Inés e Bianca
Ynes è Bianca. Drama lirico un quattro atti col un prologo,[1] ou simplemente Inés e Bianca, é unha ópera en catro actos con música de Marcial del Adalid e libreto en italiano de Achille de Lauzières. Composta en 1878,[2] Inés e Bianca marca o inicio da terceira e última etapa compositiva do compositor coruñés.[3] É considerada a primeira grande ópera galega.
Inés e Bianca | |
---|---|
![]() Retrato de Marcial del Adalid en La Ilustración Gallega y Asturiana | |
Forma | Ópera |
Actos e escenas | 4 actos |
Idioma orixinal do libreto | Italiano |
Libretista | Achille de Lauzières |
Estrea | 21 de abril de 2007 |
Lugar da estrea | A Coruña |
Música | |
Compositor | Marcial del Adalid |
En 1981 a partitura foi redescuberta pola compositora, pianista, musicóloga e editora Margarita Viso Soto, no arquivo da Real Academia Galega. Vinte anos despois Viso Soto, xunto co compositor Juan Durán iniciaron o proceso de reconstrución da obra, que culminou en 2007 coa estrea dalgúns fragmentos en versión reducida de solistas e piano no paraninfo da Universidade da Coruña.
Historia
editarAntecedentes
editarInés e Bianca foi composta en 1878, nunha época moi produtiva para Marcial del Adalid, aproximadamente catro anos despois do nacemento da súa única filla, María, a quen dedicou moitas das súas últimas obras.[4] Un ano antes da súa composición, en 1877, comezaron a publicarse os seus Cantares viejos y nuevos de Galicia,[5] unha serie de cancións que sería capital no desenvolvemento do xénero da melodía galega ao influenciar os novos compositores galegos que as tomaron como modelo.[6]
Composición
editarInés e Bianca está encadrada no último período da súa carreira, composta tan só tres anos antes do seu falecemento, e é unha das obras principais. Este último período, caracterizado polo emprego de elementos do folclore galego, é definido por Laura Touriñán Morandeira como "social-identitaria" ou "territorial-identitaria" en oposición ao termo "nacionalista", ao non existir ningún tipo de vinculación política de Marcial del Adalid nin un interese por construír unha identidade galega a través da música.[7]
As orixes da ópera remóntanse á composición por parte do compositor coruñés dunha zarzuela chamada Pedro Madruga con libreto de Fernando Fulgoso, escritor e membro do corpo de Arquivos e Bibliotecas e estudoso da historia, que quedou inacabada logo da morte de Fulgoso en 1873. Desta zarzuela só se conservan algúns fragmentos, e deles Adalid reutilizou canto menos parte da súa música para a ópera posterior. Ao non dispoñer de libretista, Adalid decidiu encargar un novo libreto a Achilles de Lauzières para escribir unha ópera.[8] Lauzières, quen coñecía ben o xénero,[a] debeu considerar que o traballo co compositor galego podería resultar en éxitos e popularidade.[10] En palabras de Felip Pedrell:[8]
“ | Como daquela no Teatro Real de Madrid non se cantaba en castelán, Adalid foise a París e encargou o libreto a Mr. Achilles de Lauzières o cal reformou a primitiva idea ao seu xeito e púxolle por título Inés e Bianca. | ” |
Estrea
editarEn 1878 trasladouse coa súa dona e o resto da familia a París,[1] onde estaba previsto que se estreara a ópera no Théâtre des Italiens ese mesmo ano, con todo, a estrea non se chegou celebrar, xa que a compañía dirixida por Leon Escudier atravesaba unha dura crise que acabou por desencadear na súa disolución.[11][12][13] Logo da non representación da obra permaneceu un tempo na capital francesa ata que en 1880 regresou a Galicia e recluíuse no Pazo de Lóngora, na parroquia de Liáns (Oleiros), onde morreu ao pouco tempo. Pénsase que puido facer algún arranxo da ópera, que este se retirase do manuscrito orixinal e non se reincorporase.[14][1]
Esquecemento e recuperación da obra
editarA partitura da ópera conservouse no arquivo da Real Academia Galega (RAG) ata o ano 1981,[15][b] cando a compositora, pianista, musicóloga e editora Margarita Viso Soto, destacada estudosa da figura de Marcial del Adalid,[16] descubriu a obra,[17] da cal tan só se conservaban algúns fragmentos esquecidos,[3][18] e que non conservaba tres fragmentos e o final, o que levou a pensar que a ópera quedara inacabada.[14]
En 2001, logo dun longo traballo de investigación e análise da ópera realizado por Margarita Viso Soto, a musicóloga e Juan Durán iniciaron o proceso de reconstrución da obra.[17] Ao compositor vigués correspondeulle a reconstrución dos catro fragmentos perdidos da partitura, entre eles o final da obra.[19] A edición da partitura estivo financiada polo Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM).[14]
