Hercules (constelación)
Hércules[1] é a quinta constelación en tamaño das 88 constelacións modernas, que recibe o seu nome do heroe mitolóxico, Hércules. Tamén era unha das 48 constelacións de Tolomeo.
Hercules | |
---|---|
Nome latino | Hercules |
Abreviatura | Her |
Xenitivo | Herculis |
Simboloxía | Hércules, o heroe |
Ascensión recta | 17 h |
Declinación | 30° |
Área | 1225 graos cadrados
Rango 5º |
Número de estrelas
(magnitude < 3) |
0 |
Estrela máis brillante | β Her
(magnitude ap. 2.8) |
Choiva de meteoros | |
Constelacións
lindeiras |
|
Visible en latitudes entre +90° e −50°
Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de xullo | |
Características destacables
editarNon ten estrelas de primeira magnitude, sendo a máis brillante β Herculis con magnitude 2,78. Mu Herculis atópase a 27,4 anos luz da Terra. O Ápex solar (punto do ceo que indica a dirección cara á que se move o Sol na súa órbita ó redor do centro da galaxia) fica dentro de Hércules, preto de ξ Herculis.
Estrelas principais
editar- α Herculis (Ras Algethi ou Rasalgethi), de magnitude 3,31, é un sistema estelar triplo, onde a súa estrela principal é unha xigante vermella variable.
- β Herculis (Kornephoros), a máis brillante da constelación con magnitude 2,78, unha estrela xigante amarela.
- γ Herculis, xigante branca de magnitude 3,74. É unha binaria espectroscópica cun período orbital de 11,9 días.
- δ Herculis (Sarin), estrela branca de magnitude 3,12.
- ζ Herculis, a segunda máis brillante da constelación con magnitude 2,89, estrela dobre formada por dúas estrelas amarelas de desigual brillo.
- μ Herculis, sistema estelar próximo á Terra, dista a uns 27,4 anos luz.
- π Herculis, xigante laranxa de magnitude 3,16.
- ω Herculis (Kajam), de magnitude 4,57.
- 14 Herculis, anana laranxa a 59,2 anos luz cunha anana marrón ou planeta xigante ó redor. No 2006 descubriuse un posible segundo planeta, pero aínda non foi confirmado.
- 30 Herculis (g Herculis), xigante vermella e variable semirregular cun brillo que oscila entre magnitude 4,3 e 6,3 nun ciclo de 89,2 días.
- 89 Herculis, superxigante amarela de magnitude 5,48.
- HD 147506, anana amarela cun dos planetas máis masivos que se coñecen.
- HD 149026, estrela subxigante cun planeta de masa semellante á de Saturno.
- HD 154345, anana amarela a 58,91 anos luz cun planeta extrasolar.
- HD 155358, estrela de baixa metalicidade con dous planetas que interactúan gravitacionalmente.
- GD 362, anana branca cun anel semellante ós de Saturno.
Obxectos notables do espazo profundo
editarHércules contén dous dos máis sobresaíntes cúmulos globulares, M13 e M92.
- M 13 (NGC 6205 ou Gran Cúmulo de Hércules), o cúmulo globular máis brillante do hemisferio norte. Situado entre ζ Herculis e η Herculis, a súa magnitude visual conxunta é de 5,80. O cúmulo está bastante próximo á Terra, a uns 25.100 anos luz. As estrelas variables de M13 poden ser observadas cun telescopios de afeccionado (20 a 30 cm) equipados con cámaras CCD.
- M 92, tamén un magnífico cúmulo globular de magnitude 6,5, atópase a 6º20' ó norte de π Herculis.
- NGC 6207, galaxia espiral situada 30' ó nordeste de M13.
- NGC 6181, tamén galaxia espiral ó sur de Kornephoros (β Herculis).
- NGC 6482, unha galaxia elíptica de magnitude 11,9.
- NGC 6210, nebulosa planetaria situada 4º ó nordeste de Kornephoros (β Herculis).
- Abell 39, nebulosa planetaria cunha forma esférica case perfecta.
Mitoloxía
editarHércules (na mitoloxía romana, Heracles na mitoloxía grega) foi un semideus, fillo de Zeus e Alcmena. Sen dúbida algunha foi o heroe máis importante dos gregos, coñecido pola súa forza sobrehumana. Existen moitas lendas sobre a súa vida, incluíndo o relato das doce tarefas de Hércules.
Tamén era coñecida esta constelación como o Axeonllado, e Eratóstenes dicía que nela Heracles estaba esmagando cun dos seus xeonllos á serpe que gardaba as mazás das Hespérides.
Hixino mencionaba outras posibles personaxes cos que podería identificarse o Axeonllado: Ceteo, o músico Tamiris cegado polas Musas, Orfeo morrendo a mans das mulleres de Tracia, Ixión cos brazos atados, Prometeo encadeado, Hércules loitando cos Ligures ou Teseo levantando a pedra baixo a que estaba a espada do seu pai Exeo.
Visualización alternativa
editarA cabeza do heroe vén formada por un cuadrángulo de estrelas: π Her, η Her, ζ Her e ε Her coñecidas coma o asterismo "Chave de Pedra". Este cuadrángulo está entre dúas estrelas moi brillantes: Vega na constelación de Lyra e α CrB (Gemma, ou Alphecca) na constelación de Corona Borealis. É o gran guerreiro de Kiaish.
Na perna dereita do heroe, dúas estrelas brillantes de terceira magnitude: α Her (Ras Algethi) e δ Her (Sarin); a última é o xeonllo dereito. A perna esquerda contén estrelas máis febles de cuarta magnitude que non teñen designación de Bayer pero si teñen designación de Flamsteed.
A estrela β Her pertence á man dereita estendida do heroe, chamada tamén Kornephoros.
O Cúmulo Globular M13 queda na parte superior da cabeza do heroe, entre as estrelas η Her e ζ Her. É feble, pero pode ser visto a simple vista nunha noite clara. Tamén está o cúmulo globular M92. A orientación tradicional auténtica é coa cabeza como α Herculis, porque Ras Algethi significa literalmente "cabeza do Axeonllado." A man esquerda apunta cara a Lyra dende o seu ombreiro (Delta Herculis), e Beta Herculis forma o seu outro ombreiro. A súa estreita cintura está formada por Epsilon e Zeta Herculis. Finalmente, a súa perna esquerda (con Theta coma xeonllo e Iota coma pé) está esmagando a cabeza de Draco, o dragón ou serpe que Hércules venceu e sobre a que fai fachenda por toda a eternidade.
Notas
editar- ↑ Cambados Márquez, Xoaquín Evaristo. "Algunhas notas referentes ó nome galego estándar das constelacións" (PDF). Consultado o 12 de outubro de 2016.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hercules |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Varios estudios de las estrellas variables de M13 por aficionados (en castelán)
- Imágenes de los cúmulos M13 y M92 (en castelán)
- Messier 13 capturado desde el Instituto de Astrofísica de Canarias (en castelán)
- Messier 92 capturado desde el Instituto de Astrofísica de Canarias (en castelán)
- The Deep Photographic Guide to the Constellations: Hercules (en inglés)
- The clickable Hercules (en inglés)
- Star Tales – Hercules (en inglés)