Pleomorfismo (microbioloxía)

Ver tamén pleomorfismo (citoloxía).

O pleomorfismo (do grego pleion + morphe, "múltiples formas"), en microbioloxía, é a capacidade que teñen algunhas bacterias de alteraren a súa forma ou tamaño en resposta ás condicións ambientais. O pleomorfismo foi observado, por exemplo, nalgúns membros da familia Deinococcaceae.[1] A definición moderna de pleomorfismo no contexto bacteriolóxico refírese á variación de tamaño ou forma das células dunha especie (variabilidade), máis que a un cambio de forma como se cría previamente.[1]

Bacterias editar

Nas primeiras décadas do século XX, o termo "pleomorfismo" utilizábase para indicar a idea de que as bacterias cambiaban de forma drasticamente ou existían en varias formas morfolóxicas ben diferenciadas. Este idea foi moi controvertida entre os microbiólogos daquel tempo, que se dividiron en dúas escolas: os monomorfistas, que se opoñían a esa idea, e os pleomorfistas (como Dr. Royal Raymond Rife, Antoine Béchamp, Günther Enderlein e Albert Calmette), que estaban a favor.[2]

A teoría monomórfica, apoiada por Louis Pasteur, Rudolf Virchow, Ferdinand Cohn, e Robert Koch, acabou por facerse o paradigma dominante na ciencia médica moderna: hoxe acéptase case universalmente que cada célula bacteriana deriva dunha célula preexistente de practicamente o mesmo tamaño e forma. Porén, encontrouse recentemente que certas especies concretas de bacterias poden modificar a súa forma drasticamente, como por exemplo Helicobacter pylori, que pode existir tanto como forma helicoidal (clasificado como bacilo curvado ou espirilo) coma en forma cocoide.[3]

Nas primeiras épocas da microbioloxía era moi difícil obter cultivos puros (dunha soa especie), polo que a maioría dos cultivos eran na práctica mixtos (con varias especies), e conforme ían variando co tempo as condicións do medio de cultivo, o microbio predominante variaba tamén, polo que ao principio predominaba un tipo de microbio e máis tarde outro diferente, o que parecía que era a transformación sufrida por unha soa clase de microorganismo, o que levou naqueles primeiros tempos a moitos microbiólogos a defender o pleomorfismo.[4] Coa obtención de cultivos puros o monomorfismo foi facéndose cada vez máis predominante.

Virus editar

Os virións de certos virus poden por veces expresar pleomorfismo, no sentido de que pode mostrar aparencias variables. Porén, esta característica non é de feito un verdadeiro pleomorfismo, xa que non é o mesmo virión o que cambia de forma, senón que son os seus descendentes os que poden cambiar e adoptar outra forma. Un exemplo son os bacteriófagos da familia Plasmaviridae.[5]

Outros usos do termo (neoplasias) editar

Artigo principal: Pleomorfismo (citoloxía).

O termo pleomorfismo tamén se usa en citoloxía para describir a variabilidade en tamaño e forma de células ou dos seus núcleos, o que é unha característica típica das células malignas tumorais e do propio tumor no seu conxunto.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Joshi HM, Toleti RS (2009). "Nutrition induced pleomorphism and budding mode of reproduction in Deinococcus radiodurans". BMC Research Notes 2: 123. PMC 2714317. PMID 19583846. doi:10.1186/1756-0500-2-123. 
  2. Feldberg, Georgina (1995). Disease and class: tuberculosis and the shaping of modern North American society. Rutgers University Press. ISBN 978-0-8135-2218-0. 
  3. Andersen LP, Rasmussen L (2009). "Helicobacter pylori-coccoid forms and biofilm formation". FEMS Immunology and Medical Microbiology 56 (2): 112–5. PMID 19453756. doi:10.1111/j.1574-695X.2009.00556.x. 
  4. Stanier, Doudorof, Adelberg. Microbiología. 2ª ed. Aguilar. Páxina 20. ISBN 84-03-20256-3
  5. Desk Encyclopedia of General Virology. Boston: Academic Press. 2009. p. 254. ISBN 0-12-375146-2.