Hans-Georg Pflaum

historiador, eprigrafista e numismático franco-alemán


Hans-Georg Pflaum, nado en Berlín o 3 de xuño de 1902 e finado en Linz, Austria, o 26 de decembro de 1979, foi un historiador alemán naturalizado francés, especializado en prosopografía e epigrafía latinas, e en numismática.[1]

Infotaula de personaHans-Georg Pflaum
Biografía
Nacemento3 de xuño de 1902
Berlín, Alemaña Editar o valor em Wikidata
Morte26 de decembro de 1979 (77 anos)
Linz, Alta Austria.
Director de investigación do CNRS
Presidente Société Française de Numismatique
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeAlemaña Alemá.
Francia Francesa.
EducaciónUniversidade Humboldt de Berlín.
Coñecido porDirector de investigación do CNRS.
Presidente da SFN.
Actividade
Campo de traballoEpigrafía, numismática e historiografía..
Ocupaciónhistoriador , erudito clásico , antropólogo , numismático Editar o valor em Wikidata
EmpregadorÉcole pratique des hautes études.
Centre national de la recherche scientifique.
Membro de
AlumnosFrançois Jacques, Michel Christol e Patrick Le Roux Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua francesa e lingua alemá Editar o valor em Wikidata
Premios
Premio Gobert (1979).

Está considerado como o maior representante da epigrafía latina desde Theodor Mommsen.[2]

Traxectoria editar

Hans-Georg Pflaum procedía dunha familia de fabricantes téxtiles berlineses. Inicialmente cursou estudos de Dereito, aínda que despois comezou os estudos de Historia da Antigüidade na Universidade de Berlín,[3][4] materia á que dedicou a súa vida profesional.[2]

En 1933 tivo que interromper os seus estudos e fuxir da Alemaña nazi, e decidiu exiliarse. Instalouse en París e alí concluíu a súa formación en historia antiga,[4] con Jérôme Carcopino. Foi un dos primeiros membros do Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS, polas súas siglas en francés), que se fundara pouco antes.[5] Suspendido entre 1940 e 1944 por mor das leis racistas do réxime de Vichy, tivo que agocharse en Montpellier e logo en Lión, baixo a protección doutros científicos, en particular de Jérôme Carcopino, quen o introduciu na epigrafía,[6] e grazas quen puido publicar en 1940 o seu Essai sur le cursus publicus, aínda que omitindo o nome do autor.[2]

Finalizada a segunda guerra mundial, Pflaum reintegrouse no CNRS Nesta segunda etapa na institución publicou un estudo sobre o Mármore de Thorigny en 1948, que acadou unha gran repercusión e consolidou a súa reputación científica.[2]

Paralelamente aos seus traballos sobre a administración dos procuradores, confiáronselle tamén outras responsabilidades científicas, sinaladamente en 1947, cando se lle pediu que recompilase un corpus das inscricións latinas de Alxeria,[7] un traballo no que recompilou máis de 7.000 inscricións en dous volumes monumentais.[2]

Hans-Georg Pflaum doutorouse en 1948, cunha tese sobre os procuradores ecuestres do Alto Imperio Romano,[8] e logo foi nomeado director de investigación do CNRS en 1956. A partir de 1961 exerceu a docencia na cuarta sección da École pratique des hautes études, impartindo un seminario que durou ata 1979. Como consecuencia das súas actividades científicas, Hans-Georg Pflaum pasou varias tempadas en Alxeria a partir dos anos 50, tomando conciencia das inxustizas da situación colonial e das dificultades económicas ás que se enfrontaban moitos dos habitantes da nova nación.[9] Xunto coa súa esposa, intentou arranxar a situación a nivel local, a través de asociacións,[10] especialmente en torno ao sitio arqueolóxico de Djemila.[11]

Gran coñecedor de toda a administración romana, centrou o interese das súas investigacións en aspectos como o papel dos libertos imperiais á sombra dos aristócratas e senadores, as traxectorias dos procuradores ecuestres baixo o Imperio Romano, e a historia administrativa do Imperio. Tamén dedicou importantes traballos á historia do norte de África romano, e realizado traballos prosopográficos salientables sobre o período antonino e, en particular, sobre as vidas da Historia Augusta.[2][7]

Hans-Georg Pflaum tamén dedicou parte dos seus esforzos á numismática. Estudou a cuñaxe de moedas do Imperio Romano nos séculos II e V, contribuíndo particularmente mediante a publicación de tesouros monetarios. A súa colección de máis de 5.000 moedas foi adquirida pola Biblioteca Nacional de Francia en 1991, e incluía unha importante sección dedicada ao emperador Probo.[12]

Hans-Georg Pflaum finou repentinamente durante unha visita a Linz, na Alta Austria, o 26 de decembro de 1979, aos 77 anos.[2][13][4]

Honras editar

Polos méritos acadados ao longo da súa carreira, Tflaum foi nomeado membro honorario da Universidade de Berna e da Universidade de Friburgo, membro da Academia de Ciencias de Gotinga e membro correspondente da Academia Británica.[14] Pertenceu tamén ao Instituto Arqueolóxico Alemán e ao Instituto de Estudos Avanzados de Princeton.[2]

Tflaum formou parte da Sociedade Francesa de Numismática, entidade que presidiu entre 1969 e 1971,[15][16] e foi secretario xeral da Asociación Internacional de Epigrafía Grega e Latina.[2]

En 1979 foi recoñecido co premio Gobert, outorgado pola Académie des inscriptions et belles-lettres, pola publicación da súa obra Les fastes de la province de Narbonnaise.[17]

