Os termos isorritmia ou isorritmo (do grego ἴσος [isos] que significa "semellante" e ῥυθμός [rythmos] que quere dicir "cadencia, ritmo") fan referencia a unha técnica de composición musical que segue un patrón ou esquema fixo de alturas e repite un ritmo característico ao longo dunha peza musical, aínda que as notas cantadas sexan distintas.[1]

Historia editar

O termo foi acuñado por Friedrich Ludwig[2] en 1904 para referirse a esta técnica empregada nos motetes escritos no século XIII. Aínda que máis tarde o termo foi aplicado máis amplamente, sobre todo á repetición periódica ou a repetición rítmica na voz do tenor e noutras voces das composicións do século XIV e principios do XV, os motetes en especial.[1]

Trátase dunha organización de duracións ou ritmos chamada tálea (lat. talea, plural taleæ, empalizada, estacada), que se repite ao longo dunha melodía de tenor cuxo contido ou series de alturas (notas), chamado cor, variaban no número de membros da tálea. A isorritmia vai máis aló da isoperiodicidade: non só é igual a estrutura dos períodos, senón que tamén o son os valores das notas dos períodos. A organización racional do tenor con subdivisión en cor (notas) e tálea (duracións de son, ritmo) tamén se estendeu, dese modo, ás voces superiores.

Utilizouse na análise da estrutura dos motetes da escola polifónica do período da Ars nova dos séculos XIV e XV, cuxos tenores ou cantus firmus (non confundir neste caso a nota de declamación do gregoriano, tenor -do latín tenere, soster- coa tesitura vocal masculina homónima) distinguíanse pola continuidade dun esquema rítmico denominado tálea, constituído por células idénticas que se aumentaban ou diminuían, e que co tempo estenderíase tamén a outras voces. O máximo expoñente desta técnica pódese atopar na obra de Guillaume de Machaut.

A invención desta técnica atribuíuse ao compositor Philippe de Vitry, pero «non era nin un invento de Philippe de Vitry, nin da súa propiedade exclusiva a principios do século XIV». A construción isorrítmica era con frecuencia variada mediante o uso de diminución rítmica estrita ou libre na repetición da cor.[3]

Motete isorrítmico editar

O motete isorritmico constitúe o pináculo en materia de estruturación racional na música gótica. Ao mesmo tempo, a isorritmia crea o equilibrio cara á melodía expresiva e o incremento da coloración harmónica (terceiras, cromatismo). Philippe de Vitry e Guillaume de Machaut xa compuñan motetes isorrítmicos na década de 1320.

Estes motetes, escritos durante o século XIV (Ars nova), estrutúranse mediante os principios isorrítmicos de tálea e de cor. Un exemplo de motete isorrítmico é o "Garrit Gallus-In Nova fert/Neuma", composto por Philippe de Vitry a mediados do século XIV.

O motete isorrítmico "Sub Arturo plebs" de Johannes Alanus é un motete medieval tardío. Presenta unha cor de 24 longae (48 compases en notación moderna), divididas en tres táleas. A cor repítese tres veces, cada unha nunha medida diferente. A súa lonxitude é diminuída posteriormente polos factores 9:6:4. A imaxe mostra:

 
Plan estrutural do tenor dun motete isorrítmico "Sub Arturo plebs" de Johannes Alanus.

Isorritmia na misa editar

A isorritmia tamén se trasladou do motete aos movementos da misa e da cantilena. Un exemplo constitúeo o Agnus Dei da misa de Guillaume de Machaut.

 
Tenor isorrítmico do kyrie da Messe de Nostre Dame (c. 1360) de Guillaume de Machaut. Unha cor de 28 notas establécese cunha tálea de 4 notas que se repite sete veces.

Isorritmia noutros ámbitos editar

Esta técnica tamén se atopa na música da India así como na produción musical de compositores modernos tales como Alban Berg, Olivier Messiaen, John Cage e George Crumb.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Bent, Margaret: «Isorhythm». New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. Macmillan, 2001 [1980].
  2. Ludwig, Friedrich: «Die 50 Beispiele Coussemaker's aus der Handschrift von Montpellier». SIMG, 5:177–224, 1904, p. 223.
  3. Hoppin, Richard: La música medieval. Akal, 2000, p. 378.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar