Jaume Ferran i Clua

(Redirección desde «Jaime Ferrán»)

Jaume Ferran i Clua, nado en Corbera d'Ebre (Tarragona) o 1 de febreiro de 1851 e finado en Barcelona o 22 de novembro de 1929, foi un ilustre médico e bacteriólogo catalán que descubriu unha vacina contra o cólera, e outras contra o tifo e a tuberculose.

Jaume Ferran i Clua
Jaume Ferran Clua 5749.JPG
Nacemento1 de febreiro de 1851
Lugar de nacementoCorbera d'Ebre
Falecemento22 de novembro de 1929
Lugar de falecementoBarcelona
SoterradoCamposanto de Montjuïc
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Barcelona
Ocupaciónbiólogo, médico e bacteriologista
editar datos en Wikidata ]
Monumento a Jaume Ferran en Madrid.

Fillo do médico da vila, realizou os estudos primarios no Colegio San Luís Gonzaga de Tortosa, o bacharelato en Tarragona e, en 1873, licenciouse en medicina na universidade de Barcelona. En 1879, obtivo a praza de médico titular de Tortosa.

Foi premiado pola Academia de Ciencias de París (Francia) en 1907.

TraxectoriaEditar

En Tortosa chegou a ser director de Sanidade marítima e director do Hospital Civil. Comezou alí a interesarse pola nacente bacterioloxía, seguindo moi de cerca as investigacións de Pasteur no seu rudimentario laboratorio.

En 1884 a Real Academia Nacional (Española) de Medicina premiou a súa Memoria sobre el parasitismo bacteriano e, en xuño do mesmo ano, o concello de Barcelona comisionouno para que vaia a Marsella para estudar a ameazadora epidemia de cólera, que xa causara 3.500 mortos nesa cidade, e as medidas de prevención que se tomaran. Convencido da súa etioloxía bacteriana, en Marsella conseguiu mostras do Bacillus virgula [1] acabado de descubrir por Koch, que colocou en cinco pequenos frascos, dispostos para levalos a Barcelona e preparar con eles cultivos atenuados, á maneira de Pasteur, cos que lograr a primeira vacina do xerme.

Na alfándega de La Jonquera chegaron os problemas.[2] As ordes que tiñan os carabineiros eran as de destruír os frasquiños co cólera para evitar que a enfermidade entrara en territorio español. Do deu seu maletín os aduaneiros recolleron catro dos frascos. Durante oito días o doutor Ferrán estivo detido na fronteira. Finalmente foi liberado e puido puido levar o derradeiro frasquiño e, cos bacilos que sacou, puido elaborar a vacina. As cobaias foron o propio doutor Ferrán e a súa familia. Por sorte, a vacina funcionou.

No ano seguinte, 1885, apareceu a epidemia de cólera en Valencia, e Ferrán foi chamado alí, onde procedeu á inoculación masiva da poboación de Alzira e doutros lugares (30.000 doses). A pesar do éxito obtido,[3] desátase a polémica, prevalecendo o criterio dos que opinaban que era perigoso o método ferraniano,[4] e o goberno de Romero Robledo prohibe a vacinación.

Comisións científicas acoden de todas as partes a examinar o controvertido achado. Por desgraza, Ferrán era máis xenial que convincente, e acaban por emitir ditames desfavorábeis o propio Ramón y Cajal e a comisión francesa presidida por Brouardel. Porén, non faltarían partidarios convencidos en España, Francia e Alemaña. Figuras do talle de Calmette e Ehrlich renderían tributo de admiración ao procedemento inmunitario de Ferrán, que abrira o camiño a outras vacinas bacterianas.

A súa memoria, publicada en Valencia en 1886, sería vertida ao francés en 1893, co título L'inoculation préventive contre le choléra morbo asiatique.