En 1981, Hans-Georg Pflaum foi honrado coa publicación dun volume conxunto na súa memoria, titulado Gedächtnisschrift für Hans-Georg Pflaum.[18]

Publicacións editar

Esta é unha escolma dos traballos monográficos publicados por Hans-Georg Pflaum ao longo da súa traxectoria:[19][20]

  • (1940). Essai sur le cursus publicus sous le Haut-Empire Romain. Imprimerie nationale, París.
  • (1948). Le marbre de Thorigny. Champion, París.
  • (1950). Les procurateurs équestres sous le Haut-empire romain, París.
  • (1960). Les carrières procuratoriennes équestres sous le haut-empire romain. Geuthner, París.
  • (1966). Les sodales antoniniani de l'époque de Marc Aurèle. Imprimerie Nationale, París.
  • (1969). La Trouvaille de Canakkale (Turquie). Deniers et antoniniani émis de 261 à 284 (con P. Bastien). Wetteren, 1969
  • (1974). Abrégé des procurateurs équestres. Boccard, París.
  • (1976). Inscriptions Latines d'Algérie, t. II, vol. 2: Inscriptions de la confédération cirtéenne, de Cuicul et de la tribu des Suburbures. Académie des Inscriptions et Belles-Lettres, París. ISBN 978-2877541398
  • (1978). Les fastes de la province de Narbonnaise. CNRS, París. ISBN 978-2222019015
  • (1978). L'Afrique romaine (Scripta Varia I). L'Harmattan, París.
  • (1981). La Gaule et l'empire romain (Scripta Varia II). L'Harmattan, París.
  • (1982). Les carrières procuratoriennes équestres sous le haut-empire romain (Supplément). IFPO, París. ISBN 978-2705301897
  • (2003). Inscriptions Latines d'Algérie, t. II, vol 3: Inscriptions de la confédération cirtéenne, de Cuicul et de la Tribu des Suburbures. Académie des Inscriptions et Belles-Lettres, París. ISBN 978-2877541398

Notas editar

  1. "Pflaum, Hans Georg". Enciclopedia Treccani (Treccani.it).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Alföldi, G. (1980).
  3. Demougin, S. et al. (2006). Páxina 8.
  4. 4,0 4,1 4,2 Vidman, L. (1980). Páxina 96.
  5. Demougin, S. et al. (2006). Páxina 9.
  6. Beschaouch, A.; Le Glay, M. (1980). Páxina 563.
  7. 7,0 7,1 Vidman, L. (1980). Páxina 97.
  8. Le Glay, M. (1981). Páxina 8.
  9. Beschaouch, A.; Le Glay, M. (1980). Páxina 564.
  10. Demougin, S. et al. (2006). Páxinas 36-376.
  11. Demougin, S. et al. (2006). Páxinas 16-17.
  12. Demougin, S. et al. (2006). Páxinas 207-210.
  13. Le Glay, M. (1981). Páxina 7.
  14. "Deceased Fellows". British Academy.
  15. Le Rider, G. et al. (1965). "La Société française de numismatique: 1865-1965". En Revue Numismatique. Tomo 7. Páxina 24.
  16. "Les présidents de la SFN". Société française de numismatique.
  17. Damargne, P. (1979). "Palmarès de l'année 1979". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Páxina 674.
  18. Gedächtnisschrift für Hans-Georg Pflaum (col. "Zeitschrift für Papyrologie und Epigraphik", 43). 1981. Habelt, Bonn.
  19. Clauss, M.; Holtheide, B. (1977). "Bibliographie von Hans-Georg Pflaum". En Arheoloski Vestnik. 28. Páxinas 235-244.
  20. "Pflaum, Hans-Georg (1902-1979)". Persee.fr

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Alföldi, G. (1980). "Hans-Georg Pflaum". En Gnomon. 52, H-2. Páxinas 203-206.
  • Beschaouch, A.; Le Glay, M. (1980). "H.-G. Pflaum (1902-1979)". En Mélanges de l'école française de Rome. 92-2. Páxinas 563-565.
  • Demougin, S. et al. (2006). H.-G. Pflaum, un historien du XXe: actes du colloque international, Paris les 21, 22 et 23 octobre 2004. Droz, Xenebra. ISBN 2-600-01099-8
  • Le Glay, M. (1980). "Hans-Georg Pflaum". En Epigraphica. 42. Páxinas 212-230.
  • Le Glay, M. (1981). "Hans-Georg Pflaum (1902-1979)". En Antiquités africaines. 17. Páxinas 7-9.
  • Liebs, D. (1980). "Hans-Georg Pflaum, 1902-1979". En Zeitschrift der Savigny-Stiftung für Rechtsgeschichte. Romanistische Abteilung, 97. Páxinas 555–557.
  • Sonnabend, H. (2012). "Pflaum, Hans-Georg". En Kuhlmann, P.; Schneider, H. (eds.). Geschichte der Altertumswissenschaften. Biographisches Lexikon. Metzler, Stuttgart/Weimar. Páxinas 964-966. ISBN 978-3-476-02033-8
  • Vidman, L. (1980). "Zemřel H.-G. Pflaum (1902-1979)". En Listy filologické / Folia philologica. 103-2. Páxinas 96-97.
  • Zawadzki, Z. (2002). "Un vrai Européen: Hans-Georg Pflaum (1902-1979)". En Appel, W. (ed.). Magistri et discipuli. Kapitel zur Geschichte der Altertumswissenschaften im 20. Jahrhundert. Torun, 2002. Páxinas 101-113. ISBN 8-323-11521-4
Predecesor:
Jacques Yvon
Presidente da
Sociedade Francesa de Numismática

1969-1971
Sucesor:
Julien Guey