Hidria de Xerusalén

Segundo a tradición, unha das hidrías nas que Xesús convertiu a auga en viño nas bodas de Caná de Galilea

A hidria de Xerusalén é unha pía de pedra de case un metro de altura conservada na igrexa de Santa María de Cambre. Considerada pola tradición como un dos seis recipientes nos que Xesús de Nazaret transformou a auga en viño nas vodas de Caná, a peza áchase moi deteriorada debido ao costume popular de raspar a pedra para elaborar remedios cos que tratar diversas doenzas. Fixo parte da exposición Gallaecia Petrea do ano 2012.[1]

Hidria de Xerusalén
HidradeCambre.jpg
Dataséculo XII
Dimensións100 cm × 60 cm
LocalizaciónIgrexa de Santa María de Cambre

Referencias historiográficasEditar

A pía bautismal da igrexa de Cambre non é a única escultura que foi considerada ao longo dos séculos como unha das "hidrias de Caná". Na actualidade existen en Europa máis dunha trintena destes vasos, todos aparecidos entre os séculos X e XVI.[2] A primeira referencia documental conservada da hidria de Cambre data do ano 1519, nun preito pola xurisdición eclesiástica da igrexa de Santa María de Cambre. Nese mesmo século dous estudosos, o Licenciado Molina e Ambrosio de Morales, deron tamén noticia da reliquia nas súas obras sobre o "reyno de Galicia".[3][4]

Xa no ano 1615 o freire Antonio de Yepes ocupouse outra vez da peza, dando conta da súa deterioración, nunha obra sobre a Orde de San Bieito:

"(...) hai con ela entre os naturais da contorna tanta fe e devoción que para as súas enfermidades procuran raspar pos da mesma hidria, que beben e experiméntanse eventos favorábeis, melloría na saúde; por iso a hidria está esportelada nalgunhas partes pola présa que houbo en levar pós."[5][6]

Probabelmente a causa da sona acadada pola hidria, o abade de San Martiño Pinario tentou trasladala a Compostela arredor do ano 1675, porén, a oposición do pobo de Cambre impediu tal pretensión.[7] No século XIX varios estudosos galegos, como Antonio López Ferreiro[8] ou Ramón Segade Campoamor,[9] estudaron o obxecto prescindindo xa da súa aureola relixiosa.[10]

ProcedenciaEditar

 
Fachada da igrexa de Santa María de Cambre.

Pódese asumir a procedencia oriental da hidria de Cambre baseándose en tres factores:

  • A peza conserva unha inscrición nun dos seus bordos, en caracteres do século XII,[11] onde se pode ler: "IDRIE IhlM" (Hidria de Xerusalén).
  • O seu material de construción é pedra calcaria, aragonita e un xeso, similar ao alabastro, propio de terras áridas, imposíbel de achar en terras galegas.
  • Os detalles decorativos da escultura, a parte superior decorada con 6 grandes rosáceas e a parte inferior cun talo ondulado, son alleos ao románico galego e similares aos do taller de escultores que traballou en Xerusalén na área ocupada pola orde do Temple até o ano 1187. Este obradoiro produciu pías de auga bendita e consérvase unha similar á gardada en Cambre.[12]

Así mesmo, existen dúas teorías que tratan de explicar a chegada da reliquia á igrexa de Santa María:

 
A hidria de Cambre desgastouse ao longo dos séculos debido ao costume popular de raspar po da pedra para elaborar remedios. A deterioración foi de tal magnitude que a pía perdeu as súas dúas asas.

Fernando Pérez de TrabaEditar

A primeira teoría, sostida por Antonio López Ferreiro, afirma que a hidria foi traída de Terra Santa polo conde Fernando Pérez de Traba, para Ferreiro só un home rico e poderoso como el podería ter transportado a voluminosa escultura dunha beira á outra de Europa.[8]

Outros elementos da vida do conde serven como apoio a esta hipótese:

  • Fernando foi o promotor da chegada ao reino de Galiza da orde do Temple, figurando como confirmante das primeiras doazóns á orde da súa segunda esposa a raíña Tareixa de Portugal e outorgándolles el mesmo terras no Burgo de Faro, hoxe Santa María do Temple (Cambre) e Santiago do Burgo (Culleredo).[13]
  • O conde viaxou en dúas ocasións a Xerusalén, no 1137 e no 1153,[8] e é recoñecido o costume da nobreza da época de traer reliquias das súas viaxes a Terra Santa.[14] Fernando chegou a asinar varios documentos cara ao ano 1150 como conde "hierosolymitano" (de "Xerusalén").[15][16]
  • Ademais da relación do conde con Xerusalén, lugar de procedencia da peza, e cos templarios, cuxo obradoiro puido manufacturar a pía, Fernando Pérez aparece tamén vinculado ao mosteiro de Santa María de Cambre. O cenobio situábase dentro dos seus dominios, no condado de Trastámara, e sábese que foi cedido polo mosteiro de San Paio de Antealtares á súa primeira esposa Sancha González, no ano 1141.[17]

TemplariosEditar

 
Igrexa de Santa María do Temple.

Unha hipótese alternativa sobre a procedencia da hidria fala da posibilidade de que esta fose transportada por algún cabaleiro templario ao seu regreso de Terra Santa nunha data anterior ao ano 1187. Segundo esta teoría a peza foi levada á igrexa templaria de Santa María do Temple e desde alí trasladada a Santa María de Cambre cando a orde foi disolta a comezos do século XIV. A inscrición "PETRUS EAN DEI MILES" ("Pedro Ean soldado de Deus"),[18] presente nun dos piares da capela maior da igrexa de Cambre, permite especular coa posibilidade de que este "dei miles" fose o doador da peza elaborada en Xerusalén. É interesante lembrar a este respecto que os cabaleiros participantes na primeira cruzada foron designados como "Milites Christi" (soldados de Cristo), e así son chamados tamén os cabaleiros templarios en varios diplomas portugueses[19]. Por outra banda, un dos netos de Fernando Perez de Traba chamábase precisamente Pedro Eanes[20], sobrenomeado Pedreans. A coincidencia do nome co da inscrición permite imaxinar que talvez sexa este neto de Fernando Pérez o que trouxo a peza desde Xerusalén e a depositou na igrexa do mosteiro da súa familia.[21]

NotasEditar

  1. "Revuelo por la hidria de las bodas de Caná". La Voz de Galicia (en castelán). 2012-07-12. Consultado o 2019-12-07. 
  2. De Mély, Fernand (1903). Vases de Cana. pp. 145–170. 
  3. Licenciado Molina (1675). Descripcion del reyno de Galicia y de las cosas notables del. El qual tratado va en 5 partes (en castelán). Roque-Rico de Miranda. 
  4. MORALES, Ambrosio de; FLOREZ, Henrique (1765). Viage de A. de Morales por orden del Rey D. Phelipe II. a los reynos de Leon, y Galicia, y principado de Asturias: para reconocer las reliquias de Santos, sepulcros reales, y libros manuscritos de las cathedrales y monasterios. Dale à luz con notas, con la vida del autor ... H. Florez, etc (en castelán). 
  5. de Yepes, Antonio. Crónica general de la Orden de San Benito 2 (1960 ed.). pp. 308–309. 
  6. Tradución do orixinal en castelán: "(...) hay con ella entre los naturales del contorno tanta fe y devoción que para sus enfermedades procuran raer polvos de la misma hidria, los cuales beben y se experimentan sucesos favorables, mejoría en la salud; por eso la hidria está mellada en algunas partes por la prisa que ha habido en llevar polvos.".
  7. Castro Arias, Roman (1884). "Santa María de Cambre y su Hydria". Galicia Diplomática 2 (41): 1. 
  8. 8,0 8,1 8,2 López Ferreiro, Antonio (1889). Lecciones de arqueología sagrada. pp. 546–547. 
  9. Segade Campoamor, Ramón (1881). "Santa María de Cambre". La Ilustración Gallega y Asturiana 3 (19): 219. 
  10. Vila da Vila, Margarita (1999). La iglesia Románica de Cambre. Concello de Cambre. p. 106. 
  11. Vila da Vila, Margarita (1999). La iglesia románica de Cambre. Concello de Cambre. p. 111. 
  12. Vila da vila, Margarita (1999). La iglesia románica de Cambre. Concello de Cambre. p. 115. 
  13. Pereira Martínez, Carlos (2000). Os Templarios. Artigos e ensaios. Editorial Toxosoutos. pp. 38–39. 
  14. René Labande, Edmond (1958). "Recherches sur les pèlerins dans l'Europe des XIe et XIIe siècles". Cahiers de Civilisation Médiévale (23): 339–347. 
  15. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 4. p. 132. 
  16. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para hierosolimitano.
  17. Vila da Vila, Margarita (1999). La iglesia románica de Cambre. Concello de Cambre. p. 16. 
  18. Santa María de Cambre na web Arquivoltas.com
  19. Vila da Vila, Margarita (1999). La Iglesia Románica de Cambre. Concello de Cambre. p. 108. 
  20. "Xenealoxía da liñaxe Novoa, s. XII - XV". www.xenealoxiasdoortegal.net. Consultado o 2019-09-21. 
  21. Vila Da Vila, Margarita (1983). "La llamada "Hidria de Caná" de Santa María de Cambre: un testimonio del Románico de Tierra Santa en Galicia". Brigantium (4): 163–164. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar