Cerro testemuña

Monolitos en áreas chás
(Redirección desde «Inselberg»)

Un cerro testemuña[Cómpre referencia] ou inselberg é un cumio ou pequena montaña illada, polo xeral rochosa, núa e como desgastada, que emerxe dun xeito abrupto dunha planicie, máis baixa e erosionada. Son formas características de rexións áridas ou semiáridas, como os desertos de África e Arabia.[1][2]

Pietra di Bismantova, nos Apeninos, Italia.

O termo alemán inselberg, "monte illa", foi introducido polo xeólogo Wilhelm Bornhardt en 1900 para caracterizar as montañas precámbricas, xeralmente monolíticas, de gneis e granito, que emerxen abruptamente do terreo plano que as rodea.[1]

Trátase dun relevo residual esculpido pola erosión. É unha testemuña da evolución e retroceso dun relevo dunha plataforma continental, onde hai capas de rochas duras e brandas dispostas horizontalmente, nas que a erosión esculpiu paisaxes tamén horizontais.

Ao aumentar a erosión producida polos ríos nas capas brandas van formándose outeiros, e se a altiplanicie é atacada pola erosión por todos os lados aparecen os cerros testemuña cos cumes planos. Son pois, as "testemuñas" da plataforma que existiu nese lugar hai millóns de anos.

Algúns exemplos deste tipo de formacións xeolóxicas son: a Montaña Pilot, en Carolina do Norte (Estados Unidos de América); a meseta de Dori, en Burkina Faso e o cerro La Teta, na península de La Guajira (no mar Caribe, entre Colombia e Venezuela), e os "cerros" da Güiana Venezolana.

Son bastante comúns nas concas sedimentarias da Meseta Central da Península Ibérica, na depresión do Ebro e nos relevos tabulares. Na Comunidade de Madrid (España) hai algúns exemplos: Cerro Buenavista, Cerro de los Ángeles, Cerro del Viso e Cerros de la Marañosa. Son abundantes tamén na provincia de Palencia, tanto é así que unha das súas comarcas meridionais recibe o nome de "El Cerrato".

No Brasil, son comúns inselbergs graníticos ou granitoides, tendo entón unha forma esferoidal e de alta inclinación (cerca dos 40º). É o caso do Pão de Açúcar, no Río de Xaneiro. Ademais deste, este relevo pode encontrarse na rexión do Sertão nordestino, denominado "polígono das secas". Este tipo de formación tamén é moi común na provincia de Nampula en Mozambique.

No sur e centro-sur de África, unha formación similar de granito coñécese como koppie, palabra afrikaans que significa "pequeno cabezo", derivada do termo neerlandés kopje.

Actualmente, independentemente da orixe xeolóxica, e para fins ecolóxicos e florísticos, o termo designa formacións rochosas que sustentan unha vexetación específica, claramente diferenciada da das zonas planas circundantes.

A vexetación destes ecosistemas destaca das demais polas súas características florísticas, estruturais, fisionómicas e, principalmente, polo elevado endemismo. Os inselbergs son ecosistemas moi distintos e constitúen refuxios importantes para a investigación da biodiversidade, xa que presentan unha vexetación exclusiva e característica, asociada a condicións moi peculiares.

Estes ambientes encóntranse baixo condicións de estrés hídrico, altos niveis de radiación solar e presentan pouca dispoñibilidade de substrato. Estas condicións abióticas severas son factores determinantes na adaptación das especies que alí viven, actuando directamente na formación de ecotipos, razas locais e especies biolóxicas.

  1. 1,0 1,1 Duff, P. McL. D; Holmes, Arthur (1993). Holmes' principles of physical geology. London; New York: Chapman & Hall. Consultado o 2017-10-18. 
  2. Henrik Hargitai. Springer, eds. Encyclopedia of Planetary Landforms. Consultado o 2017-02-21. 

Véxase tamén

editar