Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento é unha institución cultural, constituída o 16 de febreiro de 1944 en Santiago de Compostela, especializada actualmente en estudos científicos sobre arqueoloxía e historia. Recibe o nome en honor ó Padre Sarmiento.

Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento
Tipoinstituto de investigación
Data de fundación1944
Traballos destacadosCuadernos de Estudios Gallegos
Organización matrizConsello Superior de Investigacións Científicas
Localización
EnderezoRúa de San Roque, 2, 15704
EnSantiago de Compostela
PaísGalicia
42°53′00″N 8°32′31″O / 42.883305555556, -8.5418611111111
Na rede
http://www.iegps.csic.es/
BNE: XX146037 Dialnet: 3271671
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

En 1923, un grupo de universitarios preocupados pola falta de estudos sobre Galiza fundaron o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Esta institución multidisciplinar e punteira realizou estudos e divulgacións sobre o patrimonio cultural galego, mais a Guerra Civil e o posterior réxime franquista acabou con todos os proxectos.

No ano 1944 [Cómpre referencia] créase un instituto chamado Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, adscrito ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e que dalgún xeito era herdeiro daquel pioneiro SEG. Este novo instituto reuniu na xuntanza fundacional a maioría dos intelectuais que sobreviviron á guerra: Francisco Javier Sánchez Cantón, Fermín Bouza Brey, Paulino Pedret Casado, Jesús Carro García, Abelardo Moralejo Laso e Felipe Ramón Cordero Carrete (primeiro secretario da institución); pouco tempo despois tamén se integran Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino Cuevillas. Outros colaboradores nas primeiras etapas tamén foron Antón Fraguas, Xesús Ferro Couselo, Couceiro Freijomil, Xesús Taboada Chivite e Aquilino Iglesia Alvariño, entre outros.

O novo Instituto mantivo nos seus primeiros anos a estrutura en dez seccións: Arqueoloxía; Etnografía; Xeografía; Prehistoria; Historia; Filoloxía; Literatura; Arte; Estudos Composteláns e Peregrinacións; e Bibliografía e Publicacións. Ademais, a institución recolleu parte dos fondos sobreviventes do SEG, feito que creou certa polémica nalgúns sectores do galeguismo ao consideraren que o IEG Padre Sarmiento era unha institución franquista e non era herdeira do antigo SEG. O primeiro director do IEG Padre Sarmiento foi Francisco Javier Sánchez Cantón.

A ditadura non lle permitiu usar a lingua galega ao novo instituto até a década de 1960, e a partir desta data empregouno de maneira ocasional.

O IEG Padre Sarmiento mantivo unha actividade salientábel até aproximadamente 1975. Nesta primeira etapa realizáronse catálogos de castros, análises da romanización de Galiza, estudos de cancioneiros medievais galego-portugueses e tamén a elaboración dunha extensa bibliografía de Galiza. Nos anos oitenta houbo unha etapa de crise no IEG, con menor actividade mais a partir de 1994 hai un novo rexurdir, producíndose tamén unha mudanza como director, asumindo este cargo Eduardo Pardo de Guevara y Valdés. O instituto volveu a centrarse especialmente na investigación, especializándose nos últimos anos principalmente en arqueoloxía e historia.

No ano 2000 reconverteuse nun centro mixto de titularidade compartida entre a Xunta de Galicia e o CSIC, e desde esa data a súa sede está no Antigo Hospital de San Roque (rúa San Roque, 2).

Publicacións

editar

Desde 1944 publica a revista Cuadernos de Estudios Gallegos, de periodicidade irregular. Tamén os denominados Anexos -ou serie Maior- (desde 1946) e Monografías -ou serie Minor- (desde 1996), así como a Colección Galicia Histórica (desde 1977). Igualmente, desde 1946 tamén publica diferentes textos que, pola súa temática ou extensión, non teñen cabida nas coleccións anteriores (ata 2022 publicáronse 30 títulos).

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar

Outros artigos

editar