denominadas Kalbskäse ou Weißer Leberkäse elabóranse con carne de tenreira e outros ingredientes. Neste caso, a carne non foi sometida á salga, polo que a pasta non ten a cor rosa característica. O Kalbskäse ten un sabor e un aroma diferente ao Leberkäse debido a que tamén leva limón e especias como xenxibre, cardamomo ou macis.

Entre outras variantes, algunhas delas rexionais, existen:

- o Pferdeleberkäse, elaborado con carne de cabalo e especias

- o Tessiner Leberkäse, con pemento

- o Pizzaleberkäse

- o Käsleberkäse, propio do leste de Austria

Costume editar

É tradicional que nas carnicerías alemás se faga Leberkäse dúas veces ao día, pola mañá e pola tarde. Tómase directamente (aínda quente) cun bolo (Semmel) ou un Brezel ofrecido como Imbiss (taco). Tamén se pode tomar frío coma se fose unha salchicha, con pan, cogombros en vinagre e mostaza doce ou medio-picante. Pódese fritir nunha tixola, neste caso chámase "abgebräunt" e sérvese con ovos frixidos e Kartoffelsalat (ensalada de pataca). Nalgúns casos sérvese empanado e prepárase dun xeito similar ao Cordon bleu.

Ver tamén editar

  • Gastronomía de Alemaña