A reconstrución de Inés e Bianca foi presentada o 10 de xaneiro de 2007 no Paranínfo da Universidade da Coruña coa participación da soprano Laura Alonso, o tenor Pablo Carballido e a pianista Irina Moriatova.[20] A súa estrea oficial tivo lugar o 21 de abril dese mesmo ano no mesmo escenario.[21] Posteriormente, o 22 de setembro dese mesmo ano, durante o LV Festival de Ópera da Coruña a soprano Teresa Novoa interpretou arias da ópera en versión orquestral xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida polo brasileiro Luiz Fernando Malheiro na "Gala conmemorativa do 55 aniversario do Festival de Ópera" e que rendiu homenaxe á soprano rabadaviense Ángeles Gulín.[22][23][24]
Personaxes
editarPersonaxe | Tesitura |
---|---|
Bianca (Blanca de Camiña) | Soprano dramática |
Inés | Soprano lírica lixeira |
Pedro (Pedro Madruga) | Tenor lírico-spinto |
Alfonso (Afonso de Lanzós) | Barítono |
Vendedoras, campesiñas, mozas, monxes e soldados |
Características
editarDe acordo con Juan Durán, nesta partitura o compositor coruñés creou unha partitura dentro do modelo romántico da grande ópera cunha obra merecedora de situarse no repertorio á par das grandes óperas do seu tempo.[10] Polas súas características e a súa cronoloxía ten sido considerada a primeira grande ópera galega.[25][26] Amais do feito de ser a primeira ópera galega, hai dous aspectos que fan desta ópera unha composición especial, xa que conta a historia de personaxes galegas, o emprego de material autóctono do folclore galego,[14] así como a utilización da lingua galega en momentos puntuais da ópera, cuxa lingua era o italiano, algo que xa fixera na zarzuela Pedro Madruga,[1] que acabaría reconvertindo na ópera Inés e Bianca.[27]
Estruturalmente Inés e Bianca está dividida en catro actos simétricos que transcorren en interiores e en exteriores, situando á acción e á música "entre o lírico e o épico, cun grande equilibrio e orixinalidade".[10]
No que respecta ás voces, o compositor vigués cualifica os papeis solistas como "verdadeiramente ambiciosos no vocal, de soprano e tenor", mentres que os coros salientan pola súa gran presenza escénica. Acompañados dunha masa orquestral na que as fanfarras adoptan un papel protagonista co emprego de ata seis trompetas.[10]
Argumento
editarA ópera ten unha temática similar ás das óperas do seu tempo e que estaban a ter éxito en Europa, contando o periplo de dúas irmás logo de nacer foron separadas: unha delas medrou nunha familia aristócrata, mentres que a outra nunha campesiña.[14]
Acto I
editarPedro, en contra do que lle aconsellan os seus amigos, ama e é correspondido por Inés, unha campesiña e non unha nobre como debería pola súa condición. Ao mesmo tempo, o noble ten un inimigo ao que combater, Alfonso de Lanzós. O pai de Inés, Diego, revélalle a Pedro a verdadeira orixe de Inés, cuxos pais a terían deixado ao seu cargo ao teren que fuxir. Inés, a quen Pedro xurou amor na vida e na morte, quere seguir a Pedro na loita contra Alfonso, morre afogada ao caer a un río.[28]
Acto II
editarAparece Bianca, unha muller nobre que ama a Pedro sen ser correspondida. O home nobre faille saber a Bianca o xuramento de amor que lle fixo a Inés. Mentres tanto Alfonso, que fora apresado polo seu inimigo, consegue escapar, facendo que Pedro saia de novo na súa procura.[28]
Acto III
editarA acción ten lugar no campamento de Alfonso, no que hai vendedoras e campesiñas dunha vila veciña, entre as que se encontra Bianca disfrazada de Inés. Co seu disfrace Bianca puidera comprobar o profundo que era o amor que sentía Pedro por Inés, mais non conseguiu enganar a Diego. Bianca, consciente da atracción que sente por ela Alfonso, aproveita a circunstancia para entregarllo novamente a Pedro.[28]
Acto IV
editarNun cemiterio rodeado de monxes, Diego entoa unha oración á súa filla falecida mentres aparece unha comitiva nupcial cos recentemente casados Bianca e Pedro, que camiña pensativo. Nun momento no que o nobre queda só, sae dun lago o espírito branco de Inés, que camiñando sobre as augas pregúntalle o motivo polo que faltou ao seu xuramento.[28]
Notas
editar- ↑ O libretista e xornalista italiano de orixe francés Achille de Lauzières foi o encargado de realizar a versión italiana da ópera de Giuseppe Verdi Don Carlos.[9]
- ↑ As fillas de Marcial del Adalid doaron todos os seus materiais á RAG.[14]
- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Vida". Real Academia Galega. Consultado o 5 de xaneiro de 2025.
- ↑ Espín Templado, María Pilar; de Vega Martínez, Pilar; Lagos Gismero, Manuel (2017). TEATRO LÍRICO ESPAÑOL. ÓPERA, DRAMA LÍRICO Y ZARZUELA GRANDE ENTRE 1868 Y 1925 (en castelán). UNED. ISBN 978-84-362-7235-2. Consultado o 26 de abril de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 Touriñán Morandeira 2012, p. 41.
- ↑ Touriñán Morandeira 2012, p. 38-39.
