Historia moderna de Galicia

historia de Galicia durante a Idade Moderna

A historia moderna de Galicia abrangue a historia de Galicia durante a Idade Moderna. A modernidade comezou en Galicia a fins do século XV[1] coa súa inclusión definitiva dentro do proceso de construción do Imperio Español. A partir do que a historiografía ten chamado "doma e castración do reino", o Reino de Galicia perdeu iniciativa política e autonomía económica e a súa historia entra dentro do marco da historia española. Nomeouse un capitán xeneral, constituíuse a Real Audiencia e designáronse tamén corrixidores para as principais cidades que, con outras figuras, fixeron posíbel a consolidación dun poder monárquico centralizado. Cos Borbóns, a comezos do XVIII, a Intendencia asumiu as competencias militares e de facenda, os corrixidores as de policía e xustiza, e a Audiencia nas de xustiza. Desde 1500 existiu unha Xunta do Reino de Galicia, especie de parlamento moi limitado.

Historia moderna de Galicia

Mapa do Reino de Galicia de c. 1603
Historia Historia de Galicia
Cronoloxía Cronoloxía de Galicia
Categoría Historia de Galicia
Idade Moderna
Historia moderna de Galicia
Século XV
1467 - 1469: Gran Guerra Irmandiña
1486 - 1516: Visita e doma dos Reis Católicos
Século XVI
Séculos Escuros
1528: Xunta do Reino de Galicia
1580 - 1640: Unión Ibérica
Século XVII
1640 - 1668: Restauración Portuguesa
Século XVIII
1717 - 1720: Guerra da Cuádruple Alianza
1719: Toma de Vigo
c. 1750: Ilustración galega
Relacionados
Historia Historia da lingua galega
Artigos Pobo galego
Reino de Galicia
Historiografía do Reino de Galicia

Descrición

editar

Cun crecemento demográfico moito máis sostido que nos reinos veciños, a mediados do XVIII o reino de Galicia chegou a triplicar a densidade de poboación de Castela. Ademais, durante este período, o 90% da poboación era rural e as vilas moi cativas, de xeito tal que a mediados do XVIPontevedra, Compostela e Ourense superaban os 1.000 veciños.

 
Mapa do Reino de Galicia, 1784.

A agricultura, complementada coa gandería, constituían o principal sector económico. De acordo coa calidade das terras existían dúas grandes zonas, occidental e oriental, a primeira de moito mellor rendemento e variedade e máis anovadora nos cultivos e sistemas de rotación. Durante este período produciuse unha perda do valor da gandería e unha preferencia polas especies estabuladas (vacas e porcos) en detrimento de ovellas, cabras e cabalos. Aumentou a intensidade do aproveitamento e, en consecuencia, reduciuse o tamaño dos predios rústicos, aumentou o regadío e os montes comunais perderon en extensión. O millo desbancou no XVI a todos os demais cultivos nas áreas litorais; na segunda metade do XVIII irrompeu a pataca, de preferencia nas zonas de interior.

Outras actividades menores incluían a pesca, o comercio e a industria. A pesca adquiriu importancia real a fins do XVIII coa chegada de fomentadores cataláns, que introduciron novas técnicas pesqueiras e lle deron pulo á industria conserveira. Aumentou a importancia das feiras comarcais, se ben non se producían excedentes dabondo nin existía un tecido comercial capaz de impulsar as exportacións, polo que este sector permaneceu estancado. Da mesma maneira, o reducido do consumo interior impediu o asentamento de núcleos industriais, decaendo a artesanía téxtil rural e as ferrarías e aumentando só o artesanato rural e as curticións.

Na Galicia do XVIII nin se produciu a explosión demográfica, nin o crecemento das cidades, nin a expansión das comunicacións, nin a revolución agrícola, nin a revolución industrial doutras partes de Europa. A mediados do século XVIII o 75% da poboación dedicábase ao sector primario e o resto repartíase entre o secundario e o terciario. Compárase isto cunha Castela máis desenvolvida, na que as proporcións son, respectivamente, de 55, 15 e 30%.

Exceptuando as cidades, a metade do territorio pertencía a señoríos eclesiásticos e o resto dividíase entre señoríos laicos e reguengos. Co tempo, con nobreza absentista e altos cargos foráneos, foi a fidalguía local quen maior beneficio obtiña do sistema de rendas e foros e das innumerábeis taxas.

O poder absoluto que tivo a Igrexa católica sobre o pensamento foi parello ao progresivo afianzamento dos métodos do absolutismo. Empeñada nun intenso programa de moralización, dela dependían o ensino, a asistencia hospitalaria e a beneficencia.

  1. Porén, Pegerto Saavedra sinala un período de tránsito entre a Idade Media e a Idade Moderna en Galicia que abranguería entre 1470 e 1530. Pegerto Saavedra, Da Idade Media á Idade Moderna: As bases do Antigo Réxime Galego en III Xornadas de Historia de Galicia, Ourense, 1986

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar