Isaac Leib Peretz (hebreo: יצחק־לייבוש פרץ יצחק־לייבוש פרץ) máis coñecido como I. L. Peretz, nado en Zamość 18 de maio de 1852 e finado en Varsovia o 3 de abril de 1915, foi un escritor polaco en lingua yiddish, un dos grandes clásicos da literatura yiddish.

Infotaula de personaI. L. Peretz

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento18 de maio de 1852 (Xuliano) Editar o valor em Wikidata
Zamość (Reino do Congreso) Editar o valor em Wikidata
Morte3 de abril de 1915 Editar o valor em Wikidata (62 anos)
Varsovia Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturacemitério judeu de Varsóvia (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeImperio Ruso
Polonia Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Varsovia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta avogado , dramaturgo , escritor de non ficción , avogado Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoConto, poesía, ensaio e obra de teatro Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua hebrea e Lingua yiddish Editar o valor em Wikidata

IBDB: 74622
Musicbrainz: 0b4f6342-bf23-4cc3-aab6-64415d459ee1 Discogs: 4713877 IMSLP: Category:Peretz,_Isaac_Leib Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

 
De esquerda a dereita, Sholem Aleichem, Peretz, e Yacov Dinezon
 
Dinezon e Peretz

Naceu no seo dunha familia acomodada de xudeus ortodoxos na cidade de Zamość, entón pertencente á gobernación de Lublin do Congreso de Polonia. Con quince anos sumouse á Haskalah, o movemento de ilustración xudía e comezou un plan deliberado de aprendizaxe secular, coa lectura de libros en polaco, ruso, alemán e francés. Decidiu ir á escola rabínica de Zhitómir, teoloxicamente liberal, pero en consideración á súa nai permaneceu en Zamość dedicado a diversos negocios, con escaso éxito. Casou con vinte anos, nun matrimonio arranxado, coa filla de Gabriel Judah Lichtenfeld, matemático e poeta. Cursou hebreo na Universidade de Varsovia entre 1876 e 1877. En 1879 divorciouse e casou con Helena Ringelheim. Superou os exames para exercer como avogado privado ata a súa revogación polas autoridades rusas  por sospeitar sentimentos nacionalistas polacos e socialistas [1]. Aveciñouse en 1888[2] en Varsovia e traballou a partir de 1890 como secretario da comunidade xudía, empregado da oficina de estatística e máis tarde como supervisor do cemiterio xudeu. Interesado pola música popular estableceu unha sección da Sociedade Coral Hazomir en Varsovia[3] e o anuario literario Jiddischen Bibliothek (1891, 1894 e 1896) . A policía arrestouno en 1899 e pasou algúns meses na cadea. Politicamente enfrontouse ao movemento sionista Hovevei Zion, aos partidarios de revitalizar o hebreo como a lingua do pobo xudeu e á ortodoxia relixiosa. Consideraba que o futuro dos xudeus estaba na diáspora e na lingua yiddish así como no socialismo, non obstante foi crítico coa política que realizaba a Unión Xeral de Traballadores Xudeus de Lituania, Polonia e Rusia (o Bund). Participou na Conferencia da Lingua Yiddish de 1908 e logo do discurso que pronunciou converteuse no referente dos partidarios do yiddish como a lingua nacional dos xudeus, non obstante votar en contra da resolución que establecía o yiddish como única lingua nacional dos xudeus. Dende 1910 foi director da Sociedade Literaria Xudía de Varsovia. Durante a primeira guerra mundial organizou axuda para as vítimas da guerra.

Actividade literaria editar

Comezou a escribir en hebreo poesía, cancións e contos, algúns deles conxuntamente co seu sogro e que publicou en 1877 no libro Sipurim be-shir ve-shirim shonim. Os progroms de 1881 alteraron a súa visión do yiddish, pasando dun simple vehículo para chegar ás masas xudías a un elemento identificador e simbólico[4]. En 1888 apareceu o seu primeiro traballo en yiddish, a balada longa Monish, que se publicou no anuario Folksbibliotek  editado por Sholem Aleicheme que conta a historia dun asceta novo, Monish, que intenta resistirse, sen éxito, á sedutora Lilit. Ao longo da súa vida escribiu en yiddish e hebreo, moitas veces escribindo versións da mesma obra nas dúas linguas.

Os seus relatos, contos populares e pezas teatrais son críticos coa sociedade do seu tempo e revelan a súa inclinación polo movemento obreiro. Non obstante, a contracorrente dos intelectuais xudeus que deron o seu apoio total á  revolución rusa de 1905, a súa posición foi máis crítica, poñendo o foco nos progroms que se realizaron durante a Revolución, e preocupado polas súas ideas universalistas que deixaban pouco espazo para o inconformismo xudeu. 

Inseriu a literatura yiddish no seo da literatura contemporánea da época, modernizándoa[5], ampliando o máximo posible o vocabulario, as voces, os rexistros estilíticos e as sensibilidades morais para transformar os usuarios da nova literatura yiddish en lectores cultos dunha cultura xudía moderna[6], deu forma a unha literatura en yiddish, e en menor medida en hebreo, como elemento de cohesión nacional para evitar a asimilación[7] e influíu nos escritores novos de Varsovia para escribir en yiddish, como foi o caso de Schalom Asch[8], Der Nister ou Lamed Shapiro. Entre as súas obras máis salientables están Oyb Nisht Nokh Hekher, o relato curto "Bontshe Shvayg" e Der Kuntsenmakher, que se inspirou no folclore do xudaísmo hasídico. A historia céntrase en torno a Elías, que anonimamente visita unha parella pobre e axuda a que se enriquezan. A partir de 1905[9] comezou a escribir pezas teatrais en yiddish, converténdose nun dos referentes da dramaturxia yiddish con Di goldene kejt e Bay nakht afn altn mark. No momento da súa morte Peretz era sen dúbida considerado o cume da elite cultural yiddish e da nova literatura yiddish[10].

Obra editar

  • Sipurim be-shir ve-shirim shonim, 1877
  • Manginat ha-zeman, 1887
  • Monish 1888
  • Bekante bilder, 1890
  • Bilder fun a provincrayze 1891
  • Ha-‘Ugav, 1894
  • Bontshe Shvayg, 1894
  • Ba nacht afn altn mark 1907
  • Churbn bejs cadek 1907
  • Di goldene kejt 1909
  • Majne zichrojnes 1913-1914

Notas editar

  1. Ruth R. Wisse "Peretz, Yitskhok Leybush" The Yivo Encyclopedia of Jews in Eastern Europe
  2. Jan Jagielski (1996) Przewodnik po cmentarzu żydowskim w Warszawie przy ul. Okopowej 49/51. Z. 1, Kwatery przy Alei Głównej. Varsovia: Towarzystwo Opieki nad Zabytkami. Społeczny Komitet Opieki nad Cmentarzami i Zabytkami Kultury Żydowskiej w Polsce, 1996, pp. 63-64
  3. Marion Jacobson "Music" p. 6 in The Yivo Encyclopedia of Jews in Eastern Europe
  4. Payson R. Stevens, Charles M. Levine, Sol Steinmetz (2002) Meshuggenary: celebrating the world of Yiddish. Simon & Schuster, p. 111
  5. "I. L. Peretz" Encyclopædia Britannica
  6. David G. Roskies "The Small Talk of I. L. Peretz". In geveb, 22 de marzo de 2016
  7. Ruth R. Wisse (2016) I. L. Peretz and the Making of Modern Jewish Culture University of Washington Press, p. xiii
  8. Anita Norich (2007) Discovering Exile: Yiddish and Jewish American Culture During the Holocaust Stanford University Press, p. 74
  9. O teatro en yiddish estaba prohibido polas autoridades tsaristas pero tras a revolución de 1905 relaxaron a prohibición
  10. Dan Miron "I. L. Peretz as the Poet of the Jewish Age of Sensibility: On the Century of His Death 1915-2015" in Alina Molisak e Shoshana Ronen (2017) The Trilingual Literature of Polish Jews from Different Perspectives: In Memory of I.L. Peretz Cambridge Scholars Publishing, p. 1