Elías
Elías foi un profeta xudeu que viviu no século IX a.C.. O seu nome é unha forma helenizada que provén do hebreo Ēliyahū (אליהו) e que significa "o meu Deus é Yahveh".[1] Elías era oriúndo de Tishbé, na rexión de Galaad, ao oriente do río Xordán.[2] A Biblia refírese a el en I Reis 17-21 e II Reis 1-2.
Elías | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 904 a. C. |
Lugar de nacemento | Tisbe |
Falecemento | 850 a. C. |
Lugar de falecemento | Xericó |
Nacionalidade | Reino de Israel |
Etnia | Israelitas |
Relixión | Yahwisme |
Ocupación | taumaturgo e predicador |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Contexto históricoEditar
O ministerio profético de Elías comezou na época do reinado de Acab (fillo de Omrí), quen gobernou o reino de Israel entre 874 a.C. e 853 a.C.[3]
Os autores dos Libros dos Reis citan como fonte dos seus relatos outro libro perdido, coñecido como "o libro das crónicas dos Reis de Israel".[4] Posiblemente de devandita fonte ou outra referida ao profeta xorde a narración sobre o enfrontamento entre Elías e o rei Acab, "quen fixo o mal aos ollos de Deus, máis que todos os que o precederan" e "tomou por muller unha cananea, Xezabel, filla de Itobaal, rei de Sidón e foi tras Baal e Asera, serviuno e prosternouse ante el".
Non só o corazón de Acab se desviou dos preceptos de Deus, senón tamén todo o pobo, o que provocou a execución da maioría dos profetas de Israel e como consecuencia da iniquidade, Deus fixo que sobreviñera unha gran seca en Samaria e polo tanto, unha gran fame na rexión.
A primeira misiónEditar
Elías aparece de súpeto no relato anunciando a Acab a seca. Despois, escóndese nun regato próximo ao Xordán e é alimentado por corvos; logo, por mandato de Yahveh, vai a Sarepta, un poboado próximo, á casa dunha viúva, onde o profeta multiplica a comida e resucita o seu fillo. Trátase do primeiro caso no que se recolle a resurrección dun morto. Elías enfróntase a Xezabel, que ordenara que matasen os profetas de Yahveh.
Elías desafiou os catrocentos cincuenta profetas de Baal a que aceptasen o sacrificio dun boi nun altar preparado para ser incinerado; Elías fixo que preparasen un altar igual e ademais que mollasen a madeira tres veces ata que se enchese un foxo arredor da ara. Yahveh aceptou o sacrificio de Elías, para confusión dos profetas de Baal, e no monte Carmelo derrotounos e degolounos coa axuda do pobo, tralo que remata a seca.
Características de ElíasEditar
"Elías era un home coma calquera de nós":[5] trala súa vitoria fuxiu por temor á vinganza de Xezabel e adentrouse no deserto, desexándose a morte. Non obstante, logo de que o Anxo de Deus lle dese de comer e beber sentiuse reconfortado e andou ata o monte Horeb, onde se agochou nunha cova.
En medio dunha depresión, o profeta Elías rezou a Yahveh e demostrou un exceso de celo na súa misión. Deus manifestóuselle e apoiouno como "unha voz apacible e suave" tras ventos, tremores e un lume e deulle novas misións, acabando por sinalar a Eliseo como o seu sucesor.
A segunda misiónEditar
A maldade de Acab e Xezabel enfrontada por Elías non se limitaba ao culto de Baal, senón que se proxectaba no despoxo dos seus súbditos. O episodio da viña de Nabot[6] é representativo da repetida historia do despoxo das terras dos campesiños polos gobernantes e grandes propietarios. Outros profetas referíanse a estas situacións.[7] Elías expresou a senten<a divina contra Xezabel e contra a descendencia de Acab. Derrotado e morto este en combate coas tropas do rei de Aram, a pesar dos bos augurios dos falsos profetas, secedeuno o seu fillo Ocozías, "que andou polo camiño do seu pai e da súa nai" e "fixo pecar a Israel" e morreu deseguido.
Segundo a Biblia [8] trala muerte de Ocozías (852 a. C.) Deus traspasou o oficio de profeta a Eliseo, "un carro de lume con cabalos de lume apartounos os dous; e Elías subiu ao ceo nun remuíño". (2 Reis 2:11) á vista de Eliseo. Eliseo tomou o manto de Elías e deste xeito foi recoñecido por Yahveh como o seu profeta.
Elías nas tradicións xudía e cristiáEditar
Na tradición xudía Elías é agardado nos fogares israelís durante durante todas as festividades da Pascua e resérvaselle un asento na mesa. O Libro de Malaquías prevé que Elías regresará o Día do Xuízo, predición que lle dá o status de símbolo do Mesías, conferíndolle especial importancia na crenza xudía.[9]
Moitos creron que Xoán o Bautista foi Elías que veu preparar o seu camiño.[10] De feito, para reforzar esta misión, o propio Xoán vestía como Elías.[11] Os evanxeos sinópticos, na pasaxe da transfiguración, amosan a Elías e a Moisés falando con Xesús.[12] O apócrifo Apocalipse de Elías móstrao ao lado de Henoc combatendo contra o "fillo da iniquidade" que os mata, despois do cal eles resucitan, de xeito semellante ao que ocorre coas dúas testemuñas da Apocalipse no seu enfrontamento coa Besta.
O título ou nome Elías nas escrituras emprégase de diversas maneiras, por exemplo:
- Elías o Profeta.
- Precursor: neste caso Elías é un título que se dá a aquel que é un precursor, como por exemplo Xoán o Bautista, quen foi enviado a preparar o camiño para Xesús.
- Restaurador: aplícase a persoas por motivos das misións particulares que haberían de cumprir, como por exemplo Xoán o Revelador.
Galería de imaxesEditar
Ascensión de Elías, con Eliseo como observador. Speculum Humanae Salvationis, século XIV. Bibliothèque Nationale de France, Arsenal 593, folio 27v.
Elías no carro de lume. Relevo na estación da Cidade do Vaticano
NotasEditar
- ↑ Trátase dun nome propio hebreo composto e que incorpora parte do tetragramaton, onde se atopa o nome divino, Yahveh (New Bible Dictionary, 2.ª edición, Wheaton: Tyndale Press, 1982; John C. Wells, Longman Pronunciation Dictionary, Harlow: Longman, 1990, páx. 239: "Elijah").
- ↑ De aí que se lle chame "o tisbkita" na versión da Biblia elaborada por Cipriano de Valera.
- ↑ Philip Wilkinson, Religiões [2008], Rio de Janeiro: Zahar, 2011, páx. 298.
- ↑ 1Reis "22:39". BibleGateway (en castelán).
- ↑ Santiago "5". A Biblia Galega.
- ↑ 1Reis "21". BibleGateway (en castelán).
- ↑ Pode verse en Isaías "1-5". A Biblia Galega. e Miqueas "1-7". A Biblia Galega..
- ↑ 2Reis "2:1-13". BibleGateway (en castelán).
- ↑ Wilkinson, Religiões, p. 298.
- ↑ Mateo "11:7-15". BibleGateway (en castelán)., Malaquias "3:23". BibleGateway (en castelán).)
- ↑ 2Reis "1:8". BibleGateway (en castelán)., 2Reis "2:1-13". BibleGateway (en castelán).
- ↑ Marcos "9:4". BibleGateway (en castelán).
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Elías |
BibliografíaEditar
- Ackerman, Jane. Elijah: Prophet of Carmel, ICS Publications, 2003. ISBN 0-935216-30-8
- Bialik, H. N. e Y. H Ravnitzky. eds. The Book of Legends: Sefer Ha-Aggadah. Nova York: Schocken Books, 1992. ISBN 0-8052-4113-2
- Ginzberg, Lewis. Legends of the Bible. Philadelphia: Jewish Publication Society of America, 1956.
- HadžiMuhamedović, S. Waiting for Elijah: Time and Encounter in a Bosnian Landscape. Nova York e Oxford: Berghahn Books. ISBN 978-1-78533-856-4
- Miller, J. M. e J. H. Hayes. A History of Ancient Israel and Judah. Louisville, KY: Westminster John Knox Press, 2004. ISBN 0-664-22358-3
- Schwartz, Howard. Tree of Souls: The Mythology of Judaism. Oxford: Oxford University Press, 2004. ISBN 0-19-508679-1
- Wolfson, Ron e Joel L. Grishaver. Passover: The Family Guide to Spiritual Celebration. Woodstock, VT: Jewish Lights Publishing, 2003. ISBN 1-58023-174-8
Ligazóns externasEditar
- Legends of the Jews by Louis Ginzberg. The legends of Elijah.
- Dictionary of the History of Ideas: Cosmic Voyages