De 1886 a 1905 dirixe o Laboratori Microbiològic Municipal de Barcelona, onde desenvolveu un eficaz labor sanitario. Realizou interesantes investigacións sobre a inmunoloxía do tifo abdominal e a difteria e propuxo un método supraintensivo para a vacinación antirrábica. Preparou vacinas antitíficas, antirrábicas e antituberculosas. Expuxo a teoría do pleomorfismo [5] do bacilo de Koch en 1887,[6] e dous anos máis tarde publicou con F. Viñas e R. de Grau un completo estudo sobre a peste bubónica en Portugal.

Incomprendido e discutido en España ("máis precursor que realizador, estudoso de demasiados temas con escasos medios", en palabras de Marañón), o doutor Ferrán viu madurecer noutras mans moitas das súas intuicións. Pero foi apreciado e honrado pola ciencia europea e recoñecido pola aplicación das súas medidas profilácticas entre os combatentes da primeira guerra mundial.

Honrado xa por todos nos seus últimos anos -que dedicou a tarefas humanísticas- morreu en Barcelona en 1929.

HonrasEditar

  • En 1907 a Academia de Ciencias de París concedeulle o Premio Bréant.
  • En 1952 o concello Tortosa noméao fillo adoptivo da cidade. Realizouse unha homenaxe do que hoxe perdura perdura unha placa conmemorativa (demasiado alta para que poida lerse desde a rúa que leva o seu nome) no edificio, á beira do río Ebro, onde residiu: a casa da Deputación do Xeneral.
  • En 1952 inaugúrase na súa honra un monumento na rúa da Princesa de Madrid.
  • O ano 1972 os Amics del passeig Maragall, dedicáronlle un relevo en bronce sobre unha estela no Paseo de Maragall, entre a as rúas Acàcies e Garcilaso.
  • Hai un Instituto de Educación Secundaria IES Jaime Ferrán Clúa en San Fernando de Henares, e outro en Collado Villalba, o IES Jaime Ferrán, ambos os dous na Comunidade de Madrid.
  • Tamén hai centros de educación primaria nomeados na súa honra, o CEIP Escola Doctor Ferran i Clua, en Corbera d'Ebre, a súa vila natal, o CEIP Doctor Ferran i Clua na rúa Manigua de Barcelona e a Escola Jaume Ferran i Clua, en Valldoreix.
  • En Barcelona, nos terreos onde estaban os laboratorios onde traballou o doutor Ferrán, no barrio de El Guinardó, cando el morre e os herdeiros acaban coa súa actividade, a loita veciñal conseguiu que se edificase unha escola que leva o nome de Escola Dr. Ferran i Clua, que comezou a funcionar o curso 1982-83.
  • Na actualidade un premio de investigación concedido pola Sociedad Española de Microbiología honra o seu nome.

NotasEditar

  1. Como se denominaba daquela á bacteria Vibrio cholera ou vibrión colérico.
  2. Que posteriormente seguirían.
  3. Nese ano houbo 150.000 vítimas mortais en España, e dos vacinados por Ferrán só morreron 54.
  4. Sucedeu o mesmo que pasara coa primeira das vacinas, a da varíola, e co seu descubridor, Jenner, e a "medicina oficial". Nihil novi sub sole (Ec. 1, 10).
  5. Variacións morfolóxicas dalgunhas bacterias.
  6. Base para o seu descubrimento da vacina anti-alfa que trataba de aproveitar para a inmunidade específica, unha das fases evolutivas do bacilo de Koch, conseguido illala en 1919 (Nueva bacteriología de la tuberculosis, 1920).

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Trujillano, U. (1945): Ferrán, su obra sanitaria. Madrid.
  • Marañón, G. (1962): "La pasión sobre Ferrán", in La medicina y los médicos, páxs. 270-272.
  • Faus Sevilla, P. (1964): "El cólera de 1885 en Valencia y la vacunación Ferrán", in Medicina y Sociedad en la España del s. XIX, páxs. 285-486.

Ligazóns externasEditar