- ↑ Touriñán Morandeira 2012, p. 39.
- ↑ Carreira, Xoán M. (1998). "Melodía galega na Belle Époque. Un proxecto en marcha: do sentimentalismo ó realismo". Grial (138): 423–426.
- ↑ Touriñán Morandeira 2012, p. 40.
- ↑ 8,0 8,1 Viso Soto 2009, p. 124.
- ↑ Rescigno, Eduardo (2012). "Lauzières, Achille de". Vivaverdi: dalla A alla Z Giuseppe Verdi e la sua opera (en italiano). Milán: Bur Rizzoli. OCLC 815378493.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 Durán Alonso 2009, p. 141.
- ↑ Théâtre Italien (Salle Ventadour). Programme de la saison 1876-1877. Direction, Léon Escudier. typ. Morris p. et f. 1876.
- ↑ "El piano romántico: Marcial del Adalid" (PDF) (en castelán). Fundación Juan March. 14 de decembro de 2005. p. 5.
- ↑ "Théâtre Italien. Paris (1801-1878)" (en francés). Biblioteca Nacional de Francia. Consultado o 4 de abril de 2021.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 "O IGAEM financia a recuperación da primeira ópera galega escrita por Marcial del Adalid". culturagalega.gal. 7 de xuño de 2005. Consultado o 30 de decembro de 2024.
- ↑ Durán Alonso 2009, p. 139-140.
- ↑ "Viso Soto, Margarita Mónica". Asociación Galega de Compositores. Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2020. Consultado o 1 de agosto de 2020.
- ↑ 17,0 17,1 Durán Alonso 2009, p. 140.
- ↑ Durán Alonso 2009, p. 139.
- ↑ Durán Alonso 2009, p. 142.
- ↑ Queipo Gutiérrez, Carolina (15 de xaneiro de 2007). "Presentación de la restauración de ‘Inés e Bianca’ de Adalid". mundoclasico.com (en castelán). Consultado o 4 de abril de 2021.
- ↑ "Universidad". La Voz de Galicia (en castelán). p. 8. Arquivado dende o orixinal o 31-05-2020. Consultado o 26 de abril de 2020.
- ↑ "Inés e Bianca (reconstrucción de la ópera de M. del Adalid)" (en castelán). juanduran.gal. Consultado o 1 de xaneiro de 2025.
- ↑ "LV Festival de Ópera de A Coruña. 2007" (en castelán). Asociación de Amigos da Ópera da Coruña. Consultado o 1 de xaneiro de 2025.
- ↑ "Maestro Luiz Fernando Malheiro recebe o título de Cidadão Amazonense" (en portugués). Goberno do Estado do Amazonas. 11 de outubro de 2023. Consultado o 1 de xaneiro de 2025.
- ↑ Andrade Malde, Julio (13 de novembro de 2019). "La ópera de un compositor gallego". La Opinión (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2020.
- ↑ Pérez Fernández 2009, p. 107.
- ↑ Touriñán Morandeira 2021, p. 75.
- ↑ 28,0 28,1 28,2 28,3 Soto Viso 1979, p. 28.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Touriñán Morandeira, Laura (2012). El origen de la creación artístico-musical, socio-identitaria en Marcial del Adalid: la influencia intelectual femenina en su obra cantares viejos y nuevos de Galicia. I Seminario de Música y Género del Centro de Estudios de la Mujer de la Universidad de Salamanca (en castelán) (Universidade de Salamanca). p. 41. Consultado o 26 de abril de 2020.
- Pérez Fernández, Julián Jesús (coord.). (2009). A ópera Inés e Bianca de Marcial del Adalid. I Xornadas de divulgación do patrimonio musical galego na Universidade da Coruña (Universidade da Coruña). ISBN 978-84-9749-367-3.
- de Lauziéres, Achille (2009). Inés e Bianca. Libreto (PDF) (en italiano). pp. 41–103.
- Pérez Fernández, Julián Jesús (2009). A ópera Inés e Bianca de Marcial del Adalid: Historia, ficción e música (PDF). pp. 107–123.
- Viso Soto, Margarita (2009). Antecedentes de Inés e Bianca: Pedro Madruga (PDF). pp. 124–138.
- Durán Alonso, Juan (2009). A reconstrución de Inés e Bianca: Unha pequena odisea musical (PDF). pp. 139–142.
- Alonso Alberti, Paloma (2009). Música e palabra (PDF). pp. 143–148.
- Vlashi, Florian (2009). Cara ao océano (PDF). pp. 149–150.
- Soto Viso, Margarita (1979). "«Inés e Bianca», ópera inédita e inaudita de Marcial del Adalid (1826-1881)". Ritmo (en castelán) (493): 26–31.
- Touriñán Morandeira, Laura (2021). "Marcial del Adalid (1826-1881): un capítulo único de nuestra Historia de la Música Española y Gallega". Camiños de Coñecemento e Experiencia 2020 (en castelán): 64–82. ISBN 978-84-09-28726-0.
Ligazóns externas
editar- Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, ed. (2010). INES E BIANCA.TERESA NOVOA(soprano). A Coruña. en YouTube